Aranga é un concello da provincia da Coruña dentro da comarca de Betanzos. É un concello rural que aínda non chega aos 2000 habitantes e que está atravesado polo río Mandeo, precisamente no entorno deste río transcorre nunha parte a nosa ruta de hoxe.
Características desta ruta:
Lonxitude: 9 km.
Dificultade: moderada polo tramo que vai pegado ao río, onde hai momentos en que os felgos e a herba nos tapan case por completo e faise difícil avanzar e porque ten lugares con certa dificultade técnica por raíces, buratos, pedras...
Ruta circular non sinalizada na 1ª parte. O meu percorrido en WIKILOC:
Descripción:
A ruta empeza e remata en Ponte Aranga onde hai espazo para aparcar.
 |
| Ponte Aranga |

A Ponte de Aranga sobre o río Mandeo foi reconstruída no S. XVII en estilo barroco, aínda que ten orixe medieval. Ten 4 arcos desiguais en sillería de granito.
 |
| A Ponte de Aranga |
Ao pé mesmo da ponte, á beira do río, hai unha fermosa área recreativa.
 |
| Área Recreativa |
A capitalidade do concello está aquí, en Ponte Aranga, onde hai unhas 10/15 casas, entre elas a do Concello. O resto das vivendas non sei se estaban deshabitadas pero ver, non vimos unha alma.
 |
| Casa do Concello |
A igrexa parroquial de S. Paio foi construída a comezos do século XVIII en estilo predominantemente barroco, de tipoloxía rural.
Ten planta de cruz latina con tres naves e ábsida rectangular, e na nave norte atópase unha capela onde se conserva a famosa “Cruz de Aranga”, posiblemente do século X. A lenda di que hai anos, dúas mulleres camiñaban de noite por Ponte Aranga e escoitaron o son dunha campaíña. Sorprendidas, foron buscar ao cura e cavaron no lugar desde onde xurdía o son.
Alí atoparon unha cruz de ferro con adornos de cobre e prata, ademais dunha campaíña, que era a que producía o son. Recolleron a cruz e a campaíña e comprobaron que nese lugar manaba auga, dende esa consíderase que a auga que mana da Fonte da Santa Cruz é miragreira.
 |
| Igrexa de S. Paio de Aranga |
Ao pé da igrexa está a Fonte da Fame en cantería de granito datada entre os S. XVI e XVIII.
Actualmente está bastante abandonada. No oco que se ve, pode que no pasado houbese algunha imaxe.
 |
| Fonte da Fame |
Iremos por asfalto durante 3 km. e sempre á sombra. Esto hoxe é moi importante porque foi un día de moita calor.
Dicir que esta é unha estrada local pola que non cruzamos a ninguén.
Cruzamos a aldea de Roibos que pertence á parroquia de S. Paio de Aranga e a pesares de non ter aínda 10 habitantes é un lugar moi coidado e practicamente tódalas vivendas están restauradas en pedra.
 |
| Roibos |
Vemos un hórreo tipo Mahía ou tamén pode ser de estilo galego-portugués: é un tipo de hórreo que se presenta ao longo dunha ampla e irregular área entre as provincias da Coruña e Pontevedra. É un hórreo de cámara rectangular, longo e estreito. As escaleiras e a varanda foron postas moito despois da feitura do hórreo, dende logo.
 |
| Hórreo en Roibos. |
Atravesamos un frondoso souto:
E deseguida deixamos a estrada para baixar ata A Veiga por unha pista forestal. Nun punto determinado, temos estas vistas.
Baixamos por unha pista forestal con predominio de eucaliptos.
Todo o traxecto fomos á sombra. Menos mal!! Xa apretaban o sol e o calor.
Chegamos á Veiga, tamén da parroquia de S. Paio de Aranga. Aquí tamén parece vivir moi pouca xente.
 |
| A Veiga |
Seguen chamando a nosa atención o ben coidadas e restauradas que están as casas.
 |
| A Veiga |
Estamos xa case chegando ao río Mandeo para empezar a 2ª parte desta ruta.
O río Mandeo nace no concello de Sobrado e xunto ao río Mendo forma a Ría de Betanzos.
Parte da zona que percorre é un espazo natural protexido desde 2004 coñecido como zona especial de conservación Betanzos - Mandeo.
Xa nos primeiros metros da camiñata nos atopamos coa sorpresa de que o sendeiro estaba sen desbrozar e tiña zonas con maleza como se ve na imaxe.
Respecto á orixe do nome do río Mandeo (ou Mandeu), conta a lenda que os mouros acamparon na beira do río para decidir cal camiño e cal táctica debían seguir. Dous caudillos discutiron defenderon posturas encontradas, sen chegar a un acordo, ata que un deles exclamou "Aquí mando eu", de onde lle vén o nome ó río.
No río Mandeo celébrase en agosto a romaría dos Caneiros.
Unha foto da que escribe e saca as fotos.
A vexetación é fermosa e a sombra super abundante.
Hai tramos nos que bórrase o carreiro polos felgos tan altos.
Chegamos a unha ponte colgante pola que pasamos para camiñar pola outra marxe do río.
 |
| Ponte colgante |
Antes levábamos o río á dereita e agora, á esquerda.
Esta última parte é bastante técnica con rochas, raíces, buratos...
Parece mentira que unha ruta nomeada como SM-05 que corresponde aos Sendeiros do Mandeo que están integradas na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo esteña abandonada deste xeito.
Unha ruta que podía ser preciosa, para nós converteuse, a parte que vai pegada ao río, nunha decepción xa que non a desfrutamos como se debería ao ter que ir case de seguido apartando vexetación para poder camiñar.
Páxinas web empregadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:H%C3%B3rreos_de_Galicia
https://gl.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Mandeo