Amosando publicacións coa etiqueta Ribadeo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ribadeo. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de febreiro de 2023

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO RINLO-PRAIA DE AREALONGA (INCLUIDO TRACK)

Este tramo do Camiño Natural do Cantábrico xa o realizamos hai uns anos e hoxe repetino eu sola porque da vez anterior aínda non gravaba as rutas e ademais de servirme para poder compartir o track, tamén vin cousas que non vira antes ou é que non estaban como por exemplo un lago situado moi cerca das cetárias de Rinlo que nunca vira nin oín falar del, polo que penso que debe ser estacional e aparecer só cando chove moito como ocorreu estes días pasados. O caso é que dito lago estaba cheo de vida con multitude de aves diversas.

Este tramo pertence á etapa 1 do Camiño Natural do Cantábrico que sae de Ribadeo e remata na Praia das Catedrais e 800m. da etapa 2 que empezaría na praia anterior e remata en Foz.
Este tramo é moi fermoso, con moi pouco asfalto e conta cunhas fermosas paisaxes costeiras, con fermosas e nomeadas praias como a das Catedrais ( moi boa maneira de coñecela facendo esta ruta) tamén moi destacable é a vila de Rinlo co seu fermoso portiño e as casas de cores colgando derriba do mar, as antigas cetarias...

Características:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: moi fácil

Ruta lineal debidamente sinalizada.

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅🔅



Descripción 

Empecei este tramo na área recreativa "Campo do Cristo" en Rinlo.
Área recreativa Campo do Cristo


Dende aquí parte un fermoso e curto paseo á beira do mar.
Paseo marítimo de Rinlo

Dende o Paseo Marítimo vemos deseguida o porto de Rinlo que, fundado do S. XVII, daría orixe a esta vila.
Porto de Rinlo dende o paseo marítimo


Nestes bancos deben contarse contos os veciños da vila:
O banco dos contos.

En lugar de cruzar a ponte, os sinais mándannos seguir polo paseo ao pé das casas que 

vemos na foto, na desembocadura do Rego de S. Xián.

Rinlo

O porto de Rinlo foi nos seus inicios un porto baleeiro fundado no S. XVIII. Máis tarde 

pescouse sardiña, congrio, raia...e outras especies. O porto actual é de 1905.

Porto de Rinlo
 
 Rinlo é a parroquia máis pequena en extensión de Ribadeo e a súa poboación vese reducida

ano tras ano . As casas están mesmo construidas enriba da costa de xeito que non hai moitos 

anos, cando había temporais e mareas moi grandes, a auga entraba nas casas.

Rinlo foi unha típica vila de pescadores cun porto moi importante debido á moita cantidade 

de capturas e tivo unha das primeiras confrarías de España. Actualmente desapareceu a 

pesca de baixura.

Rinlo

No 1904, constrúese en Rinlo a 1ª cetaria natural da nosa zona aproveitando unha entrada 

natural que o mar furou ao longo dos anos, no lugar coñecido como Estornín. Pechouse un 

muro para encorar as augas onde se depositaba o marisco. O sistema de circulación de auga

 aproveitaba o fluxo das mareas regulando a entrada da mesma mediante comportas. Os 

principais mariscos que se criaban eran langostas, centolos, bois de mar e lumbrigantes.

1ª cetaria de Rinlo

O negocio foi a máis e houbo que buscar outra localización para expandir a empresa.

 Construíuse outra cetaria máis grande a uns 500m. da primeira, no lugar coñecido como

Penacín.

A 2ª cetaria en Penacín

Miro á miña esquerda e vexo unha gran masa de auga. Achégome cruzando a estrada (son só

 uns metros de desvío) e atopo unha Lagoa que nunca antes vira nin escoitei falar dela: é

 unha lagoa estacional que ten auga só en épocas de chuvias abundantes. Tiña moita vida xa

 que vin garzas, parrulos e outras aves que non coñecín asentadas nas súas augas.
Lagoa

Lagoa con aves

O Cantábrico e a lagoa separados por unha estreita franxa.
Mar e lagoa

Ollo Longo foi a 3ª cetaria. Construida en 1954  consta de dúas instalacións diferentes: unha

 natural e outra que funcionaba con bombeo salvando unha altura de case 20m.

