Amosando publicacións coa etiqueta Villayón. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Villayón. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de febreiro de 2025

TRELLES (COAÑA) E ENCORO DE ARBÓN (VILLAYÓN)

 Hoxe fixen unha ruta que vai por dous concellos asturianos. Non a desfrutei moito porque ten demasiado asfalto e hai tramos monótonos de pouco interese (sobre todo o que vai dende o Encoro de Arbón a Trelles) Ademais tampouco vou subir o track que gravei porque en S. Pelaio metinme por onde me mandaba o track planificado que levaba e resultou ser un camiño de monte que despois desaparecía e tivemos que desandar o andado.

Características desta ruta:

Lonxitude : uns 12 km

Dificultade: se se fai como se indica no seguinte track, non hai apenas dificultade xa que as subidas son moi levadeiras pero se se fai dende Trelles baixando primeiro ao Encoro de Arbón para logo subir a S. Pelaiao o desnivel de subida é moi acusado.

Xa que eu non vou publicar o meu track porque ten un tramo que pode levar a confusión, recomendo este de Rebollín G. Montaña. A diferenza deste track coa ruta que eu vou narrar é que eu partín de Trelles e non pasei pola aldea de Arbón.

Ruta circular sen sinalizar.

Descripción: 

Partín da igrexa parroquial de S. Xoán de Trelles. Non existen datos concretos sobre a data da súa construcción pero sábese que é da I. Media. Ten unha alta e esbelta torre, característica propia das igrexas do occidente astur.

Igrexa de S. Xoán de Trelles

A parroquia de Trelles forma parte do concello de Coaña. É unha parroquia pequena, de ao redor de 300 habitantes.

Trelles (Coaña)

En Trelles chamounos a atención o verdor dos seus prados e as casas grandes e novas que hai.

Tódalas casas están moi ben coidadas así como os arredores das mesmas.

Trelles

Vemos tamén algún típico hórreo asturiano.

Unha aldea moi fermosa esta de Trelles tan verde.

Trelles

Ao pé desta casa deshabitada remata o asfalto.

Remate da estrada

Imos agora por un camiño dos que ama o bo sendeirista.

Baixamos un monte de eucaliptos.

 
Chegamos á Pasarela de Trelles que se atopa nun fermoso entorno.


Contoume unha amiga que cando ela, que naceu en Trelles, vivía aquí se ía bañar xusto a este punto onde se atopa a pasarela que daquela non había e cruzaba nadando o río dun lado ao outro.

Pasarela de Trelles

A pasarela peonil cruza o río Navia que nace en Pedrafita do Cebreiro (Galicia) e desemboca moi cerca de aquí formando a Ría de Navia.
Pasarela de Trelles

O río Navia que baña Galicia e Asturias, serve de límite tamén entre ámbalas dúas Comunidades. Conta con 3 encoros: o de Grandas de Salime, o de Doiras e o de Arbón que veremos despois
Río Navia

Outra vista da Ponte Colgante de Trelles.
Ponte colgante de Trelles
Despois de cruzar a pasarela deixamos o concello de Coaña para entrar no de concello de Villayón. Un concello mira ao outro dende as dúas marxes do río Navia.

Imos nun principio por un camiño pegado ao río que deseguida se alonxa.

Xa vemos os primeiros prados que anuncian unha poboación próxima. Estamos chegando a S. Pelaio,  lugar da parroquia de Arbón, no concello de Villayón.

S. Pelaio conta con 35 vivendas das que 25 son principales.

S. Pelaio (Villayón)

As laranxas e mandarinas abundan por toda esta zona.

S. Pelayo atópase a 100m. de altitude e ten boas vistas sobre o concello de Coaña e arredores.

Vistas dende S. Pelaio

Outra vista xa abandonando S. Pelaio.
S. Pelaio

Dende S. Pelaio ata o encoro de Arbón imos primeiro pola AS-25 e despois pola estrada que vai ao propio encoro e a TrellesFíxóseme eterno este tramo, sempre por asfalto. Pola As-25 ademais con bastante tránsito.
No cruce que vemos na foto seguinte deixamos a As-25 para pillar á dereita a estrada que vai ao encoro e a Trelles.

Unha estrada fea e cun importante desnivel. Menos mal que a fixemos no sentido de baixada. A subida para min sería terrible.

O encoro de Arbón foi inaugurado no 1967. Está situado a tan só 12 km. da desembocadura do Navia no Cantábrico, dentro do concello de Villayón. O aproveitamente deste enmcoro é fundamentalmente hidroeléctrico, aínda que tamén se destina a usos deportivos e lúdicos.
Central hidroeléctrica de Arbón

Cruzamos a ponte por derriba do encoro e voltamos ao concello de Coaña.



