Amosando publicacións coa etiqueta Abadín. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Abadín. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de setembro de 2025

SERRA DA CARBA DENDE ARCA (ABADÍN)

 A Serra da Carba está considerada como unha parte do Xistral, un apéndice deste. Abarca varios concellos: Xermade, Vilalba, Abadín...e o punto máis alto da mesma é o Monte Monseivane.

Hoxe fixemos unha ruta pola Serra da Carba partindo dende a aldea de Arca, na parroquia de Montouto (Abadín)

Características da ruta:

Lonxitude: 10,5 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. Necesario seguir este track que deixo en WIKILOC

Descripción:

Xusto despois de pasar a aldea de Arca vindo dende Mondoñedo, aparcamos o coche nunha explanada que hai á esquerda ao pé da estrada.

Empezamos subindo e deixamos atrás Arca.


O día loce precioso aínda que con algo de vento. Esta ruta xa fixeramos outro día no que tivemos pouca sorte, xa que había moita néboa que impedía ver nada; por eso a repetimos hoxe.

A medida que imos subindo, as vistas son espectaculares.

Pegocavado, A Veiga, Alaxe...aldeas todas da parroquia de Montouto que imos vendo ao lonxe, nun val do Xistral.
Aldeas de Montouto e Serra do Xistral

Chaman deseguida a nosa atención os prados tan verdes neste verán tan seco que levamos. Onde nós vivimos (á beira do mar) os prados está todos secos. Nótase que o clima aquí é diferente pola altura.

O fermoso azafrán de montaña, tamén chamado "quitamerendas" ou "espantapastores" florea nesta época de remate do verán. Aínda que moi semellante na flor ao azafrán que consumimos como condimento, este no ten nada que ver xa que é tóxico.
Azafrán de montaña

Hoxe poidemos desfrutar de impresionantes vistas:

Unha paisaxe formada por un pequeno val rodeado de suaves ondulacións montañosas.

Vimos cabalos en liberdade.

Na foto seguinte, estamos no punto máis alto da ruta: a case 1000m. de altitude. Estamos no Parque Eólico Monseivane.


A partires de aquí, empezamos a baixar.

De súpeto atopamos un piñeiral.

Hoxe no medio dos piñeiros pastaban as vacas.

O día que fixéramos esta mesma ruta, pero con néboa, víramos voitres que sobrevoaban os piñeiros.

Varios regos cruzan a Serra da Carba.

Seguen chamando a nosa atención os prados tan verdes nesta época, estando tan secos na nosa zona. Aquí o gando non pasa fame.

Seguimos baixando e contemplando unha paisaxe ben fermosa, eso si, case non se pode sacar unha foto sen que aparezan aeroxeradores!

Vacas pastando a uns 800 m. de altitude.

Seguimos en baixada por unha cómoda pista.

Fermosa paisaxe que atravesa o Rego Ferveiro.

Aló embaixo vemos Sisalde que pertence á parroquia de Labrada. En Sisalde no 2023 só había 1 habitante.

Do gando que vimos, destaca o vacuno. Son vacas do país que deben durmir fóra.

Un prado cun peche tradicional moi antigo composto por un muro de pedra seca e, ao lonxe, por unhas laxas grandes.


Entre as lombas que vemos, pasa o Rego de Labrada.

Un pouco máis abaixo temos que atravesar o rego anterior, o de Labrada. Leva pouca auga e foinos doado de cruzar por riba dunhas pedras.

O camiño polo que acabamos de baixar.

O Rego de Labrada baña, xunto con outros, a Serra da Carba.

A pista pola que víñamos remata aquí. Agora hai que atravesar un prado polo que se ve que foi no pasado un camiño.

Chegamos a un pequeno curro e, neste mesmo lugar, o prado aparece pechado con arames.

Parecía máis difícil abrir o paso que hai que atravesar entre os arames, así que agachándonos pasamos por debaixo deles.

Esta longa pista vai levarnos á estrada LU-P 0104. Ao lonxe vemos Arca a onde temos que chegar. Alí temos o coche.

Fermosa paisaxe chegando á aldea de Arca que está a 835m .de altitude.

Un gandeiro viña de recoller as súas ovellas. A noite está cerca.

