Amosando publicacións coa etiqueta Prov lugo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Prov lugo. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de xuño de 2026

RUTA ARQUEOLÓXICA EN ADAI (LUGO)

 Tiña oído falar do Altar de Adai, dolmen de Adai...e ademais que había rutas para chegar ata estes restos arqueolóxicos que pasaban por bosques incribles; así  que fun coñecelos onte luns, 15 de xuño.

Características desta ruta: 

Lonxitude: 8,6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

A ruta ten inicio e fin despois de pasar a ponte sobre o Miño en Porto- Meilán, na parroquia de Adai. Nós tivemos un pequeno oco para deixar o coche despois da mencionada ponte, pero só cabe un coche polo que ao mellor é convinte aparcar antes de cruzar a ponte, ao pé da Potabilizadora de Auga de Lugo.

Aparcamos na beira desta estrada, nunha pequena explanada que hai, dende onde saquei esta foto. 

Nesta estrada, aos poucos metros do coche, xa pillamos un camiño á dereita que nos vai levar cerca do Miño.

Rapidamente, o camiño transformase nun carreiro cunha ponte de madeira que se ve ao final da foto:

Entramos nunha fermosa carballeira:

O entorno de Porto Meilán con estes bosques e o río Miño forma parte da Reserva da Biosfera "Terra do Miño".


A Reserva da Biosfera Terras do Miño, é a 2ª máis grande da Península Ibérica e a máis grande de Galicia ocupando o 39% da provincia de Lugo onde abarca 26 municipios.

Gran parte da Reserva está incluída dentro da Rede Natura 2000 e está constituída, fundamentalmente, polos denominados paisaxes de auga e formacións de turbeiras de cobertor no Xistral.


Xa saimos da carballeira a unha paisaxe aberta na que vemos prados.

A paisaxe cambiou pero segue a ser tamén fermosa.

Estamos cerca de poboacións e nótase en que aparecen prados e árbores froiteiras como bastantes nogueiras.

Tamén vemos terras de millo. Estamos non moi lonxe de aldeas como Ferreiros, As Cancelas...

Deseguida imos chegar a unha estrada local.


Son só uns metros por esta estrada ben sombreada:

Deseguida pillamos un camiño á dereita que nos leva a estes prados.

Pillamos este carreiro que ao principio estaba así, despois mellora. Son 200m.  ata desembocar nunha pista ancha.

Seguimos subindo e xa por aquí o calor apreta. aquí predominana os piñeiros e tamén hai bastantes xestas.

O camiño lévanos a este inmenso prado que menos mal que está recén segado...

Sabemos que moi cerca está o Altar de Adai e o track así nolo indica...pero onde?

Non hai un solo sinal, unha pista que nos indique onde está. Semella bastante escondido e os accesos para chegar a el son os das fotos:

O Altar de Adai foi descuberto a finais dos 80 por Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela e pertence ao conxunto arqueolóxico de Pedra Fita no Monte das Penas do Caldeiro.
Esta contrucción é unha pedra plana con 18 buratos labrados na rocha e é difícil concretar a súa orixe e a súa utilidade.
Os últimos estudos deste lugar din que estamos diante dun recinto vinculado ao mundo funerario, de feito podería ser unha necrópole, un gran santuario prehistórico.

Altar de Adai

A pedra ten no medio dous buratos, un circular e outro rectangular unidos entre si e que non se sabe moi ben para que servían.
Altar de Adai

Outras pedras curiosas que atopamos na zona:


Estamos no punto máis alto da ruta, a 537m. e hai boas vistas:


Abandonamos o prado anterior para pillar este camiño. Á dereita, deseguida temos outro monumento arqueolóxico.


Non vemos ningún sinal ou indicación de por onde ir para chegar ao Corro dos Mouros pero vemos estes sinais nos piñeiros que non van levar ao lugar.


O Corro dos Mouros ou Castrillón ten forma circular e uns 52m. de diámetro. Pénsase que foi un enorme monumento de ritos funerarios. O ano 2025, expertos da USC realizaron sondaxes neste lugar e sacaron á luz máis de 4000 pezas de cerámica. Segundo as probas con carbono 14, foi construído no S. XIII a. C.

                                                                           Corro dos mouros
A partires de aquí, empezamos a baixar.

O Dolmen de Adai está nun prado á beira da estrada. 
Dolmen de Adai

Só quedan uns poucos restos deste dolmen en estado precario. Está formado por 5 ortoastos.

Dolmen de Adai

Imos uns metros pola estrada.

