Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2021. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2021. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de decembro de 2021

CANÓN DO EUME

 


Hai anos que lle tiña moita gana a esta ruta e se non a fixera ata onte foi polos comentarios tan negativos que dela lin pola rede: que si era moi perigosa, que tiña moitos pricipicios con moitas posibilidades de caer, que había que pasar agarrada a cordas e cables nalgún tramo complicado, que si unhas escaleiras totalmente verticais, que unha canle cun muro moi estreito, que non se me ocorrera facela no inverno.... Todas estás opinións foron facendo mella e meténdome medo ata autoconvercerme de que non dedía ser ruta apta para miñas posibilidades.

Pero funme dando conta de que a facía cada vez máis xente, busquei e rebusquei pola Internet lendo, vendo vídeos...penso que non me quedou nada que fixese referencia a esta ruta que eu non mirase e cheguei a conclusión que se nunca se oira de ningún accidente nesa zona, de que a ruta se seguía facendo e de que só había que ter precaución en determinados tramos, tiña que intentalo agora ou nunca porque unha vai cumprindo anos e cada vez resultaríame máis dificil.

Tamén me desaconsellaron realizala en inverno polo tema da humidade e despois dunha semana sen chover e aínda que cunha tremendísima xeada, decidimos facela este pasado domingo, 19 de decembro e o 1º mito que vou desmontar e o de que non se debe facer en inverno xa que salvo que chova (e así non se debe facer case ningunha) é totalmente viable facela nesta estación.

Hai que ir con precaución? Si, dende logo, coma en calquera ruta destas características como a Ruta do Cares, tramos de O Camiño dos Faros, Subida a Bulnes...etc, etc...

Pode facela calquera persoa? Non. Con nenos habería que ir moi pendiente deles e non desfrutarías a ruta. Tampouco a deben facer persoas que padezan dun vértigo moi agudo ou persoas con moi pouca habilidade e/ou baixa forma física xa que hai unha subida trepando por pedras e rochas que só vale para xente acostumada a camiñar por todo tipo de sendeiros.

Dito esto, imos ir como de costume pouco a pouco vendo esta ruta que é espectacular, das máis fermosas que hai en Galicia!!

Características:

Lonxitude: sobre 12 km. Logo deixo o track pero penso que me contou algún km. de menos.

Dificultade: dificil porque é unha ruta moi técnica.

Ruta circular ben sinalizada con marcas azuis e verdes. Non está homologada.

O track en WIKILOC:

A miña valoración da ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

A ruta parte dende a abandonada Central de A Ventureira. Estamos no concello de A Capela.

A ubicación exacta, AQUÍ

 Nós aparcamos o coche algo antes de chegar á ponte sobre o o Eume (Hai tamén onde aparcar algo máis abaixo, xa moi cerca da ponte pero só caben dous ou tres coches por eso preferimos aparcar máis arriba que había sitio)

Non cruzamos a ponte, se non que baixamos cara a central por unhas escaleiras e logo empezamos a subir ao lado dunha fermosa cascada:

Empezando a ruta

Subimos estas escaleiras nun entorno ben fermoso:


E internámonos no medio dunha preciosa fraga por un sendeiro sempre en ascenso facendo zig zag. ( 1,5 km. aprox.)

Ao chegar aos restos da antiga maquinaria da central, temos 2 opcións: coller á esquerda e o camiño parece invitarnos a eso, ou á dereita por un sendeiro apenas apreciable. Nós collemos á dereita xa que é menos perigoso facer a ruta deste xeito (logo subiremos moitas escaleiras e treparemos por rochas que é mellor facelo subindo que baixando)

Hai que fixarse porque a partires de aquí van aparecer marcas en azul e verde que serán as que nos guien e as únicas que imos atopar.

Despois de coller como dixen á dereita, ao pouco ábrese a paisaxe e temos este miradoiro natural:

 

Dende o miradoiro vemos xa o canón e o río Eume aló embaixo. O noso camiño irá pola zona soleada, a media ladeira:


Camiñaremos a media ladeira entre carballos sobre todo.

E agora empeza a tan famosa canle da que todo o mundo fala, esa que dá tanto medo, din...O medo é libre dende logo e é dificil loitar contra el, pero hei de dicir que se non queremos ir polo muro, podemos facelo a maioría do tempo por dentro da canle.