José Vázquez Oroza foi que máis tempo traballou nestas cetarias.
Cetaria de Ollo Longo

 Saio a unha estrada local pola que iremos só uns metros. Deseguida collemos outra vez á

 dereita
Saída á estrada

Un banco con boas vistas e obsevamos a paisaxe que imos deixando atrás.


Vemos o castro de Meirengos que está sen excavar e sitúase xa na parroquia de A Devesa,

 concretamente no lugar de Meirengos. Está situado en propiedade privada e polo lado este

 ten o rego de Cabalar do que se surtirían de auga os habitantes do castro. Actualmente os

 terreos  que  ocupan o castro están dedicados a prado. O estado de conservación deste castro

é moi regular debido aos movementos de terra que se realizan para a súa explotación

 agrícola.

Castro de Meirengos 

Se miramos o que imos deixando detrás, vemos a aldea de Meirengos. Camiñaremos agora

 uns metros por estrada.
 
E chegamos á praia dos Xuncos, tamén coñecida como Cabalar, na parroquia de A Devesa

 que tamén pertence ao  concello de Ribadeo
Praia dos Xuncos.
 
A partires da praia anterior comenza un percorrido acondicionado en pedra.
 
Deseguida chegamos á praia dos Castros, tamén chamada Marbadás. Esta praia está 

enmarcada entre formacións rochosas espectaculares formando covas ás que se pode acceder

 en marea baixa. É como un anticipo da praia das Catedrais.
Praia dos Castros.

Praia dos Castros dende outro enfoque. En marea chea, non queda praia.
Praia dos Castros.


Case pegada á anterior (en marea baixa están comunicadas) atopamos a Praia de Illas. O

 nome é doado de deducir xa que hai unhas grandes rochas igual ca illas. En marea chea,

 practicamente non hai areal.
Praia de Illas


Temos que ir uns metros por estrada para chegar á Praia de Esteiro, na parroquia de A

 Devesa(Ribadeo) Está situada na Enseada de Cadramón
Praia de Esteiro
 
Bordeamos a praia anterior e saimos dela por un camiño que nos leva deseguida á estrada e á

 Praia de As Catedrais.
Carreiro á beira da estrada que nos leva ás Catedrais.

A pesares de ser o mes de febreiro, había un autobús e bastantes coches. Non quero imaxinar

 como é o verán!!
Entorno de As Catedrais
 
Vin varios sinais prohibindo pisar determinadas zonas. Paréceme perfecto xa que debido ao

 inmenso número de visitantes que recibe esta praia, de seguro que o entorno sofre as

 consecuencias de tal avalancha humana.
Entorno da praia de As Catedrais

A praia de As Catedrais é un Monumento Natural no que en marea baixa podemos ver

 como o mar e anos de erosión debuxaron nos cantís un conxunto arquitectónico de arcos,

 bóvedas e columnas que a fan ser considerada como unha das praias máis fermosas do

 mundo.

O seu topónimo orixinal é Augasantas e débese a que antiguamente había un manancial de

 augas menciñais.
Praia de As Catedrais

Moi cerca da praia das Catedrais temos esta pequena cala acondicionada con escaleiras para

 poder acceder a ela.

Cala

 Pasarelas de madeira que nos levan a miradoiros sobre o Cantábrico.
Pasarelas.

E xa no concello de Barreiros, chego á Praia de Arealonga onde finalizo o traxecto de

 hoxe.
Praia de Arealonga(Barreiros)
 
A lúa empeza a poder xa máis que o sol cando remato a camiñata.

