Amosando publicacións coa etiqueta Riotorto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Riotorto. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de decembro de 2024

PARROQUIAS DE MONDOÑEDO E RIOTORTO.

 Unha ruta curta e sen complicacións para coñecer recunchos e aldeas do concello de Mondoñedo e de Riotorto.

Caracteristicas:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: ningunha

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

O punto de inicio e punto final desta ruta vai ser a Cruz da Cancela, na rotonda ben coñecida nesta zona na que podemos pillar estrada que vai a Lugo, a Mondoñedo, a Riotorto ou a Lourenzá.

Deixamos aquí o coche xa que nas beiras desta rotonda hai sitio para aparcar e pillamos na estrada que baixa a Riotorto unha pista que sube aos eólicos.

A Cruz da Cancela

Subimos pola pista que vai cara aos eólicos.


Volvendo a vista atrás temos esta vista:

Imos en lixeira subida pero como xa partimos dunha altitude de 540m. as vistas son extraordinarias.


Prados con vacas que están sendo invadidos por plantacións de eucaliptos.

Camiñamos por unha pista no medio d everdes prados.


Baixamos en suave descenso cara a Bidueiras.


Seguimos sempre entre prados e vacas con boas vistas dende o alto.


Chegamos a Bidueiras, unha aldea da parroquia de Santa Mª Maior, no concello de Mondoñedo. Vemos un montón de casas abandonadas. Falamos con Vitalina, unha muller do lugar que nos dixo que só había dúas casas habitadas e que pasaba semanas sen falar con ninguén.

                                                                   Bidueiras
Antes desta casa branca deshabitada hai outra onde vive Vitalina coa súa filla, xenro e un neno de 8 anos.

                                                                 Bidueiras
O nome de Bidueiras supoñemos que se debe a que no pasado neste lugar habería moitas desas árbores. Actualmente quedan poucas.


Agora imos por estrada local pola que non pasa naide.


Estamos a punto de cruzar un rego que serve de límite entre os dous concellos que pisamos. Ata agora estivemos no de Mondoñedo e estamos a punto de pasar ao de Riotorto.

Xa vemos Santalla,  concretamente o barrio Cima da Vila. Santalla é unha aldea que pertence á parroquia de Meilán (Riotorto)

Vistas dende Santalla.

Na seguinte foto vemos a capela de Santa Baia en 1º termo. A xente que atopamos en Santalla (dúas mulleres e un home) foron moi amables con nós, conversamos con eles e ata nos invitaban a súa casa a tomar café.

Imos cara a Cruz da Cancela, que xa está moi cerca, por este camiño.

Un camiño onde agora predomina a cor verde.

E xa a piques de chegar ao punto de inicio vemos que a néboa vai baixando.


luns, 24 de agosto de 2020

RUTA DOS FERREIROS (RIOTORTO- LUGO)


 Volvemos ao concello de Riotorto por 2ª vez para realizar unha nova ruta. A 1ª que fixemos neste concello foi a "Ruta das fontes e dos regos" https://rutasdesendeirismo.blogspot.com/2020/05/ruta-das-fontes-e-dos-regos-santa-comba.html

que nos gustara moito. Esta é tamén unha fermosa e fácil ruta que nos vai permitir coñecer unha longa tradición neste concello: a dos ferreiros.

A ruta que hoxe imos percorrer pertence a unha zona onde a maior parte da súa poboación se dedicou en tempos pasados a fabricar ferramentas e utensilios agrícolas utilizando o ferro e a forza da auga.

Poderemos ver nesta ruta ferrarías que seguen en pé e veremos sobre todo moitas moas que funcionaban coa forza da auga e que son testigos da enorme importacia que tivo o ferro nestas terras.

CARACTERÍSTICAS:

Lonxitude: 8km.

Dificultade: baixa

Ruta lineal, regular sinalizada.

