Amosando publicacións coa etiqueta Muxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Muxía. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de novembro de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: PRAIA DE MOREIRA (MUXÍA) - LIRES (CEE)

Este supón para nós o tramo nº 12 deste Camiño dos Faros que nos deixa de impresionarnos e de namorarnos en todos e cada un dos traxectos percorridos.

Cada vez quédanos máis lonxe chegar a el (2,5 horas sen parar nada) dende A Mariña de Lugo, pero a longa viaxe queda compensada sempre polas espectaculares paisaxes que quedan na nosa memoria e nosa retina para sempre e tamén quedará neste blog a descripción de cada tramo con moitas fotos, en 1º lugar para mín, cando queira volver a vivir este Camiño; cando as forzas ou as circunstancias non me deixen facelo doutro xeito e tamén para aquelas persoas que descubran este blog e a través do mesmo queiran facer este Camiño ou queiran tamén recordalo.

Hoxe empezamos outra vez no concello de Muxía e rematamos no de Cee.

Características do tramo

Lonxitude: 16,75 km.

Dificultade: media

Ruta lineal ben sinalizada aínda que fixándose moito nalgúns puntos xa que os sinais verdes empezan a borrarse.

O meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción do tramo

Empezamos na Praia de Moreira onde o último día rematáramos. Eso si, agora vémola de día xa que a última vez acabamos de noite e estaba moi escuro....

Agora de día tamén vemos perfectamente o sendeiro polo que baixamos. Notamos que era moi empinado e houbo que baixar a modo pero hoxe dámonos ben conta da verticalidade que ten!

Praia de Moreira.
A Praia de Moreira é solitaria, brava, e a estrada que chega a ela non ten continuación. Apenas ten area. A maioría son grandes pedras.

Empezamos subindo por un camiño.

Subimos deixando a praia de Moreira

En canto coroamos a pequena subida, descubrimos o Cabo Touriñan.

Cabo Touriñán ao lonxe

Empezamos unha pista ancha doada de camiñar. Imos en chao.

 Un burriño que saeu saudarnos...
 Seguimos por unha longa pista.


 Pero como choveu bastante nos últimos días atopamos camiños encharcados e pasamos como mellor poidemos.
 

Desembocamos nunha estrada pola que imos sobre 500m.

 

Ata que torcemos á dereita:


Seguimos no concello de Muxía e empezamos a adentrarnos na península que forma o Cabo Touriñán.


Neste lugar inhóspito onde o clima acostuma a ser extremo (Tivemos moita sorte, xa que a pesares de estar case a finais de novembro, nin sopraba vento, nin ía frío...había  nese momento un fermoso sol) Poidemos desfrutar ben tempo desta paisaxe única.

 A sensación de liberdade, a soidade...séntese neste lugar máis ca en ningún outro...

 Despois de parar uns 20 minutos a desfrutar miranndo o mar como rompía con forza nas rochas e a repoñer forzas comendo algo, reanudamos a marcha.

 Imos por un estreito carreiro entre toxos (recomendo pantalón largo, aínda que sexa verán, porque os toxos pican ben!)

Nun determinado punto desta carreiro, e como hai varios, engañámonos e collemos polo que non era pero só foron uns dous metros, xa que deseguida aparecen estes sinais que nos din que por aí non é. Grazas aos trasnos que os pintaron no seu día. Actualmente empezan a diluirse e hai algúns que xa custa velos. A ver se algunha vez se homologa esta ruta e a volven pintar que os que a descubriron xa traballaron abondo e non lles toca a eles seguir conservando este Camiño.


E xa vemos o Faro Touriñán. 
Faros de Touriñán
 
En Cabo Touriñán hai dous faros: o da dereita é o máis antigo e a súa construcción non estaba prevista pero debido aos numerosos naufraxios nesta zona inaugurouse en 1898. Este faro non puido evitar que varios barcos encallaran ou naufragaran nesta zona.
No 1981 inaugurouse o novo faro, unha torre cilíndrica de máis alcance.
Faros de Touriñán
 
Dúas veces cada ano, a principios da primavera e a finais do verán, o último raio de sol da Europa Continental ponse sobre Cabo Touriñán. É o punto máis occidental da España peninsular, máis aínda ca mesma Fisterra

Deixamos atrás os faros e seguimos percorrendo esta península. Vemos a Laxe dos Buxeirados, rochas que se adentran no mar e son un perigo para a navegación.

Vemos a Illa do Castelo ou Illa Herbosa
A Illa do Castelo, segundo din os carteis explicativos do Faro Touriñán : “es una enigmática isla donde se encontraron restos arqueológicos”. 
Illa do Castelo ou Herbosa

Lugar inhóspito, solitario onde só medran os toxos.

Rematamos de dar a volta ao Cabo no Coído de Touriñán. Teño que dicir que a palabra coído, agora xa familiar para mín, na zona onde vivo non se usa. Para dicir que unha praia ten moita pedra dicimos que é un "pedregal" . Loxicamente "Coído" tamén é moi axeitada xa que ven de coio (esta palabra en cambio si que a usamos moito), outra palabra galega para designar as pedras. Eu xa incorporei "coído" ao meu vocabulario.

Coído de Touriñán
 
No ano 2020 limpouse este lugar do lixo que vai traendo o mar (descoñezo se foi limpado o ano 2021 e 2022 xa que a información que atopo só fai referencia a ese último ano) pero vimos botellas, restos de redes, caixas...
                                                                      Coído de Touriñán

Continuamos por esta pista que vai dar á estrada pola que accedemos antes a Cabo Touriñán.

Enlazamos coa estrada pola que fomos antes e atopamos un amable pescador co que conversamos un anaco. Para mín, conversar cos lugareños é a mellor maneira de aprender cousas do lugar.
 
Deseguida torcemos á dereita por un ancho camiño.
 
Despois convértese nun sendeiro máis estreito que nos volve achegar ao mar:


Vemos prados cos típicos peches de pedra que particularmente me encantan!

Volvemos sair á estrada para atopar este miradoiro que seguro que acordou mellores tempos porque os actuais son penosos: nin é miradoiro porque os piñeiros impiden ver nada e está completamete abandonado. Aquí gastáronse cartos de todos e, como pasa moitas veces, non se pensou nun futuro: que medrarían árbores que impedirían a función para o que foi creado o miradoiro e deixouse de coidar. As silvas, toxos, maleza....apoderáronse do banco en madeira e do muro en granito que hai.
 
De cerca vese ben o abandono deste miradoiro:
 
O trazado da ruta segue uns metros máis polo asfalto ata chegar a un ramal á dereita que hai que pillar.
Dámonos conta de que a xente desta zona debe dedicarse á gandaría a xulgar polos prados que vemos.
 
Xa vemos a aldea de Talón que pertence á parroquia de Nemiña dentro do concello de Muxía. Tamén se ve a praia de Nemiña.
Baixando cara a Talón e Nemiña

Cruzamos a pequena aldea de Talón, exemplo de economía de subsistencia con cabozos, algunha granxa e vacas de carne que vimos nalgún prado.
Hórreo en Talón

Prados e hortas e Nemiña cada vez máis cerca...pero aínda teremos que camiñar bastante...

A Praia de Nemiña pertence aínda ao concello de Muxía. É unha praia aberta e con forte ondaxe, o que a fai moi axeitada para os amantes do surf.
Podemos percorrela ata o final estando a marea baixa pero despois non queda máis remedio que subir e adentrarse algo cara ao interior para bordear a ría que forma o río Castro ao desembocar aquí. Só é posible cruzala cando está moi, moi baixa a marea algúns días no verán.
Praia de Nemiña

Nós camiñamos un pouco pola praia pero deseguida collemos pola pasarela de madeira que se ve na foto tal e como nos indicaban os sinais dos trasnos.

E despois por un camiño paralelo á praia.

O río Castro desemboca na praia de Nemiña formando a Ría de Lires que é a máis pequena de Galicia.
Desembocadura do río Castro

O río Castro nace no concello de Vimianzo e tras atravesar o val desta localidade e despois de 31 km., desemboca no Atlántico formando a Ría de Lires e facendo de fronteira natural entre os concellos de Muxía e Cee.
Ría de Lires.
A verdade é que esta volta cundeunos un pouco cando empezamos a subir por esta estrada, será aprox só 1km. pero fixósenos longo.
 
As frechiñas, as nosas guías, indican coller ese camiño á dereita.
 
Os primeros pasos son entre eucaliptos pero deseguida dan paso a carballos que nos gustan máis.
 
Estes días pasados choveu bastante e os regos baixan potentes!

Hai que mirar onde poñer os pés...

Coincidimos cun tramo do Camiño de Santiago que vai ata Fisterra e chegamos á aldea de Vaosilveiro que pertence á parroquia de Frixe, no concello de Muxía, onde vemos só unha casa.

A partires deste punto o camiño é moi fermoso, con muros e chan de pedra.

 
E chegamos ao Río Castro que cruzamos por unha ponte construida nos últimos anos debido ao auxe do Camiño de Santiago. Entramos no concello de Cee.
Río Castro
O río Castro supuxo unha sorpresa para nós pola cantidade de auga que levaba e polo ancho que é aquí, cerca da súa desembocadura.
Río Castro

E ao pouco chegamos a Lires (oficialmente Santo Estevo de Lires) unha parroquia do concello de Cee.
Aquí finalizamos o tramo de hoxe, tomando uns cafés e bebidas no restaurante-bar As Eiras, grande, moi limpo e novo.
 
Lires agárdanos o próximo día para realizar o seguinte tramo que empezaremos xusto no lugar da foto seguinte.

Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Lires

https://www.caminodosfaros.com/etapa-8-nemina-cabo-finisterre/

https://www.caminodosfaros.com/etapa-7-muxia-nemina/

https://www.elespanol.com/quincemil/

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2018/04/faro-tourinan-muxia.html












mércores, 2 de novembro de 2022

O CAMIÑO DOS FAROS. TRAMO: MUXÍA-PRAIA DE MOREIRA

 Estamos ante o tramo máis duro deste Camiño dos Faros. Foron duros dous tramos das dúas primeiras etapas pero para mín e os que me acompañaban, sen dúbida foi o tramo de hoxe o mís difícil polas continuas subidas e baixadas algunhas deles con moito desnivel e o firme irregular das baixadas. Eso sí, a beleza das pàisaxes que fomos contemplando é indiscutible.

Características da ruta:

- Lonxitude: 16,5 km. Deixo o meu track en WIKILOC

- Dificultade: alta

- Ruta lineal ben sinalizada aínda que hai que fixarse moito nalgúns puntos xa que os sinais empezan a borrarse nalgúns lugares.

A miña valoración desta ruta:🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción:

Saímos de Muxía bastante tarde para ser xa os días curtos (sobre as 11:15) cun tempo fabuloso para camiñar, nublado pero amenaza chuvia que despois non tivemos por sorte.

O 1º que buscamos son as frechiñas verdes que vemos neste panel indicativo:

Inicio do tramo de hoxe
 Pasamos por diante da Oficina de Turismo:

E deseguida xiramos á esquerda para subir polas escaleiras do campanario.

Escaleiras do campanario
 Deixando detrás a igrexa de Santa Mª do S. XII, onde como curiosidade o campanario non forma parte da igrexa, senón que está separado dela. Polas escaleiras deste campanario é por onde subimos ao Monte Corpiño.

O nome de "Corpiño"  pode facer alusión ao lugar dun enterramento momificado venerado pola tradición popular

Igrexa de Santa Mª
Segundo imos subindo, ímonos dando conta de que as vistas non van deixarnos indiferentes.
Campanario independiente, cemiterio e porto de Muxía
 

Se miramos a un lado vemos o tramo que andivemos a vez anterior pola ría de Camariñas.

A subida ao miradoiro do Corpiño é un anticipo do que nos espera...

Cando chegamos á cruz vemos tamén o tramo que nos espera hoxe.
Monte Corpiño
O Miradoiro do Monte Corpiño a case 70 m. de altura ofrece unhas inmellorables vistas de Muxía e o seu porto así como doutros moitos lugares desta costa: Cabo Vilán, punta Buitra, distintas praias, Monte Facho, Virxe da Barca...etc
Muxía dende O Corpiño.

 Empezamos a baixar cara ao Santuario da Virxe da Barca e chaman a miña atención estas fincas pechadas on pedra que lembran tempos moi remotos...

A senda agora é cómoda e artificial non como a da subida de antes.

Baixada ao santuario da Virxe da Barca
 Aparace ante nós este famoso santuario  e o monumento que a última vez que visitei este lugar non había.

Santuario da Virxe da Barca e o monumento A Ferida

 O Santuario da Virxe da Barca foi construido para cristianizar un lugar onde se realizaban cultos paganos polos antigos pobladores destas terras. A primera ermita foi construida no S. XII e cobra gran importancia polo feito de ser final de etapa dos peregrinos que, despois de visitar o apóstolo, se dirixían aeste lugar para rendirse ao pé da Virxe e contemplar as curiosas pedras no lugar nas que, segundo a lenda, se lle apareceu ao Apóstolo Santiago para darlle ánimo no seu intento por cristianizar estas terras do noroeste penínsular.

O santuario é de estilo barroco con influencias do clasicismo. O 1º documento escrito que se conserva do templo é do año 1544. A capela foi reconstruida varias veces, ata que a principios do siglo XVIII, en 1719, se construeu a actual, grazas ao donativo dos Condes de Maceda, cuxas cinzas se atopan nuns sepulcros dentro do santuario. 

Santuario e o faro detrás.
 A vista de Faro Vilán dende o Santuario da Virxe da Barca, a pesares do nublado do día e a reducida visibilidade, impresiona. A miña cámara de fotos ten bastante bo zoom.
Faro Vilán dende o santuario da Barca

No ano 2013 este santuario sufreu un devastador incendio que devorou esta igrexa e un retablo do altar maior do S. XVIII, obra de Miguel de Romay, perdéndose unha obra dun alto valor patrimonial. A imaxe da Virxe, moi venerada quedou a salvo. O santuario foi restaurado cun resultado que contentou a pouca xente de Muxía e de momento, no lugar onde estaba o retablo, foi colocada unha fotografía do mesmo en idéntico tamaño que o orixinal.


A pedra de Abalar que, segundo a lenda formaba parte da barca que trouxo a Virxe ata aquí, fendeu e foi reconstruida en varias ocasións pero en 2014 durante un forte temporal rompeu definitivamente e un trozo dela é o que vemos na imaxe e que se conserva no atrio da igrexa. A Pedra de Abalar xa hai tempo que non abala.
Fragmento da Pedra de Abalar

Na foto seguinte, a persoa de azul está derriba da parte da Pedra de Abalar que quedou no mesmo lugar (vese perfectamente por onde rompeu) e a persoa de verde está diante da Pedra dos Cadrís.

Di a lenda que a Pedra dos Cadrís é unha parte da barca que trouxo a Virxe e a tradición manda pasar 9 veces por debaixo dela para curar enfermidades dos riles e da espalda.
Pasando por debaixo dos Cadrís pero só pasou unha vez...

Neste tenebroso mar ocorreu a traxedia do buque Prestixe no 2002.

Realizando O Camiño dos Faros, temos que mencionar o Faro de Muxía. Despois dos que xa levamos visto, este non é espectacular na súa construcción pero sí o lugar no que se enclava, ao pé do Santuario da Virxe da Barca e co Faro Vilán de fondo.

Ás 15:15 horas do 13 de novembro do 2002, o barco Prestige, un petroleiro monocasco con bandeira de Bahamas, lanza un SOS a 28 millas (50 kilómetros) de Fisterra. Comenza así o pesadelo

O barco, construido en Xapón facía 26 anos, presenta unha vía de agua debido probablemente a un golpe de mar en dous tanques vacíos de estribor, que lle fan escorar 45 graos. Con casi total seguridade, a antigüidade do barco foi a causante da brecha. 

Unha hora despois do aviso, os 24 tripulantes son evacuados por dous helicópteros, quedando só a bordo o capitán, o primeiro oficial e o xefe de máquinas. Ás cinco da tarde, os primeros litros de crudo – fuel oil residual pesado – empezan a contaminar o Atlántico.  

A marea negra de entre 20.000 y 40.000 toneladas (11.000 según os datos oficiais) vertidas polo buque Prestige, repártese por unha superficie extensísima e ameaza a toda a costa galega, así como ás costas de Francia e Portugal.

Miles de toneladas dun fuel viscoso que provocou un desastre ecolóxico sen precedentes, contaminando todo o Camiño dos Faros. Un desastre que arrastrou unha marea de solidaridade co pobo galego: miles de persoas chegadas dos sitios máis dispares viñeron para aportar o seu graniño de area á limpeza do litoral.

