martes, 14 de outubro de 2025

S. MARTIÑO (FOZ)

 Son xa varias as rutas feitas na parroquia onde nacín e me criei, o lugar ao que sempre quero voltar con alegría e añoranza daqueles tempos felices da nenez.

As rutas feitas ata o de agora en S. Martiño, foron:

Ruta circular en S. Martiño I

Ruta circular en S. Martiño II

Capela do Carme/Áreas Recreativas/Muíños

Hoxe fixen unha ruta que comparte a maioría de tramos coas anteriores pero feita doutro xeito.

Características:

Lonxitude: 6,8 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descripción da ruta:

O inicio e final desta ruta foi na Área Recreativa de Ferreiravella, un barrio da parroquia de S. Martiño.

É unha área recreativa con bastante variedade de árbores: bidueiras, castiñeiros, arces, carballos...

E presidindo esa área recreativa, está o edificio do Centro Social da parroquia (hai outros tamén, pero que aproveitaron doutros antigos edificios) Este é de nova construcción.

Deixo a área recreativa pillando á esquerda con estas vistas.

Deseguida enlazo coa estrada xeral e de frente podo divisar a basílica pola que pasarei á volta.

Torzo á dereita para subir á Capela do Carme. Teño que cruzar o río Centiño.

Pouca gandaría queda xa na parroquia e menos aínda agricultura...os tempos son outros.

Paso polo lugar da Balsa, a pesares de nacer na parroquia e coñecela ben toda, non lembro ter pasado nunca por aquí.

Na Balsa recordo vivir moita xente e lémbrome dalgunha persoa (a maioría dos que coñecín, xa están mortos@s) A casa está moi abandonada.


O cabozo parece ser o que mellor resiste o paso do tempo...

A acacia negra (árbore  invasora) semella que se vai apoderando do monte que queda á esquerda.

Vistas subindo ao Carme pola Balsa.

Vexo agora o lugar das Arieiras que sempre me chamou a atención pola enorme vivenda.

Rematando xa a subida.

Xa se ve parte do barrio do Carme.

Hai que cruzar a LU-152 e ir pola subida onde se ven tantas hortensias.

Vistas chegando xa á capela.

A Capela do Carme de S. Martiño é coñecida en toda a contorna e fóra dela. É unha capela á que acode moita xente da parroquia e de fóra dela sobre todo da parroquia veciña de Vilaronte e de Foz.

Xunto á capela hai unha enorme área recreativa onde cada mes de xullo se celebran as festas na honra da Virxe do Carme e ás que acode moita xente.

Unha imaxe da área recreativa:

E outra máis:

A capela vista dende a área recreativa.

A capela atópase nun entorno moi fermoso e con boas vistas.

O enorme e centenario castiñeiro.

O Barrio do Carme xa no límite coa parroquia de Vilaronte. Penso que esas casas xa pertencen á parroquia veciña.

 Dende o Carme hai estas fantásticas vistas ao Cantábrico, á ría de foz e resto da costa,.

Volvo cruzar a LU-152.

A ruta vai toda ela por asfalto, eso si. Xa apenas quedan camiños en S. Martiño dende que fixeron nos anos 80 a Concentración Parcelaria.

Vistas chegando ao barrio de Xinzo.

O barrio de Xinzo está dividido entre dúas parroquias: unha parte pertence a S. Martiño e outra a Vilaronte. Á dereita, parte dese barrio que pertence a Vilaronte.

A seguinte foto foi sacada dende o barrio de Xinzo (S. Martiño) As vivendas que se ven, pertencen a Vilaronte xa.

Atraveso agora o barrio de Vilacendoi.

En Vilacendoi hai varios castiñeiros que deixan as pegadas na estrada.

O lugar de As Granxas.

O lugar de Oirín.

Xa teño a vista o barrio do Caritel, tamén chamado A Rúa coa coñecida basílica.

Nun momento determinado, camiñando pola estrada xeral, vexo un acceso ao río que non sei cando o abriron, eu é a 1ª vez que o vexo.