Deixamos a estrada por onde víñamos para introducirnos por outra.

E axiña torcemos á dereita:

Deixamos o camiño anterior e ao mellor non deberiamos facelo porque o carreiro que eleximos nos é o máis practicable para camiñar. Son só uns metros entre felgos e silvas ata que atopamos algo máis arriba o camiño anterior que antes deixamos.

Voltamos pillar o bo camiño.

Desembocamos na estrada que vai á aldea de Adai e decidimos ir por ela ata o final que está moi próximo e o calor xa apreta ben. Non queremos alongar máis  a ruta.

A igrexa de Santa Mª Madanela de Adai é un exemplo de arquitectura relixiosa rural. Está situada no lugar de Vilamaior. Predomina na construcción o uso do granito e a pizarra. A súa fachada é sobria e sinxela e o entorno é moi agradable.
Igrexa de Adai

Como é habitual en Galicia, o cemiterio aparece vinculado á igrexa.
Igrexa de Adai

A igrexa está nun fabuloso entorno que invita a sentarse e descansar.

Ao pé, tamén hai unha fonte.

Ao seguir camiñando pola estrada, vemos a antiga escola de estructura semellante á de outras moitas escolas galegas dos anos 50 do pasado século.

Mirando ao lonxe vemos unha gran masa de arboreda autóctona, porque Lugo ten moi cerca da cidade moito bosque tradicional.

Páxinas web consultadas:

Chegamos oa punto de inicio e como temos moi cerca o Miño, saco unhas fotos dende a ponte.https://patrimonionatural.xunta.gal/es/terras-mino

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/altar-de-adai/

https://horariosrezo.es/iglesia/iglesia-de-santa-maria-magdalena-de-adai/






luns, 15 de xuño de 2026

PONTE DE SA DENDE IGREXA DE S. XOÁN DE ALBA (VILALBA)

 É esta unha ruta moi fácil tecnicamente e podemos dividila claramente en dúas partes ou tramos:

O 1º tramo coincide co Camiño de Santiago Norte dende a Igrexa de S. xoán de Alba ata a Ponte de Saa e o 2º tramo dá a volta dende a ponte para voltar ao punto de inicio por un camiño pegado á autovía A-8 cun desvío en Pedrouzos para ver a capela de S. Rodrigo que realmente ten pouco que ver.

Características da ruta:

Lonxitude: 9km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción :

Aparquei ao pé da igrexa de S. Xoán de Alba e aínda que era cedo, xa había xente que madrugara máis ca min porque había 6 ou 7 coches xa aparcados; supuxen que estarían facendo o Camiño de Santiago.

Igrexa de S. Xoán de Alba

A igrexa de S. Xoán de Alba foi reformanda no S. XVII. O que máis chama a atención é o cemiterio pegado a ela en estilo neo-gótico.

Este cemiterio, ao igual que outros do concello de  Vilalba e outras zonas próximas, é como un museo ao aire libre. Os altos pináculos dos nichos vense dende a lonxanía.
Cemiterio de S. de Alba

Moitos destes cemiterios foron creados por canteiros da zona.
Cemiterio de S. de Alba
 No adro da igrexa, vemos este cruceiro que nace sobre un chanzo de sección cadrada. A súa base cúbica de arestas superiores rebaixadas dá paso a un varal que comeza en sección cadrada e segue coas arestas rebaixadas.
O capitel é de seccion cadrada, con volutas e querubíns nos catro lados.
O conxunto remata cunha cruz de sección cadrada, arestas rebaixadas e remates florenzados con botón central. Nela podemos ver as imaxes de Cristo crucificado baixo cartela de INRI no anverso, e a Virxe co Neno no colo no reverso.

                                                                Cruceiro diante da igrexa

Fóra xa do cemiterio e do adro da igrexa, vemos esta construcción que é un monumento funerario.


Por aquí pasa o Camiño de Santiago do Norte, ao pé da igrexa.


Hai que atravesar a N-634 como nos indica o sinal.



Entramos nun camiño tradicional moi fermoso con moita sombra.


Os tramos do Camiño de Santiago acostuman a estar sempre impecables, ben rozados e acondicionados e xa non digamos, sinalizados!! Atopamos os típicos sinais en pedra de cada pouco e outros carteis e frechas en cruces ou puntos dubidosos.


Inmesos e antigos carballos...



Pasamos por lugares habitados. Estamos en Carralmaior, lugar da parroquia de Alba.


Os camiños tradicionais en Galicia son moito máis que rutas: son o sangue, a historia e a cultura do pobo galego.


