Amosando publicacións coa etiqueta Santa Eulalia de Oscos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Santa Eulalia de Oscos. Amosar todas as publicacións

sábado, 19 de setembro de 2026

A SEIMEIRA (PR-AS 116) ATA MURIAS (SANTALLA DE OSCOS)

 Este ruta foi a 1ª que fixemos neste concello hai xa ben anos. AQUÍ pódese ver.

Quixen repetila porque a lembraba fermosa e quería subir a Busqueimado que daquela vez non o fixéramos.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: moderada. (En épocas de chuvia, algúns tramos poden resultar esvaradíos e tamén hai que ter en conta o pronunciado desnivel de subida a Busqueimado)

Ruta ben sinalizada e oficialmente lineal, aínda que nós cambiamola algo. O meu track en WIKILOC

Descripción da ruta:

A ruta empeza na aldea de Pumares, moi preto de Santalla. Pumares atópase nunha veiga, ao abrigo de montañas e bañada polo río Agüeira que nesta época levaba pouca auga.

Pumares

En Pumares tódalas casas, que por certo son enormes, están restauradas. Nesta aldea, os protagonistas son a pizarra, a pedra e a auga do río. É terra de antigos ferreiros, de bosques autóctonos, de auga...

Pumares

Na seguinte foto, podemos ver unha antiga roda de afiar, un inxenio hidráulico empregado para afiar coitelos e outras ferramentas mediante a forza da auga, que facía xirar unha roda que aproveitaba esa humidade para mollar a pedra de afiar e evitar así danos no aceiro.

Pedra ou Moa de afiar.

O percorrido vai semopre á sombra de carballos, castiñeiros, bidueiros...

De cando en vez aparecen antigos muros de pedra seca que delimitaban propiedades.

Camiñamos levando á esquerda o río Agüeira que hoxe máis ben semella un rego pola pouca auga que leva.

Unha ruta moi reconfortante para o verán!!


Poe estes camiños se movían xente e animais no pasado!


Ancadeira é unha aldea que quedou deshabitada na década dos anos sesenta. Por aquí pasa a ruta.
Ancadeira

A natureza vai devorando pouco a pouco esta aldea.
Ancadeira

Unha casa de Ancadeira por dentro, o lugar onde estaba a lareira e o fregadeiro. Igual ca esta, lembro eu unha da miña primeira infancia.
En Ancadeira viviron 3 familias: Casa Silverio, Casa de Estrella e Casa de Lázaro.
Interior dunha casa en Ancadeira

Paisaxe que rodea a anterior aldea con castiñeiros, carballos, muros de pedra seca que perviven aínda que algo desfeitos xa...

A densidade do bosque ao pé do río non nos deixou ver case o ceo ata chegar aquí, ao pé de Ancadeira.

Seguimos ao pé do río. Asombra a pouca auga que leva. Canto se necesita que chova!!

Deseguida chegamos ao Val do Desterrado que conta coa seguinte lenda:
"Dice la historia que en Santa Eulalia de Oscos habitaba un señor con un obediente criado. Tras una jornada de caza, regresaban al pueblo para asistir a misa, pero se les hizo tarde. De forma que el señor pidió al criado que se adelantara y solicitara que se retrasara la misa hasta que él llegara, pero el párroco se negó. Cuando llegó el señor se enfureció tanto que ordenó a su sirviente que matara al cura o moría él. El lacayo obedeció y dio muerte al cura, motivo por el cual le condenaron a morir en la horca. Pero el día del ajusticiamiento se le conmutó la pena por un destierro a un sitio solitario y asilado. Desde aquel día deambula por el valle del Desterrado" .
Val do Desterrado

O Val do Desterrado atópase nun fermoso souto.
Val do Desterrado

Vemos varias "corripas". Aínda que hai un cartel que fala delas non hai un sinal que indique onde se atopan e non están na mesma ruta. Hai que desviarse uns metros polo espazo do souto (está rozado) e chégase a elas facilmente.
En Galicia tamén se chaman así ou ben ouriceiras. Son construccións circulares de pedra onde se deixaban a secar os ourizos para máis tarde recoller as castañas. 
Corripas
Chegamos a un cruce: ata a cascada quedan 300m. e ata Busqueimado, 1,5 km. Primeiro imos ata a seimeira..

