Amosando publicacións coa etiqueta Ares. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ares. Amosar todas as publicacións

mércores, 21 de setembro de 2022

DE ARES A PONTEDEUME (RUTA COSTEIRA)


Praia de A Magdalena (Cabanas)

Ares é un concello da provincia de A Coruña e da comarca de Ferrolterra. Alá nos fomos para realizar unha fermosa ruta costeira. A Ría de Ares, onde desemboca o río Eume, será hoxe a protagonista da nosa ruta, con numerosas praias e calas e a pintoresca e fermosa vila de Redes....Pisaremos catro concellos: Ares, Fene, Cabanas e Pontedeume.

Características da ruta:

Lonxitude: 11,6 km.

Dificultade: baixa

Ruta lineal sen sinalizar agás dende Redes ata Pontedeume.

O meu trakc en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Partimos de xunto á igrexa de S. Xosé de Ares, moi preto da praia e do paseo marítimo.

Igrexa de S. Xosé en Ares

Praza da igrexa:

Na Praza da Igrexa, podemos ver este monumento en honor a Hermelinda, unha veciña que polos anos 50 comenzou a traballar como repartidora do xornal "LA Voz de Galicia" e dedícouse uns 20 anos a este oficio. Sempre acababa a súa xornada vendendo algúns exemplares á porta desta igrexa, de aí a ubicación do monumento.

Hermelinda
 Imos polo paseo marítimo:

Pegados á praia de Ares que está na zona urbana, rodeada de árbores e bares con terraza. É unha praia en forma de cuncha de augas moi tranquilas.

Praia de Ares

Vemos nunha rampla do paseo marítimo a escultura dunha serea das illas Miranda (Son dous illotes, Pequena e Grande, nos que vive unha serea que ás veces vai tomar o sol ás praias de Perbes, Centroña ou ás dos arredores de Ares).
A serea das Illas Miranda

A continuación da Praia de Ares temos outra: a Praia do Xuncal con árbores mesmo na area e xunto a un parque infantil.
Praia do Xuncal

Nun entorno xa máis alonxado da vila, temos a praia de Seselle, resgardada e tranquila.
Praia de Seselle e, ao fondo, Ares

 Percorremos toda a praia pisando na area mollada. (Houbo quen a percorreu pisando a auga)
Praia de Seselle 

A continuación e, pegada á anterior, temos a Praia de Raso. En marea baixa, poden percorrerse as 4 praias xuntas: Ares, Xuncal, Seselle e Raso.
Praia de Raso

Abandonamos a liña de costa para ir por asfalto case 2 km.

A ruta non pasa por aquí, pero para visitar esta fermosa cala só hai que desprazarse uns  poucos metros. É a Praia de Sabadelle. Pequena, moi resgardada e illada.

                                                                        Praia de Sabadelle

E xa chegamos a Punta Modias, en Redes. 
Vistas dende Punta Modias

En Punta Modias consérvanse os restos dunha antiga batería defensiva do S. XVIII dende a que se protexía o acceso por mar á ría de Ares.
Batería defensiva.

A vila de Redes está situada na enseada ría de Ares, concello ao que pertence. Foi unha pequena vila de pescadores na que moitas casas se asoman ao mar dende os propios embarcadeiros.

Redes ten casas indianas coma esta de Paco Bello, un home que marchou de novo a La Habana e comezou a traballar nos viveiros da Compañía Cubana de Pesca e Navegación. Foi prosperando e chegou a patrón e armador. Coma moitos dos emigrados, deixa pegada arquitectónica desta banda do océano coa súa casa. Unha casa con balcóns con influencia barroca, galería traseira modernista, orlas decorativas con motivos xeométricos, florais e vexetais e unha escaleira interior con varanda de forxa.
Casa de Paco Bello en Redes

Vemos tamén en Redes casas tradicionais cos seus corredores.

 E chegamos á Praza do Pedregal, xunto ao porto, moi animada neste domingo solleiro de setembro.
Praza do Pedregal en Redes

Na Praza do Pedregal, atopamos tamén esta casa azul claro moi fotografada. Nesta vila rodouse "Padre Casares" unha serie galega que tivo bastante éxito na nosa Comunidade e Almodóvar tamén rodou aquí escenas da súa película "Julieta".
Praza do Pedregal, Redes

O porto de Redes é só un pequeno embarcadoiro cunha rampa para subir os barcos pero aínda así esta vila conserva todo o seu sabor mariñeiro tradicional.

                                                                         Porto de Redes

 Para seguir o noso percorrido, temos que adentrarnos polas rúas da vila onde vemos casas que dan directamente ao mar.



A vila de Redes é case toda peatonal.
Unha rúa de Redes

Seguimos contemplando corredores de casas tradicionais.

Redes debe o seu nome a este aparello de pesca. Dende sempre, nesta vila víanse ás mulleres sentadas reparando redes e as que non estaban nas súas mans, estaban penduradas duns trebellos de madeira chamados cabrias onde se poñían a secar. Na praia de Redes podemos ver as cabrias.
Tódolos anos no verán celébrase en Redes a Festa da Cabria onde os maiores ensinan aos pequenos a subir ás cabrias, andar por elas, suxetarse e suxetar as redes para deixalas ao sol

Praia de Redes e as cabrias

Abandonamos Redes por un sendeiro pegado á ría.


