Amosando publicacións coa etiqueta Bergondo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bergondo. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de maio de 2022

PAZO DE MARIÑÁN

Estando en Bergondo e despois de facer a ruta tan curta do Rego de Callou que podedes ver AQUÍnon podiamos deixar de visitar o Pazo de Mariñán que eu tiña ganas de coñecer dende hai algún tempo.

Este Pazo está a uns 3 minutos en coche dende onde deixamos os coches (en Miodelo) para a ruta anterior. Xa hai un sinal indicativo alí mesmo da dirección que hai que coller.

O PAZO DE MARIÑÁN e os seus xardíns son Conxunto Histórico e Artístico dende 1972. As orixes deste pazo son de mediados do S. XV nunha defensa que mandara construir Gómez Pérez das Mariñas que participou de maneira directa nas Revoltas Irmandiñas.

Pazo de Mariñán
Este pazo foi herdándose de pais a fillos nunha liña xenealóxica sen rupturas ata chegar a Xerardo Bermudez de Castro e Suárez de Deza, señor de Láncara. (Os máis vellos da zona coñecen o pazo co nome de "Pazo de Láncara") Este home morre no ano 1936 sen fillos e donou o Pazo á Deputación de A Coruña para fins sociais. Entre os anos 1972 e 1975 a Deputación fixo obras de reconstrucción e ampliación cunha nova edificación que engadíu ao pazo, que é a á que vemos na parte esquerda da foto anterior.

Nós visitamos este lugar nun domingo de maio no que apenas atopamos a ninguén, tan só vimos unha parella paseando polos xardíns e na visita guiada ao interior éramos 6 adultos e 2 nenos. Dame a impresión que este fermosísimo lugar é pouco coñecido.

Aparcamos o coche e preguntamos a un garda que hai á entrada polas visitas guiadas que eu lera que eran moi interesantes e é a única maneira de ver o pazo por dentro. Díxonos que xa ía ser a seguinte e efectivamente non tivemos que agardar nada, deseguida pasamos acompañados por outra parella con dous nenos.

Parte nova do pazo

Esta visita ao interior foi guiada por unha rapaza que nos deu unhas explicacións moi amenas, dura 40 minutos que se pasaron deseguida e é totalmente gratis.

No interior non se poden sacar fotos. Dende a súa rehabilitación en 1975 (antes foi un hospicio, un dato que pouca xente sabe) e por certo hai unha entrevista a un señor na " La Voz de Galicia" no ano 2009, onde relata o mal que se pasaba nese lugar rexentado por unhas 40 monxas, relata o mal que trataban aos nenos e o moito que lles pegaban!

A guía ensinounos mobles moi antigos e obxectos artísticos de gran  valor pero que non son orixinarios do pazo xa que foi expoliado polo albacea e outras persoas antes de que un funcionario realizara o inventario do que había. Levaron ata 3 maletas con obxectos de valor e fuxiron pola ría. O mobiliario e outros obxectos son os que a Deputación de A Coruña foi recollendo para expor aí.

Poidemos ver tamén unha interesante pinacoteca maioritariamente de autores galegos e varias dependencias como salas para recibir, o inmenso comedor, a cociña, a capela...

Vimos a cociña que era unha gran lareira cunha inmensa chimenea na que cociñaban os criados e servía tamén para quentar o comedor e aposentos dos señores.

Actualmente o Pazo utízase para actos institucionais, para impartir cursos e como Museo do propio pazo.

OS XARDÍNS

En calquera pazo, o xardín é un lugar imprescindible e unha mostra de prestixio con 3 elementos fundamentais: plantas, auga e pedra. Pois no Pazo de Mariñán a estes elemento engádese a ría de Betanzos formada polo río Mandeo na súa desembocadura. Non hai foto que poda plamar a fermosura e a inmensidade destes xardíns, hai que pasealos despacio, sentándose a contemplar tanta beleza e ao mellor ata aves que abundan na ría e para o que che din nun letreiro da entrada que ao mellor precisas prismáticos.

O labirinto de buxo é o máis coñecido destes xardíns xa que aparece na maioría de fotos.  Con variadas formas xeométricas, chama a atención. Este xardín foi deseñado polo francés Mathias Thiebe

Labirinto de buxo

Pódese pasear libre e gratuitamente por estes xardíns de 9:00 a 21:00 tódolos días da semana.