Monumento A Ferida en homenaxe aos voluntarios é un monolito de 400 toneladas y 11 metros de altura esculpido en granito cuxa estructura se atopa partida pola metade, formando unha fenda que simboliza una ferida sangrante. É obra do escultor burgalés Alberto Bañuelos.                                                              Monumento" A Ferida"

O mar que trouxera aquela mancha horrorosa tamén foi que axudou a quitala, este mar bravo da Costa da Morte que embiste con forza nas rochas, foi limpándoas pouco a pouco e hoxe non quedan restos da traxedia máis ca na memoria.
Continuamos o nos percorrido ao pé das leiras cercadas de pedra para dividilas así como para protexelas do vento e a brisa marina.

Muxía é unha penísula. Agora pasamos pola outra beira, a oposta á por onde entramos nesta vila.

Pasamos á beira da Praia do Coído, a esta praia chegaron os primeiros restos do fuel polo que se considera como o km. 0 do desastre.
Praia do Coído.
 Camiñamos uns metros por estrada e deseguida atopamos un carreiro de baixada á Praia de Lourido.

A praia de Lourido ten forma de cuncha e está rodeada dun sistema dunar. Temos que cruzala.
Praia de Lourido
Un regato que desemboca nesta praia fai que teñamos que ter coidado ao cruzar. Se fose verán daba igual...
Cruzando o regato
O edificio grande que vemos de frente, moi moderno, é o Parador de Muxía, chamado "Parador Costa da Morte" Este parador foi unha promesa feita con motivo do desastre do Prestixe. Daquela fixéronse promesas en temas como seguridade, infraestrusturas e turismo e esta última foi case a 1ª promesa e a última en chegar.
Abreu ao público no 2020 e foi inagurado hai moi pouco neste 2022. Este inmenso hotes está agora mesmo valorado como o 2º mellor de España.
Parador de Turismo "Costa da Morte" ao pé da praia de Lourido

Nesta praia fixemos un descanso para comer algo e coller forzas para subir o monte que ven a continuación.
Descansando na Praia de Lourido
 
Pillamos un carreiro ao pé do mar por debaixo do parador onde vemos este cartel con boas explicacións que lemos, aínda que nós xa imos enterados do que di porque para preparar cada tramo que facemos eu leo e releo a páxina web de "O Camiño dos Faros".
Cartel informativo moi claro.

Imos agora por un sendeiro de pescadores, pegados ao mar:

E deseguida, cando o carreiro xira á dereita, vemos o Coído da Agra e o Monte Cachelmo ao que temos que subir.

Coído da Agra e Monte Cachelmo
 

Cruzamos o Río Escuro que desemboca no Coído e empezamos a subir.

Río Escuro que baixaba con forza.
Hai que pararse a tomar folgos e admirar tanta beleza!

Esta subida é das máis duras deste Camiño. Son 750 m. nada máis pero cun desnivel do 23%

 
Dende a cima do Monte Cachelmo, as vistas son inmellorables: faro Vilán, a ría de Camariñas que percorremos a última vez, Muxía, Punta Buítra, Cabo Touriñán...

Panorámica dende o Monte Cachelmo: cabo Vilán, ría de Camariñas, Muxía...

Panorámica dende o M. Cachelmo: Punta Buítra, Cabo Touriñán...

Unha vez coronada a cima do monte, toca empezar a baixar e hai que ir con moito coidado, é unha baixada con bastante desnivel por un carreiro moi irregular.

Lenda:

Aos pés do impoñente Monte Cachelmo atópase a Furna da Buserana, escenario dunha lenda que nos fala do amor entre o trovador Buserán e a fermosa Florinda.

En tempos remotos, había na cima do Monte Cachelmo unha fortaleza pertencente a un rico cabaleiro, pai dunha fermosa mller de nome Florinda. Un día, estando o pai ausente, aparece polo  castelo Buserán, un xoven trovador de cantigas, que queda prendado da beleza de Florinda, vivindo ambos unha apaixoante historia de amor.

Cando o pai volve e se entera, encerra a Florinda na fortaleza. Aínda así, Buserán non se dá por vencido e tódalas noites entona cantigas de amor para a moza. Esto acaba coa paciencia do señor, que ordea a morte de Buserán lanzándoo, segundo conta a lenda, ao mar da furna.