Páxinas web consultadas:

http://xurdemoran.blogspot.com/2015/11/rinlo-pueblo-marinero-de-ribadeo.html

martes, 27 de setembro de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO RIBADEO-RINLO (TRAMO AMPLIADO)

 Neste blog xa está publicada esta ruta que foi realizada por vez 1ª no 2016:

Ver AQUÍ

Esa 1ª vez que a fixemos era un día de inverno tan inclemente que non nos deixou desfrutar desta ruta como nos gustaría. Bastante tíñamos con abrigarnos e procurar mollarnos o menos posible xa que ventaba, chovía e ata caía ás veces saraiba.

Seis anos despois quixen repetila xa con bo tempo e o resultado final é ben diferente: vin praias que non vira, pareime máis nos lugares que o merecían e ademais gravei o track, algo que no 2016 aínda non facía.

Camiño Natural da Ruta do Cantábrico é unha iniciativa que emprendeu no ano 1993 o Ministerio de Agricultura, Pesca , Alimentación e Medio Ambiente dentro do programa "Caminos Naturales", ao longo de toda España.
Camiño Natural da Ruta do Cantábrico vai dende Ribadeo (Lugo) ata o porto de Ladrido (A Coruña) percorrendo máis de 150  km. Está dividido oficialmente en 7 tramos ou etapas e a 1ª vai dende Ribadeo á praia das Catedrais. Eu, como naquela 1ª ocasión, dividín en dous tramos esta etapa e faun de Ribadeo a Rinlo

Características da ruta:

Lonxitude: 12 km.

Dificultade: Fácil

Ruta lineal, perfectamente sinalizada.

Track da ruta en WIKILOC

Descripción:

Partín do muelle de Porcillán en Ribadeo onde está situado o porto deportivo. É un dos 4 portos deportivos de Galicia con bandeira azul e o único da provincia de Lugo con este distintivo.

Porto deportivo ao pé da Ponte dos Santos

Outra imaxe do porto deportivo coas vilas asturianas de Castropol e Figueras ao fondo.
Porto deportivo

Subimos as escaleiras que hai e topamos coa capela de S. Miguel cunhas preciosas vistas:

Capela de S. Miguel

 Pasamos por debaixo da Ponte dos Santos entrando nunha área de lecer moi ben coidada:

Ponte dos Santos



Por aquí pasa tamén O Camiño Norte de Santiago e na foto vemos o albergue de Ribadeo, xa que acostuma a ser final de etapa. O albergue está nun enclave ben fermoso.

Albergue de peregrinos

Vistas da Ponte dos Santos dende o albergue:

Estou pasando por un lugar moi coidado que é o Parque Etnográfico de O Cargadoiro. É un lugar que alberga os restos do que foi un antigo cargadoiro de mercadorías, un punto onde descargaba o tren para os barcos coa axuda dun guindastre, facilitando deste xeito o comercio con barcos de gran calado que non tiñan necesidade de entrar na ría dependendo das subidas e baixadas das mareas.

Dende este Parque Etnográfico podemos acceder tamén á Praia do Cargadeiro. Esta praia con magníficos accesos agocha sen embargo, unha praia moi pequena (polo menos en marea alta) e que parece bastante incómoda porque só vemos pedras e nada de area.

Praia do Cargadeiro

No cargadoiro descargaban o mineral de ferro fundido extraído nas minas da Pontenova. Ata aquí chegaba o ferrocarril da Sociedade Mineira de Vilaodrid para traladar por mar o mineral a distintas partes de Europa.
A liña ferroviaria que conectaba A Pontenova con Ribadeo tiña 34 km. de lonxitude. Foi inaugurado a principios do S. XX e mantivo a súa actividade ata os anos 60 do mesmo século.
Este lugar quedou despois no abandono e só se mantiñan os piares de pedra derriba do mar. Encima deles, no sitio onde estaban os raíles, colocouse nos anos 90 unha pasarela de madeira que fai as veces dun excelente miradoiro.
Cargadoiro
 
Mesmo debaixo do Cargadoiro, atopamos outra cala con accesos de escaleiras decoradas con pedra, que debe ser unha prolongación da praia anterior que acabo de ver e que en marea baixa debe ser unha soa.
Baixada á praia
 