DESCRIPCIÓN:

A nosa ruta de hoxe empeza na área recreativa de O Mazo na carreteta LU-P-5501 que vai de Riotorto a Lugo.

A ubicación exacta, AQUÍ

Esta área recreativa cunha frondosa vexetación autóctona sitúase ás beiras do río Ferreiravella que nos acompañará case todo o percorrido. Aquí hai mesas, barbacoas, un pequeno parque infantil e un restaurante pero ademais temos un mazo restaurado. 

Estas son imaxes da área recreativa:







Nesta ruta contamos cun guía excepcional: Amandino Bello, un home fillo dun ferreiro desta zona que nos explicou de xeito detallado e ameno aspectos do traballo do ferro e da vida dos ferreiros. 

Escoitando ao guía

Aquí na área recreativa de O Mazo (pertencente á parroquia de Ferreiravella) poidemos ver un mazo e moitas casetas restauradas onde os ferreiros gardaban os utensilios.

Primeiro vimos un mazo: O mazo da Fraga. Un mazo consiste basicamente nunha canle de auga de madeira ou pedra: esta auga cae dende certa altura e a presión da mesma ao caer fai mover grandes rodas. Esta roda move á súa vez un fuelle que manterá vivo o lume para fundir o ferro.

O Mazo da Fraga, construído no 1885, foi un dos máis importantes de Galicia, especializado na fabricación de fouces de todo tipo e dá idea da inmensa actividade que se levaba a cabo nesta fraga de Riotorto. este mazo era compartido en uso, propiedade e mantemento por tódolos ferreiros da parroquia.

Moito inxenio que poñían naquela época para aproveitar a auga!!

Hoxe en día no concello segue habendo mazos en activo pero xa son todos eléctricos.

Cada espazo conserva aínda o nome do que fora o seu propietario.

Algo máis abaixo, os restos do que foi unha moa. As moas empregaban o mesmo sistema ca os mazos: a forza da auga permite mover a roda da pedra de afiar onde se afiaban e acababan as distintas ferramentas. Hoxe xa se empregan só moas eléctricas.

Ao logo desta ruta, atopamos infinidade de construccións que albergaron moas:

Despois veremos a moa de Tonín da Roxa que se reformou en 2005:


O Muín e Planta do Campón, ademais de muín de dúas pedras, contaba con xerador eléctrico, serra eléctrica e vivenda:

Logo vemos outra moa con cuberta ás dúas augas, totalmente en ruínas, é a Moa de Barral:

Logo a moa de Basilio, tamén en ruínas:

O muín e a moa de Pego conta tamén con vivenda de tres plantas, forno de pedra e forxa:

Abandonamos ás beiras do río Ferreiravella para ir por asfalto uns metros ata chegar á aldea de O Mazo. Aquí existía un mazo xa en 1691, de aí o nome da aldea.

Hoxe só queda esto do antiguo mazo:

Este é  o mazo máis antigo de Riotorto

Aldea de O Mazo

Agora camiñamos por carretera aprox. 500m en lixeira ascensión para chegar a outra aldea: Lorigados, con longa tradición tamén de ferreiros.

En Lorigados aínda podemos ver dentro dunha casa unha moa en perfecto estado pero que xa funciona con electricidade:

Outra imaxe de Lorigados:

Baixamos agora seguindo a carretera ata a aldea de A Ermida que se atopa moi preto:


Dende o alto vemos o que fora o mazo de Bastián, construído na posguerra alquilábase por horas aos ferreiros debido á grande demanda de fouces que chegaba dende Castela. Este é o segundo mazo de Riotorto.

Xa imos chegando ao final da nosa ruta e vemos a capitalidade do cocello: As Rodrigas.


Agora camiñamos á beira do río que da nome a este concello, o río Torto:

Un fermoso paseo ata o remate no que vemos castiñeiros, maciñeiras e outras árbores:




Rematamos na área recreativa , en As Rodrigas: