Amosando publicacións coa etiqueta ruta de interior. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta de interior. Amosar todas as publicacións

luns, 22 de decembro de 2025

LOURENZÁ POLA CAPELA DA SANTA CRUZ

 Fixen polo concello de Lourezá 3 rutas, as dúas primeiras forman parte do Camiño Natural de S. Rosendo que pasa por aquí; e a terceira foi unha ruta compartida co concello veciño de Mondoñedo que abarcaba aldeas dos dous concellos.

A ruta que traio hoxe transcorre toda ela polo concello de Lourenzá e por unha zona totalmente descoñecida para min, pero no para os peregrinos do Camio Norte a Santiago xa que  a 1ª parte do percorrido comparte un tramo deste Camiño.

Lourenzá pertence á provincia de Lugo e dentro desta á comarca da Mariña Central. A historia destas terras está fortemente vencellada á do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, creado no S.X por Osorio Gutiérrez.

Características desta ruta

Lonxitude: 6,7 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar . O meu track en WIKILOC

Descripción da ruta:

Aparquei o coche moi preto da Ponte do Baos, unha ponte medieval de pedra e dun só arco tamén coñecida como a "Ponte de Pedra"

Por aquí pasa o Camiño Norte de Santiago e esta ponte é todo un símbolo neste concello e de feito loce no escudo da localidade. Por aquí pasa tamén o Camiño Natural de S. Rosendo.


O Camiño Natural de S. Rosendo segue de frente. Nós torcemos aquí á dereita.

Temos que cruzar a estrada que entra a Lourenzá e pillar esa pista de cemento en pendente que vemos na foto.

Rematado o cemento deseguida, empeza un camiño ata a capela de Santa Cruz.


Paisaxe que vemos indo cara á capela da Santa Cruz.

Xa vemos en frente a capela e á esquerda, o campo de fútbol da localidade.

Estamos en zona totalmente rural. Ao fondo a vila de Lourenzá.

Seguimos no tramo compartido co Camiño Norte de Santiago.



Vistas dende a capela da Santa Cruz.



A sinxela capela da Santa Cruz está no barrio da Tilleira. A lenda di que este foi o lugar dende o que o Conde Santo lanzou a pedra que decidiría o emprazamento do seu novo mosteiro.
Antigamente con motivo da Festividade da Santa Cruz en maio, celebrábase aquí unha romaría con merendas nos prados da contorna.

                                                                        Capela da Santa Cruz

Sigo o trazado do Camiño de Santiago só que ao revés.


Paisaxe totalmente rural. Á dereita, o barrio de Dodelle.


Á esquerda aló lonxe, queda Pousada, un lugar da parroquia de Santa Mª de Lourenzá.


Deixo o Camiño de Santiago pillando por este outro de monte.

Chego a un cruce onde se pode optar por calquera dirección, á dereita pasariamos por diante dunha casa e unha granxa. Eu sigo de frente.

Teño unha amiga que me di semopre que se aparecen loureiros, hai cerca vivenda e sempre se cumpre.
Antigamente críase que esta planta era máxica e axudaba a protexer das envexas e maledicencias e por eso na entrada a moitas aldeas antigas medra este arbusto que tamén era o empregado (aínda o é) o domingo de Ramos para que o bendigan.
"...nas aldeas cren que o loureiro despide efluvios que adozan o ambiente e que ten virtudes protectoras; e así aparece plantado preto de moitas casas campesiñas; e por iso penduran as súas pólas nas cortes, para preservar o gando de desgrazas e polo xeral é costume queimar poliñas de loureiro que se bendiciran na igrexa o domingo de ramos, supondo que con iso afástase o trono, a treboada e o raio ou chispa. Tense ademais coma purificador; e cando se sospeita que algunha cousa entrou na casa, afúmase con loureiro. Como símbolo quizais de triunfo, todos os construtores de vivendas en Galiza colocaban no máis alto das paredes da nova casa varias pólas de loureiro cando rematan de levantar os muros; e disque esta vella práctica engloba tamén o desexo de protección e ventura para o novo lar"
(https://gl.wikipedia.org/wiki/O_loureiro_na_cultura_popular_galega)

Estou na aldea de Painzás, onde atopei a Moncho (un home que vive na vila) paseando co seu can. El explicoume que nesta aldea xa non vive ninguén habitualmente. Hai xente que vive noutro lugar  cercano pero mantén aquí a casa e ten gando: galiñas, cabalos..

Vexo moitas veces esta imaxe: a casa practicamente en ruinas pero o cabozo mantense en mellores condicións: erguido, desafiante...como se o tempo non quixera pasar po el cando realmente hai moito que xa perdeu o seu uso.
Painzás

Poucas casas hai en Painzás. Debeu ser unha aldea ben tranquila.
Painzás

Por una pista baixo agora cara á vila.

Paso ao pé destas dúas vivendas en pedra nas que non debe vivir ninguén aínda.

Evitando sempre o asfalto na medida do posible, dende as casas anteriores en lugar de seguir a estrada, pillo un camiño á dereita (Tódolos camiños e pistas polos que andiven están ben acondicionados para camiñar. Agora, no inverno, hai tramos con algo de auga e barro pero pásase perfectamente)

Prados e plantacións de fabas. O val de Lourenzá ten un microclima especial moi favorable para esta legume que está considerada como unha das mellores de España. Nestes últimos anos aumentou moito a producción e é un sector en pleno auxe que cada ano celebra unha festa "A Festa da Faba" aló polos primeiros de outubro. Naceu no 1990 froito dunha iniciativa do concello para promocionar o consumo desta leguminosa e reune a produtores, compradores, consumidores...



Xa moi cerca da vila, desemboco no barrio de Dodelle.



Agora vou rodear as plantacións de "Viveiros Cabaleiros" empresa que se dedica dende 1941 ao cultivo de árbores e plantas ornamentales. Actualmente ten unha gran superficie de cultivo ao pé do Rego do Batán.

Despois de cruzar a Ponte das Cuñas, torcín á dereita e vin ao pé dunha casa un acceso ao río do Batán e alá fun. Andiven un pequeno tramo ao pé do rego pero dábame a impresión de que era un espazo privado porque por alí tamén se extendían as plantacións de viveiros Cabaleiros,pero preguntei e dixéronme que non , que se podía ir por aí.


O Rego do Batán é así chamado porque se pensa que no pasado houbo batáns á súa beira.

Imaxe do mosteiro. A súa fisonomía actual é do S. XVII. Despois da desamortización de Mendizabal no 1835, o mosteiro queda totalmente abandonado e no 1878 sofre un gran incendio.A artires de 1910 foi ocupado por monxes de Samos que desapareceron nos anos 40 do S. XX.

Estes torreóns forman parte do peche da finca do mosteiro.

A igrexa de Santa Mª data do S. XVIII e foi creada primeiro por Fray Juan de Samos e acabada por Juan de Casas e Novoa.


Foto tomada noutra ocasión, onde vemos a fachada pricipal da igrexa en estilo barroco que é considerada o precedente arquitectónico da fachada do Obradoiro da catedral de Santiago.
En perpendicular, o mosteiro de S. Salvador que hoxe alberga a Casa Consistorial.
Igrexa de Santa Mª e mosteiro de S. Salvador

Cando fixen esta ruta estaba colocada diante do mosteiro a "Vila do Nadal" elaborada de forma artesanal con restos de madeira sobre todo e algún outro elemento. Ten moito mérito o traballo que hai detrás e cada ano van aumentando o nª de figuras e elementos.










O mosteiro de S. Salvador foi fundado no S. X por Osorio Gutierez, " O Conde Santo"
Osorio Gutiérrez, alcumado o Conde Santo, era membro da nobreza altomedieval e recibiu herdanzas do seu pai, Gutierre Osóriz, e do seu tío, Nuno Osóriz, que tiñan amplas posesións na rexión. O 17 de xuño de 969 firmouse a carta de fundación, e o mosteiro adscribiuse á orde de San Bieito. Cando o conde enviuvou ingresou na comunidade de monxes, e xa con idade avanzada viaxou como peregrino a Terra Santa, de onde trouxo o seu propio sartego. Morreu ao pouco do seu regreso, e foi soterrado neste lugar.
(https://gl.wikipedia.org/wiki/Mosteiro_de_San_Salvador_de_Lourenz%C3%A1)

Outra imaxe da parte traseira do mosteiro.


 A pesares de estar separado do mosteiro, o Torreón dos Frades formaba parte das dependencias monásticas. Está construído en pedra, ten 2 plantas e remata nunha cúpula.


Páxinas web empregadas:
https://www.fundaciongaliciaverde.org/index.php
https://amarinalucense.gal/es/monasterio-de-vilanova-de-lourenza



venres, 5 de decembro de 2025

RUTA CIRCULAR EN CASTROVERDE DENDE VILABADE

 Levo feitas xa varias rutas neste concello e ningunha delas me decepcionou. Castroverde ten un variado patrimonio natural, monumental e cultural importante.

