Amosando publicacións coa etiqueta Fervenzas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fervenzas. Amosar todas as publicacións

venres, 27 de febreiro de 2026

POZO DA FERIDA E CANDAOSO (XOVE E VIVEIRO)

 Pensei que o Pozo da Ferida (coñecida fervenza na Mariña Lucense) estaría moi fermosa nesta época despois dun inverno tan chuvioso que tivemos. A ruta só ata a fevenza é moi curta por eso me planteei ampliala a outras zonas e así chegamos case ata o Curro de Candaoso.

Características da ruta:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: moderada. A zona ao pé da cascada pode estar esvaradía e hai que ir con moito coidado por entre as rochas se queres achegarte. 

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Eu cheguei co coche ata mesmo o inicio da baixada á cascada, xunto a unha casa abandonada no lugar chamado O Castro. Estamos na parroquia de S. Isidoro do Monte (Xove)

Aínda que hai un aparcadoiro oficial algo antes, nós chegamos ata aquí.

Baixamos polo camiño este, como indica o sinal.

Un camiño sombreado.

Primeiro atopamos esta cascada artificial formada pola auga encorada que abastecía a unha pequena central hidroeléctrica que veremos despois.

Continuamos baixando por este carreiro onde medra vexetación autóctona.

A maioría das árbores son carballos que nesta época aínda non teñen follas.

 Topamos coa antiga central eléctrica.



A cascada ten unha poza bastante grande onde hai xente que no verán se atreve a darse un baño.

Dende a fervenza voltamos polo mesmo camiño ata onde deixamos o coche e dende aí pillamos un camiño que sae ao pé da casa abandonada.

Despois de atravesar un pequeno traxecto de monte (500m.) desembocamos nunha estrada  e vemos este lugar (O Temoral) que tamén quedou abandonado.

Non hai moito que cortaron este monte de eucaliptos no medio do que quedara este lugar que un día, en lugar de monte, de seguro tiña ao seu redor terras de labor.

Seguimos por esta estrada solitaria 700m. ata que vemos un camiño á esquerda e pillamos por aí. Un ERRO!!! O track que eu levaba planificado mandaba seguir por aí pero é moito mellor seguir pola estrada porque o camiño métese por prado (no que tivemos que había un peche que sacamos facilmente) con moitísimo desnivel!!! Fixósenos eterna a subida!

Este foi o prado que subimos ata arriba de todo, onde remata a cor verde.

As vistas, a medida que imos subindo e mirando para atrás.

Por fin saímos a unha pista despois de pasar por debaixo do peche que se ve, non sen certa dificultade. 

Esta pista en moi bo estado para camiñar é a que nos vai levar a Candaoso.


Mirando cara atrás vemos ben a pista pola que deberiamos haber subido e NON cruzar os prados que tamén vemos entre os piñeiros.

Piñeiros en Pena Terreiro. No km.4,4 abandonamos a pista para cruzar máis recto.

Voltamos á pista:

Observamos gran cantidade de cabalos pastando tranquilamente:

Dende aquí, vemos o Chao do Cargadoiro onde se atopa o Curro de Candaoso no concello xa de Viveiro. Aquí celébrase tódolos veráns unha Rapa das Bestas considerada Festa de Interese en Galicia. Partindo dese lugar fixemos o ano pasado unha fermosa ruta que se pode ver AQUÍ

Non chegamos embaixo de todo porque eu xa coñecía esa zona. Demos a volta e agora non cruzamos polo piñeiral. Imos todo pola pista.

Intentamos deixar a pista e pillar un camiño que me indicaba o track pero había que cruzar o prado que vemos e atopamos un peche que non nos deixaba pasar, así que voltamos deseguida de novo á pista. (No track, pódese ver perfectamente)

Non tódolos peches se poden abrir ou pasar por debaixo. Este foi imposible cruzalo...

Así que voltamos á pista que xa non deberiamos haber abandonado.

Dende a pista pola que baixamos podemos ver o prado polo que antes subimos.


Chegamos a este cruce onde desembocamos na estrada xa asfaltada.

Estamos xa no camiño de monte moi cerca do final.

























martes, 13 de xaneiro de 2026

FERVENZAS ACEÑA DA SERRA E POZO DA FERRERÍA EN S. PAIO (CUBILLEDO-BALEIRA)

 Baleira é un concello que pertence á Comarca da Fonsagrada e a capital é O CádavoEsta ruta vai ser a 3ª que facemos neste concello. As anteriores foron estas: 

Fraga da Marronda sen fraga

Ruta da Fontaneira

A ruta de hoxe é moi curta pero moi proveitosa porque en moi pouca distancia podemos admirar dúas fermosas cascadas e coñecer a pequena aldea de S. Paio.