"Moitos dos camiños, pistas ou estradas que actualmente utilizamos foron transitados hai centos ou miles de anos por outros viaxeiros, do propio territorio ou chegados de fóra. Ninguén ten a exclusividade dos camiños" (La Voz de Galicia)



Hai peregrinos que fan o Camiño en bici:


O conxunto de rutas dos Camiños de Santiago está constituído por vías de dominio e uso público, o territorio que o define e os seus elementos funcionais, que son os que forman parte da súa fisionomía (como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares), así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso.


Pasamos por Pedrouzos, da parroquia de A Torre.



O uso preferente da traza dos Camiños é o de ser un sendeiro peonil, compatible coa súa utilización como vía ecuestre ou como vía para vehículos sen motor.



Este tramo do Camiño é ben fermoso.


Pasamos pola Estrada, tamén da parroquia de A Torre.
Estrada

Fermosos entornos floridos agora na primavera.


Tamén vemos paisaxes máis abertas.


Fonte restaurada que atopamos na Estrada.


Volvemos cruzar a estrada N-634 no lugar de A Cancela e seguimos na mesma parroquia de A Torre.



Tanto dá cruzar a un lado e ao outro da estrada, a paisaxe segue a ser engaiolante.


Un carreiro é "un paso estreito que só permite o paso a pé ou no lombo dun animal". Aquí temos un ben fermoso!!


Neste tramo non falta nunca a sombra
.


Nos lugares onde vive xente tamén vemos árbores froiteiras.



Estamos a piques de volver cruzar a N- 634.


Chegando ao cuce da estrada:



Cruzamos por debaixo da autovía A-8.



Fermoso entorno ao pé do río Labrada. Case todas as árbores son bidueiros.


A Ponte de Sa xa se atopa na parroquia de Ínsua.


A ponte é de orixe medieval pero foi reedificado varias veces. Ten este gran ollo e varios aliviadeiros para as crecidas.
O ollo da ponte, lixeiramente oxival, denota a súa orixe medieval.


A ponte está sobre o río Labrada, afluente do Ladra


Dende a Ponte de Sa dou a volta. Volvo uns metros sobre os meus pasos ata chegar ao cruce debaixo da A-8


Este é o cruce polo que xa pasei para ir ata a ponte. Agora volvo a el e pillo de frente.



O camiño é ben ancho e sombrío .Que gusto. Xa empeza a apretar o calor!!


Camiño en paralelo a A-8, moi pegada a ela pero sen vela nunca debido á arboreda.  Eso si, o ruído dos coches é constante.


Ás veces ábrese algún claro a prados, sempre pola miña esquerda.


Enormes bidueiros...


No estaba en principio previsto no track que sigo, e eu mesma planifiquei, pero vexo moi cerca que me indica a capela de S. Rodrigo e dende ela podo acceder de novo de xeito moi fácil a esta mesma ruta . Así que cruzo debaixo da A8 para ir aí.
O 1º que vexo é este cruceiro.


  A capela de S. Rodrigo pertence á Idade Moderna (XVI-XVIII)
 É una pequena edificación relixiosa de planta rectangular, feita en cantaría granítica, cos muros parcialmente revocados en blanco, e cuberta a dúas augas con lousas de xisto.

Na fachada principal vemos unha porta de aceso lintelada e dúas bufardas aos lados.

Segundo se recolle na bibliografía: “Se hizo a instancias de don Rodrigo Montenegro y Camba”, familia da que existe unha edificación ao seu carón 


                                                            Capela de S. Rodrigo en Pedrouzos

Estamos outra vez en Pedrouzos pero agora por outra parte do barrio, aínda que moi preto de por onde pasei antes.



Cruzo a A-8, agora por derriba.


Volvo a camiñar agora coma antes: levando a autovia á miña dereita.


A paisaxe non cambia: moita masa arbórea, algún claro con prados...


Nesta intersección, volvo cruzar por debaixo da A-8.


Neste tramo xa me dá o sol pero estou xa rematando.


Enlazo coa estrada pola que cheguei en coche á igrexa de S. Xoán de Alba que xa vexo aí diante.




Páxinas web consultadas:
https://www.tierrasinsolitas.com/cementerios-goticos-en-galicia/
https://patrimoniogalego.net/index.php/110851/2021/08/cruceiro-no-adro-da-igrexa-parroquial-de-san-xoan-de-alba/

https://www.cultura.gal/gl/natureza-caminos

https://patrimoniogalego.net/index.php/111827/2021/11/capela-no-lugar-de-pedrouzos/