Amosando publicacións coa etiqueta ruta lineal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta lineal. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de xaneiro de 2024

DE PIORNO AOS FORNOS S.L. AS 13 (S. MARTÍN DE OSCOS)

 Neste concello dos Oscos xa fixéramos esta ruta:

SENDA VERDE (PR-AS 243)

Hoxe voltamos a S. Martín a facer unha ruta moi curta pero intensa, debido aos desniveis con subidas e baixadas continuas e ao chan irregular con pedras soltas en moitos casos que en días húmidos coma o de hoxe, hai que ter moito coidado coas caídas.

A ruta é moi fermosa, remota, por antiquísimos carreiros desfrutando de montañas, cascadas, árbores como carballos e castiñeiros e sobre todo moitas uces. Vendo aló embaixo o canón do río Soutelo e pequenas aldeas diseminadas ata chegar aos fornos onde se calcinaba o mineral extraído nos xacementos de ferro que existiron nesta zona.

Características da ruta:

Lonxitude: 5 km.

Dificultade: moderada debido ao chan irregular e con pedras nalgún tramo que en tempo húmido pode producir caídas. Hai tamén desniveis importantes en subidase baixadas.

Ruta lineal perfectamente sinalizada. Eu deixo igualmente o meu track en WIKILOC

Descripción:

Para nós foi difícil chegar ao inicio da ruta en Piorno. Íamos do lado de Vilanova de Oscos e dende aí mandounos o google maps por unhas pistas que ás veces eran camiños e non pasa calquera coche. Moito mellor sería ir ata S. Martín de Oscos e dende aí ir sempre por estrada asfaltada.

Piorno é unha pequena aldea da parroquia de Labiarón que no 2021 tiña un só habitante. Nós non vimos a ninguén.

Na foto vemos o punto onde empeza a ruta que está moi ben sinalizada.

Á nosa esquerda, nun alto, vemos a capela de Piorno que debe levar moitos anos sen que aí se celebre ningún oficio relixioso.

A esta pequena aldea que semella totalmente abandonada e a maioría das casas está en ruina, chegou a 1º estrada no ano 1992.

Antes da estrada, o que son as cousas!!😐😐chegou a Piorno o teléfono. No ano 1986 instalaron un teléfono público de placa solar que alonxou a incomunicación dos veciños deste lugar co resto do mundo. No ano 1990 chegou aínda a luz.

A ruta empeza subindo por un carreiro á esquerda. Está moi ben sinalizado.

Empezamos por un carreiro fermoso dos que antes había.


Valados de pedras que delimitaban fincas e o outono que aínda se nota nos carballos.

A néboa na zona do río...

A ruta estanos parecendo moi, moi fermosa.


Vemos montañas con vexetación e montañas de pura rocha. O camiño tamén se complica por veces e faise esvaradío.


Vemos esta cascada que forma o Rego de Cabalelle.



Imos ganando altura e a paisaxe é agora máis aberta. A vexetación que predomina está formada por brezales.

Tamén abundan as xestas ou piornos. O nome da aldea da que partimos leva o nome de Piorno. Será pola abundancia desta planta?

 
Tamén me chamou a atención este tipo de musgo.

As árbores no inverno cheas de liques, tamén teñen o seu encanto.

Unha inmensa rocha fai de espléndido miradoiro natural.

Na ladeira do monte frente a nós, vemos unha alvariza. (Cercado de pedra para gardar as colmeas dos ataques dos osos e outros animais)

Na foto seguinte vemos como é o carreiro nalgúns tramos. Moito coidado se está húmido o chan!!

Toca unha boa baixada. Despois será subida...

Vemos outra cascada moi cerca xa dos fornos.


Os fornos de calcinación do mineral son o final desta ruta. Mías para aló xa non hai camiño nin carreiro e hai que voltar polo mesmo sitio.

A minaría foi unha actividade que se desenrolou na zona dende tempos prehistóricos. Antes da conquista dos romanos, os poboadores desta rexión xa buscaban pepitas de ouro nos  ríos. Pero foi tras a chegada destes cando se potenciou esta industria. O mineral que aquí se calcinaba era o ferro.

Na década dos anos 50 do S. XX, a minaría era unha das principais actividades económicas do concello de S. Martín de Oscos.

Cando emprendemos a volta o sol quere sair e ilumina o cume das montañas.

Pasamos de novo polo miradoiro natural, agora a foto é dende o outro lado:


Volvemos ver o canón que forma o río Soutelo agora sen néboa. Este río é un afluente do río Ahio.

Unha foto que mostra o complicado que volve ás veces o chan.

Xa vemos Piorno, unha aldea que debeu ter sobre unhas 10/12 casas. A maioría delas están en ruinas.



