sábado, 23 de agosto de 2025

RUINAS DE S. TIRSO, MIRADOIROS DO MONTE CASTELO, FARO RONCADOIRA DENDE A PRAIA DE PORTOCELO (XOVE)

 A costa de Xove para min é das máis fermosas da Mariña con acantilados de vértigo e praias e pequenos portos que son un encanto.

Este percorrido pola costa xa o fixen en dúas ocasións, cando realicei o Camiño Natural do Cantábrico e Senda Costeira de Xove. Esta foi a 3ª vez pero quixen facer a ruta circular polo que nun momento dado tiven que alonxarme da costa.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: moderada

Ruta circular sinalizada solo na parte da costa. Para facela circular do mesmo xeito que eu a fixen, é necesario seguir este track

Descripción da ruta.

O inicio e fin desta ruta ten lugar na praia de Portocelo que leva o nome da parroquia de Xove á que pertence. Esta parroquia foi sede municipal ata a 1ª metade do S. XIX.

A praia de Portocelo é das que a min gustan: pequena, de augas tranquilas e pouca afluencia de xente. Ten un espazo con sombra de árbores e noutra zona tamén con bancos e mesas de pedra.

Praia de Portocelo en marea baixa
 
O Rego de Esparaños desemboca nesta praia. Á esquerda vemos outra praia: a de Canela

Como a marea estaba baixa, puiden cruzar toda a praia ata chegar á praia de Canela e ao porto.

O nome de Portocelo procede do latín "Portus Celo" que quere dicir Porto Oculto e é certo que é un porto resgardado e natural. Vemos un pequeno número de embarcacións de pesca artesanal amarradas.


                                                            Praia de Portocelo

Dende o porto, a praia de Portocelo en marea baixa.


Deixamos a praia e porto de Portocelo e camiñamos por un carreiro pegado ao Cantábrico.


Volvendo a vista atrás, a fermosa enseada de Portocelo.
Enseada de Portocelo

Á dereita, a illa de Sarón, un símbolo do concello de Xove.
Illa de Sarón

Acantilados co Monte Castelo ao fondo.

Vemos en 1ª termo as ruinas de S. Tirso ás que axiña chegaremos e o Monte Castelo polo que subiremos.

No xacemento arqueolóxico de S. Tirso podemos ver os restos do que foi unha capela e os restos dun castro moito máis antigo. Conta a historia que un diácono portugués chegou aquí no S. VIII e fundou tres mosteiros que estarían dous en Xove e outro en Viveiro (serían mosteiros dúplices, é dicir habitados por monxes e monxas)
Nun momento determinado por causas descoñecidas os monxes e monxas abandonan o mosteiro pero a igrexa sigueu tendo culto ata 1929 no que se construeu unha nova igrexa no barrio de Vilachá.

Ruinas de S. Tirso

Imaxe dos restos do interior da capela.

Estamos na Punta de Mechiluíde onde tamén houbo un castro prehistórico. Poucos restos se poden ver del actualmente. No ano 2020 houbo excavacións e atopáronse tumbas e obxectos. Acaba de sair a noticia este verán 2025 de que vai haber unha nova actuación arqueolóxica para poñer en valor este lugar.
Punta Mechiluíde

Na foto, o foso do castro.
Foso do Castro de Mechiluíde

Camiño perfectamente acondicionado para o percorrido.


O Monte Castelo, agárdanos!

A subida ten bastante desnivel e por veces parece un camiño de cabras.

Boa vista (a foto regulín porque daba o sol de frente) das illas de Sarón (a máis lonxana) e A Cal.

Subida para xente acostumada a camiñar por lugares así.

As fermosas vistas chegando ao 1ª miradoiro: o camiño polo que acabamos de vir e a enseada de Portocelo.

O banco no Miradoiro de Nacente, así chamado porque dende aquí contemplamos o nacer ou saída do sol.
Miradoiro de Nacente

Dende aquí vemos xa o Faro Roncadoira e a Pena Sombreireira.

Debaixo da Pena Sombreireira abrigábanse os rapaces cando chovía mentras gardaban as vacas que pastaban nesta zona.
Pena Sombreireira

Enormes acantilados ao pé do Faro Roncadoira ao que axiña chegarei.

Antes de baixar ao faro, atopamos o Miradoiro de Poñente no punto máis alto do Monte Castelo. Dende aquí temos unha vista extraordinaria de O Vicedo, a Illa Coelleira e a Estaca de Bares.
Miradoiro de Poñente
Nesta zona do Monte Castelo veremos formacións rochosas bastante curiosas como consecuencia da erosión do vento e a chuvia ao longo dos anos.

O Faro Roncadoira toma o nome da punta onde está colocado e que se refire ao son que fai o mar cando está  bravo.
A costa de Xove é abrupta e accidentada con illotes, rochas e néboa e mal tempo moitas veces o que a fai perigosa para a navegación producindose numerosos naufraxios ao longo do tempo.
Por este motivo no ano 1974 foi construido este faro.
Faro Roncadoira

O faro entrou en funcionamento de xeito provisional en 1984 e xa definitivamente en 1986.

Xusto ao pé do faro segue a Senda Costeira de Xove.

Imos cara ao Oeste con esta marabillosas vistas.

Nun momento determinado vemos este sinal da ruta pero deberon ambiar o trazado xa que por onde hai queo camiño polo que hai que ir esta realmente uns metros máis adiante. (Moi pouquiños)
Ao lonxe vemos a aldea de S. Tirso.

E aquí alonxámonos da Senda Costeira . De seguila, iriamos polo carreiro de frente, xunto aos piñeiros. Torceremos aquí á esquerda para facer esta ruta circular.

