Amosando publicacións coa etiqueta O Vicedo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Vicedo. Amosar todas as publicacións

martes, 1 de abril de 2025

MIRADOIRO DAS LAXES E PRAIA DE XILLOI DENDE A IGREXA DE S. ESTEVO (O VICEDO)

Fómonos ao concello de O Vicedo para realizar unha ruta que comparte un tramo coa ruta homologada "Costa do Vicedo" e co Camiño Natural do Cantábrico que eu xa coñecía. A ruta é curta e fácil e ten como puntos destacados o Miradoiro das Laxes e a Praia de Xilloi.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descripción:

A ruta ten inicio e fin na parroquia de  Santo Estevo de O Vicedo que dá nome a todo o concello, concretamente no lugar chamado Súaigrexa onde se sitúa como o seu nome indica o templo parroquial. Chamounos a atención o lonxe que queda a igrexa do centro da vila.

Igrexa de S. Estevo do Vicedo

Vista do lugar chamado Suaigrexa dende o adro da igrexa.


Un cruceiro fai de rotonda.

Pasamos agora polo lugar de Randamil.

 Deseguida pillamos un camiño no que predominan os loureiros nas beiras do mesmo e tamén os eucaliptos.

Despois de 1km. chegamos a unha estrada e, moi pouco antes de desembocar na mesma, temos estas vistas da praia de Xilloi e de Bares.

Imos por estrada durante uns 500m. pasando por A Corva.

Nun entorno semi urbano (cada vez máis urbano) atopamos esta fermosa praia. Máis tarde pasaremos pola súa beira.
Praia de Xilloi
Seguimos pola Corva e deseguida torceremos á esquerda para meternos a un monte de eucaliptos con ben pouco encanto.
 
Durante 1km e 200m. cruzaremos este monte de eucaliptos.

Despois do feo camiño polo medio de eucaliptos desembocamos directamente case no Miradoiro das Laxes (un pouco antes) Dende aquí temos unha vista privilexiada á Illa Coelleira, a máis grande do Cantábrico galego.
Illa Coelleira

A illa está coroada por un faro e no S. IX había nela un mosteiro que foi arruinado polas incursións normandas da época. Debe o seu nome a que antigamente había nela moitos coellos.
Dende o S. IX ao XV non hai documentación da illa, cando reaparecen no ano 1420, había monxes de S. Agustín. No 1485 este mosteiro únese ao de S. Martiño de Mondoñedo e no 1534 xa non había monxes nel.
No S. XVII o deán da catedral de Mondoñedo denuncia que a illa é ocupada ás veces por navegantes vascos para usala como atalaia na pesca da balea.
Actualmente é propiedade da Armada Española.

Este tramo de ruta coincide co Camiño Natural do Cantábrico e coa ruta Costa do Vicedo polo que eu xa pasei por aí noutras dúas ocasións.
Na foto vemos o trazado de por onde van estas rutas e ao fondo, o faro Roncadoira na costa de Xove.

Neste Miradoiro das Laxes, as dúas veces anteriores que pasei había uns aparellos para facer exercicio que están orientados sobre todo ás persoas maiores. Causáranos gran escándalo e sorpresa atopar eso aí xa que non hai acceso por estrada e as poboacións máis próximas aínda quedan lonxe, polo que deducimos que non tiñan uso ningún e que era un despilfarro de diñeiro público. Parece ser que corrixiron e os quitaron.
Miradoiro das Laxes

Baixando cara a Xilloi vemos  á dereita Estaca de Bares e a vila de Bares (concello de Mañón- A Coruña)

O Rego da Veiga desembocando na praia de Xilloi

Ao pé desta praia temos un espazo con mesas, bancos, grellas de pedra...onde hoxe merendamos.

Esta praia situada na entrada da Ría do Barqueiro ten unhas augas moi tranquilas debido a esta situación. É de area branca e moi fina e ten un imortante sistema de dunas. É unha praia que dispón de todo tipo de servizos.
Praia de Xilloi

Deixando o mar á dereita, atravesamos un túnel de loureiros por un estreito carreiro.

Nun cruce deixamos o Camiño Natural do Cantábrico e pillamos por esta ancha pista.

