Amosando publicacións coa etiqueta Illano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Illano. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de marzo de 2023

PONTE DE ILLANO (ASTURIAS)


Ponte colgante de Illano
         

Illano é un pequeno concello asturiano eminentemente rural e que sofre un tremendo despoboamento. Está incluido este concello no Parque Histórico do Navia.

Entre os anos 1929 e 1933 constrúese o encoro de Doiras e esto provoca un gran incremento demográfico pero non se cumplen as expectativas de traballo continuo e a partires dos anos 70 hai un éxodo continuo que empobreceu o concello.

A poboación de Illano está marcada pola orografía do terreo, xa que o seu carácter accidentado e a profundidade dos vales fai que o hábitat se localice a media ladeira e na marxe esquerda do río, que é onde se localiza a súa capital.

 A súa poboación está moi envellecida.

Para chegar ata o punto de inicio desta ruta, hai que sufrir unha estrada estreita e cheísima de curvas imposibles!!

Características da ruta:

Lonxitude: 13,3 km.

Dificultade: moderada polo desnivel importante dalgún tramo.

Ruta circular ben sinalizada.

O meu track desta ruta en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔆🔆🔆🔆

Descripción da ruta:

Esta ruta ten o inicio e o fin na área recreativa de Folgueiróu, a uns 2 km. da capital do concello, Illano.

É esta unha área que sorprende xa que é moi grande e ten servizos como: restaurante, piscina, campo de fútbol, bolera, un pequeno parque infantil, un Centro de Interpretación da Natureza, a Oficina de Turismo...e unha zona inmensa con bacos, mesas e barbacoas á sombra de moitas árbores.

Na foto seguinte vemos unha fonte e o restaurante:

Fonte e restaurante
Estamos a unha altitude case 500m. e dende o miradoiro que hai tamén nesta área recreativa podemos contemplar a parte sur do concello.
Miradoiro

Unha área recreativa con multitude árbores:

Área recreativa de Folgueiróu

O deseño da piscina é obra do arquitecto J. Ramón Puerto, unha construcción en pedra que recorda a un castro e pola que recibeu numerosos premios. Foi inaugurada no 2002

 
Un detalle da piscina:
Piscinas

A área conta tamén cun parque infantil. Un día de verán aquí para os máis pequenos debe ser fabuloso: poden correr libremente, teñen piscina, parque...o que pasa é que non creo eu que haxa moitos nenos nin nenas neste concello, moi envellecido.
Parque infantil dentro dárea recreativa.

O Parque Histórico do Navia no occidente asturiano inclúe os concellos de Boal, Coaña , El Franco, Grandas de Salime, Illano, Navia , Pesoz, Tapia de Casariego e Villayón. O río Navia e os seus afluentes debuxan a orografía deste gran Parque Temático ao aire libre abase de castros, aldeas, montañas, ríos, vales, miradoiros, encoros e vilas mariñeiras.
Illano pertence ao Parque Histçorico do Navia
 
Despois de cruzar a área recreativa, collemos unha ancha pista costa abaixo entre piñeiros.

Descendemos cun importante desnivel e ao pouco podemos ver xa o río Navia.
Río Navia
 
Tamén vemos unha cascada pequena.
Cascada
 
Vemos unha indicación dun desvío para Illano pero collerémolo despois, agora imos cara á Ponte de Illano.
Bifurcación

O encoro de Doiras separou dúas partes do concello unidas agora por esta ponte colgante. Aquí desfrútase do silenzo con maiúscula. Non hai vehículos, a ponte só é peonil e a estrada está lonxe o mesmo que as aldeas. Para chegar a esta ponte, o único camiño é a pista por onde acabamos de vir ou ben dende Illano, atravesando un monte por un estreito carreiro.

Ponte colgante

A ponte estivo en reparación no 2018 e as táboas de madeira que ten están en perfecto estado. A vexetación en torno á ponte, o silenzo reinante, o illado do lugar fan atopar paz e sosego.
O encoro de Doiras inaugurado no 1934 sobre o cauce do río Navia, pertence a Boal pero a súa superficie tamén se extende aos concellos de Pesoz e Illano.
Ponte colgante

Crucei a ponte para achegarme ata a aldea de Lantero por un solitario camiño, ancho e dende o que vemos sempre o río aló embaixo.

Subida a Lantero

O camiño vai en constante e pronunciada subida. Nas beiras hai moitos érbedos.

Subida á Lantero

Nun punto da subida a Lantero vemos ao lonxe Illano, capital do concello.

Ao lonxe, Illano

Segundo chegamos á aldea de Lantero o 1º que vemos é o antigo lavadoiro, restaurado e en perfectas condicións de uso.

Lantero non ten nin 20 habitantes nun concello como xa dixen que sufreu e sofre unha grande merma de poboación. Pertence á parroquia de Bullaso.

Lantero
 A aldea ocupa unha ladeira, como ocorre coas localidades de todo o concello, debido á orografía con montañas que caen directamente ao río Navia.
Lantero

Dende Lantero hai que dar a vola polo mesmo sitio da ida. Cruzamos de novo a ponte, agora para o outro lado, claro, e retomamos o percorrido ata atopar a bifurcación que víramos antes para ir a Illano.

Ponte de Illano

Unha solitaria lanchiña atracada no encoro:

Lanchiña no encoro, ao pé da ponte de Illano
 A subida a  Illano é continua e ten bastante desnivel.
 
As vistas que temos subindo a Illano.  A aldea que se ve é Lantero, á que antes subín. Este concello está marcado pola accidentada orografía e polo río Navia que o parte en dous.

Na I. Media, este concello pertencía a Castropol. A mediados do S. XV, obtivo a súa emancipación. Illano é un concello plenamente rural.
Illano aló enriba

Illano atópase a unha altitude de 355m. e esto fai que teña unhas vistas espectaculares:

Casas abandonadas no centro da vila:
Illano
 
Un concello rural que perde poboación sen cesar.
Illano

A parte máis nova da vila está ao pé da AS-12. Camiñamos uns poucos metros por esta estrada ata coller (está indicado) un ramal á esquerda.
Parte nova de Illano, na estrada que a cruza.

Nesa parte nova hai un pequeno parque dende onde temos unhas fabulosas vistas da vila e das montañas próximas.
Parque en Illano

Pasamos polo lugar de Grandelia.
Grandelia

Na parte alta deste lugar pillamos un desvío á dereita (está sinalizado) que nos saca da estrada e nos leva por un carreiro antigo.
Carreiro
Atravesamos o rego dos muíños.
Rego dos Muíños

E seguimos por un pequeno e angosto carreiro.

Rematamos a congostra e como estamos nun alto, as vistas son estpendas.
Vistas dende aldeas próximas a Illano

Cruzamos un lugar chamado A Baboreira e non vemos unha alma como tampouco vimos en Illano aínda que aí si que escoitamos xente falar. Aquí semella non vivir ninguén.

Saimos a unha estrada local atravesando o barrio de Casas del Río e vendo case tódalas casas pechadas e/ou abandonadas.
Casas del Río
 
Esta estrada local desemboca na As-12 e dende este cruce xa vemos uns metros máis adiante a área recreativa de Folgueiróu onde empecei esta ruta.


Páxinas web consultadas:

https://es.wikipedia.org/wiki/Illano

https://www.turismoasturias.es/descubre/donde-ir/comarcas/parque-historico-del-navia