Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2026. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2026. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de outubro de 2026

REGO DOS CORUXOS (VIVEIRÓ-MURAS)

 Esta ruta xa a fixera hai anos, pouco despois de que a homologasen en 2016. Lembraba unha ruta moi fermosa e hoxe quixen volver facela. Sempre prefiro repetir rutas que valen a pena e me gustaron no seu día que facer outras novas que pouco aporten.

Muras (Comarca da Terra Chá) ten dende logo paisaxes espectaculares, unha prodixiosa natureza que unha non se cansa de admirar.

Características desta ruta:

Lonxitude: 9,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular ben sinalizada. O meu track en WIKILOC (Sempre considero e eu así o fago que aínda que unha ruta estea ben sinalizada, nunca está demais seguir un track da mesma porque algún poste ou indicador do traxecto puido caer, desaparecer...etc)

Descrición:

Esta ruta ten inicio e fin en Santa Mª do Viveiró. Entre as Serras da Gañidoira e O Xistral, no val alto do río Landro atópase esta parroquia do concello de Muras.

Aparcamos na Praza Cándida Bello, así chamada en honor á esa muller que durante anos rexentou unha casa de comidas moi famosa nesta mesma praza e que pechou hai uns meses.

Praza Cándida Bello en Viveiró

A igrexa de Santa Mª do Viveiró presenta dúas naves, unha delas posterior á outra. Nótase ben que a zona do campanario é máis antiga. É de estilo barroco.
Igrexa de Santa Mª

Na foto seguinte, aspecto actual dunhas casas na praza de Viveiró. Casas antigas de pedra e unha delas con corredor, tan típico en Galicia.
Casas no Viveiró

Vemos o punto oficial de inicio desta ruta, ao pé da praza.

Carteis anunciadores da ruta

Unha vivenda que chamou a miña atención pola inscrición que ten na parte de arriba da fachada e di: "Casa Cabada. Vinos Comidas y Café". 

Casa Guillermo e Pepe foi, durante moitas décadas, o epicentro da vida social e comercial da parroquia do Viveiró (Muras).

Orixinalmente, esta rechamante edificación indiana non naceu só como unha vivenda particular, senón como unha clásica casa-tenda. Na súa planta baixa albergou unha das tabernas e tendas de ultramarinos máis importantes da zona. 
A súa impoñente fachada, mandada construír cun deseño indiano moi superior ao estándar das vivendas rurais da montaña do século pasado, reflicte a prosperidade que tivo ese negocio de ultramarinos na época dourada das feiras rurais de Lugo. Ao igual que ocorreu con Casa Cándida, o despoboamento e o paso dos anos fixeron que o negocio comercial pechase as portas da súa taberna hai tempo, quedando o edificio protexido como unha xoia do patrimonio arquitectónico de Muras.

Casa Guillermo e Pepe

Empezamos a camiñata por asfalto e cruzamos o río Landro por unha ponte.
Ponte sobre o Landro
Unha estrada solitaria e outonal.

Na seguinte foto vemos o lugar de O Pico

O Pico

A estrada non pode ser maís fermosa! Destas só hai en Galicia e Asturias!

Chegamos a un cruce que nos indica que nos faltan 2km. para chegar aos Coruxos.
Cruce, hai que pillar á dereita

Seguimos por asfalto en lixeira subida.


Paisaxes fermosas que atopamos nesta parroquia.

Xa podemos ver Os Coruxos alí ao fondo, nun lugar ben fermoso!
Os Coruxos

No concello de Muras predominan as actividades do sector Primario: agricultura, gandaría e o sector forestal. A gandaría é o que máis vemos nesta ruta.
Sector Primario

A estrada remata aquí, no lugar de Os Coruxos. Podemos atravesar a aldea ou ben pillar este camiño pola parte de arriba.

Esta aldea non ten nada que ver coa que visitamos o ano que fixemos esta ruta anteriormente. Agora está moito máis fermosa, coas vivendas rehabilitadas. Un murés, Manuel Cabada rehabilitou neste lugar unha palleira e un alpendre para transformalos en dous apartamentos turísticos. Contou cunha subvención do Grupo de Desenvolmento Rural (GDR) da Terra Chá.
Os Coruxos

Agora entramos na parte máis fermosa desta ruta:

A vista e a máquina de fotos non descansan!

Atravesamos o Rego dos Coruxos pola ponte de madeira:
Ponte dos Coruxos

E introducímonos nunha fraga á beira do rego das máis fermosas que coñezo. E coñezo unhas cantas!!
Fraga dos Coruxos

Hai bastantes acivros nesta fraga pero o que de verdade abundan, son os carballos.
Fraga dos Coruxos

É unha fraga con mitísima humidade por eso hai tanto musgo nas rochas.
Fraga dos Coruxos

O fermoso e rebuldeiro Rego dos Coruxos! Camiñaremos sempre ao pé del.