E deseguida chegamos outra vez ao punto de inicio.





venres, 11 de marzo de 2022

CAMIÑO NATURAL DO CANTÁBRICO. TRAMO: PORTO DO VICEDO-PRAIA DE ESTEIRO(MAÑÓN)

A piques de rematar este Camiño Natural, hoxe tocou un tramo ben fermoso que logo describirei polo miúdo.

Abandonaremos a provincia de Lugo (por esta transcorre a inmensa maioría do percorrido) e entraremos na provincia de A Coruña. Camiñaremos poos concellos de O Vicedo (Lugo) e de Mañón (A Coruña)

Características:

Lonxitude: 10,3 km.

Dificultade: fácil

Ruta lineal perfectamente sinalizada aínda que deixo aquí o meu track que se desviou un pouco da ruta oficial para visitar e comer no porto de O Barqueiro.

WIKILOC

Descripción:

Partimos pois dende o Porto de O Vicedo. De frente imos contemplando a vila e a praia de Fomento.

O Vicedo e a praia de Fomento.
A praia de Fomento é grande e atópase dentro da ría de O Vicedo. É unha praia urbana e nese lugar antes había uns asteleiros ; aparece algo abandonada e non está moi concurrida en verán xa que esta vila conta con outras praias moito máis fermosas: Xilloi, Area Grande, Caolín, Abrela...

Praia de Fomento

Un pouco antes de empezar o paseo marítimo vemos esta chimenea que nos chamou a atención: trátase dos restos dunha antiga fabrica de salazón.
Fábrica de salazón de Catá.
Iniciamos agora a andaina polo paseo marítimo de O Vicedo chamado "Paseo de Moledos". É un curto paseo pero cunhas impresionantes vistas sobre o porto de O Vicedo, a praia de Arealonga e a vila de O Barqueiro.

De frente, a vila de O Barqueiro a onde temos que chegar para xantar.
O Barqueiro
O Vicedo ten moitas praias e incluso calas pequenas coma esta de Os Castelos que linda coa de Arealonga. Aquí remata o paseo marítimo.
Praia de Os Castelos.
Este tramo que fixemos hoxe está perfectamente sinalizado. Aquí hai que pillar á esquerda pero nós  deviámonos  250m para ir ver a praia de Arealonga aínda que máis tarde a imos ver polo  outro lado todo o que queiramos.

Baixada á praia de Arealonga:
Praia Arealonga

Subimos ata a estrada por este carreiro:

E camiñamos en paralelo á estrada LU-862 por unha pasarela de madeira tan de moda e tan esvaradizas cando están húmidas como ocorre no día de hoxe.

A praia de Arealoga é a máis longa do concello e está na fronteira entre O Vicedo e O Barqueiro. É unha praia de area fina, regardada, en plena ría de O Vicedo. De frente vemos á nosa esquerda, a punta da Estaca de Bares e á dereita a punta das Laxes.

Un fermoso paseo entre piñeiros vai en paralelo á praia.
Praia e paseo de Arealonga

O paseo anterior remata nas 3 pontes, no límite das provincias de Lugo e A Coruña


Aquí, na
ría do Barqueiro, desemboca o río Sor ao pé do que vai a ruta Ribeiras do Bispo-augas Caídas que se pode ver AQUÍ ou tamén a Ruta Morgallón Río Sor que podemos ver AQUÍ
Desembocadura do río Sor.
O estuario que forma o río Sor na súa desembocadura é verdadeiramente fermoso, un lugar idílico no que a máquina non se cansa de sacar fotos:
Praia do Chamadoiro

A ponte metálica foi a 1ª das tres que existen, inaugurada en 1901 e que enlaza o concello de O Vicedo (Lugo) co de Mañón (A Coruña) A estructura consta de 3 tramos de 48m cada un e no ano 1980 foi cerrado o paso ao tráfico de vehículos porque estaba moi deteriorada. No 2005 foi restaurada e converteuse nunha ponte peatonal.