Algúns non teñen ningún problema en ir por riba do muro, outros van pola canle.

Agora si que non hai máis remedio que baixar á canle. Esa pedra tan grande non deixa pasar polo muro. Ningún problema. Pasamos perfectamente.

Esta canle levaba auga no pasado para a Central Hidroeléctrica:


Ás veces vólvese algo complicado ir pola canle polos obstáculos que presenta de pedras, ramas, xestas...pero fóronos sorteando perfectamente os que optaron ir por aí.

Agora imos cerca de precipicios importantes. Non se nos ocorre ir en parella nin achegarnos á beira, por exemplo. Con precaución, non ten porque haber ningún problema:

O chan non está esvaradío nin dificil, non hai que chegarse á beira, só eso.

Esta imaxe recórdanos á Ruta do Cares.

E chegamos a outra imaxe super coñecida e da que se fala ou escribe moito: a da corda. Se ben dá seguridade para os moi medosos, pódese pasar perfectamente sen agarrarse a ela.


Obstáculos que nos atopamos no camiño:


Ás veces, a canle desaparece por rochas que se desprenderon:

 

Cada vez estamos máis cerca do río. O Eume leva moi pouca auga.

E agora teremos que pasar agarrados a un cable. Este paso é algo máis complicado ca o anterior sobre todo para agarrar o cable, porque hai, xusto no inicio, un desprendemento de rochas grandes. Aquí hai que ir con moito coidado!!



E agora outro obstáculo: unha pequena cascada que temos que cruzar.
 
Xa ao pé do Eume, cruzamos estas pedras para ver a presa algo máis de cerca pero non é necesario facelo xa que as escaleiras de subida están algo antes e ademais, a presa ímola ver mellor dende arriba.

A presa do río Eume foi deseñada polo enxeñeiro Luciano Yordi e construida entre 1955 e 1960. Esta presa alimenta por medio dun conducto subterráneo a unha central hidroeléctrica que se atopa a 3,5 km. 
Presa do Eume
E agora toca subir escaleiras que nos levarán ao encoro:

Para chegar ao encoro do Eume que ten unha lonxitude de 15km. aprox.e ocupa os concellos de Monfero, A Capela e As Pontes.
 
Imos uns metros por unha estrada que só chega só ata o encoro:

Para pillar un sendeiro á esquerda xunto a uns edificios abandonados. Na parede da última casa hai unha frechas azuis e verdes que o indican:

E vovemos subir escaleiras:
 
Para desembocar deseguida nunha ancha pista en suave ascensión.
 
Que nos leva máis arriba para ter estas vistas sobre o encoro e o canón:
 
Este camiño lévanos á cascada de Morixoso. Logo teremos que volver para atrás. Só son uns poucos metros.

Vemos xente facendo escalada na Canteira de Goente:
 
Ao lado desta zona de escalada, está a cascada de Morixoso que nesta época leva bastante auga.
Cascada de Morixoso
Un paraíso para as cabras!
 Despois de ver a fervenza temos que volver sobre os nosos pasos uns metros para tomar un sendeiro indicado con marcas azuis. É estreito, con moitas rochas e pedras grandes, hai que trepar agarrándose e aínda que nós subimos despacio sen problema non serve para calquera persoa:
 O de trepar é literal:
 Se miramos para atrás, a paisaxe é cautivadora:

 Rematando a subida. Serán aprox. uns 100m.
 Agora os toxos e grandes rochas son os protagonistas. OLLO: nese bolo granítico que se ve hai que torcer á esquerda. Está sinalizado na mesma pedra pero non o vimos e andivemos uns metros máis para adiante ao revés.

Ademais de cabras é frecuente atoparse con cabalos:

Estamos na parte máis alta da ruta, non hai árbores, só monte baixo con toxos e arbustos.


Dende o Miradoiro de Teixido vemos á dereita o encoro, a presa e a zona de escalada polas que antes pasamos. Á esquerda quédanos o Canón do Eume pero co sol de frente, difícil de fotografiar.

