Amosando publicacións coa etiqueta Ourol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ourol. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de xaneiro de 2025

FERVENZA DO XESTOSA (OUROL)

 Eu xa coñecía esta fermosa fervenza pero indo en coche; nunca fixera unha ruta por esa zona. Busquei e rebusquei a maneira de facer un itinerario que me permitise ir á cascada pero facendo unha ruta circular e planifiquei no WIKILOC unha ruta curta pero moi prestosa!

Características da ruta:

Lonxitude: 5km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en WIKILOC

Descripción:

Para facer esta ruta circular, empezamos e finalizamos na antiga aldea do Viso. Na estrada que remata aí, hai xa case chegando á restaurada aldea, lugar para deixar o coche á beira da estrada.

Beira da estrada que vai ao Viso, onde aparcamos.

Voltamos por onde acabamos de subir co coche ata chegar á estrada LU-540 e torcemos á esquerda.

Xa vemos o letreiro que nos indica a fervenza.

A baixada á fervenza é polo medio dun piñeiral. Estamos case na parroquia de Muras.

Piñeiral de baixada á cascada

O río Xestosa, tamén coñecido como Xanceda, baña as serras da Coriscada e da Gañidoira e desemboca no Landro na parroquia de Xerdiz (Ourol)

Fervenza do Xestosa
 
O Xestosa  forma esta fermosa fervenza que nada ten que envexar a outras máis afamadas de Galicia. Hoxe, que estamos en inverno, trae moita auga.



Voltamos por onde baixamos á fervenza e, antes de chegar á estrada, pillamos este camiño á dereita:
 
Deseguida nos atopamos este tramo (é o peor ) pero son só uns metros. Está sen rozar e hai que ir apartando nas silvas.

Despois xa mellora pero OLLO!! Non é para xente que non estea acostumada a camiñar por sitios así. Sempre digo: para ir de sendeirismo hai que levar pantalón largo e bo calzado.

Este camiño polo que imos, vai paralelo e ás veces pegado a unha estrada local.

Despois deste percorrido de aprox. 1 km. desembocamos nunha estrada local. Pillamos á esquerda.

Baixamos por ao pé da Estación Potibilazadora de Auga por unhas escaleiras.

E deseguida saimos a outra estrada local.
 
Vemos a aldea de As Ucheiras que parece abandonada. O concello de Ourol é un dos que máis aldeas abandonadas ten na provincia de Lugo.
As Ucheiras
Poderiamos xa cruzar aquí a N-540, pero é perigoso xa que pasa por ela moito tráfico. Así que seguindo, a uns poucos metros, hai unha ponte para pasar por debaixo dela e foi o que fixemos. 

Deixamos a LU-117 pola que fomos uns metros, para pillar un camiño en subida.

Camiño á esquerda polo que fomos.

A medida que imos ascendendo (sempre moi suavemente, xa que a ruta ten pouco desnivel) as vistas son extraodinarias:

Na foto seguinte vemos o Centro Social "Xan Branco", antiga escola que foi rehabilitada.

Estamos en zona na que pasta o gando e polo tanto atopamos peches que, despois de abrir para poder pasar, hai que deixar sempre pechados de novo.


Seguimos ascendendo moi suavemente por estes paraxes que dan unha total sensación de paz.

O camiño é de moi bo andar para compensarnos do anterior.

Vemos unha especie de granxa ou cobertizo para os animais, aínda que de momento non vimos ningún. Deseguida e antes de chegar a ese lugar, torceremos á esquerda.

A foto seguinte amosa o punto máis alto da ruta. A partires de aí xa sempre baixaremos, tamén de xeito moi suave.

Á nosa esquerda vemos o camiño polo que antes pasamos:


Longos e verdes prados.

O único gando que vimos son as vacas aló no alto, porque oímos as chocas.

 Xa estamos a piques de chegar e vemos ao lonxe a ecoaldea do Viso. Alí temos o coche.


Outro peche máis que hai que abrir e pechar.



O Viso é o primeiro complexo  vegano de turismo rural de Galicia. Comprou esta aldea unha muller francesa que rehabilitou nada menos que 7 vivendas. O Viso levaba abandonado dende había máis de 30 anos.
En 2017 , Pascale Hugette atopou este lugar xa sometido pola maleza e restaurou por completo. Unha vivenda é a dela e despois hai 11 apartamentos, 5 habitacións e varias áreas comúns.
A Aldea foi restaurada seguindo a arquitectura tradicional galega e usando materiais naturais como pedra, madeira e lousa. Hai un restaurante especializado en comida vegana.
Aldeavegana de O Viso

Páxinas web empregadas:
https://amarinalucense.gal/es/cascada-do-xestosa
https://venagalicia.gal/noticia/2022/02/06/vida-viso-ecovillage-primera-aldea-vegana-turismo-rural-galicia/0003_202202X6C3992.htm






sábado, 16 de setembro de 2023

S. PANTALEÓN DE CABANAS/ CAMPO DE TÚMULOS/ CRISTO DO FOXO ( OUROL)



Hoxe funme ata o concello de Ourol a inventar unha ruta xa que non coñezo ningunha sinalizada e/ou homologada neste municipio e penso que me saeu un percorrido interesante, fácil e cunha distancia moi axeitada. Eso si, vai absolutamente todo por asfalto pero ao meu entender non lle resta nada á ruta xa que estas estradas de aldeas recónditas son do máis solitario e ademais teremos que acostumarnos a camiñar cada vez con máis frecuencia por estradas xa que os camiños e carreiros polos que agora xa no transita ninguén están pechados de maleza (agás que se trate dunha ruta homologada...e hai algunha que aínda lle chega ben...) e noutras ocasións por falta de uso público, moita xente apoderouse deles pechándoos dentro das súas propias fincas.