Subimos uns metros entre piñeiros.

Vemos a Fonte Maior. Foi unha das fontes de máis uso e máis antigas do concello de Xove que a restaurou xunto co lavadoiro así como o acceso á mesma. Pedra vista, lousa, granito...unha fonte e lavadoiro na que se empregou bastante diñeiro (case 28000€) e que actualmente non serve para nada xa que nin unha pinga de auga sae dela.
Fonte Maior en Vilachá.

Nin unha pinga de auga...

Vilachá é un lugar da parroquia de Portocelo.

A Igrexa de S. Tirso de Portocelo, ubicada no barrio de Vilachá, é a máis recente do concello a pesares de ser unha das parroquias máis antigas do mesmo pois xa aparece documentada no S. XIII. Antes de ser construida esta, o culto relizábase na que vimos en ruinas a carón do mar.
Igrexa de S. Tirso

Moi preto da igrexa chama a atención este enorme cabozo xunto a unha casa tamén moi grande. Sería a antiga rectoral??

Agora imos por unha tranquila estrada local en medio de eucaliptos.



Xa divisamos Portocelo. Estamos cerca do final.

O Cantábrico xa se deixa ver ao lonxe.

Entorno da praia de Portocelo onde teño o coche.

Comprobo que a marea aínda non subeu moito. Hai gran extensión de area.

A marea está subindo. Agora para pasar ao porto tería que ser a nado.

Páxinas web empregadas:

https://www.galiciamaxica.eu/

https://amarinalucense.gal/

mércores, 20 de agosto de 2025

FRAGA DE FORGOSELO DENDE A IGREXA DE S. BOULO DE CAAVEIRO (A CAPELA)

 Esta vai ser a 3ª ruta que facemos neste concello coruñés de A Capela. As dúas anteriores foron estas:

CAMIÑO VELLO- RÍO SESÍN (FRAGAS DO EUME)

CANÓN DO EUME (FRAGAS DO EUME)

A Capela pertence á Comarca do Eume xunto con As Pontes, Monfero, Cabanas e Pontedeume que é a capital da comarca.

O municipio ten unha altitude media de 450 m, e está atravesada polos vales dos ríos Eume e Belelle. No val do primeiro están as Fragas do Eume. O Belelle baixa da Serra do Forgoselo.

Neste concello podemos adentrarnos nas Fragas do Eume a través das rutas que enlacei anteriormente; tamén hai rutas para coñecer o río Belelle e a Fraga de Forgoselo que visitamos hoxe.

Características desta ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: fácil

Ruta circular con varios puntos de sinalización. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos dende a igrexa de S. Boulo de Caaveiro (Parroquia de A Capela) Non chama a atención o edificio relixioso pero si uns sarcófagos de pedra que hai no adro do mesmo.



Estes son os sarcófagos que vimos. Non atopei ningunha información sobre eles.


Empezamos a camiñata alonxándonos da aldea polo medio dunhas casas que acordaron mellores tempos no pasado.

Hai unha néboa que nos quere acompañar...

Vemos a Fonte de S. Boulo do ano 1940 e que foi rehabilitada no ano 2012. Ademais da fonte, que tamén servía de bebedoiro para o gando,  hai un lavadoiro para a roupa.

Fonte de S. Boulo

A estrada é moi tranquila pois non atopamos a ninguén.

Ao pouco chegamos ao Ameneiro, un pequeno lugar da parroquia.

                                                           Ameneiro

Aquí está o inicio da entrada á Fraga de Forgoselo onde hai un cartel que indica as normas que se deben seguir cando se van a recoller cogomelos (nesta fraga seica hai moitos)

A néboa, cada vez máis densa, deixa ver pouco ao lonxe....

Na Serra de Forgoselo críanse vacas e cabalos en liberdade. A carne destas vacas é moi prezada.

Durante o percorrido atopamos varios sinais indicando varias direccións: a  Ruta do Pico Ventoso, a de Racamonde, Narahio...etc  Cadaquén ten que saber a onde quere ir. Nós imos ata o Curro de Forgoselo que está indicado como "Lugar de Lecer"


No Curro de Forgoselo cada ano polo mes de xuño celébrase unha Rapa das Bestas.

Ademais do propio curro para meter os animais, neste lugar hai tamén unha edificación con aseos, supoñemos que terá tamén bar o día da Festa da Rapa...

Por detrás do Curro hai tamén unha área recreativa cunha fonte, mesas, bancos, grellas á sombra das árbores.

Voltamos sobre os nosos pasos para seguir a ruta. O día empeza a clarexar algo, parece que a néboa se vai marchando.

A auga, aínda que esteamos en época de verán e hai moita seca, non escasea en determinados puntos como nesta pequena lagoa onde pode beber o gando.





Vistas dende o punto máis alto do percorrido.

Estamos a 549m. de altitude, o punto máis elevado desta ruta.

Esta é unha zona onde repoboaron o monte con piñeirais e tamén vimos abetos.


Vistas que nos deixa o punto máis alto da ruta:

Xa baixando cara ao inicio de ruta vemos o Pico Ventoso.

Un descanso neste día que agora despexou e non hai sombra...

Un peche que protexe pastos para que non pase o gando. Ábrese de xeito moi doado e loxicamente SEMPRE hai que volver pechar para deixalo como estaba.

Estamos xa no lugar de Campos Verdes da parroquia de S. Boulo de Caaveiro.

 Dende Pazo, outro lugar da parroquia, con estes bancos e mesa de pedra á sombra de dous enromes freixos vemos xa o barrio onde temos o coche: A Igrexa. Estamos a piques de rematar esta ruta.


Páxina web empregada:

https://gl.wikipedia.org/wiki/A_Capela