A Cruz da Arca na mesma beira da estrada, nun alto, chama a atención porque lle falta a parte de arriba, a chamada "cúspide"  Uns metros máis adiante xa temos o coche.


martes, 26 de agosto de 2025

SERRA DO XISTRAL DENDE MONTOUTO (ABADÍN)

 Santa Mª de Montouto é unha parroquia do concello de Abadín aos pés da Serra do Xistral contando cos montes máis elevados do concello, con pastos que alimentan gando vacuno e cabalar. Tamén posúe esta parroquia varios parques de enerxía eólica.

Dende o lugar de Carboeiro iniciamos hoxe a nosa ruta.

Características:

Lonxitude:10,2 km.

Dificultade: moderada, non polo percorrido pola Serra que é doado e vai todo por asfalto, se non pola segunda parte da ruta que vai por algún camiño con certa dificultade como xa explicarei.

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Deixo o coche moi cerca do núcleo de Carboeiro.


O día promete unha ruta preciosa.

Primeiro avanzo entre árbores, carballos e bidueiras.

O Xistral e os seus redondeados cumes:

Hoxe madruguei e as fotos saen cun contraste típico das primeiras luces.



Paso ao pé da subestación eléctrica do Refachón.

Voltando a vista atrás, podo ver Montouto coa súa igrexa parroquial aló no fondo.

Non vin ningún cabalo nesta ruta. Si bastantes vacas.

 Nesta parte pola Serra, camiño sobre asfalto. Son estradas creadas para dar servizo aos parques eólicos e a súa parte positiva é que grazas a elas poido coñecer esta serra porque facelo campo a través cruzando prados ten o risco de que hai peches ás veces difíciles de abrir e ademais non é convinte pisar as turbeiras que poda haber.

Que gusto, desfrutar do Xistral! Tan cerca e apenas o coñecía.

É practicamente imposible sacar unha foto na que non saian aeroxeradores.

Aí embaixo, vese perfectamente o trazado do río Eume aínda que nesa foto non se ve a auga. Aquí nace precisamente este importante río.

Ao lonxe vense masas de piñeiros.

"Xistral es un caso paradigmático de destrucción de ecosistemas naturales por parte de parques eólicos"(Javier ferreiro, investigador do IBADER, Instituto de Biodiversidade Agraria e Desemrolo Rural)


O maior número de parques eólicos de Galicia está na Serra do Xistral.  "...la instalación de parques eólicos sobre turberas de cobertor en los últimos 25 años supone una amenaza para su mantenimiento en un estado de conservación favorable, ya que afectan a su funcionalidad ecológica, a las condiciones del suelo, a la biodiversidad del hábitats y, en definitiva, a su capacidad de almacenamiento de carbono".
Las turberas de cobertor gallegas han sufrido graves e importantes alteraciones en su superficie como consecuencia de la masiva implantación de parques eólicos instalados entre los años 1999 y 2012, a pesar de que la mayoría de los emplazamientos fueron incorporados a la Red Natura 2000 desde 1999.(https://www.rebeldes.info/)

De frente, os Montes da Lomba.

Paso ao pé doutra subestación, a de A Lomba.

Paso polos Montes da Balsa, deixando xa atrás a Serra do Xistral.


E se imaxinamos os cumes sen aeroxeradores?

O gando pacendo os montes: unha boa protección contra os lumes.

O color dos prados en agosto como consecuencia deste seco verán. Ao lonxe parece que o azul é o mar, pero non. A foto está sacada cara a Vilalba.

Deixo o asfalto pillando un camiño á esquerda.

Atopo un peche limitando unha finca pero é moi doado de pasar. 

O camiño anterior enlaza con este que baixa a un rego.

O Rego das Peles que teño que cruzar. Nesta época non hai problema, leva pouca auga. Noutro momento de chuvias non sei eu como se pasará...
Rego das Peles.

Na foto, o camiño polo que acabo de baixar, os secos prados e as árbores e 1º plano delatando que aí hai auga: é o Rego das Peles que acabo de cruzar.

Este é o tramo peor da ruta. Este camiño ten moitos toxos pero eu pasei pola beira con coidado.

Que fermosas paisaxes deixa esta ruta!

Agora cambiou o camiño, está mellor acondicionado e é máis ancho.

Aves rapazas que sobrevoan por derriba de min.

Agora teño á vista a parroquia de Montouto e a Serra da Carba.

Conecto coa estrada que deseguida me vai levar ao punto de inicio.

Unha estrada con moita sombra de carballos.