Enterada Florinda do tráxico final de Buserán, vólvese loca e diríxese día e noite á beira da  furna chamando polo seu namorado. Un deses días, á chamada de Florinda, coménzanse a escoitar dende a furna as melodías de Buserán. E, de súpeto, unha onda de escuma sube polo acantilado, tomando a forma de Buserán e leva Florinda para sempre.

Dende entón, os pescadores que faenan cerca contan que podían escoitar as cantigas de Buserán, ademáis de atribuirlle a virtude de corresponder aos namorados que veñan aquí a pedir  os seus desexos.

Esta furna só se pode ver dende o mar ou dende a Punta Buitra. Non intentes nunca costear o Monte Cachelmo, é imposible e moi perigoso.

O camiño vai agora polo interior, pasamos cerca da Praia da Arnela a que vemos baixando do Monte Cachelmo, pero non pasamos por esa praia.

Dándolle agora un descanso ás pernas, camiñamos por unha ancha pista.
 
Despois a pista convértese nun estreito sendeiro para subir ao Monte Buitra.
 
Dende aquí, mirando cara atrás vemos o sendeiro que imos percorrendo e o sainte de Punta Buitra.
 
A partires de agora cambiamos de vistas e sempre teremos presente as dos cantís de Cuño e o Cabo Touriñán.

Estes cantís impresionan moito!! O monte cae en picado e o mar bate con forza.

Cantís de Cuño
O abrupto desta Costa da Morte!

Aínda que xa é tarde (estamos a primeiros de novembro e anoitece antes) non podemos deixar de facer pausas para contemplar este espectáculo:

 E imos chegando ao Coído de Cuño neste día moi bo para camiñar pero moi escuro por veces e con ameaza de chuvia.

Coído de Cuño
As negras nubes, o mar rompendo con forza...fan que este tramo sexa inhóspito, misterioso, solitario...
Coído de Cuño

E toca prepararse para cruzar outro regato antes de empezar o ascenso polo bosque de Cuño.
Regato no Coído de Cuño

A partires de aquí, hai que meterse cara ao interior xa que é imposible seguir a liña de costa e imos introducirnos polo bosque de Cuño para despois ascender ao Monte Pedrouzo.
Bosque de Cuño

Neste bosque foi o único lugar deste tramo onde as silvas ameazan con pechar o sendeiro.
O sendeiro quere pecharse de silvas

Ascendemos entre piñeirais e de momento non é moi dura a subida, aínda que como xa imos cansos, notámola máis. Temos que ascender ata unha altitude de 269m. durante 2 km. 
Subindo ao Pedrouzo

Menos mal que polo medio da subida tamén temos algún pequeno tramo en chao.

Pero agora hai que encarar a última subida e ufffff....pensamos que nunca remataba....
A última subida para a cima do Monte Pedrouzo

Dende aquí xa víamos o mar pero non se oe, tampouco se oe a xente (non hai ninguén) a tranquilidade e a paz son absolutas pero hai algo que as rompe: o ruído que fan os aeroxeradores do cercano parque eólico.

 
Toca a última baixada de hoxe. A noite aproxímase e non queremos que se vaia toda a luz natural antes de que cheguemos á praia de Moreira que será o noso final de hoxe.

A baixada anterior foi complicada pero está non se queda atrás. É moi técnica polo desnivel e o chan irregular que presenta. Hai que baixar con tento pero non podemos facelo moi despacio. Aínda que na foto non o parece, queda xa moi pouca luz...

Saimos a unha pista ancha pero a baixada non rematou, uns metros máis adiante temos que xirar á dereita e pillar un sendeiro para baixar definitivamente á praia. Non teño fotos desa baixada porque xa non podía pararme, a noite botábase encima, había que apurar moito e ir con moito xeito porque o sendeiro era igual ou peor ca o anterior.
 
Estamos a piques de chegar e a agora si que case non vemos xa a praia...
Praia de Moreira
O taxi xa estaba esperándonos. A noite xa era total....
Foi un tramo duro (e eso que non fixemos a etapa completa) pero coma sempre, queda compensado todo o esforzo, aínda creo que se desfruta máis, coas marabillosas paisaxes, diferentes, únicas que só se contemplan neste Camiño dos Faros.

Páxinas web consultadas:

https://www.caminodosfaros.com/

https://www.lavozdegalicia.es/