Saimos da fraga e estamos na Serra do Xistral.


Imos pisando zonas moi humidas con auga: son as turbeiras do Xistral, como esponxas que reteñen auga e humidade formadas ao longo de millóns de anos. Son depósitos de carbono moi importantes e están catalogadas como Zona de Especial Conservación (ZEC) dentro da  Rede Natura 2000.

Temos que levar coidado de non afundir os pés.

Serra do Xistral

Por unhas poldras (pedras postas no rego para poder cruzar a pé) atravesamos o Rego dos Coruxos e dicímoslle adeus porque non volveremos velo nesta ruta.
Rego dos Coruxos

Atravesamos un pequeno bosquete.

E agora empezamos a subir (é unha subida con pouco desnivel que se leva moi ben) xa inmersos en plena Serra do Xistral.
Serra do Xistral

Greas de cabalos e chovendo ao lonxe...
Serra do Xistral

Tamén a auga chega ata nós e obríganos a poñer os chuvasqueiros pero son unhas pingas aquí no alto, deseguida escampa en canto empezamos a baixar.
Serra do Xistral

Empezando a baixar. Hoxe as panorámicas non se deixan ver moi ben. Nas alturas, chove.
Serra do Xistral

A Serra do Xistral, ao norte da provincia deLugo, non ten montañas de moita altitude (a máxima elevación está no Pico Cadramón con 1056m.) pero a entrada de ventos e nubes directamente so Cantábrico fan desta serra e do seu entorno un lugar duro e inhóspito, onde poucas veces se ve o sol.

A Serra do Xistral destaca sobre todo polas inmensas turbeiras e brezais que hai e que son un dos maiores reservorios de carbono de Europa. Pastan aquí vacas e cabalos en semi liberdade, neste espazo de incalculable valor natural onde nacen tamén os ríos máis importantes da Mariña lucense que van desembocar ao Cantábrico.

Tradicionalmente esta serra foi explotada pola gandaría (vacas e cabalos) que aínda veremos hoxe en abundancia,  no século pasado intentouse a plantación de piñeiros pero non se dan debido á dureza do clima. Actualmente, o gran recurso desta serra é a enerxía eólico e os aeroxeradores están por toda a serra.


Agora o sol deixa que vexamos esta fermosa imaxe:

Xa estamos de novo na parte baixa e a vexetación cambiou.

Pasamos polo lugar de A Xurrosa. Na ida pasamos tamén ao pé deste lugar pero polo lado de abaixo, ao pé da estrada, onde hai outras casas nas que vimos unha sola persoa.
A Xurrosa

Estamos xa moi cerca do final.

 Atopamos este peche para o gando que abrimos e volvemos pechar.

Conectamos coa estrada da ida pola que imos ata o final da ruta durante 1km. aprox..


 Dicir que ao remate desta ruta, fomos xantar ao Bar Petróleo en Roupar que nos quedaba de camiño (hai que desviarse da LU-540 moi pouco) Comemos un menú de domingo por 17€ (20€ con polbo e patacas) moi abundante e con moita variedade a elexir en primeiros e segundos, ademais no prezo tamén se incluía a sobremesa e o café. A atención e a limpeza son exquisitas tamén. Todo un acerto!!

Páxina web consultada:
https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/mures-habilita-dos-apartamentos-turisticos-lugar-coruxos/202604211505061963880.html










domingo, 11 de outubro de 2026

ÁREA RECREATIVA E ENCORO DE S. XOÁN E MIRADOIRO DO CORDAL DE MONTOUTO (GUITIRIZ)

 En Guitiriz teño feito varias rutas, todas elas ben fermosas e que se poden ver aquí:

SETE MUÍÑOS E RUTA DA AUGA E DA PEDRA

RUTA DA PEDRA DE DÍAZ CASTRO

RUTA DA AUGA

PONTE DE SA - IGREXA DE PÍGARA. (VILALBA/GUITIRIZ)

Polo tanto, esta vai ser a 5ª ruta que fago neste concello e ao igual ca as anteriores, non e deixou indiferente, todo o contrario.

Características:

Lonxitude: 9,9 km.

Dificultade : É unha ruta fácil. Só ten un pequenísimo tramo cunha imprtante baixada por derriba dunhas rochas.

Ruta circular. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Para esta ruta, desplaceime ata a parroquia de Os Villares, concretamente aparquei entre os lugares de As  Casas Vellas e Cabanacomba. A 1ª aldea pertence aos Villares pero a 2ª xa pertence á parroquia de Lagostelle.