E agora estamos no concello de Fene que se mete un pouquiño na ría de Ares. Ao  concello de Fene pertence a praia do Río Sandeo, unha praia rural moi tranquila agora aínda que no verán parece ser que está bastante concorrida.

Praia do Río Sandeo (Fene)

Camiñamos por estrada uns metros vendo ao lonxe a vila de Redes pola que acabamos de pasar:


Voltamos de novo á beira da ría e vemos a fermosa Praia de Almieiras que tamén pertence a Fene
Praia de Almieiras (Fene)

A Praia do río Castro foi o noso comedor de hoxe. Un fermoso marco, na desembocadura deste río que aínda que curto de lonxitude, é moi caudaloso. Hoxe pouca auga traía debido á seca que hai en toda Galicia.
Praia do río Castro
 Ao pé deste río, na súa desembocadura, vemos as ruínas do que foi un muíño de mareas, o Muíño de Maré.
Muíño de Maré

A partires do Río Castro, entramos no concello de Cabanas e empeza unha senda chamada "Sendeiro da Costa" xa sinalizada e acondicionada dende aquí ata a praia de A Magdalena. Serán case 2 km. No ano 2020 puxeron unha nova sinalización con códigos QR para facilitar o acceso á información desta pequena ruta.

                                                                    Senda Costeira

Na seguinte imaxe vemos a Praia de Chamoso, xa no concello de Cabanas pero na ría de Ares. É unha praia rochosa con acceso peonil.
Praia de Chamoso

Vemos xa ao lonxe a praia pola que imos pasar deseguida: a de Cabanas e a ponte do tren sobre o Eume.
Praia de Cabanas e Pontedeume

Baixamos por estas escaleiras de madeira para atravesar a praia de A Magdalena, en Cabanas.

A praia de A Magdalena de arena branca e fina, forma xunto co río Eume e o piñeiral un espazo natural no fondo da ría de Ares.
Praia de A Magdalena. (Cabanas)
 
É unha praia de augas tranquilas e pouco profundas. É unha praia urbana de moi alta ocupación pola súa cercanía a Ferrol, A Coruña e Pontedeume.
Praia de A Magdalena
Imos polo Paseo Marítimo de Cabanas:

Vemos de frente a Torre dos Andrade en Pontedeume, o que queda do que foi un pazo do S. XIV e que, a pesares de que en 1924 foi declarado Monumento Histórico-Artístico, once anos máis tarde foi derribado deixando só a Torre que podemos ver.
Torre dos Andrade
 
Cruzamos a ponte sobre o río Eume para pasar de Cabanas a Pontedeume.
                                                                             Ponte sobre o Eume


A Ponte comunica os concellos de Cabanas e Pontedeume. A 1ª referencia que se ten dunha ponte é do S. XII e era de madeira. A finais do S. XIV Pérez de Andrade mandou construir unha ponte en cantería. Esa antiga ponte tiña 78 arcos e dúas torres , tam´çen tiña un hospital de peregrinos. As enchentes do río foron deteriorando a ponte e desaparecen as torres, o hospital...finalmente derríbase e construese un novo no S. XIX inicialmente con 11 arcos que s eamplían ata os 15 actuais.

A Ponte do Eume ou Ponte de Pedra.


Páxinas web consultadas:

https://enfoques.gal/

https://www.descubrir.com/visitamos-redes-un-pueblo-gallego-de-cine/

https://es.wikipedia.org/wiki/Wikipedia:Portada

https://www.escapalandia.com/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2021/07/18/cabrias-curaban-redes-redes/0003_202107F18C6994.htm

martes, 1 de febreiro de 2022

ENSEADA DO BAÑO/A BAILADORA/PUNTA SEGAÑO/CASTELO DA PALMA/A REDONDA (MUGARDOS/ARES)

 Esta fermosa ruta que pasa polos concellos de Mugardos e Ares non está sinalizada polo que un track é imprescindible para poder realizala. Os puntos importantes da mesma son todos accesibles en coche pero non ten nin punto de comparación ir camiñando e contemplando ao mesmo tempo a ría e a cidade de Ferrol.

O máis significativo da ruta son as espléndidas vistas que temos durante case toda ela, as baterías militares que veremos; o Miradoiro da Bailadora, Punta Segaño, o Castelo da Palma o Banco de Escampós, a aldea de A Redonda na fabulosa enseada do Baño da que partiremos e na que finalizaremos.

Características:

Lonxitude: 11,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar.

O track en WIKILOC

Descripción:

A ruta sae da Enseada do Baño, ao pé de Mugardos. A ubicación AQUÍHai un lugar onde aparcar segundo empeza mesmo a enseada que cando marchamos estaba en marea baixa.

Enseada do Baño

Imos por estrada 1,2 km.