O encoro de Arbón é tamén un lugar apto para a práctica de deportes naúticos como remo, vela, pesca...ten unha zona equipada para estes deportes chamada "O Pantalán"
Encoro de Arbón

Unha imaxe da presa:

Dende o encoro ata Trelles segue a ser todo asfalto e moito me cundeu!! Unha estrada á beirado río pero que case nin ves, monótona e solo se salva o percorrido por esta cascada:


Estrada que se me fixo eterna!

O 1º que atopamos ao chegar a Trelles foi a súa área recreativa.

Área Recreativa de Trelles

Vemos outra zona desta aldea  na que non deixa de sorprerdernos a cantidade de vivendas novas e grandes que hai.

Trelles

Pasamos por diante da Capela de S. Roque e xa estamos case no final desta ruta. A igrexa da que partimos queda a uns 100m.

Capela de S. Roque

Páxinas web empregadas:

https://patrimonio-religioso.asturias.me/comarca-del-parque-historico-del-navia/c/0/i/85743204/iglesia-de-san-juan-de-trelles


https://villayon.vivirasturias.com/poblaciones/c/0/i/62740850/san-pelayo

https://es.wikipedia.org/wiki/Embalse_de_Arb%C3%B3n

https://www.turismoasturias.es/descubre/naturaleza/otros-espacios/embalses/arbon







martes, 7 de novembro de 2023

ARBÓN RUTA CIRCULAR (ARBÓN- VILLAYÓN)


No concello de Villayón visitamos hai un tempo as súas famosas e fermosas fervenzas que están cosideradas como Monumento Natural, Cascadas de Méxica e Oneta. Hoxe fun facer unha ruta moi descoñecida grazas a un track que atopei en Wikiloc que resultou ser perfecto e así descubrín outros lugares fermosos deste concello.

Dicir que Villayón é un concello do occidente asturiano ao que nós, os da Mariña de Lugo, chegamos en menos de unha hora porque imos por autovía ata Navia e dende aquí está moi cerca, cara ao interior indo pola AS-25, unha estrada ancha e cómoda.

Villayón pertenceu a Navia ata 1868, data na que se independizou formando un concello propio.

Ao igual que tódolos concellos de interior foi perdendo poboación paulatinamente e ten pouco máis de1000 habitantes.

Esta ruta está dentro da parroquia de Arbón, unha das 6 que ten este concello.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,3 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. Deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta:🔆🔆🔆🔆

Descripción:

Partín da aldea de Arbón, concretamente de ao pé da igrexa parroquial. A igrexa está na parte máis alta da aldea e ten estas vistas:

Arbón e a estrada AS-25

Aínda que ameazaba coa chuvia, de momento está un día perfecto para camiñar. Na foto, a igrexa dedicada a Santiago Apóstolo, o cemiterio e a aldea.

Arbón
Arranco a camiñata por unha vía de servizo.


A parroquia de Arbón ten cerca de 300 habitantes.
Arbón
Deixamos Arbón indo por un camiño de monte. A outra opción sería baixar pola estrada AS-25. Mellor por aquí.
Camiño de monte

Desembocamos nunhas casas ao pé da AS-25 pola que temos que ir uns metros.

O acceso ao Pozo Mouro non está sinalizado, non hai un só letreiro que indique onde está. Temos que pillar ese devío que se ve na foto e debía de ser por onde ía antes a estrada. Veremos un carreiro e baixamos por el uns 10 metros. O lugar está practicamente pegado á estrada.

O primeiro que se ve é un muíño en estado ruinoso.
                                                                      Pozo Mouro
A cascada está formada polo Rego de Penón e ten unha poza grande onde no verán se baña a xente.
                                                                   Pozo Mouro
Dende o Pozo Mouro, podemos dar a volta por onde baixamos ou ben seguir o valado de madeira para subir á estrada AS-25 e andar uns metros ata o cruce para deixar esta estrada e pillar unha local a Villartorey. Moito coidado con esta subida se choveu porque esvara moitísimo!!
Na foto seguinte vemos o sendeiro de subida pegado á AS-25 pola que volvemos atrás uns metros ata o cruce.

Ata Villartorey imos sempre en subida pero é un ascenso moi cómodo no que apenas notamos o desnivel. Esta é unha estrada local na que non me crucei con ninguén.
                                                              Estrada a Villartorey

A medida que subo, e nos ocos que deixan as árbores, podo ver lugares de Arbón, onde iniciei esta ruta.

Por veces tamén vexo o río Navia que forma na parroquia de Arbón o encoro do mesmo nome.

A unha beira, eucaliptos e na outra carballos e castiñeiros chegando xa a Villartorei.

