Amosando publicacións coa etiqueta Toques. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Toques. Amosar todas as publicacións

domingo, 5 de febreiro de 2023

FERVENZA DAS BRAÑAS PR-G 166 (TOQUES-A CORUÑA)

O concello de Toques, na provincia de A Coruña pertence á comarca de Terra de Melide formada ademais polos concellos de Santiso, Melide e Sobrado dos Monxes.

Hoxe fomos a este concello para realizar a ruta homologada da Fervenza de Brañas. Contamos cuns guías de excepción, bos coñecedores da zona que nos axudaron a descubrir recunchos que doutro xeito non coñeceríamos, xa que están fóra da ruta oficial homologada aínda que en moi curtos desvíos da mesma.

Grazas, Álvaro, Minia e Celtia. Sen vós, non sería o mesmo esta ruta.

Características da ruta:

Lonxitude: 7 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular perfectamente sinalizada.

Deixo o meu track en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅

Descripción da ruta:

Partimos da área recreativa do río Furelos. Moito coidado!! NON confundir con outra área do mesmo nome que hai no concello veciño de Melide. 👀

Dende o lugar anterior, pillamos á esquerda, sen cruzar a ponte (por aí viremos á volta)

Área recreativa do río Furelos en Toques
 

Os primeiros metros camiñamos á beira do río Furelos, afluente do Ulla.

Río Furelos
Os círculos vermellos sinalan algo que nos pasaría desapercibido de non ser pola nena de 5 aniños que nos acompañaba 👧 e nos explicou (segundo a ela llo explicou a sua avoa, natural da aldea de Prados pola que despois pasaremos) que esa parte da rocha gastada é polo paso ao longo de moitos anos en tempos pasados, das rodas dos carros.
As pegadas dos carros

O río Furelos baña a comarca de Melide e nace da confluencia de varios cursos de auga que baixan da Serra do Careón. 

Río Furelos

Celtia tamén nos ensinou moi entusiasmada😀 os "Pasos da ra": son pedras grandes colocadas para cruzar o río.
Pasos da ra
 O camiño alónxase agora do río.
Camiño

Desembocamos nunha estrada local que nos vai levar á fervenza.

Estrada local.
O Rego da Salgueira e o de Porto Salgueiro unen as súas augas na parroquia de Brañas formando o río Furelos que salva un desnivel do terreo, caendo dende unha altura duns 40m. dando lugar a esta espectacular fervenza 👌. Xunto a ela hai un muíño a medio restaurar, o "Muíño da Fervenza" onde naceu un avó de Minia, a mamá da nena Celtia que hoxe nos acompañan.
Fervenza de Brañas
 

Continuamos o noso percorrido e vemos agora a fervenza dende a súa cabeceira.

Fervenza de Brañas

Continuamos por un camiño fermoso polos que antigamente pasaban os carros, os animais e as persoas.

Camiño
 Agora imos desviarnos por recomendación dos nosos guías para ver un lugar que ao noso entender debera de formar parte da ruta. A desviación é só duns 100m. (ida e volta) e merece moito a pena. Nun fermoso entorno, derriba dun rego están os chamado "Pasos da Rega", unhas antiquísimas pontes de pedra polas que antigamente pasaban os carros e a xente.

Indo para os Pasos da Rega

Este é o entorno onde se atopan os Pasos da Rega.


Para poder cruzar o rego, foron construidas dúas pontes case seguidas con enormes pedras.
Ponte

Ponte

Paralelo a este prado que vemos e por onde tivemos que pasar, hai un camiño antigo que está sen acondicionar e polo que é imposible pasar debido ao estado no que se atopa con toxos, silvas...está totalmente pechado e é unha lástima xa que nos levaría ata os Pasos da Rega. Poderían aproveitar este recurso sinalizando e acondicionando o desvío.
Prado polo que tivemos que pasar

Na seguinte foto vemos o estado do camiño que hai: totalmente pechado.

Camiño pechado

Estamos ganando altura e temos boas vistas.

Panorámica
Estamos na Serra do Careón que ten unha altitude moderada e unhas características especiais de grande interese xeolóxico. É un espazo natural protexido como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC)
Serra do Careón

 Os nosos guías lévannos tamén ver unha rústica fonte no medio dunha carballeira.

Fonte
A carballeira loce así no mes de febreiro:
Carballeira

Se voltamos a vista atrás, vemos o camiño polo que acabamos de subir e ao lonxe, a aldea de Brañas.

Vistas
Aldea de Prados, pertencente á parroquia de Paradela. Non hai que pasar por ela. Nós achegámonos (uns 40m.) para sacar a foto.
Prados
Agora empezamos a baixar (mellor facer a ruta deste xeito, xa que o desnivel, se houbese que subir, é importante) Vemos un observatorio de aves:
Observatorio de aves.

A paisaxe ábrese neste fermoso camiño de baixada:
Baixando

Estamos chegando de novo ao río Furelos. Agora pola outra marxe.

Camiño

Xa vemos a ponte que cruzaremos para chegar ao punto de inicio que xa está xusto despois da ponte.
Ponte e chegada ao inicio.

Fomos xantar ao restaurante Xaneiro no lugar de Bragaña en O Souto. Esta aldea pertence á parroquia de Santa Mª da Capela que é onde está a capital do municipio.

Comemos moi ben (o salpicón de marisco que é o prato estrela do restaurante, estaba espectacular) cunha boa atención nun local moi limpo a pesares de estar ateigado de xente.