Aí, ao pé do Centiño, do outro lado do río hai un prado con estes animais aos que lles chamou a atención a miña visita.


Vemos na seguinte foto o edificio de Daniel Río Rubal (Caxigueiro) escultor e ceramista de Mondoñedo pero afincado en S. Martiño onde creou, xunto á súa muller Flora Núñez, Espazo Caritel, un lugar onde natureza e arte van da man. O edificio alberga o estudo do artista e o xardín de 3500 metros cadrados ten máis de 100 variedades de camelia ademais doutras especies como hortensias, flora autóctona e outra menos frecuente.  Polo medio do xardín podemos atopar tamén diversas obras do artista.


Basílica de S. Martiño é un monumento románico dos S. XI e XII construido sobre outro prerrománico do S. X.

Os contrafortes que ten son do S. XVIII.

Todo empeza no ano 866 cando o obispado de Dumio tivo que abandoar a súa sede na actual Santa Mª de Bretoña, a causa da conquista musulmana refuxiándose en Mindonieto, lugar da actual basílica e que co tempo pasaría a chamarse S. Martiño de Mondoñedo.

Foi sede episcopal. O 1º bispo foi Sabarico e despois tivo outros 14, entre eles a S. Rosendo que máis tarde fundaría o mosteiro de Celanova en Ourense e a S. Gonzalo nos S. XI e XII. Este foi un bispo moi popular ao que se lle atribuen dous miragres: o da Fonte da Zapata (que contarei máis tarde) e o do afundimento dos barcos normandos cando estes invadían as nosas costas.

No S. XII, a raiña Dona Urraca mandou trasladar a sede episcopal a Vilamaior do Val do Brea, cambiando o nome a Mondoñedo en lembranza da anterior sede.



 Na foto seguinte, a Fonte de A Zapata. Moita xente non sabe, sobre todo a xente menos de 40 anos e os foráneos que esta fonte estaba situada noutro lugar e era unha fonte monumental, ao meu modo de ver moito máis fermosa que a de agora.
Estaba situada máis arriba, na esplanada que hai antes do seguinte aparcadoiro, frente á basílica. É unha pena que non se atope (sei de moita xente que o intentou) unha foto daquela época porque era unha fonte espectacular, grande, con muros ao redor para sentarse e cun frente de mármore co nome da fonte.
Meu pai, que era un namorado do seu barrio coa fonte, a basílica...escribira, daquela que se cambiou esta fonte, estes versos:
"...Fuente de la Zapata
un fuerte cambio sufriste,
antes dabas la cara alegre
ahora das el culo triste..."

Facendo referencia a que antes a fonte estaba de cara á basílica e agora está de cu.
 No frente, ten unha inscripción que xa apenas se le e que di:
"Fuente de La Zapata,
que brotó según la tradición,
por obra de Gonzalo,
el Obispo Santo"
Dise que esta fonte xurdiu como un miragre en época de sequía, xa que a xente carecía de auga, entón o bispo Gonzalo tirou unha zapatilla (de aí o nome de Zapata) e onde caeu, naceu esta fonte.
Lenda ou miragre, cadaquén que crea o que lle pareza, a verdade é que a ubicación da fonte non é a máis idónea sobre todo para os que a lembramos no outro lugar.
"...Al cambiarte de sitio
no supieron emplazarte.
Esperemos algún día
vuelvas a ser obra de arte."


Área Recreativa ao pé da basílica e a Casa de Moreda, típica construcción rural que se mantivo no Caritel e é unha das poucas que quedan. 


E agora sigo a ruta por esta larga pista da Concentracción Parcelaria, con vistas na foto ao lugar de Lelle.

Tamén se pode ver o lugar de Peal e o barrio de Bao.


Mirando á dereita, a pista que vai ao barrio de Vilela e as casas xa deshabitadas do Gallego e de de Casilda.


O barrio do Caritel coa basílica.


A piques xa de rematar a ruta, vendo os barrios de Reiriz, Ver e lugares como O Xipo, as Arieiras, a Balsa...




Medio consultado:
https://es.wikipedia.org/wiki/Espacio_Caritel