  • Amigos do Patrimonio de Castroverde, é unha asociación en defensa do Patrimonio cultural, natural, artístico, monumental e das tradicións populares de Castroverde. Actualmente realiza numerosas actividades co fin de mellorar e conservar o patrimonio do concello.
  • Esta ruta foi planificada por min.

Características desta ruta:
Lonxitude: 10,4 km. ( Equivoqueime no percorrido e fixen 1km. demais. Está explicado no track en WIKILOC.)
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. 

Descripción:
O inicio e fin desta ruta está na parroquia de Santa Mª de Vilabade, concretamente na igrexa parroquial, chamada "catedral de Castroverde" pola súa fermosura.  
A data que está documentada da súa fundación é do S.XV aínda que antes aí houbese un convento fundado por S. Francisco de Asís no seu peregrinar cando voltaba de Santiago cara a Oviedo no S. XIII. O convento foise deteriorando por falta de medios económicos e os frades marcharían a Lugo quedando só a igrexa no S. XIV.


Igrexa de Santa Mª de Vilabade

Houbo unha refundación no S. XV e o seu estilo pertence ao gótico, aínda que en séculos sucesivos fóronse realizando reformar en estilos neoclásico e barroco.
A fachada é un claro exemplo neoclásico.
Esta igrexa pasou polas mans de varios propietarios, sendo os primeiros a congregación franciscana. Cando se refundou no S.XV, foi grazas a unha inversión de Fernando de Castro, e pódese atopar o seu escudo nas roelas do pórtico. Poucos anos máis tarde o cabildo de Lugo consigueu a  súa propiedade tras un pleito, e no S.XVI o bispo Osorio engadeu o seu escudo no tímpano do frontón. No 1760 os descendentes de Osorio edifican o Pazo de Vilabade xunto á igrexa, creando un conxunto único. Dende 1979 considérase Monumento Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural.

A fachada neoclásica.

Xunto á igrexa hai unha fonte restaurada nun recuncho da rúa con bancos para descansar.

Case pegado á igrexa está o Pazo de Vilabade formando un ángulo con ela.
Actualmente este pazo é propiedade da familia Abraira-Arana (na década dos 60, Sabino Abraira foi alcalde de Castroverde) Neses anos, o pazo sufreu unha restauración pois case estaba en ruinas e no 1990 volveron a reformalo. Ámbalas dúas reformas foron impulsadas pola muller de Sabino, Teresa de Arana.
O pazo, reformado como aloxamiento turístico en 1995, fixo a Teresa merecedora do premio Pedra do Destino e revive cada verán coa chegada dos seus propietarios, que o habitan "hasta que llega el frío".
Pazo de Vilabade

Despois de contemplar as anteriores belezas, inicio a ruta seguindo o Camiño de Santiago Primitivo que chega aquí dende O Cádavo.


Aos poucos metros deixo o Camiño de Santiago que vai cara ao albergue de Castroverde e métome por unha estrada máis local e sen tránsito ningún.

Como embelecen os percorridos agora no outono as árbores autóctonas de folla caduca!!

Estou nas aforas da vila que me queda xa moi cerca, á esquerda.

Entrando na vila pola zona do colexio admiro este mural pintado polo artista lucense Diego As, mundialmente recoñecido polo mural  de Julio César en Lugo. A pintura que representa a Hipatia de Alexandría está nun dos muros do CPI da vila.
Hipatia de Alenjandría foi filósofa e matemática, defensora do coñecemento e da pluralidade de creenzas, brutalmente asesinada polas súas ideas desafiantes do poder establecido.

Deseguida chego á Praza do Concello onde está a Casa Consistorial e a Igrexa de Santiago. O centro da pequena praza está ocupado por unha fonte chamada "A Fonte dos Nenos", esculpida por Primitivo Mallo. Representa uns nenos gardándose da chuvia debaixo dun paraugas
Praza do concello

A Igrexa de Santiago é  moderna, do  S. XX, feita sobre unha anterior.
Igrexa de Santiago

Vou pola chamada "Rúa Campo da Feira" onde hai un curto paseo en madeira que hoxe, debido á recente chuvia, estava moi esvaradío.

Ao remate deste curto paseo, á dereita temos o Campo da Feira onde me sorprenden varios pendellos restaurados grazas ao labor de Amigos do Patrimonio de Castroverde que se ve que traballan polo seu concello. Estes pendellos antigos estaban desfeitos e esmendrallados cando se restauraron no ano 2006.