Villartorei é un lugar da parroquia de Arbón, unha pequena aldea a unha altitude de 245m. que conta con 20 vivendas. O entorno no que se atopa é ben fermoso, rodeada de prados verdes ondulados e de montes ao lonxe.

Entretívenme bastante tempo en Villartorei, a ruta cruza polo medio deste fermoso lugar ao ver as primeiras casas xa me din conta do coidado que estaba todo.
Xardín ben coidado en Villartorei

Este letreiro nunha lousa danos a benvida: "Bienvenidos a la herencia que dejaron nuestro antepasados. Villartorey 2023""
                                                                 Villartorei
Plantas, flores... e como estamos en novembro, cabazas, moitas cabazas adornando toda a aldea.
                                                               Villartorei
O tradicionais cabozos e paneiras xunto a utensilios de labranza empregados no pasado.
                                                                 Villartorei
Mensaxes fermosas que aparecen en calquera lado.
                                                             Villartorei
A paneira que se ve na foto foi hoxe o meu comedor e ademais serviume de refuxio xa que empezou a chover.
Villartorei
O lugar que fixo de comedor, decorado cos productos da temporada. Había tempo que eu non vira o millo enrestrado como tantas veces contemplei sendo nena e rapaza.
Villartorei
Máis mensaxes. Con este concordo totalmente. Eu desfruto enormemente facendo rutas, cada día máis.
                                                                 Villartorei
Nesta aldeiña parece que saben conservar as tradicións.
                                                                Villartorei
As cabazas adornaban tódolos hórreos e casas.
                                                                     Villartorei
Pensando no mínimo detalle...
                                                                   Villartorei
Gustoume moitísimo coñecer esta vila tan singular e fermosa!
Villartorei
Abandono Villartorey e atopo un cruce, teño que ir á dereita, pola estrada que vai a Oneta onde se atopa a famosa cascada que é xunto coa de Méxica Monumento Natural.

Vista dos verdes prados que rodean Villartorey e da capela de S. Luis.

No ano 2017 romperon a porta desta capela para levar 1,5 €. Pensarían que habería máis, claro...
Capela de S. Luis en Villartorey
Dende a parte máis alta da aldea, temos estas vistas da mesma.

Villartorey
Ao pouco, noutro cruce, deixamos a estrada que vai a Oneta para pillar á dereita, cara a Villayón.

Últimas vistas de Villartorey

A estrada remata e collemos por un camiño. NON temos que torcer aí á esquerda senón algo máis abaixo, xusto ao pé dunha casa.

Atopamos un camiño asfaltado que leva á casa anterior que apenas se ve dende o cruce, só se lle ve o tellado.



O asfalto remata axiña para dar paso a un camiño de carro.

Agora imos baixando e ás veces temos estas vistas:

Atravesamos un monte durante 1,5km. aprox.

E saimos a unha estrada local que remata na AS-25 pola que teremos que camiñar intentando facelo pola zona verde que nos queda xusto no lado esquerdo. Deberemos ir con coidado xa que esta estrada é moi transitada.

Zona verde no lado esquerdo.

Esta estrada vai pegada ao encoro de Arbón. Hai varios accesos para chegar ao pé mesmo da auga e ver as lanchiñas.
Encoro de Arbón

Encoro de Arbón

                                                                 Encoro de Arbón
En lugar de volver á estrada, vou polo paseo que hai protexido por varanda de madeira á beira do encoro. Pena que son só uns metros.

A paisaxe é bucólica con este verde, esta luz, esta calma...
                                                         Encoro de Arbón

En 3 ocasións ao longo da estrada AS-25 nos podemos achegar ao pé da auga.

Camiñando pola zona verde, chegamos a un cruce onde deixamos a estrada AS-.25 e torcemos por un camiño á esquerda que nos sinala o camping "La Cascada"

Vexo outro acceso para achegarse ao pé da auga e vexo unha ave totalmente inmóbil que pensei que estaba ferida pero ao irme achegando levantou o voo cara ao río.

Aquí tamén vexo lanchiñas.

O acceso ao camping estaba aberto e fun botar unha ollada. Non había ninguén, só autocaravanas aparcadas. O entorno é moi fermoso ao pé dun río cantareiro.
                                                             Camping La Cascada
Estou chegando de novo a Arbón por un camiño de carro dos de toda a vida.

Como podemos ver polas fotos, Arbón é unha parroquia gandeira e tamén sementan fabas. A cor marrón que vemos entre os verdes prados foron, non hai moito, plantacións de fabas que foron recollidas recentemente.


A aldea ten tamén algunha mostra de arquitectura tradicional con varios cabozos.

E xa cheguei á igrexa parroquial onde iniciei esta fermosa ruta.


Páxina web consultada:
https://www.vivirasturias.com/entidades-poblacion/c/0/i/54850919/villartorey