Amosando publicacións coa etiqueta Valdoviño. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Valdoviño. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de marzo de 2026

AO REDOR DA PRAIA DA FROUXEIRA (VALDOVIÑO)

 É a 1ª ruta que realizamos neste concello da prov. da Coruña que pertence á Comarca de Ferrol. O principal patrimonio deste municipio son as súas praias sobre todo a da Frouxeira, un extenso areal de 3,5 km. de area fina e augas bravas, ideal para a práctica de surf e para longas camiñatas.

A nosa ruta de hoxe ten como protagonista principal este areal e o seu sistema dunar, o faro e as vistas desta Costa Ártabra, que son verdadeiramente únicas.

A Costa Ártabra é un espazo natural protexido espectacular caracterizado por vertixinosos acantilados, rías e praias entre Ortigueira e Ferrol. Esténdese polos municipios de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Ares e Mugardos.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Despois de deixar os coche no aparcadoiro da praia da Frouxeira ou de Lago,  imos cara á dereita para achegarnos ata a lagoa.


 A Lagoa de Valdoviño constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar.  Está considerada Zona húmida de importancia internacional e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra) e está incluída no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia

Anualmente a Xunta de Galicia procede a abrir a canle que vai da lagoa ao océano para previr inundacións nas vivendas da zona.


Dende a lagoa demos a volta para ir todo pola area.

Deixamos a vila de Valdoviño ás nosas costas.

A praia da Fouxeira ou de Lago, por atoparse nesta parroquia, mide en total 3,5km. dos que nós percorremos 2,5. O outro km. quedaba da lagoa para o outro lado.
É unha praia ventosa e con moitas ondas pero hoxe tivemos moita sorte e o día estaba en calma total, sen vento. Parece ser que é boa para a pesca.

Atopamos tamén un equipo de homes botando un partido de fútbol.

De súpeto atopamos o Rego Magno que baixaba con bastante auga para poder cruzalo sen mollarnos ata os xeonllos. Un dos xogadores de fútbol indicounos que había unha pontiña algo máis arriba e 5 persoas das 6 que íamos pasaron por aí. Eu preferín descalzarme para cruzalo.

O sistema dunar da Frouxeira é un dos máis importantes do noroeste penínsular e ten un gran valor ecolóxico.

Este sistema de dunas é producto da interacción da area da praia co vento, sendo unhas dunas de gran dinamismo. Algunhas delas tenen máis de 5000 anos.

Despois de atravesar o rego anterior e as dunas, voltamos á praia para camiñar ao pé da auga.

Esta praia é excelente para a practica do surf e vimos moitos surfistas que semellaban ser dalgunha escola. Ao fondo, Punta Frouxeira.

Ao fondo, Punta Candieira.

Rematada a praia, subimos por un carreiro entre dunas.


Xa vemos o Faro de Punta Frouxeira, situado na Punta Frouxeira, na parroquia de Meirás (Valdoviño).

Construído en 1992 cun deseño vangardista, non empeza a operar ata xuño de 1994, en modo de proba, pasando a definitivo en novembro do mesmo ano. Ten unha elevación de 94 metros sobre o nivel do mar e un alcance de 21 millas.


Chegando ao faro, as vistas son espectacularmente fermosas.  Vemos os acantilados de O Porto e ao lonxe de todo, Cabo Prior.

É un dos faros máis novos de Galicia, só superado polo de Punta Nariga en Malpica.
Vemos tamén as ruinas dunha antiga instalación militar. Estas instalacións proliferaron a principios da década dos anos 40, cuxa finalidade era protexer a costa ante eventuais ataques doutros países despois da 2ª Guerra Mundial.

Dende aquí vemos a Cruz en Punta Frouxeira. Este monumento, que data do S.XVIII e  destaca polo seu valor cultural e pola súa impresionante ubicación, ofrecendo vistas panorámicas sobre a costa galega

Os acantilados que hai nesta zona son de alto risco con fortes ventos e ondas que poden acadar os 9m. de altura e foron testemuña de accidentes de varias persoas que se achegaron demasiado ao mar. No 2014, unha familia de 3 membros foi arrastrada por unha gran onda, no 2017 tamén morreu un home ao caer polas rocha e no 2022 atopouse un home que se despeñara ao igual ca o seu coche.
Cando hai grandes temporais péchase o acceso a estes lugares.
Na foto seguinte, unha homenaxe a un neno de tan só 3 meses que non sabemos se tamén morreu neste lugar.

Consérvanse diferentes túneles que daban acceso aos proxectores. Na foto, a boca dun deles. Estes proxectores iluminaban o mar pola noite pra disuadir aos inimigos e poder localizalos con facilidade se entraban na zona; tiñan focos moi potentes que acadaban incluso os 20km. de distancia.


Os acantilados son impresionantes e a zona é de alto risco se hai temporais.

Na imaxe seguinte, o edificio de observación que se conserva en Punta Frouxeira.


As vistas agora son espectaculares cara aos acantilados de O Porto onde se atopa unha capela que axiña veremos máis cerca. Ao fondo de todo, Cabo Prior.

Este tramo do percorrido, lembra bastante a outros do Camiño dos Faros que xa fixemos.

A Capela de Nosa Señora do Porto, tamén coñecida como Nosa Señora do Mar ou Virxe do Porto, está situada na parroquia de Meirás. Está construida sobre unha pequena illa rochosa á que só se pode acceder a pé coa marea baixa.

Conta a lenda que uns pescadores atoparon a imaxe da Virxe no mar e levárona a terra. Ao día seguinte, a  imaxe volveu a aparecer de novono mar e decidiron levantar unha ermida sobre unhas rochas en honor á que agora coñecemos como a 'Virxe do Porto'.

A capela está situada nun enclave cun encanto único. 




Ao pé da capela anterior, hai unha cetérea en ruinas. Pasou de ser un centro pioneiro na cría de diferentes especies de peixe a convertirse nun punto de lixo, cheo de grafitis.

Unha última imaxe da cetárea e a capela.

Alonxámonos de momento da costa por este carreiro.

Desembocamos nunha estrada local pola que imos só durante uns metros.

Deseguida pillamos un camiño que nos vai levar de novo á praia da Frouxeira pero pola parte das dunas.

Polos carreiros que hai entre as dunas, chegamos ao punto de inicio.

Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Lagoa_da_Frouxeira

https://gl.wikipedia.org/wiki/Faro_de_Punta_Frouxeira

https://costaartabramilitar.com/punto-patrimonial/baterias-punta-frouxeira-proyector-puesto-de-combate-y/