Pendellos no Campo da Feira

Cada dous domingos celébrase aquí unha feira  na que destacan os postos de roupa, alimentos, ferramentas e polbo.
Pendellos no Campo da Feira

A finais de agosto tamén se celebra aquí unha feira de artesanía e gastronomía.
Pendellos no Campo da Feira

Antigamente escollíanse para celebrar as feiras zonas con arboredo, sobre todo carballeiras coma neste caso e para resgardarsedas inclemencias climáticas construironse en moitos lugares casetas coma estas restauradas.

Estes son os segundos pendellos de feira que eu coñezo. Os primeiros que vin están na Golada (Pontevedra)

Cruzando a estrada anterior, xa temos a piscina municipal e ao pé da mesma, á Área Recreativa Veiga da Lomba.



Esta área recreativa foi creada en 1993 e ofrece bancos. mesas, fontes, grellas, parque infantil e esculturas artísticas.

                                           Área Recreativa Veiga da Lomba

O lugar foi mellorado coa plantación de máis de 800 árbores autóctonas.
 Área Recreativa Veiga da Lomba

Toda a área abarca unha superficie de 138215 m. cadrados.
                                                   Área Recreativa Veiga da Lomba


É unah área recreativa inmensa e moi limpa e coidada.
Área Recreativa Veiga da Lomba
 
Abandono a área recreativa no medio deste entorno outonal precioso!
 
E agora diríxome ao Monte da Lomba que está a só 400m. dende a área recreativa anterior.
Camiño ao Monte da Lomba

No cume do monte, instalaron un miradoiro de madeira. En días coma o de hoxe que había pouco que chovera, vóltase moi perigoso. O chan esvaraba moitísimo!


Vistas espectaculares dende o Miradoiro da Lomba!

Vemos castelo de Castroverde, unha fortaleza do século XIV que pertenceu a Álvaro Pérez Osorio, por doazón de Henrique II de Castela. Un século máis tarde apoderouse do castelo Sancho Sánchez de Ulloa, conde de Monterrei, e trala súa morte herdouno a súa curmá Isabel de Castro. Xa no S. XVI, Lope Osorio de Moscoso, da casa de Altamira, mercou o castelo, a vila e mailas terras. Actualmente é propiedade privada.

Vistas moi outonales dende o miradoiro.

Non sabía moi ben onde estaba o camiño de baixada que eu levaba planificado no track, pero atopeino deseguida-.

A baixada é por unha carballeira na que ás veces se perde o camiño e aparecen varios carreiros a seguir que parecen confundir. Pero NON PREOCUPARSE! É moi doado sair de aquí porque en todo momento oes o ruído de coches e vida que hai moi cerca, a vila de Castroverde está moi, moi cerca e polo medio das árbores vense as casas. Aínda que s epode baixar por varios sitios, o mellor é tirar cara Á ESQUERDA.

Son 200m. ata que xa vemos a estrada.

Ao remate da baixada atopamos unha fonte nun fermoso entorno.

E ao pé da anterior hai outra e tamén  un lavadoiro. Dende aquí, en lugar de seguir cara á Praza do concello que xa vemos, damos a volta polo mesmo camiño.

Estamos de novo no Camiño de Santiago.

Cruzamos a  LU-560 con moito xeito xa que é a estrada que vai a Lugo e leva moito tráfico.

En tan só uns metros, deixamo o Camiño de Santiago para xirar á esquerda.


Fermoso camiño tradicional co outono en todo o seu esplendor.

Desemboco na estrada LU-P 1611

Teño que ir por esta estrada durante algo máis de 1km.

Atópome na parroquia de Bolaño e vexo a torre da súa igrexa. Teño que organizar unha ruta por esta parroquia xa que lin qué é unha das máis fermosas da provincia de Lugo.

Deixo a estrada LU-P 1611 para pillar á dereita en Bolaño.



Esta estrada vaime levar en 2,5km. ao punto de inicio e xa non fago máis fotos porque empeza a chover con ganas!

Páxinas web consultadas:

https://vivecamino.com/castroverde/catedral-castroverde-iglesia-santa-maria-vilabade-3592/
https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/viaje-pelicula-meta-vilabade/202508170500001901549.html
https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/anido-autor-mejor-grafiti-mundo-lugo-pinta-rostro-hipatia-cpi-castroverde/202202212222391559639.html
https://xurdemoran.blogspot.com/2015/09/castroverde-antigua-santiago-vilarino.html
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2024/03/campo-da-feira-castroverde.html