Pasei ao pé da pequena aldea de Cabanacomba, xa na parroquia de Lagostelle.

Vou, de momento, todo por asfalto rodeada de árbores autóctonas.

Tan só en 1,5 km. chego á Área Recreativa de S. Xoán que me recibe cunha enorme variedade de ábores e un cartel con recomendacións, avisando que estou entrando nos Montes de S. Xoán e hai que respectar o entorno; non se permiten vehículos a motor sen autorización, tampouco recollida de cogomelos, depositar lixo...etc

Os Montes de Man común de S. Xoán de Lagostelle contan cunha extensión de 1120 hectáreas e inclúen a área recreativa e administran a Casa Forestal ou dos Comuneiros que vemos no fondo da foto.


Un chan cheo de ourizos e de quitamerendas.

A Casa Forestal ou dos Comuneiros foi rehabilitada no 2022. Noutra época este edificio albergou unha Aula da Natureza.

Unha área recreativa moi grande con bancos, mesas, grellas e unha fonte de pedra no medio de abondosa e variada arboreda: carballos, acivros, castiñeiros...

A idea primeira desta ruta era bordear o encoro de S. Xoán e xa voltar ao inicio pero vin que estaba moi preto do miradoiro do Cordal de Montouto e o día invitaba a seguir subindo, estaba despexado e non soplaba vento. Así que cambiei de plans e aló fun!


A medida que subía seguia vendo, sobre todo ao lado dereito a área recreativa con árbores e máis árbores...

A subida e moi lixeira e lévase ben. Algunhas árbores empezan a outonar...

Agora hai un piñeiral a un lado e outro da pista.

Observo que nas beiras da pista hai carballos plantados. Que marabillosa sombra darán dentro duns anos!!

Enlazo cunha pista que á esquerda me levaría ao Parque Eólico e Subestación de Montouto e á dereita vaime levar ao Miradoiro.

Xa estou na Cordal de Montouto. 



Xa podo ver o Miradoiro.

De camiño ao miradoiro haie dúas mesas e bancos de granito nss que se ve que non se senta moita xente. Os toxos cobren os bancos

O Miradoiro de Montouto ou dos Villares é unha fronteira natural entre as provincias de A Coruña e Lugo, separando os municipios de Guitiriz (Lugo) e A Aranga (A Coruña) Está a 728m de altitude.

O miradoiro ofrece unha  panorámicas limpas e boas.

 Teño que voltar de novo á Área Recreativa e podía volver por onde viñera pero como non me gustan nada as rutas que volven por onde xa coñezo, busquei a maneira, aínda que fose rodeando algo máis, de volver por outros camiños.
Primeiro baixei por esta trocha.

Ao remate da baixada o camiño cambia.

E agora hai unha subidiña importante pero moi curta.

Voltando a vista atrás, temos estas vistas:

Agora pillo á esquerda para enlazar coa pista pola que fun antes, cando subín dende a área recreativa. Cruzo por derriba deste paso canadense aínda que non vin animal ningún en todo o percorrido da ruta.

Estou a piques de enlazar coa pista de subida e ata a area recreativa irei uns metros polo mesmo percorrido.

Fermosa imaxe outonal na árbore do fondo e un acivro en 1º plano ben exuberante!!

Bordeo agora o encoro de S. Xoán por esta pista onde imperan os soutos e as carballeiras:

O encoro de S. Xoán é a maior masa de auga estancada do concello de Guitiriz, cunha superficie de algo máis de 3 hectáreas e abastece de auga a este concello.

Actualmente , o encoro semella baixo mínimos. Estamos en outubro e apenas choveu dende o verán. Eu vin fotos deste lugar con moitísima máis auga!

Non se pode pasar ao pé do encoro xa que aparece ben pechado o acceso pola pasarela que vemos. Así que máis abaixo hai un claro e sinxelo acceso.

Chego á estrada pola que antes cheguei a este lugar e agora deseguida pillarei un camiño á dereita.

Primeiro vou entre piñeiros.

Desemboco noutra pista na que semella que só se pode ir á esquerda ou á dereita pero hai que seguir de frente , cruzando a pista vemos ou máis ben intuimos un camiño.

Esta é a parte máis "complicada" da ruta: hai que baixar por derriba dunhas rochas. É un tramos moi pequeniño pero hai que facelo con precaución para non esvarar. Eu ás veces, senteime para non caer.

Deseguida nos metemos por este camiño de monte polo que se camiña ben.

Admiro este peche de monte. Canto anos levará aí?

Estou na Lomba de Outeiro onde se ven grandes rochas e notamos que non hai moito que cortaron leña.

Esta baixada lévanos á estrada.

Toca agora unha estrada local pola que irei ata o inicio/final da ruta.