Aquí pillamos á esquerda e xa vemos indicadores do que imos ver (excepto o mosteiro de Santa Catalina, xa que colleremos antes un sendeiro que nos apartará da estrada onde se atopa)

Ao pouco de empezar a subir, xa nos deleitamos coas primeiras vistas da ría de Ferrol:

En vez de seguir pola estrada, colleremos o sendeiro da dereita:

Xa vemos no outro lado da ría o Castelo de S. Filipe
 
Imos subindo pero é unha subida moi levadeira.

 Temos que ir con coidado xa que esta é un zona moi frecuentada por ciclistas:
 
As vistas ábrense máis cada vez e agora tamén podemos ver Mugardos na parte dereita:

Pola situación xeográfica e as condicións naturais e defensivas da ría, Ferrol converteuse nun lugar estratéxico para a Armada Real dende o S. XVI. No punto máis alto de Montefaro levantouse a finais do S. XIX a batería militar de A Bailadora.
Unha torre vixía 
 Vistas da entrada da ría en Ferrol  e castelos de S. Filipe e da Palma dende o miradoiro de A Bailadora. Dende outros puntos tamén podemos ver as rías de Ares, Coruña e Betanzos. 

O Castelo de S. Filipe atópase na parroquia ferrolana de Santa Mª de Brión; esta construcción defensiva é de estilo barroco clasicista. Foi construida no S. XVI por orde de Filipe II, de quen toma o nome. A práctica totalidade do edificio foi remodelada no S. XVIII e permitía a defensa do conxunto civil e militar de Ferrol
 
O obxectivo da base militar era destruir calquera barco inimigo que se adentrase na Costa Ártabra. Nunca entrou en combate.

Hai decenas de túneles subterráneos que comunican as distintas dependencias militares.
 
Este lugar foi rehabilitado en parte no 2011 e acondicionouse un miradoiro que nos regala unhas incribles vistas da ría de Ferrol e da cidade, así como dos castelos de S. Filipe e o da Palma.

 Numerosas antenas coroan o Montefaro:

 En poucos metros atopamos outra batería militar: a de Fonte Seca.
Batería Militar de Fonte Seca
 
O camiño pasa de ser unha pista ancha en moi bo estado a outro cheo de pedra, pero só dura uns poucos metros:
 
Vemos aló embaixo a praia de Chanteiro.
Praia de Chanteiro

 De frente temos Punta Segaño e á dereita vemos o porto exterior de Ferrol:

Outra batería militar: a de Salgueira.

 E outra:a de Punta Segaño

Agora continuamos por unha cómoda pista sempre á beira da ría:
Paseo moi relaxante

Chaman a nosa atención as augas tan claras desta ría na que ao fondo temos o Castelo de S. Filipe.



 O Castelo da Palma, xa en Mugardos, tamén formaba parte do sistema defensivo da ría de Ferrol. Dende 1992 está considerado como Ben de Interese Cultural. A súa construcción remóntase ao S. XVI e está frente ao Castelo de S. Filipe do outro lado da ría. Carecía de armamento e a súa función era vixiar o paso marítimo. O edifici actual levantouse a finais do S XIX. 
Moi preto deste castelo atopábase o de S. Martín do que hoxe só quedan as ruinas. Entre este e o de S. Filipe tendíase unha grosa cadea no mar que impedía a entrada dos barcos inimigos á Ría de Ferrol.
A última función que tivo o Castelo da Palma foi de cárcere militar e aí estivo preso o coronel da Garda Civil Antonio Tejero por ser un dos cabecillas do intento de golpe de Estado no 1981.

Castelo de A Palma

A principios do S. XXI, este castelo foi adquirido por unha cadea hoteleira e está á espera de que comencen as obras de restauración e acondicionamento.
Castelo de A Palma

A uns metros do Castelo de A Palma, á esquerda xa vemos unha indicación nunha árbore que nos leva ao "Banco dos Escampós" e dende o que podemos contemplar de frente a parroquia de Santa Mª de Brión.

 Tamén podemos contemplar Ferrol

O banco de Escampós invita a sentar nel e non moverse en moito tempo.

Seguimos camiñando con estas idílicas vistas:


 Un pouco despois, en lugar de continuar por estrada, collemos á esquerda para ir polo barrio de A Redonda(Mugardos)

E vemos nun lavadoiro público este letreiro que nos gustou:
 
Este é o lavadoiro en A Redonda:
 
Unha ruta espectacularmente fermosa!!!
 
Agora hai unha pasarela de madeira á beira da ría:

 Desembocamos na aldea de O Baño (Mugardos)
 
E xa estamos de novo nu lugar de partida, agora con marea chea.
Enseada de O Baño


OLLO!! nesta ruta houbo un pequeno tramo de subida (ata A Bailadora) onde tivemos coidado cos ciclistas que baixaban. Este mesmo día faleceu un home pero non atropelado, se non por saltar  dun muro dunha batería militar a outro. Caeu ao vacío polo medio de ámbolos dous muros. Así que moito ollo e non supravaloremos as nosas capacidades.