Características da ruta:

Lonxitude: cerca de 3 km.

Dificultade: Fácil. Só hai que levar coidado no entorno das fervenzas que acostuma a estar moi húmido, sobre todo en época de choivas. A 1ª fervenza ten un acceso un pouco máis complicado para achegarse a ela.

Ruta circular sinalizada. O meu track (orientativo porque tiven que modificalo xa que non me acordei de parar a grabación ao finalizar e grabou o tempo de coche ata Meira) en Wikiloc:

Descripción:

Aparquei o coche un pouco antes de chegar a S. Paio, nunha bifurcación onde hai un letreiro anunciador da ruta PR-G 145 "Ruta da Marronda- Alto Eo" coa que compartiremos parte desta ruta.

Carreiro cara a 1ª cascada. Os liques nas árbores son un bo indicador do aire limpo que hai no entorno.

O 1º que se ve é este muíño que foi construido no 1946 sobre os restos de dous anteriores aproveitando a auga do río Eo e o seu afluente Rego do Castelo. O muíño está restaurado.

A fervenza Aceña da Serra aproveita o desnivel natural que existía para construir un muro de pedra duns 15 m.  para desviar as augas para a aceña, acea ou muíño que acabamos de ver. Tamén se aproveitaba a auga para o regadío a través das diversas canles creadas á beira do río.

Fervenza Aceña da Serra

A fervenza está algo modificada pola presa que construiron para o muíño pero é moi fermosa e ademais traía moita auga debido ao outono e inverno chuvioso que estamos a ter.

Voltamos uns metros cara atrás e continuamos cara a S. Paio. Á nosa dereita vai o Eo, aínda moi novo (o seu nacemento non está moi lonxe de aquí)

S. Paio é unha pequena aldea da parroquia de Santiago de Cubilledo, do concello de Baleira.


S. Paio
 

En S. Paio atopamos esta rústica e preciosa fonte.

Nos inicios da aldea atopamos este letreiro ao pé do alpendre dunha casa e as indicacións de que podemos ir por aí para a 2ª fervenza.

Estamos compartindo a ruta Fraga da Marronda.

O camiño este está algo anegado.

Despois de alonxarnos da aldea polo camiño ao pé dun prado, entramos nun estreito e fermoso carreiro.


Unha paisaxe inverno-outonal ben fermosa.

Chegamos a un cruce e seguimos á dereita, cara abaixo. Á volta, en lugar de ir polo mesmo traxecto pillaremos polo camiño que vemos de frente.

Baixamos á fervenza por un cómodo camiño e rodeadas de vexetación autóctona.

Camiño a fervenza atoparemos dous muíños totalmente abandonados e case comidos pola maleza.

A fervenza do Pozo da Ferrería ten unha orixe natural pero existiron antigamente pequenas presas que servían para regular o caudal e utilizalo tanto para os muíños (hai dous en ruinas, case tapados pola maleza) como para regadío a través de canles.


A fervenza non é moi alta pero é preciosa pola cantidade de auga que leva e polo entorno onde se atopa.

Fervenza da Ferrería

Subimos por un camiño, entre piñeiros agora.

Nun claro, podemos ver os prados e algunha casa de Vilauriz.

No cruce que vemos na seguinte foto, temos a opción de continuar pola ruta PR-G 145 pillando cara á dereita. Nós seguimos subindo para S. Paio.

Despois de cruzar o prado que vemos, atopamos a estrada xa en S. Paio.

Antes accedemos a S Paio pola parte baixa da aldea; agora accedemos pola parte máis alta.

Nesta zona e concretamente nesta aldea, tódolos hórreos ou cabozos son desta forma: hórreo asturiano, estilo Fonsagrada. Non estamos moi lonxe de Asturias e os cabozos son edificados ao xeito desa comunidade por esta zona galega.
Foron construidos en madeira e poden ser cadrados (a maioría) ou octogonais. Algúns teñen un corredor externo ao redor para gardar o millo (dentro, no interior gardábase o trigo e o centeo) Os desta aldea, ningún tiña ese corredor.


Unha placa de mármore lembra a antiga escola mixta "construida polos veciños".

A escola está totalmente abandonada e aínda que en moitas aldeas estas antigas escolas ,foron rehabilitadas como Centro Social, esta, de momento, non correu esa sorte.

A escola por fóra. 

Despedímonos de S. Paio.

Baixamos pola estrada ata chegar á bifurcación onde iniciamos a ruta pillando á esquerda. Despois da curva, temos xa o coche.