O fermoso rego, ao pé da aldea.


Poñemos fin a esta fermosa ruta abandonando Piorno, esta aldea que se foi despoboando e na que viveu xente no pasado en ben duras condicións de vida pero nun entorno precioso cheo de tranquilidade.




Páxinas web consultadas:

https://mas.lne.es/aquella-asturias/media/pdf/A1-22674111-1.pdf

https://oscos-eo.net/node/2974

https://www.lne.es/occidente/2007/10/09/san-martin-oscos-recupera-minas-21821120.html

mércores, 25 de outubro de 2023

RUTA DOS MUÍÑOS DE NARÓN

Nunca foramos ao concello de Narón facer ningunha ruta e tocou hoxe. Narón é un concello situado na ría de Ferrol e limítrofe con esta cidade na provincia de A Coruña e comarca de Ferrol. Conta con case 40000 habitantes que o converten nun dos concellos máis poboados de Galicia só por detrás das grandes cidades. A ría de Ferrol, formada pola desembocadura do río Xuvia, separa Narón dos concellos de Neda e Fene que ten en frente.

Na ruta que hoxe fixemos coñecimos a grande importancia que tiveron os muíños do concello (especialmente o Muíño de Xuvia) como motor industrial da zona na metade do S. XIX.

Características:

Lonxitude: 18km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal moi ben sinalizada.

De tódolos xeitos deixo o meu track porque varía no tramo de 1km. aprox. do resto dos traks que vin. (Nós fomos nese km. pegados ao río e os que mirei van pola estrada)

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Climatolóxicamente, o tempo estaba variable, non se predecía chuvia para a mañá pero si a partires das dúas da tarde e así sucedeu.

Esta ruta arranca dende o mosteiro de S. Martiño de Xuvia tamén chamado Mosteiro do Couto, por aquí pasa tamén o Camiño Inglés.

S. Martiño de Xuvia foi unha parroquia ata que pasou a convertirseno 2010 no actual barrio de O Couto dentro do concello de Narón

A construcción do mosteiro é do S. IX, pero a época do seu máximo esplendor acadouna coa súa incorporación á Orde de Cluny no S. XII, tras unha donación da familia Traba. Anteriormente, na Idade Media, os monxes benedictinos fixéronse cargo tanto da igrexa como da casa rectoral. 

Mosteiro de S. Martiño de Xuvia ou do Couto
Este mosteiro chegou a ser un dos principais da Península e del só se conserva a igrexa románica do S.XII aínda que a fachada e a torre son do S. XVIII. Os poucos restos que quedan do mosteiro, a igrexa parroquial e o edificio anexo que foi a casa rectoral, foron declarados Ben de Interese Cultural (BIC) no 1972.
Na seguinte foto vemos a entrada á igrexa pola porta románica que ten unha construcción inusual pola triple arquivolta que ten.

No exterior vemos un sarcófago do S.XI. Outros restos do antigo mosteiro están pola parte de atrás da igrexa e da casa rectoral e non poidemos velos.
Sarcófago
Aquí, ao pé do mosteiro, hai un pequeno aparcadoiro onde deixamos os coches. Vemos un cruceiro e unha estatua dun anxo.

O mosteiro está situado nun lugar privilexiado sobre a ría que agora, uns metros máis adiante, vemos perfectamente. A ponte que vemos une os concellos de Neda e Narón. O río Xuvia que está debaixo fai de fronteira natural entre os dous concellos.
Ponte da autovía

Empezamos camiñando por unha pista e cruzaremos por debaixo da autovía.

Baixamos ata o Muíño de Mareas e o 1º que vemos é río de Santa Cecilia ou Río Freixeiro que vai desembocar no Xuvia. O tramo final deste río recibeu múltiples agresións no pasado: urbanísticas, de vertidos de augas residuais urbanas, talas da ribeira, desvíos e canalizacións en formigón. Todo esto está tratando de  cambiarse dende hai un tempo.
Río de Santa Cecilia
Xunto ao Muíño de Mareas atopamos a Ángeles unha muller que vive en A Coruña pero moi vinculada a Narón xa que ten raíces neste concello e a casa que está ao pé do muíño é propiedade da súa familia. Moi amablemente invitounos a coñecer a súa casa e o inmenso prado que ten na parte de atrás da mesma. Moitas grazas, Ángeles, pola túa cortesía e locuacidade. Sempre digo que como se aprende máis é falando cos veciños do lugar ou que teñen relación con el.
Charlando con Ángeles
Na foto seguinte, unha imaxe da casa de Ángeles.