 
 Estes son os antigos túneles do ferrocarril e colocaron diante unhas antigas vagonetas de transporte de mineral.
Túneles do ferrocarril no Cargadoiro

Continuamos por este fermoso e coidado paseo:

Que nos deixa estas fermosas vistas:
 
A poucos metros do Cargadoiro temos o Forte de S. Damián que é o mellor exemplo de arquitectura militar de Ribadeo. O forte foi construido nun punto estratéxico e de difícil acceso, polo Marqués de Cerralbo no S. XVII.  A súa misión era protexer a entrada da ría ante posibles ataques por mar, polo que foi provisto de artillería.
Foi destruido nun ataque por parte dos ingleses no ano 1719. En 1774 foi reconstruido pero unha explosión sufrida no1809, durante a Guerra da Independencia, volveuno convertir en ruinas.
Posteriormente  pasou a pertenecer ao concello que levou a cabo a súa restauración: Actualmente funciona como sala de exposicións municipais.
Forte de S. Damián.

Camiñamos agora pola beirarúa da estrada e vemos esta curiosa pena chamada "Pena Furada". Do outro lado, a costa asturiana.
 
E chegamos a Illa Pancha  que alberga os dous faros de Ribadeo. O antiguo, de planta cuadrada e hoxe rehabilitado para o turismo e o que funciona como faro con franxas negras e brancas. A illa está unida a terra firme por medio dunha pequena ponte.
Illa Pancha cos seus dous faros
 
Temos tamén un miradoiro nesta zona:
Miradoiro en Illa Pancha

Moi cerca da Illa Pancha temos unha praia moi recollida e protexida dos ventos por cantís con bo acceso e con aparcadoiro case ao pé. É a Praia deRochas Brancas.
Praia de Rochas Brancas

 Continuo o Camiño, agora por estrada local vendo a vila de Ribadeo á esquerda.
 
Despois de 500 m. torcemos á dereita (está ben sinalizado) e sigo pola estrada que vai a Rinlo.
Estrada a Rinlo
 
Atopo esta sinalización de que a 200 m. hai un castro e aló vou. 
Sinalización

Trátase do castro de As Grobas. Este topónimo procede dos impresionantes foxos que configuran o sistema defensivo do castro. Este castro está excavado só moi parcialmente.
Castro de As Grobas cos foxos.

Dende o castro de As Grobas temos unha excelente panorámica da Illa Pancha. Volto sobre os meus pasos para retomar a andaina e sigo por asfalto 500 m.

 Torcemos de novo á dereita para achegarnos á liña de costa:
 
A luz do atardecer deixa estas imaxes:

Unha gaivota oteando o horizonte:

 A praia de Areosa está situada nun entorno agreste. É moi pequena.
Praia de Areosa

Esta praia ten unha pequena área recreativa na súa baixada e, moi cerca, un precioso piñeiral:
Área recreativa ao pé da praia Areosa
 
Saimos de novo á estrada (hai veces que a ruta apártase da costa porque o paso é imposible xa que hai grandes cantís ou fincas privadas que o impiden) O asfalto dura 600 m. e xiramos de novo á dereita.

Fermosa paisaxe a que imos deixando detrás:


Atopei calas con acceso a elas:


Volto sair á estrada, xa moi cerca de Rinlo

O sol xoga coas nubes:

Xa a piques de entrar en Rinlo, os sinais lévanme de novo cara ao mar.

No medio deste espectacular anoitecer, vemos os peches de fincas con antigos muros de pedra.

E tamén vemos xa a vila de Rinlo que pertence ao concello de Ribadeo.
Chegando a Rinlo

Paso pola área recreativa Campo do Cristo que dispón de varias mesas, barbaoas e fonte.
Área recreativa Campo do Cristo

E rematamos a andaina de hoxe no paseo marítimo de Rinlo, vendo xa ao lonxe o seu afamado porto. Pero como xa vai caer a noite, vou deixar para outro día a exploración desta pequena vila, cando repita o tramo Rinlo- As Catedrais.
Paseo marítimo de Rinlo