xoves, 22 de decembro de 2022

RUTA DO RÍO OURO E CONDADO DE FONTAO DENDE A PONTE DE FERRO (FAZOURO_FOZ)

O concello de Foz ten varias rutas que denomina "de sendeirismo" pero realmente e se collemos a definición exacta de sendeirismo = Reaízase en sendeiros balizados e homologados  polo organismo competente de cada país, pero tamén por sendas, camiños rurais e vías verdes sen homologar, entón ten só unha ruta de sendeirismo que é esta do río Ouro na parroquia de Fazouro. As outras rutas que publicita como "de sendeirismo" (agás o tramo do Camiño Natural do Cantábrico que transcorre polo municipio) teñen a inmensa maioría do seu percorrido por asfalto. (Ruta da Frouxeira, ruta á basílica de S. Martiño...)

Outras rutas do concello de Foz que eu realicei son as seguintes. (Para todas elas é necesario un track xa que están publicitadas en grandes carteis pero NON están sinalizadas). Son estas:

RUTA DAS FONTES (FAZOURO)

RUTA CIRCULAR EN S. MARTIÑO I

RUTA CIRCULAR EN S. MARTIÑO II

CAMIÑO NATURAL DO CATÁBRICO: TRAMO: PORTO DE FOZ- PORTIÑO DE FAZOURO

CAMIÑO NATURAL DO CATÁBRICO. TRAMO: CASTRO DE FAZOURO-PRAIA DE AREALONGA

RUTA DAS CAPELAS I: CAPELA DO PILAR- CAPELA DE S. BLAS

RUTA DAS CAPELAS II: CAPELA DA CONCEPCIÓN EN LOUSADA- CAPELA DA CONCEPCIÓN EN CANGAS.

RUTA CIRCULAR EN FAZOURO

RUTA CIRCULAR FAZOURO-NOIS

RUTA DO RÍO OURO (RUTA CIRCULAR)

RUTA DO CONDADO

RUTA DAS FONTES (FAZOURO)

A ruta circular do río Ouro que fixen no 2020 podíase facer circular xa que estaba acondicionada a outra marxe do río e foi precioso ir por unha marxe e voltar pola outra. Actualmente, e dende hai tempo xa, rozaron algo pero non o suficiente para voltar pola marxe esquerda do río. Unha pena!

Desta vez fixen outra modalidade, engadindo o Condado de Fontao que está moi cerca.

Podedes ver o meu track en WIKILOC

A miña valoración da ruta:🔅🔅🔅🔅

Características da ruta.

Lonxitude: 7 km

Dificultade: baixa

Ruta lineal sen sinalizar. É imprescindible un track se non coñeces a zona.

Descripción:

Desta vez partín do 1º punto de inicio, dende a Ponte de Ferro. Aquí hai nha área recreativa moi concorrida cando hai bo tempo, xa que tamén ten un pequeno parque infantil e a praia de A Pampillosa queda moi cerca.


Aquí hai un primeiro inicio de ruta. Máis adiante veremos outro.
  
A ruta aparece publicitada no cartel grande que vemos na foto anterior pero non hai máis sinalización e a xente que non sexa da zona ou aínda sendo pode non coñecer, cando chega a este cruce...para onde colle? Polos dous lados se chega ao outro inicio de ruta pero é máis fermoso o camiño da dereita e ademais así vas directo ao entorno da Obra Pía.
Pillamos á dereita
Mirando á dereita vemos os barrios de A Ponte, Bargado e Lousada.

Vermos o Río Ouro e camiñamos en paralelo a el.
 
A Obra Pía era no pasado unha institución relixiosa on fins relixiosos e/ou caritativos. En Fazouro temos estes edificios rehabilitados que pertencen á Obra Pía: o máis pequeno foi escola de nenas e no edificio máis grande vivían as mestras.
Edificios da Obra Pía.
 
Ao pé da Obra Pía hai outra pequena área recreativa. Vemos tamén o lugar de O Terrón.

Vistas da area recreativa da Obra Pía cos edificios que forman a mesma.