Este muíño que agora é de titularidade municipal dende 2021 verá rexenerado o seu entorno co proxecto que en abril deste 2023 licitou o concello de Narón. Na foto vemos a presa que é enorme e permitía moer inxentes cantidades de trigo.

Vista do muíño das Aceas e parte da súa grandísima presa. Este muíño de mareas é do S. XVIII e xunto ao muíño de Xuvia, que veremos máis adiante, formaba parte da importante rede de moenda industrial francesa sendo ámbolos dous declarados Reais Fábricas por Carlos IV en 1798.
Utilizaba como forza motriz a enerxía combinada de ríos e das mareas a partires da auga que acumulaba, cando a marea subía, na súa enorme presa.

Muíño das aceas

Fomos dando a volta á enorme presa onde había varias lanchiñas.

O ano pasado 2022, este túnel do Paseo Fluvial de Narón foi pintado durante unha fin de semana que acolleu unha competición da Liga Nacional de Graffiti neste concello.

Na foto de abaixo está o graffiti ganador, obra de Nauni69.
"El camino es más importanmte que aquello que te llevó a caminar"

Este que vemos titúlase "La dama de Galicia"

O que vemos a continuación quedou en 3º posto
.

Empezamos agora o percorrido polo paseo fluvial de Narón ao pé do río Xuvia. Hai un carril para peóns e outro para ciclistas que nesta mañá de domingo estaba moi concorrido. Separando os dous paseos, hai plantados ligustros.

O paseo desemboca nunha ampla zona verde que se abre agora con varios camiños de grava e onde vimos un parque infantil, unha zona de aparellos de xinnasia para maiores, bancos, estatuas... A vila que vemos ao fondo xa é Neda. O río separa os dous concellos.

A pasarela do Xuvia é unha ponte peonil na desembocadura do río e que une os concellos de Narón e Neda.
Ponte peonil
Este paseo fluvial está cheo de atractivos. En frente, Neda.

No remate do paseo vimos este magonolio centenario que forma parte do catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia e é unha das árbores máis vellas de Europa. Ten un tronco de máis de 6 m. de perímetro. Segundo nos contou un veciño da zona, foi plantado para perxudicar a vista dos habitantes da casa de enfrente que eran da mesma familia pero estaban enemistados.
Magnolio de Xuvia
Cruzamos a estrada AC-862 ou estrada de Castela, moi coñecida pola cantidade de bares que ten ás súas beiras  en 7 km. dende Narón a Ferrol e xa vemos o Muíño de Xuvia, un muíño fariñeiro construído no S. XVIII e que a mediados do S. XIX era o muíño, dentro dos da súa clase, máis productivo de España. O seu sistema de molturación permitía obter fariñas de distintas clases. Esta elevada prucción permitía abastecer de fariña a Ferrol e comarca e exportar excedentes. Foi o xerme dunha próspera revolución industrial na comarca. Anos máis tarde este muíño chegou a mover unha fábrica de papel, unha de tecidos e unha de laminados de cobre.
Foi rehabilitado no 2021 e funciona como museo. "En el interior del Molino de Xuvia, en Narón, encontramos un museo de reciente creación que ha sido rehabilitado para albergar una muestra dedicada a la industria harinera y explicar el funcionamiento de los molinos. Este molino fue el pasado siglo XIX uno de los más importantes de toda España por su gran capacidad de producción". (https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/molino-de-xuvia-naron-27887.html)
Muíño de Xuvia

Agora empezamos o percorrido máis natural onde non imos atopar a ninguén e camiñaremos pegados ao río.
Gaivotas revoando ao pé do muíño

O Río Xuvia, tamén chamado Río Grande de Xuvia, nace no concello de Somozas. Despois de atravesar os concellos de Moeche e S. Sadurniño cun percorrido de 31 km. desemboca entre Xubia (Narón) e Neda formando a ría de Ferrol.
Río Xuvia
 Neste tramo, camiñamos sempre pegados ao río. A vexetación é exuberante.
Río Xuvia

A Presa do Rei, así chamada en honra do rei Carlos IV, foi construída a finais do S. XVIII para mover a maquinaria da Fábrica da Real Casa da Moeda de Xuvia. A zona onde se atopa é ZEC (Zona de Especial Conservación) Actualmente a presa produce electricidade para a fábrica Galicia Téxtil, empresa instalada no mesmo edificio no que estivo a Real Casa da Moeda. Dedícase a fabricar toda clase de fibras téxtiles e as súas mezclas: algodón, poliester, liño...

Presa do Rei
Subimos as escaleiras de madeira que nos van alonxar momentaneamente do río durante 1km.

Camiñamos pola estrada local 1km. 


E volvemos ao río Xuvia de novo. Vemos freixos e loureiros na foto.