Seguimos camiño e temos que abrir esta cancela que logo pecharemos para que o gando non escape:
 Baixamos por un sendeiro que deseguida nos achega á aldea de Teixido que pertence á parroquia de A Capela.
Teixido
Imos uns metros (poucos) por estrada ata chegar a un cruce onde xa está indicada a baixada para a Central de A Ventureira onde temos que rematar.

Deseguida chegamos ao lugar onde se cerra o círculo deste percorrido, onde está a antiga maquinaria da Central de A Ventureira. Pola mañá foi neste punto onde collemos á dereita.
 Agora toca baixar polo mesmo lugar de subida:
Tuberías da antiga central
Xa estamos de novo nas escaleiras ao pé da cascada.

E rematamos esta ruta espectacular pero NON APTA para todas as persoas pola súa dificultade técnica sobre todo.


luns, 13 de decembro de 2021

MIRADORES DEL NAVIA. PR- AS 299 (BOAL- ASTURIAS)



Boal
 ou Bual é un concello asturiano que ten a capital na vila do mesmo nome. Ten unha poboación que non chega aos 2000 habitantes en todo o municipio que falan o eonaviego ou galego- asturiano.

É un concello con moitos restos antiguos como túmulos funerarios, dólmenes, castros... así mesmo conta cunha natureza privilexiada.

Este concello sufríu a finais do S. XIX e principios do XX un gran fluxo migratorio cara a Cuba que vemos manifestado nas moitas casas indianas e outros edificios, sobre todo escolas, que hai.

Esta ruta no occidente asturiano, que foi impulsada pola Sociedade Amigos de Boal coa colaboración económica da empresa eléctrica Viesgo, non ten desperdicio xa que é moi completa e fermosa: pasa por varias aldeas do concello de Boal, ten puntos con vistas espectaculares, adéntrase nunha fermosa fraga, pasa polo encoro de Doiras e empeza e remata na área recreativa de Castrillón ás beiras do río Navia nun fermosísimo entorno.

Características:

Lonxitude: aínda que a app de Wikiloc me marcou só 9,8 km. son en realidade algo máis de 11km.

Dificultade: fácil. Ten unha baixada ao final con bastante desnivel pero con bastóns de sendeirismo e con precaución non hai porque ter problema ningún.

Ruta circular moi ben sinalizada.

O track da ruta en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆🔆

Descripción:

A ruta é circular e parte e chega á área recreativa que hai xunto á Ponte de Castrillón. AQUÍ

Deixamos a visita á área recreativa para a volta xa que apareceremos xusto por ela e cruzamos a ponte sobre o río Navia:

Ponte de Castrillón
 

Iremos 350m por estrada, ata unha curva na que colleremos á dereita por unha pista forestal.

Área recreativa da Ponte de Castrillón

Empezamos a subir e temos estas vistas da ponte que acabamos de cruzar e do río Navia:


Imos ata O Rebollal


A uns 2km. da saída chegamos á aldea semiabandonada de El Rebollal:
El Rebollal

Estamos nunha zona eminentemente gandeira onde pastan as vacas e o verde de inmensos prados presomina na paisaxe.

Imos en suave baixada:

 E cruzamos o rego de Fontescavadas:
Rego de Fontescavadas

Ao lonxe vemos a aldea de Doiras por onde máis tarde temos que pasar:


O firme do chan é bon, imos por antigos camiños de carro:

 E chegamos á aldea de Silvón que aparece colgada da ladeira:

Silvón é un lugar que pertence á parroquia de Doiras e aínda que ten numerosas vivendas o nº de habitantes é moi baixo xa que non chega nin a 20.
Atópase a uns 280m. sobre o nivel do mar na marxe dereita do río Navia.

A capela de S. Xoán en Silvón. Pasamos por diante dela para iniciar a baixada ao encoro de Doiras.
Como dato curioso, referir que Silvón antes pertencía á parroquia de Castrillón e actualmente pertence á de Doiras.
Capela de S. Xoán

Moi cerca da capela vemos esta impresionante sobreira e un teixo:
 
Detalle do retablo do altar e pinturas do teito na pequena capela de S. Xoán de Silvón:

A partires da capela anterior empezamos a baixar por un camiño cara ao encoro de Doiras:

Deseguida vemos o río Navia baixando encorado, moi tranquilo e vixiado polo Pico do Cuco.