A ruta fíxena na parroquia de S. Pantaleón de Cabanas.

Características da ruta

Lonxitude: 10,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC: 

Descripción da ruta:

Aparquei o coche xunto á igrexa de S. Pantaleón. Este templo é do S. XVI e foi construido sobre unha anterior igrexa gótica.

Igrexa de S. Pantaleón de Cabanas

Esta igrexa está unida á figura de D. Fernán Pérez de Andrade que foi o impulsor da mesma, xa que acodía a estas terras a cazar con regularidade.

Na foto seguinte vemos como na porta da entrada á igrexa están grabadas as figuras dun can e dun xabaril que é o símbolo dos Andrade.

A figura do xabaril, símbolo dos Andrade

Observei que a porta que dá acceso ao campanario non estaba pechada con chave, polo que aproveitei e, por unhas estreitas escaleiras de pedra en forma de caracol, puiden subir á torre. Nas fotos que seguen vese a paisaxe que puiden contemplar dende aló enriba:

Vistas dende a torre da igrexa:

A igrexa actual é o froito de varias modificación que sufreu aolongo dos anos, sobre todo en canto á súa lonxitude.
Campanario da igrexa

 Campanas que agora só tocarán en días de Festa:

A igrexa é moi grande. Na seguinte foto, vémola dende outro ángulo e observo o esquilón, campana pequena coa que antes se chamaba aos fieles á oración.
Igrexa de S. Pantaleón de Cabanas

O concello de Ourol sofre un descenso continuo de poboación dende 1910. Vin moitas casas abandonadas.

O abandono do rural

Na foto seguinte vemos o Centro Social da parroquia que antes foi a escola. Estaba dividida en dúas partes, nunha estaban as nenas e noutra os nenos, ao igual que moitas nesa época. A súa construcción foi financiada con fondos dos emigrantes que estaban en Cuba.
Antigas escolas, hoxe Centro Social da parroquia.

Pasei polo barrio case abandonado de Os Campos e escribo "case" porque aínda falei cunha señora de máis de 90 anos  que vive aquí e que semellaba ter 70 pola apariencia física e por como razoaba. Díxome entre risas que se mantiña así por vivir nese entorno rural tan tranquilo.
Os Campos
 A partires deste cruce é onde a ruta se fai circular. Fun pola dereita e volvín pola estrada que se ve de frente. Pode facerse loxicamente ao revés pero sería a subida máis acusada, mellor como eu a fixen, torcendo á dereita.
Á dereita.
Paisaxe que vemos subindo.

O percorrido é todo absolutamente por estrada, pero poucos vehículos me crucei.

Estas son as vistas dende o Monte do Cristo dos Callós, onde se atopan os túmulos funerarios.
 Outra vista.

Neste Monte, hai rexistrados 7 túmulos funerarios. A palabra túmulo vén do latín tumulus que significa elevación. Este tipo de construcción funeraria remóntase á Idade de Pedra. Na súa orixe, os túmulos eran un montón de pedras que cubrían o corpo dos mortos e co tempo pasaron a ser verdadeiras colinas artificiais
Túmulo co Monte do Cristo dos Callós.

O túmulo que vemos é alongado, propio de principios do Neolítico. Eran tumbas frecuentes no norte de Europa e asociadas ás culturas celta, eslava e báltica.

Outra imaxe do túmulo máis de cerca.

Despois da visita aos túmulos, vou pola estrada LU-P-3805

 Por aquí abondan sobre todo os piñeiros.

Chego ao Foxo onde me sorprende un Cruceiro de pedra nun fabuloso entorno onde en 1º lugar me chaman a atención as árbores que vexo xa que non son eucaliptos nin os piñeiros de aquí.

O cruceiro está nun entorno moi fermoso ao pé dunha casa deshabitada e en frente, cruzando a estrada hai un bosque que chama a atención polas moitísimas especies arbóreas que ten.
Cruceiro do Cristo do Foxo

Buscando información, resulta que o artífice desta creación é Daniel Sierra que morreu o ano pasado (2022) Este home, dedicado toda a vida á hostelería e emigrado en Suiza, propúxese demostrar que en Galicia pode medrar calquera planta favorecidas polo noso clima e polo terreo.

Cultivou nesta finca da súa propiedade máis de 100 especies arbóreas dos 5 continentes. e así hai cedros canadienses, pinos canarios, magnolios, plataneiros siberianos, pinos de Oregón, ginkgo biloba de China...etc, etc...



Ao pé do Cristo do Foxo, hai unha estrada que vai á S. Pantaleón e por ela fun.

Non me crucei ningún vehículo porque a pesares de que hai indicacións ao principio para vir por aquí, a verdade é que a pista está nun estado lamentable.


A estrada ten desnivel e subo a modiño porque por riba o sol sae de entre as nubes e vai calor. Mirando cara atrás penso o que xa teño percorrido...

"Resistirei" parece dicir esta bidueira sola, entre tanto eucalipto.
A bidueira soíña...
No punto máis alto desta estrada xa podo ver S. Pantaleón onde destaca a súa formidable igrexa.

Estou nunha zona chamada "As Esqueiras" como ben di na foto seguinte:

Axiña me atoparei cun cruce onde vou sair á estrada da ida. Agora virá o tramo de case 2 km. compartido co camiño da ida.
S. Pantaleón
Páxinas web consultadas:

https://efuneraria.com/blog/tumulo-funerario/

http://www.xoanarcodavella.com/2022/09/igrexa-de-san-pantaleon-igrexa-cabanas.html

https://interfunerarias.es/blog/tumulos-funerarios/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2018/11/30/bosque-cien-especies-arboles-cinco-continentes/0003_201811G30P30992.htm