Ponte metálica de O Barqueiro
En 2005 realizouse unha profunda restauración da estructura que suprimeu os voladizos laterais para peóns, renovou as barandillas de ferro e cambiou o pavimento por vigas de madeira antideslizante. Dende entón leva a vía peatonal CP-6410 que une Mañón coa praia de Arealonga, en  O Vicedo.
Ponte metálica
Outra ponte, a última en construirse nos anos 80, e polo tanto a máis nova é para a circulación de vehículos na estrada AC-862
Ponte nova con O Barqueiro de fondo
A outra ponte é a de FEVE Ferrol- Oviedo, segunda en ser construida nos anos 60.
Ponte de FEVE
Cada ano celébrase na ponte metálica unha homenaxe aos republicanos que foron fusilados alí  no verán de 1936 ao comenzar a guerra civil. Os seus corpos eran botados ao río. No 2013 colocaron unha placa en memoria do exalcalde de Mañón Jesús Castaño Galdo, fusilado no Castelo de S. Filipe en Ferrol, de tódolos mañoneses torturados e fusilados durante aquelas datas.

O río Sor na desembocadura formando a ría do Barqueiro é unha estampa que non nos cansamos de mirar.

O camiño é fermoso rodeado de árbores. Estamos xa na provincia de A Coruña.

 Dende o dique Rego da Forca observamos máis de cerca as lanchiñas. Este dique foi unha construcción dende a que partían mercancias e dende épocas inmemoriales existía a figura do barqueiro que prestaba servizos de transporte na súa barcaza a persoas, animais e equipaxe. Desta figura resulta o nome da vila.

Ímonos achegando á vila. Vemos a súa ría que é unha das máis pequenas de Galicia pero tamén unha das máis fermosas. O río Sor na súa unión co Cantábrico forma unha preciosa imaxe.
O Barqueiro
Pasamos ao pé da estación de FEVE e dende este lugar a ruta segue cara arriba pola esquerda pero nós decidimos xantar no Porto de O Barqueiro e visitar ese lugar tan fermoso.
Estación de FEVE
 O Barqueiro pertence á parroquia de Mogor dentro do concello de Mañón. O Barqueiro é a capitalidade do municipio. Decidimos comer no restaurante "La Marina" , no porto e dende logo que foi unha boa decisión xa que é un lugar onde se come ben e abundante, dende logo con fame non se sae! Pódese comer de menú (se chegas antes da dúas) ou á carta. Nós comemos de menú por 10 € cada un e fabulosamente! Fomos atendidos por unha camareira chamada Lourdes moi amable e rapidamente.

Despois de comer e descansar un pouco relaxadamente neste porto, en lugar de voltar cara atrás para retomar a ruta onde a deixamos, collemos por unha ruá cara arriba(a única que hai) para ir ao encontro do percorrido oficial, algo que fixemos despois de atravesar subindo toda a vila (aprox. 1,2 km.)
Unha rúa de O Barqueiro
Deixamos atrás O Barqueiro que é unha vila escalonada, como se fose un anfiteatro natural.

Despois duns 2 km. pola estrada chegamos á igrexa de Santa Mª de Mogor.
Igrexa de Santa Mª de Mogor
 Como se pode subir ao campanario por unhas escaleiras exteriores, subín e esta é unha das vistas que hai:
 
Toca ir agora por unha estrada local na que non atopamos a ninguén, á beira da vía do tren:

Deseguida pillamos á dereita cara ao monte. Teremos que cruzar a ponte que se ve na foto.
 
Atravesamos un monte durante uns metros:
Desembocamos deseguida noutra estrada na que atopamos a capela de Santa Rosa
Capela de Santa Rosa
 Chamou moito a nosa atención o ben coidada e restaurada que está esta pequena capela que estaba aberta.
Interior da capela de Santa Rosa

Estamos xa moi cerca do final do tramo de hoxe na praia de Esteiro da que só nos separan uns metros que facemos por la beirarúa desta solitaria estrada.


A chegada á praia de Esteiro é un gozo e un relax para os sentidos. Para quen coma mín desfrutamos de entornos illados, fóra de aglomeracións, en contacto coa natureza en estado puro este é un lugar ideal. 
Atopamos un inmenso entorno de piñeiros debaixo dos que hai mesas con bancos, barbacoas, un espazo infantil para xogos, un chiringuito que incluso, agora no inverno, estaba aberto.
Entorno da praia de Esteiro

Entorno da praia de Esteiro
Para acceder á praia hai pasarelas de madeira co fin de preservar o espazo dunar que a rodea:
 
A praia é de forte ondaxe e moi apropiada para practicar surf. Os piñeiros chegan ao mesmo areal.
Praia de Esteiro
E aquí rematamos o tramo de hoxe. O vindeiro día arrancaremos dende aquí ata o final deste Camiño Natural do Cantábrico.