luns, 18 de maio de 2026

O VILAR, O PACIO, A VALIÑA E CAPELA DE S. VICENTE DE TRIGÁS (MONDOÑEDO) E BICOS ( ABADÍN)

 Nada menos ca 18 rutas levo feitas ata agora no concello de Mondoñedo (esta é a nº 19). Este é un concello que me encanta polas súas masas de arboreda autóctona que aínda conserva, polas aldeas tradicionais, por desgraza moitas xa baleiras ou con moi poucos habitantes, pola Serra da Toxiza, polos seus ríos e fervenzas, polo inmenso patrimonio relixioso e civil....Cada vez que vou, descubro algo novo como ocorreu na ruta que vou describir que, aínda que xa coñecía a maioría dos lugares que percorrín, foi un gusto volver a eles e descubrir como digo novas paisaxes, novos elementos.

Características:

Lonxitude: 6,2 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

O Vilar é un lugar da parroquia de Santiago de Mondoñedo que no 2003 xa estaba deshabitada. As dúas familias propietarias cedérona ao concello de Mondoñedo para a súa rehabilitación.

A aldea conta cun Albergue de Natureza, unha Aula de Natureza e un Centro de Recepción BTT. Conta tamén cun Centro de Interpretación da Prehistoria.
O complexo restaurado está nun entorno natural autóctono precioso e illado, ideal para o descanso pero a día de hoxe atopámolo bastante descoidado, con ortigas ao redor de varios edificios.
Pois dende este complexo rehabilitado, empezamos esta ruta. Na foto, entorno de O Vilar.

Vemos un peche para o gando pero hai un acceso de madeira para pasar.

O Vilar foi unha aldea tradicional que, coma moitos núcleos da zona, quedou deshabitada polo declive das actividades agrícolas tradicionais.

A partir da cesión en 2003, o Concello de Mondoñedo traballou na rehabilitación do conxunto etnográfico, incluíndo un albergue de 54 prazas e un espazo dedicado á cova do Rei Cintolo.

 Non é unha aldea abandonada hoxe en día, senón un complexo etnográfico e turístico funcional, visitable e adicado á divulgación da prehistoria.

Outra imaxe de O Vilar. Este cabozo quedou sen restaurar.

Na foto, o Albergue.
 
Alonxámonos de O Vilar por este fermoso carreiro que xa coñeciamos de cando fixemos a "Ruta da Auga"
Mondoñedo segue conservando fragas autóctonas e unhas paisaxes moi fermosas.

Pasamos pola aldea de O Pacio que está deshabitada.
Atravesamos o Rego de Valiñadares por unha ponte de madeira.
 O percorrido non pode ser máis fermoso:
Chegamos a unha bifurcación. Pillando á esquerda, iriamos pola Ruta da Auga pero nós imos á dereita porque a nosa ruta é outra.
O carreiro que imos atravesar agora é o peor tramo desta ruta; pasar, pásase pero se alguén non o remedia axiña vai acabar por  pecharse de felgos e silvas. Sería unha pena porque é precioso!
Chegamos a outra aldea, A Valiña, que xa pertence á parroquia de S. Vicente de Trigás. Ata non hai moito aquí vivía un home de máis de 90 anos que actualmente xa se tivo que marchar debido á súa avanzada idade. ( Así nos contou unha veciña da aldea próxima de Bicos, pola que despois pasaremos) Así que outra aldea deshabitada, coma moitas outras que vou atopando ao longo das rutas que fago.
Eso si, nesta aldea aínda queda algún animal como un can e un galo que parecían moi amigos e alguén vén coidar xa que non estaban da fame.
O canciño debía sentirse só e acompañounos durante un pequeno tramo.
Xa podemos ver a aldea de Bicos pola que pasaremos deseguida. Esta aldea xa pertence á parroquia de Abadín. 
En Bicos estivemos falando cunha muller que vive aí e díxomos que actualmente vivían nesta aldea, 6 habitantes.
Dende Bicos xa iremos por asfalto ata o final de ruta pero non importa xa que por estes lugares illados e con tan poucos habitantes, non nos cruzamos con ninguén.
A capela de S. Vicente de Trigás foi a igrexa parroquial ata o ano 1963 cando se contrueu unha nova que está máis arriba.
Esta capela é do S. XVI e ao pé dela pasa o Camiño Norte de Santiago.
Seguimos por esta estrada local ben fermosa:
Coincidimos neste pequeno tramo co Camiño Norte de Santiago.
Vemos aí embaixo o lugar de Casa Vella, xa a piques de rematar esta ruta:
Paisaxe de Mondoñedo, concello que ten un potencial tremendo para rutas de sendeirismo, a ver se un día se deciden a coidalas e promocionalas. Que ninguén se preocupe pola masificación destes lugares, a inmensa maioría da xente vai a sitios onde chega ben o coche a facerse selfies, os que andamos por carreiros e camiños, somos moi pouco/@s.