Vemos as xunqueiras que hai preto da desembocadura do Ouro. Estas terras eran antigamente propiedade dos veciños que aproveitaban os xuncos para facer estrume para as cortes dos animais. A pesares de ter escrituras das súas propiedades, a lei de Costas do ano 1988 fixo un deslinde ata onde sube a marea establecendo unha liña que determina a zona que é de dominio público e que afectou a toda a xunqueira.
Río Ouro e as xunqueiras

Vemos o cemiterio e a igrexa parroquial de Fazouro e máis arriba o lugar de A Casareta.
Cemiterio e igrexa de Fazouro
 
Vemos o barrio da Ponte Vella, ao pé mesmo do río. Para cruzalo fíxose a ponte que foi a antiga N-642 antes de construir a ponte actual. O barrio da Ponte Vella, para mín. ten moito encanto!
Barrio de A Ponte Vella
Neste punto é o outro inicio de ruta. Tamén hai unha pequena área recreativa con un pequeno parque infantil
Área recreativa da Ponte Vella
 Agora imos camiñar por unha ancha pista que vai de momento pegada ao río.
 Polo lado esquerdo levamos unha canle que abastece de auga a parte do concello de Foz.

A ruta a verdade é que non está moi coidada. Aqui houbo un panel indicativo de algo que debeu desaparecer hai tempo.
 
A Fonte de Fernandete ten unha auga moi prezada polos veciños. Algúns deles acuden a esta fonte abastecerse de auga.
Fonte de Fernandete

Despois atopamos estas vivendas en ruínas que foron habitadas no pasado por veciños de Fazouro.

 O camiño segue entre eucaliptos aínda que de cando en vez asoma algún carballo ou algún castiñeiro.
A canle que leva a auga, ás veces vai enterrada e outras aflora á superficie.

Tamén hai bancos por se nos apetece descansar. Hoxe está todo mollado da chuvía caída estes día e non apetece moito...
 
Hai neste percorrido moitos loureiros coma estes que beben no río.
 
A ponte que vemos na foto dá acceso á estrada LU-151 que vai ao Valadouro. A estrada está aí mesmo, case ao pé da ponte. Se a ruta se nos fai longa ou por calquera motivo queremos sair dela, temos o recurso da estrada próxima.
 
Xusto na ponte, tamén está esta Central Hidroeléctrica hoxe en desuso. e que foi construída na 1ª metade do S. XX.
Central hidroeléctrica
Abandonamos o ancho camiño que traíamos para adentrarnos nun fermoso carreiro e volvemos levar unha canle de auga á nosa esquerda e o río á dereita.


Chegamos a outra ponte con acceso moi próximo á estrada e collemos á esquerda para ir a a presa de Posada onde aficialmente remata a ruta. Atravesamos un bosque de acacias.

O sendeiro é moi fermoso, agora con árbores autóctonas polo manos por unha beira.

A chamada ás veces "Fervenza da Ruxida", non é tal fervenza senón unha presa para alimentar á antiga Central Hidroeléctrica que vimos antes. É dicir sería unha cascada artificial pero o caso é que é moi fermosa e o broche de ouro que poría fin a esta ruta feita da maneira oficial pero eu vouna cambiar un pouco...
O entorno da Presa de Posada é idílico e convértese no lugar propicio para descansar e repoñer forzas.


Volvemos para atrás e na ponte 1ª que atopamos saimos directamente á estrada porque queremos ir ver o Pazo de Fontao e hai un camiño que o rodea.

Andamos só uns poucos metros pola estrada LU-151 e torcemos por un camiño á esquerda.

A subida por este camiño é fermosa: a unha beira temos cipreses moi altos e na outra, un bosque de bidueiras, neste tempo sen follas.

Torcemos á dereita para pasar por diante desta casa deshabitada.
 
E vemos xa o Pazo do Condado de Fontao. As orixes deste lugar remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII.

 O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro...
A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.
Capela, cruceiro e fonte no Pazo de Fontao

A pesares de estar en inverno, atopamos esta fermosa planta con flores (parece da familia das camelias, das que hai moitas na casa)

Outra vista da casa e o xardín:

O 1º señor deste lugar foi D. Rui Sánchez de Moscoso. No 1595 constitúese o Mayorazgo do Solar de Fontao como "señorío con jurisdicción civil e criminal" (por eso na casa hai mazmorras) a favor do petrucio (xefe da casa) D. Lorenzo López de Moscoso y Miranda, señor de Ferreira e S. Martín de Mondoñedo.
 
No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.

Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.