O camiño para chegar á seimeira pode complicarse algo. Hai que camiñar sobre estas lousas que se están húmidas, seguro que esvaran. Non é o caso de hoxe.

Esta seimeira non é espectacular. Téñoas visto moito máis fermosas e por riba hoxe trae pouca auga. O máis espectacular é dende logo o percorrido para chegar a ela.

Vellos castiñeiros nos acompañan.

A subida a Busqueimado é dura polo desnivel que hai. Menos mal que só é 1,5km.

Estamos a case 700m. de altitude pasando do profundo do bosque ás alturas e estas son as vistas:

Estamos chegando á aldea. Esta ruta está moi ben sinalizada.

Este acceso natural á aldea faise por este tradicional camiño.

Vistas dende Busqueimado, a máis de 700m. de altitude:


En Busqueimado hai unha pequena capela en honor a S. Pedro que ten diante uns teixos centenarios que acadan o metro e medio de diámetro no tronco.

Capela de S. Pedro e teixos centenarios

O teixo  é unha árbore conífera que correntemente acada entre 12 a 15 metros de altura.  A maioría das partes da planta son velenosas e o consumo da follaxe pode provocar a morte.
O teixo é unha especie  onde as femias producen uns arilos carnosos ou bagas, de cor vermella moi viva, que envolven parcialmente ás sementes. Non son tóxicos, sendo consumidos polas aves, porén as sementes si son tóxicas, como todo o resto da planta. 

Dentro da antiga cultura celta o teixo tivo unha extraordinaria importancia. Varios dirixentes preferiron envelenarse con teixos que entregarse ao inimigo.
Bagas vermellas do teixo

Para chegar ata a capela de S. Pedro hai que desviarse uns metros da ruta por este camiño (está indicado)

Aínda que en Busqueimado vive xente (pouca) non vimos a ninguén, sairon recibirnos dous mastines con boa intención, eso sí. Hai casas novas e outras restauradas.
Busqueimado

Dende Busqueimado, en lugar de dar a volta por onde viñeramos, intentamos facer a ruta circular pero entre que nos ía pillar a noite e que todo o percorrido era por asfalto, en Murias decidimos chamar un taxi que veu buscarnos dende Santalla.

Murias é o punto máis alto desta ruta, a máis de 800m. de altitude. É unha aldea con moi poucos habitantes. Non nos adentramos no medio da aldea que destaca polas súas casas de pedra.
Murias

Páxinas web consultadas:

https://entrebosquesypiedras.blogspot.com/2016/06/los-castanos-de-ancadeira-asturias.html

https://gl.wikipedia.org/wiki/Teixo

sábado, 9 de agosto de 2025

FORCÓN DOS RÍOS (PR-AS 119) SANTALLA DE OSCOS

 Fixemos esta ruta hai 10 anos nun frío día de inverno. O que recordo da camiñata é precisamente a tremenda xeada que había, recordaba tamén que había ríos e pontes, unha aldea abandonada e pouco máis. Lembro que era fermosa e tiña ganas de repetila e de grabala. Hoxe foi o día.

Estamos nos Oscos. Esta comarca asturiana está formada por 7 concellos: Santa Eulalia, S. Martín e Villanueva de Oscos, Castropol, S. Tirso de Abres, Taramundi e A Veiga.. É unha comarca con impresionantes rutas de sendeirismo,  con pequenas aldeas deshabitadas ou con moi poucos habitantes, algunhas delas restauradas respectando a arquitectura popular da zona; con bosques inmensos dominados por ábores autóctonas. En fin, un lugar que hai que visitar e ao que sempre apetece volver.

En Santalla de Oscos levo feitas tódalas rutas do concello (5)agás unha de recente creación que espero poder facer axiña. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 12,3 km.

Dificultade: fácil. Ten algún "repecho" importante pero sen maior dificultade que a que presente cada persoa para subir ou baixar.

Ruta circular ben sinalizada e acondicionada a día de hoxe. Deixo o trakc que grabei en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta parte da Casa da Cultura de Santalla en dirección Millarado. Dende a Casa da Cultura temos unha vista boa da vila.


Empezamos unha lixeira subida e xa nos sumerximos nun bosque autóctono.

O percorrido vai por unha estreita estrada.

 
Atravesamos unha carballeira.

Un fermoso lugar con vivendas restauradas con bo gusto.  As xentes que viven aí dedícanse á gandaría xa que vimos persoas con gando e realizando labores agrícolas.

A Área Recreativa de Millarado é moi grande e ten algo de todo: mesas e bancos no medio dunha inmensa carballeira, parte dese mobiliario está en mal estado; noutra parte ten aseos  un campo de fútbol e mesas, barbacoas, unha fonte e bancos. 

Ao fondo vemos a aldea de Millarado que conta con pouco máis de 20 habitantes. Resalta a cor dos prados neste seco verán.

Chegando á aldea de As Poceiras.

Deixamos o asfalto e imos entrar nunha zona de sombra ben fermosa.

Árbores autóctonas e peches ancestrais son agora compañeiros de ruta.

Cruzamos a ponte sobre o río Barcia. Este río baña os concellos de Vilanova de Oscos onde nace na parroquia de Xestoso e Santalla. Desemboca no río Agüeira.

O río Barcia cruzarémolo  aínda máis veces nesta ruta.

 Agora empezamos unha curta subida ata a aldea de Vega del Carro.

A unha altitude de 660m. atopamos esta pequena aldea que conta con 5 vivendas, case todas restauradas. A casona da foto penso que foi un albergue rural que a día de hoxe está pechado.

Na foto seguinte, Vega del Carro e, ao lonxe, Millarado e As Poceiras.

Uns metros máis arriba da anterior aldea atopamos unha capela dedicada á Virxe do Carme.

A partires da capela empezamos unha constante baixada ata o río Barcia outra vez. Imos por antigos camiños ben fermosos.

O percorrido desta ruta está todo el perfectamente acondicionado. Oxalá os doutras rutas estivesen así de coidados!!

De cando en vez temos vistas aos inmensos e autóctonos bosques dos Oscos, que son unha marabilla!!

Baixamos cara o río Barcia e oímolo "barullando" aló embaixo.

Fermoso carreiro con muros de pedra seca.

Os últimos metros antes de acadar o río son unha baixada moi empinada e hai que levar coidado de non esvarar. Eu caín de cu!!

Outra ponte para cruzar o río Barcia nun lugar con moito encanto onde se pode aproveitar para facer unha paradiña e desfrutar do entorno do río.

Entorno do río, que nesta época de verán leva pouca auga.

Estamos no lugar que dá nome á ruta: no Forcón dos Ríos. Aquí únense o Barcia e o Vilanova.

Na foto pode aprezarse como o río Villanueva (frente á nosa mirada e entre saltos chega a toparse co Barcia que vai perpendicular ao anterior)

Deixamos o Forcón dos Ríos por un camiño fermoso.

Imos por asfalto durante 1,5 km. e temos de frente estas vistas espectaculares sobre Pena Redonda que xa pertence ao concello veciño de Vilanova.

As Casías é un lugar abandonado que xa estaba deste xeito hai 10 anos cando fixeramos esta mesma ruta. Destaca a casa-torre que vemos.

