Amosando publicacións coa etiqueta Cabana de Bergantiños. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cabana de Bergantiños. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de outubro de 2020

O CAMIÑO DOS FAROS TRAMO 6º: CASTRO DE BORNEIRO-LAXE

 O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo que une Malpica con Fisterra pola costa e transcorre por 9 concellos. Ao longo dos seus 200 km. podemos ver tódolos faros desta zona e os principais puntos de interese da Costa da Morte.

É unha ruta que desperta sensacións únicas e na que se contemplan paisaxes moi diversos: faros, praias, cantís, dunas...pero tamén vilas mariñeiras, castros dólmenes.,.

Non é ningún paseo á beira do mar porque ten tramos dificultosos, desniveis, chan irregular xa que esta costa é moi abrupta e aínda que ten tramos moi sinxelos bordeando o mar tamén sube algún monte.

O Camiño dos Faros xurdíu no 2012 a partires da idea de 6 amigos que pensaron que sería boa idea unir Malpica con Fisterra pola beira do mar. Eles abriron o camiño. Logo fóiselles unindo máis xente e promocionaron esta ruta, dérona a coñecer en moi diversos medios, creouse unha Asociación, páxina en facebook e esta páxina á que vou poñer un enlace onde poderedes saber todo o referente á ruta, etapas, recomendacións para facela, historia da mesma...etc etc é unha páxina moi, moi  interesante, moi clara e instructiva. Se decides realizar esta ruta non deixes de botarlle un ollo.

Toda a información AQUÍ

É moi importante e, se entrades na páxina anterior poderedos lelo, o traballo inmenso que desenrolou esta Asociación de O Camiño dos Faros para promocionar esta ruta e poder homologala; algo que aínda non conseguiron e que dende logo parece mentira que unha ruta con tantísimo potencial paisaxístico, cultural e que redundaría sempre en beneficio económico para a zona non esteña homologada dende hai anos. Lendo o que eles contan, vense os atrancos que atoparon e os moitos organismos e administracións diversas coas que tiveron que lidiar. 

Enfin, poden sentirse ben contentos e orgullosos de promocionar, de dar a coñecer unha ruta que cada día ten máis adeptos e percorre máis xente. Nótase que aman a súa terra. Agora homologar, coidar, conservar decente esta fermosísima e importante ruta xa non depende das persoas particulares se non dos distintos concellos e /ou organismos competentes.

A ruta está dividida en 8 etapas pero a nós parécennos demasiado longas(20 e pico e incluso 32 km.) e decidimos dividir cada unha delas en dúas para así facelo máis levadeiro e desfrutar sen présa ningunha das marabillas que nos ofrece.

Pois co tramo de hoxe rematamos xa a terceira etapa.

CARACTERÍSTICAS.

Lonxitude: 16 km.

Dificultade: Media- baixa

Ruta lineal ben sinalizada pero hai que ir moi atento/a nos cruces.

Saimos dende rematamos o último día: Castro de Borneiro. Este Castro está AQUÍ

Saíndo do Castro

Imos uns 200m. por esta ancha pista:


E deseguida temos que cruzar a carretera AC-430 para pillar esta pista á dereita:


Que nos vai levar deseguida á aldea de Vilaseco:


Nesta pequena aldea case hai máis hórreos que casas. Todos eles de pedra e tendo uns grandes pilares como base, son construccións que atopamos por toda Galicia pero moi distintos dependendo de cada zona. Nesta ruta imos vendo os que son característicos da zona da Costa da Morte e ben diferentes dos da zona da Mariña de Lugo, que son os nosos.

Tosoa eles están en perfecto estado de conservación e pensamos que aínda hoxe lles deben dar uso xa que son moitísimas as terras de millo que atopamos.

 

Moito coidado ao final deste camiño que parte de Vilaseco xa que nós non nos fixamos nas marcas do chan e torcemos á dereita cando hai que, ao pé dun campo de fútbol, seguir de frente. Nós volvemos sobre os nosos propios pasos e xa vimos as frechichas verdes que non víramos:


E xa chegamos ao Dolmen de Dombate, que din que é a "catedral do megalítismo galego".  No 2011 abríuse o "Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate" A entrada é libre e gratuita e hai dous edificios: no primeiro está o Centro de Interpretación e recepción de visitantes cunha réplica do auténtico dolmen e onde hai información sobre el e, un pouquiño máis arriba, o monumento auténtico cunha gran cuberta que o mantén protexido.