Ao redor do pazo hai catro casas todas deshabitadas que non sei se pertencen ao mesmo.
 Camiño que vai por detrás do Pazo de Fontao.
 
Torcemos á dereita. Estamos chegando ao final do noso percorrido.
 
Xa vemos a estrada onde nos viñeron recoller.


Bibiliografía:

Fazouro. Foz. Lugo. Juan Carlos Fernández Pulpeiro. Dip. Provincial de Lugo.


martes, 20 de decembro de 2022

FERVENZA DO RÍO BELELLE (RUTA CIRCULAR) NEDA.

 Hoxe desplazámonos ata o concello de Neda, na comarca de Ferrol. No mapa seguinte vemos os concellos que pertencen a esta comarca e a súa situación e vemos que Neda é un concello de interior que asoma un pé á ría. É un concello pequeno en extensión pero cunha alta densidade de poboación ao igual que os concellos veciños. Dicir que ademais de Neda, tamén pasamos nun pequeno tramo polo concello de Fene xa que a aldea de Belelle pertence a este concello. En cambio a fervenza do mesmo nome "de Belelle" debido ao nome do río que a forma pertence xa a Neda.


Características da ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: Fácil

Ruta circular sen sinalizar. Necesario un track. Deixo o meu en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅

Descripción:

Partimos do Pazo de Isabel II construido no 1843. Foi unha fábrica téxtil importante que despois do seu peche pasou por varios donos ata que no 2008 o concello de Neda iniciou os trámites cos propietarios para reacondicionar o edificio con fins turísticos pero non se chegou a nada e o edificio está actualmente totalmente abandonado.
Estamos no Roxal, da parroquia de S. Pedro de Anca.
Pazo de Isabel II

A fabrica téxtil que houbo neste edificio foi recoñecida na Exposición Universal de Londres. Centrábase no liño, algodón e la para fabricar velas para os barcos.

O pazo está formado por tres edificios, un hórreo, un pombal e unha finca que a xulgar poo muro que o arrodea, debe de ser ben grande.

Pazo de Isabel II
Empezamos a camiñar por unha estreita estrada pola que actualmente só poden circular vehículos autorizados. Vemos o muro de pedra que rodea o Pazo de Isabel II.

Choveu bastante estes últimos días e a auga aparece en calquera rincón.

Chegamos ao Muíño de Barcia restaurado no 2001.
Muíño de Barcia
 Un pouco máis adiante empeza o tramo circular desta ruta que podemos optar por facer indo pola dereita (moito máis difícil para mín porque habería unha prolongada subida) onde veríamos a fervenza ao principio; ou ben subir polo miradoiro de Viladonelle, que foi  opción escollida por nós, cunha subida máis curta e levadeira. Veremos a cascada ao final.
Empezamos a subir ao miradoiro
 
Segundo imos subindo volvemos ver a Central Hidroeléctrica creada a principios do S. XX para dotar de electricidade á cidade de Ferrol. A súa fonte de enerxía é a auga da canle que despois veremos.


Na ascensión ao miradoiro superamos uns 130m. de desnivel pero só dura uns 500m.

Vemos a fervenza en distintos momentos subindo.
Fervenza do Belelle

Ata chegar ao Miradoiro de Viladonelle no que descansamos uns minutos para contemplar a fervenza e tomar fotos.
Miradoiro de Viladonelle

Rematada a subida, desembocamos nunha ancha pista cunha bifurcación. Collemos á dereita e deseguida chegaremos a unha estrada local.
 
Pasamos pola aldea de Viladonelle (Oficialmente Santo André de Viladonelle) unha parroquia do concello de Neda. É unha parroquia moi pequena xa que apenas conta con 100 habitantes.

Ábrense as vistas que nos deixan ver prados e montes e outras lonxanas aldeas. O cabaliño míranos de reollo....

Pasamos pola igrexa parroquial de Santo André onde nos sorprendeu un enorme carballo.

Continuamos por asfalto pasando polo lugar de As Carvelas (seguimos na parroquia de Vilardonelle)

Alonxámonos da aldea e deseguida deixamos o asfalto .

Pillamos este camiño que vai ao monte. É o Monte do Couce polo que subiremos uns 500m.

Subindo o Monte Couce.

O percorrido é monótono xa que só vemos eucaliptos e particularmente paréceme unha árbore fea. Menos mal que é curto e desembocamos axiña na estrada que traíamos antes.