Volvemos atoparnos co río Barcia na aldea de A Valía. Cruzámolo para adentrarnos nesta aldea.

A Valía ten gran valor etnográfico. É o berce da familia Lombardía que foron reloxeiros e inventores

Esta aldea está totalmente abandonada como xa estaba hai 10 anos. Algunha casa está restaurada e mostra sinais de ser habitada de xeito ocasional.

Quedan restos dun antigo muíño e dun mazo.
 
A Valía está pegada o río Barcia. Na foto seguinte, unha foto das escaleiras que dan acceso directo ao río.

Aínda se conserva unha capela cun fermoso e interesante arco de medio punto. Por dentro está en ruinas e só conserva un altar de pedra.
 
Abandonamos A Valía por un camiño tradicional.

Este camiño pechado con laxas de lousa indícanos que estamos cerca dunha poboación porque vemos prados e tellados a lonxe.

Estamos efectivamente en S. Xulián, a unha altitude de 520m. Chaman a atención as súas casas restauradas pero nas que semella que ninguén vive.

Casas moi grandes e ben restauradas en S. Xulián.

Fermosos camiños e carreiros con peches ancestrais...

Unha ruta que non deixa indiferente...

Valados de pedra seca cheos de musgo como acostuma a haber en sitios húmidos e sombríos.


E chegamos a Caraduxe. A 480 m. de altitude na marxe esquerda do río Barcia atopamos esta aldea dividida en dous lugares: Caraduxe e Mazo de Caraduxe.
Os seus habitantes eran coñecidos co apodo de "ruxe". No ano 2020 contaba con 7 habitantes.

En Caraduxe hai unha empresa familiar (Duxemiel) que ademais de vender mel ofrece actividades de "apiturismo" para nenos e adulto ofrecendo a posibilidade de adentrarse no mundo das colmeas.

A partires de Caraduxe, o tramo ata chegar de novo ao punto de inicio vai todo por estrada (3 km.) 

Atopamos unhas obras que chaman a nosa atención: pertencen ao percorrido dunha ruta de recente creación chamada "Ruta con Arte" , un proxecto pioneiro e inédito que ao longo dun percorrido de case 11 km. amosa obras de artistas locais e de fóra, atopándose ademais con lugares de gran valor etnográfico e natural.
A 1ª obra que vemos chámase "Los Sentires" que conteñen poemas e relatos gañadores dos premios do concurso de Relatos Costumbristas organizado pola Asociación Amigos de Raimundo Ibañez Marqués de Sargadelos.


Pasamos por Ferreirela de Arriba . Uns metros máis abaixo está Ferreirela de Baixo onde se situa a casa natal do Marqués de Sargadelos.

A 2ª obra que vemos é a titulada " Renacemento Arbóreo" coa que se pretende homenaxear a algunhas das grandes mestras da pintura

A seguinte obra é "Encuentro en el Bosque" con un corzo en vime (mimbre) elaborado por Olga Busom.


Dentro do grupo chamado "Faunia" (siluetas de animais quese atopan ao longo da ruta) atopamos esta curuxa, obra da artista xaponesa Keiko Shimizu que reside en Santalla dende 2010.


Xa vemos ao lonxe Santalla.



Dentro da colección "Sentires", atopamos un poema xa a piques de chegar a Santalla.

O municipio de Santalla de Oscos atópase enmarcado dentro da comarca dos Oscos,  designada Reserva da Biosfera pola Unesco xunto a outros catro municipios asturianos e sete galegos formando a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. 

Unha imaxe da igrexa e o edificio do concello:

Unha vila que sabe coidar o seu patrimonio mantendo as rúas fermosas e limpas.


Páxinas web empregadas:

http://www.caleyandoasturias.com/2022/10/la-valia-valia-sta-eulalia-de-oscos.html

http://www.caleyandoasturias.com/2022/10/caraduje-caraduxe-sta-eulalia-de-oscos.html