Se queres ler máis sobre este monumento, pincha AQUÍ

Continuamos a nosa ruta por un trazado de carretera que de momento non ten dificultade ningunha e vemos xa outra aldea: Fontefría.


Ao chegar ao medio desta aldea hai que ir pillar á esquerda nun cruce. A carretera chega a unha casas e debemos coller ese camiño á dereita. Debemos ir atentos para ver as frechas que o indican:


Seguimos uns metros máis por esta pista  e deseguida  hai que pillar á dereita. Moito ollo, eu pasábame. A frechiña está nesa rocha:

As marquiñas verdes(puntos, frechas e peíños) poden aparecer en calquera sitio: nunha árbore, nun poste, no chan...

Ao fondo empeza a subida ao Monte Castelo:

É unha subida con bastante desnivel pero moi curtiña: 1km. aprox.



O pequeno esforzo que fixemos na subida, vese compensado coas marabillosas vistas que temos:

Laxe ao fondo

Estuario do Anllóns

Tamén hai que ir con ollo nesta baixada xa que deseguida temos que pillar á dereita e non seguir de frente. O sinal está nun piñeiro.

Deseguida chegamos a unha carretera asfaltada pola que andamos uns 10m. e collemos á dereita por unha pista de zahorra (as frechas están na carretera)



Despois de percorrer aprox. 1km. e medio por esta pista, chegamos á aldea de Arnela na que seguimos vendo hórreos. Agora camiñaremos sobre asfalto:


E a continuación cruzamos a aldea de Canduas 

A carretera segue á dereita, nós temos que ir de frente:


A pedra predomina nas construccións de toda esta zona, tanto nas casas coma nos cabozos:
Esta vila que vemos é Canduas e se nos fixamos ben na foto, podemos ver a torre da igrexa de S. Martiño que foi edificada sobre os restos do que fora un monasterio benedictino.

Os cruceiros de pedra tamén se deixan ver durante todo o percorrido:


Cruzamos a carretera xeral.

E atopamos esta curiosa e preciosa cabana nas árbores:

Esta "curiosidade" xa nos gusta menos. Non sabemos que pinta a ponte dun barco no medio do monte:

Imos dirixíndonos pouco a pouco á Costa de Cabana. Estamos cruzando o Monte de Taboído. Xa podemos entrever o mar:

Chegamos á Costa da Mundiña:
Ao fondo, Corme


Vemos de frente o Monte Branco e Corme. Esta é a furna Mundiña:


Detrás dos piñeiros vemos a Punta do Padrón:

A illa de O Castelo:

E imos chegando á praia de Rebordelo. É a praia máis grande do concello de Cabana, tranquila e rodeada de piñeiros e que está partida en dúas xa que as separa a Punta da Catuxa.




E chegamos á praia de S. Pedro, a última do concello de Cabana. É unha pequena e recóndita praia, moi fermosa.



Continuamos á beira do mar subindo e baixando por esta abrupta e preciosa costa:


Ata chegar á Punta do Cabalo dende a que temos unhas boas panorámicas:


E deseguida estamos en Punta Rubia, dende a que xa divisamos o noso destino de hoxe: Laxe.



E apararece agora diante de nós o Coído dos Muíños : un fermoso lugar cunhas augas transparentes onde desemboca un pequeno regato que aproveitaron en tempos pasados dous muíños:


A través do Cabo de Area, chegamos a Laxe:


martes, 29 de setembro de 2020

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO PONTECESO- CASTRO DE BORNEIRO

 Hoxe empezamos a 3ª etapa pero nós partirémola en dúas e hoxe chegaremos ata o Castro de Borneiro.

A etapas anteriores están aquí:

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2020/09/o-camino-dos-faros-tramo-iv-porto-de.html

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2020/08/o-camino-dos-faros-tramo-3-santa-marina.html

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2020/08/o-camino-dos-faros-costa-da-morte-tramo.html

https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2020/08/camino-dos-faros-costa-da-morte-tramo.html

CARACTERÍSTICAS: 

Lonxitude: 9,5km.

Dificultade: baixa

Ruta lineal ben sinalizada

DESCRIPCIÓN:

Empezamos polo tanto en Ponteceso, onde rematamos a anterior.

Ubicación de Ponteceso, AQUÍ

Deixamos os coches no mesmo lugar onde rematamos o último día o Paseo do Malecón que é tamén o punto onde comenza a ruta PR-G148 que vai de Ponteceso a Corme.