Tamén vimos moitos carballos e outras moitas árbores autóctonas.

Nun momento determinado, o carreiro xunto ao río desaparece e hai que sair á estrada. Andivemos só uns metros e xa voltamos de novo xunto ao río. Estes día atrás houbo temporal de vento e chuvia que arrancou de raiz este carballo.
Carballo que houbo que sortear

Voltamos ter que sair á estrada e aos poucos metros atopamos o sinal de continuar por ela, pero nós vimos un carreiro xunto ao río moi ben definido e decidimos ir por aí aínda que os sinais están por algo neste caso e é que o percorrido que fixemos ía demasiado pegado ao río (seguro que en época de moita chuvia non se pasa) hoxe estaba moi esvaradío e ademais había obstáculos de varias árbores caídas.
Nós fomos polo sendeiro da beira do río

O carreiro por aquí é algo perigoso. Hai que ir con moitísimo coidado de non caer ao río porque sobre todo estando húmido é moi esvaradío. Mellor pola estrada como o sinal mandaba.

Cruzamos a estrada pola que nos mandaba o sinal e seguimos xunto ao río.

Chegamos deseguida ao Muíño de Entrerríos, chamado así porque coincide a súa ubicación onde o río Castro desemboca no Xuvia. Na foto seguinte, nós imos pegados ao río Xuvia e de frente, na ponte ao pé do muíño, ven o río Castro a desembocar no anterior.
O Muíño de Entrerríos foi construído no ano 1929. Constaba de 4 moas nunha única sala de formigón , o que era unha novidade na época. Foi un muíño de maquía (propiedade dunha familia que se quedaba cunha parte da moenda como pago) Estivo funcionando ata  os anos sesenta.
Muíño de Entrerríos e o Castro desembocando no Xuvia.

Cruzamos a ponte sobre o Xuvia:
 
Aquí hai unha área recreativa que foi hoxe o noso comedor aínda que estaba empezando a chover.☔☔☔

Seguimos o percorrido despois do xantar. Seguimos pegados ao río pero agora é o Castro o que nos acompaña.
Río Castro

Unha fermosa cascada no río Castro:

A Ponte de Pielas sobre o río Castro está na parroquia de Doso. É unha ponte medieval de pedra que foi imprescindible durante séculos porque era o único sitio de paso sobre o río nesta zona. 

Alonxámonos definitivamente do río Castro.


Chegamos a un punto que vemos a Área recreativa de Pedroso, final do percorrido e á que poderiamos acceder dende aquí mesmo por unha ponte que cruza o río. Nós decidimos facer a ruta ata o final, como está oficialmente marcada, así que aínda quedan uns 2 km.

Outro punto sinalado do percorrido é a Fonte de Odín tamén chamada Fonte Gaván ou Fonte do Carballo de Auga Quente por brotar a súa auga das raíces da árbore chamada "O Carballo de Edratil". A verdade é que non sei se antes había algún carballo importante; na actualidade, a fonte máis ben parece un pequeno rego que brota entre felgos e loureiros. Carballos, só vimos un moi pequeno que apenas se percibía.

Case nunha completa ruina, ao pé da fonte está a vella igrexa de S. Lourenzo de Doso.
Antiga igrexa de S. Lourenzo de Doso
Damos a volta sobre os nosos pasos ata chegar de novo a un cruce e seguimos os sinais para ir cara a Área Recreativa de Pedroso.

Hai pontes que cruzan o río (volvemos estar xunto ao Xuvia) No 1º plano estamos na parroquia de Pedroso, se cruzamos a ponte estamos na de Doso.
Área recreativa de Pedroso
Nesta inmensa área recreativa hai todo o necesario para desfrutar dun día en familia ou con amigos: barbacoas, mesas e bancos, unha cafetería (só debe abrir en verán, hoxe domingo estaba pechada) un parque infantil, aseos...
Área recreativa de Pedroso

Este muíño situado na área recreativa é o último que veremos xa que a ruta finaliza aquí. O Muíño de Pedroso ou de Chao é de principios do S.XIX, ten 3 infernos e un forno para o pan. Foi rehabilitado no 1999 ao mesmo tempo que se creou a área recreativa. O muíño é actualmente un espazo etnográfico onde se realizan diversas actividades que ensinan o ciclo de elaboración do pan.
Muíño de Pedroso

E por último, e aínda que non son aficionada ao mundo micolóxico, chamoume a atención este cogomelo en forma de flor! Buscando información aprendín que se chama vulgarmente "Seta de Chopo"

Páxinas web consultadas:
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/molino-muino-de-chao-o-muino-de-pedroso/
http://turismo.naron.es/es/conoce-naron/que-visitar/espacios-naturales/monasterio-de-o-couto