A aldea de Belelle non pertence a Neda senón á parroquia de Sillobre, no concello veciño de Fene.

Aquí case nos despitamos e seguimos de frente pero o track deunos aviso de que había que torcer á dereita polo medio dunhas casas.

Imos por un camiño de carro dos que había antes e xa poucos quedan. Onde hai concentración parcelaria sobre todo, desaparfeceron os camiños de antaño e deron paso a pistas asfaltadas.

Chegamos ao río Belelle que cruzamos por unha ponte de pedra.

E aquí, ás beiras do río, tomamos a nosa comida de "media mañá".

Agora camiñaremos durante uns metros ás beiras do río .

O río Belelle nace no concello de As Pontes e discorre polo municipios de A Capela, Fene e Neda. É un río de gran importancia económica porque dá luz (ten unha central hidroeléctrica), auga...e no pasado deu pan (conta con varios muíños ás súas beiras) e blacura ás velas dos barcos(no S. XVIII as augas do Belelle eran consideradas as mellores do país para branquear a velame dos buques.)
O pan de Neda é moi coñecido e ten o rexistro  de Marca de Calidade. No pasado o muíños fariñeiros que había ás beiras deste río proporcionaban a materia prima para a elaboración do mesmo.

Chegamos a unha presa que acumula a auga que vai despois circular pola canle que iremos vendo. Estamos no Monte Marraxón.
 
A partires de aquí a camiñata vai sempre pegada á canle e o río cada vez quedará máis abaixo.
 
O percorrido por aquí é fermoso e pasaremos unha sucesión de escaleiras, un túnel, pasarelas...
 
Pasamos por este mini túnel:
 
Ás veces non vemos a canle porque vai por debaixo da montaña.

Pero deseguida aparece de novo.

 Por unha pasarela cruzamos por derriba desa cascada de auga.

E remata o noso camiño ao pé da canle para empezar unha baixada en eses. Moitas curvas hai! Non as contei pero deben ser máis de 20.

 Ao chegar abaixo hai unha bifurcación. Collendo á dereita, imos directamente á fervenza que ten uns 45m de altura e crea unha paisaxe espectacular. Afortunadamente só había unha parella contemplando a cascada que ademas se foi ao chegar nós e poidemos desfrutar desta marabilla sen agobios.
Fervenza de Belelle

Atravesamos esta ponte sobre o Belelle para voltar ao camiño que trouxemos ao principio xirando agora á esquerda.

Estamos de novo xunto á Central Hidroeléctrica a onde chega a auga que traía a canle que nos acompañou no percorrido.
Central Hidroeléctrica




Rematada a ruta fomos xantar ao Mesón O Fumazo onde o 1º que nos chamou a atención foi a atención que nos dispensaron os donos do local sobre todo Daniel Rios que xa me ganou cando chamei para avisar de que chegariamos tarde e a resposta súa foi: "no te preocupes, Carmen , te esperamos." Logo ao chegar todo foron atencións. É unha persoa super amable, encantador. Agora, ao redactar este texto e buscando máis información, entérome de que ademais de hosteleiro tamén e todo un showman que se dedica a ofrecer espectáculos de ocio e exerce de casamenteiro en vodas civiles. É moi coñecido por toda a zona de Ferrol e arredores e moi querido. No me estraña...
E non falei da comida...estaba de 10!! Probamos unhas tostas de polbo que é a especialidade do mesón e polas que levaron varios premios. Están deliciosas! O resto que comemos, raxo con patacas, tripas, cocidas, callos...tamén estaba riquísimo. Todo caseiro ao igual ca os postres. Tomamos un requeixo con mel e noces moi saboroso. Pagamos por todo, dous pratos, postre, café e bebidas 22€ por persoa que non nos pareceu moito.
Cando fagamos outra ruta en Neda ou arredores volveremos sen dúbida comer aquí!!

Despois de xantar queríamos coñecer o casco antigo de Neda, Dani recomendounos o que non podíamos perder e aló fomos camiñando xa que está todo cerca.