Camiñamos uns 50m. ata chegar xunto á casa natal de Eduardo Pondal que se ubica xunto á ponte que dá nome a esta localidade:

Saíndo cara á ponte

O río Anllóns

Casa natal de Eduardo Pondal

Cruzamos a ponte e imos por carretera 1km. aprox.:

E xa cambiamos de concello; estamos no de Cabana de Bergantiños:

Na nave de Apligasa, cruzamos a carretera para pillar á dereita:

E introducímonos entre árbores: 


Para chegar deseguida ao Pozo dos Caldeiros:
Pozo dos Caldeiros
Collemos a pista que nos levará ao Monte das Pías:


E deseguida chegamos á Praia do Curro. Unha praia illada e solitaria:


E aquí, nesta praia, empezamos a Senda do Anllóns que se atopa nun dos espazos naturais máis importantes de Galicia: a ensenada da Insúa. É este un percorrido de pouco máis de 3km. onde imos vendo a desembocadura do Anllóns.

Enfrente de nós vemos parte do tramo que realizamos o último día: A duna do Monte Branco:


Chegamos á praia da Urixeira, que o xabarín tamén visitou como se pode ver na herba:


Toda esta ensenada é unha zona moi rica onde moita xente se adica ao marisqueo e onde centos de aves atopan refuxio.

 

Imaxes do precioso paseo:




E chegamos á Praza do Pendón na que atopamos un mural de cerámica realizado por alumnos dun IES da comarca como homenaxe aos afectados polo accidente nuclear de Fukushima:


Na praza de Candúas rematamos a senda do Anllóns vendo enfrente uns asteleiros que tiveron gran importancia nesta zona:


Cruzamos o paso cebra para adentrarnos nunha paisaxe moi diferente pero non menos fermosa: O Rego dos Muíños:



O Rego dos Muíños ou muíños do Roncadoiro é unha ruta que vai paralela a este rego. Dende o Castro de Borneiro baixa ata a ensenada da Insua con forza suficiente para poder mover os rodicios de moitos muíños que atopamos no percorrido.

Estes muíños foron moi importantes no pasado para esta zona(sobre todo para Canduas e Borneiro)e como mostra atoparemos ao longo dos seus 3,5 km. ata24 muíños uns en mellor estado de conservación ca outros.
A senda trancorre primeiro por unha pasarela de madeira

Hai muíños en bastante bo estado de conservación

Todos eles conservan o pé do rodicio.

Canle que levaba a auga do rego ata o muíño

Por dúas veces cruzamos unha pista estreita asfaltada. Temos que seguir pola beira do rego:

Atravesamos pequenas pontes de madeira e seguimos pola pasarela onde hai que ter moito coidado se está mollada, xa que esvara moitísimo:

Hai bastantes muíños en estado ruinoso.

Camiñamos entre unha frondosa vexetación na que apreciamos bidueiras, amieiros, castiñeiros, carballos...
A senda agora xa non é de madeira.

E tamén terras con millo, das que xa levamos vistas moitas nesta zona:

Agora imos nun ascenso continuo pero suave:

ATENCIÓN a este cruce!! Os sinais verdes están nunha rocha á dereita , hai que fixarse para velos.
Debemos coller á esquerda!

E deseguida chegamos á carretera xeral que en 1km. aprox. nos leva ao Castro de Borneiro.

Entramos ao Castro pola parte inferior e aproveitamos para recoller castañas. Estamos no outono!!

 Estas pasarelas e escaleiras dan acceso ao Castro:

O Castro de Borneiro é un exemplo de cultura castrexa de finais da Idade de Ferro. Tamén se chama "A cidá" e foi o 1º castro galego que foi datado o método do carbono 14. Estivo habitado entre os S IV e I a.C. e pertence á parroquia de Borneiro no concello de Cabana de Bergantiños.
O Castro destaca polo seu grande tamaño.

A imaxe deste Castro é moi usada nos libros de texto como exemplo de cultura castrexa. Foi descuberto no ano 1924 e as excavacións comenzaron nos anos 30. Nos anos 80 relizáronse as últimas excavacións e viron a luz ata 36 contruccións.
Este castro non foi romanizado

E aquí rematamos o tramo de hoxe!!
Xa con ganas de facer o seguinte e é que este Camiño do Faros moito engancha!!