Prados e máis prados se suceden ás beiras do río:

Todo os camiños e sendeiros desta ruta están ben acondicionados.

Toda a ruta é moi fermosa pero se tivese que quedarme cunha parte da mesma, sen dúbida sería con esta baixada cara ao encoro. As vistas sobre o río, as montañas e os prados próximos son imaxes que non me cansei de mirar.
 
Ao lonxe vemos a aldea de Doiras pola que deseguida imos pasar.

A baixada remata na estrada e vemos xa a presa do encoro e a ponte que cruzaremos. O encoro de Doiras foi inaugurado en 1934 e é o 3º encoro do río Navia xunto aos de Arbón e o de Salime.
O aproveitamento deste encoro é fundamentalmente hidroeléctrico aproveitando as centrais de Doiras e de Silvón.

Na seguinte foto vemos as centrais hidroeléctricas. A que está máis cerca é a máis recente de Silvón e a máis alonxada é a de Doiras, máis antiga.


Iniciamos agora unha subida suave para chegar a Doiras.

A ruta non pode ser máis fermosa e con diversas paisaxes.

Os edificios que vemos ao lonxe son antigas vivendas dos traballadores de Viesgo.

A aldea de Doiras é a máis grande de tódalas que pasamos

Vemos a antiga escola que ten unha placa que di:
ESCUELA NACIONAL.
 Este edificio fue construido por la Sociedad de Instrucción "Naturales del Concejo de Boal" fundada en La Habana "Cuba" el año 1912.
É un reflexo máis, xunto con outras escolas e casas indianas que hai no concello de Boal, da influenza que tivo a emigración nesta zona.

 Doiras debe ser unha terra moi fructífera xa que atopamos moitas plantas e árbores froiteiras como maciñeiras, laranxeiras, caquis...etc cheas de froita.
Un caqui en Doiras.

Pasamos polo Pazo de Verdín, unha casona rural do S. XVIII.

Imos pola estrada uns metros subindo, para logo atravesar un cortalumes que nos achegará a Piñeira.

 E chegamos deseguida á aldea de Piñeira que pertence á parroquia de Doiras.

 Despois de atravesar esta aldea, atopámonos coa estrada AS-12 pero non nos incorporamos a ela se non que tomamos o sendeiro á dereita que nos vai introducir nunha fermosa fraga sempre en descenso:

Camiñamos á beira do río Roxíos

E agora, lonxe xa do río, escoitámolo aló embaixo:


Tamén vemos unha albariza ou cortín para protexer as colmeas dos ataques dos osos.. É unha contrucción feita con pedras grandes ou rochas, dentro ten unha ou varias terrazas escalonadas onde se colocaban as colmeas. Todas eran circulares ou ovaladas e contruíanse lonxe das casas, debido a que podía ser perigoso ter abellas cerca ademais de que o entorno da colmea debe ser o axeitado para conseguir o material apropiado que estes animais precisan para elaborar o mel e a cera. Sempre eran contruidas a media ladeira, en zonas pendientes e solleiras.
Os cortíns caeron en desuso nos anos 60 do S.XX e hoxe a maioría están en estado de abandono.

Un cortín que vimos nesta fabulosa ruta

Nunha curva da baixada vemos a Ponte de Castrillón de onde saimos e a onde chegaremos deseguida.

É unha pronunciada baixada pero con precaución e calzado axeitado non ter porque ser perigosa.

E chegamos á área recreativa na que nos recreamos un bo pedazo xa que como ao sair cruzamos directamente a ponte, non a víramos ao detalle. É un lugar moi, moi fermoso aínda que seguro que se desfruta moito máis no verán a estancia no lugar. Hoxe, e aínda que estaba un fermoso día de sol, as mesas e bancos estaban mollados das chuvias pasadas porque aí non daba o sol e había moita humidade.
Ás beiras do río Navia por un lado e por outro coa desembocadura precipitada do río Roxíos que formaba unha impoñente cascada, con árbores por todas partes , unha pontiña de madeira para cruzar este río conforman unha paisaxe de ensoño.






Cascada do río Roxíos, na área recreativa da Ponte de Castrillón.