O Cruceiro de S. Nicolás, ubicado no adro da igrexa do mesmo nome, é un dos máis antigos de Galicia. Da súa forma orixinal só conserva a cruz gótica coa imaxe de Cristo nas dúas caras e catro figuras aos pés.
Feito en granito galego data do S. XIV ao igual ca igrexa. Orixinariamente, o cruceiro non estaba no adro senón que foi trasladado aí no 1975. A cruz gótica que ten formaba parte seica doutro cruceiro que estaba ubicado noutro sitio.
Cruceiro de S. Nicolás

A igrexa de S. Nicolás  e o seu entorno é un dos lugares de paso dos peregrinos que realizan o Camiño Inglés a Compostela. Esta igrexa pertence ao gótico tardío sendo construida a mediados do S. XIV. A igrexa sufreu varias modificacións e ampliacións nos S. XVIII e XIX. No exterior, o pricipal engadido é a torre do campanario con dous corpos.
 
Dende o adro da igrexa vemos a desembocadura do Belelle. Este río ten un percorrido curto, non chega aos 30 km. pero xa escribín sobre a importacia que tivo e ten para a comarca de Ferrol. Foi sempre un río de "aproveitamento", para dar luz, para moer, para lavar e ata para sanar xa que as súas augas eran recomendadas polo médicos polo beneficio para a saúde.
O Belelle desembocando

Nesta desembocadura do Belelle formando a Ría de Ferrol crían varias aves. Esa xunqueira salgada que vemos é refuxio para aves como a lavandeira, o buitrón, o rascón... Ten un alto valor ecolóxico e medio ambiental esta marisma que hai que coidar e protexer.

No 2021 foi inaugurada esta escultura dedicada ao peregrino. A obra é do artesán da madeira e a pedra, Carlos García e foi tallada no tronco dunha araucaria que debido á sú extensión e áss raíces era un perigo para a igrexa e as casas veciñas. Decidiron cortala e deixaron o tronco para darlle unha nova vida en forma desta fermosa escultura.
Escultura dedicada ao peregrino no adro da igrexa de S. Nicolás

Poidemos acceder ao interior da igrexa grazas a que chegou unha señora moi amable que debe ocuparse do coidado da mesma e moi amablemente nos dixo que pasáramos e nos deu algunha explicación do templo.
Na imaxe, a capela da Virxe das Dores do S. XVI que destaca polos catro chapiteis románicos que ten.
Capela da Virxe das Dores

A Capela Maior non é só o núcleo relixioso e arquitectónico do edificio, senón que ten tamén unha finalidade funeraria porque contén o sepulcro e a escultura funeraria de Diego de Esquío (está na parte esquerda da foto) un cabaleiro noble da I. Media.
Tamén temos aí a imaxe de  S.Nicolás á esquerda.
Capela Maior
Na Capela da Concepción, coñecida hoxe como Capela das Ánimas, atópase o sepulcro dos señores Juan de Castro e Isabel Rodríguez.
Capela da Concepción
Percorremos despois o casco antigo de Neda. Esta localidade é a 2ª que atopan os peregrinos que fan o Camiño Inglés partindo dende o inicio en Ferrol (Neda está a 9 km.)
Na I Media, Neda foi asteleiro e porto comercial. A mediados do S. XIV, o rei Alfonso XI otorgoulle ao municipio foros reais en gratitude pola intervención de Diego Esquío (que está enterrado como xa dixen na igrexa de S. Nicolás) na toma da baía de Alxeciras, capitaneando un navío construido nos asteleiros de Neda.
Percorremos pois a chamada Rúa Real que percorren tamén os peregrinos.

Na foto seguinte vemos a Casa do Concello coa Torre do Reloxo.

No chan parece que respectaron polo medio as antigas pedras que formaban esta Rúa Real.

Páxinas web consultadas:

https://montanaycorazon.com/circular-por-la-fraga-del-rio-belelle-muino-da-ribeira-presa-central-hidroelectrica-a-fervenza-mirador-de-viladonelle/

https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Belelle

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/cruceiro-e-iglesia-de-san-nicolas-neda-4957.html

https://viajes.lavozdegalicia.es/noticia/2019/06/22/rio-gozar-principio-fin/0003_201906E22P60995.htm

https://bichosedemaisfamilia.blogspot.com/2016/02/escribanos-palustres-y-otras-cosas-en.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/neda/2021/12/04/neda-rinde-homenaje-peregrino-escultura-tallada-tronco-araucariatit-fotonocias-3-col-cuerpo-22/0003_202112F4C7991.htm

https://vivecamino.com/neda/

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/01/san-nicolas-de-neda.html