 As camelias están moi presentes nestes xardíns, aínda que debe de ser polo grande que é en extensión, a mín non me pareceu que houbese tantas. De tódolos xeitos forman parte da Ruta Botánica da Camelia en Galicia

A situación ao pé da ría tamén ten a súa importancia:

Hai incontables rincóns para descansar e relaxarse, como este con masa e bancos de pedra:

Lugar de ocio ao pé do embarcadoiro
 

O pazo contaba co seu propio embarcadoiro cruzar a Ría de Betanzos cando fose necesario:

Embarcadoiro
Hai multitude de sitios para pasear coma este á mesma beira da ría:

Atopamos neste lugar unha colección de árbores únicas, de tódalas partes do mundo, alguhas centenarias, outras exóticas que medran de marabilla netas fértiles terras galegas.
Hai plátanos de sombra de 50m de altura, teixos, alvedros, vellos exemplares de mirto, ciprés de Portugal, palmeiras datileiras, freixos, eucaliptos centenarios nacidos das sementes que trouxo de Australia Fray Rosendo Salvado e moitísimas máis...
 

 O espazo que ocupa o xardín en total son 17 hectáreas e nel conviven plantas ornamentais, unha inmensa arboreda e unha inmensa extensión de árbores froiteiras.

 

A introducción de tantas especies diferentes de árbores e plantas, fai deste lugar un importante xardín botánico.

 

É todo un placer para os sentidos percorrer esta inmensidade natural sen que haxa ninguén máis que nós os catro. (Só vimos a outra parella cando xa nos íamos)




Nos anos 2006 e 2007 celebráronse no Pazo de Mariñán dous simposios internacionais de escultura co fin de achegar esta arte á xente e como froito de eso quedaron diversas esculturas que imos vendo ao longo do percorrido.
A da foto seguinte é de J. José Lomarti, escultor galego. Titúlase " Soñar sin descaso y hogar abierto para la máquina de la conciencia" é de 2008 e está elaborada en madeira e ferro.

Obra de J. José Lomarti
 A seguinte non sei que significa xa que non vimos letreiro. É moi grande, en madeira.


 A escultura seguinte chámase "Silencio", é do portugués Isaque Filipe da Silva Pinheiro. Do 2006 e de mármore.
"Silencio" de Isaque Filipe da Silva
 

A seguinte é do galego Francisco Escudero. Na placa pon: "Sin título/Mariñán. 2007. Granito"

Obra de Francisco Escudero

A escultura seguinte atópase xunto ao embarcadoiro. Non se sabe se é unha referencia filosófica ou relixiosa ou o epitafio dunha tumba pero chama a atención


Na seguinte fotografía vemos outras dúas esculturas. A Roda, obra do portugués Paulo Neves representa o movemento da vida e a outra en 2º termo, a Ánfora Guardiana de Manuel Patinha, escultor luso afincado en Ferrol.

 A través deste paseo accedemos á zona das árbores froiteiras:

 

É imposible aprezar na foto a enorme extesión que ocupan estas árbores foriteiras, a inmensa maioría son manceiras.

 Hai unha avenida rodeada por cereixeiras e a ámbolos dous lados, unha inmensa extensión do que creemos que que son practicamente todas maceiras:


 O EXTERIOR DO PAZO

O pazo é moi horizontal e sobresalen del só a torre (non esquezamos que foi unha fortaleza) e unha gran chimenea. 

Un gran portalón de pedra é o 1º que vemos e xa sabemos que imos entrar nun lugar importante, non é unha porta calquera esta. Vemos unha entrada maxestuosa:

  

O pazo ten forma de U e a entrada que vemos é a principal. Ten unha escaleira imperial realizada en granito cun gran valor histórico-artístico pola cantidade de esculturas e elementos ornamentales.

Este pazo é de estilo barroco do S. XVIII que foi cando sufreu unha gran reforma.


 Dannos a benvida dúas esculturas de dous serventes que reciben a quen chega. Hai tamén dous bancos que servían para atar as cabalgaduras e facilitar a súa monta. Na subida das escaleiras hai columnas con 4 caras esculpidas encima que te van mirando según sobes.


 Vemos a entrada ao pazo dende as escaleiras coa capela dedicada a S. Roque á man esquerda e a fonte no medio.
 

Estas son as escaleiras da parte posterior que dan a unha gran terraza ou solaina para tomar o sol como indica o nome en galego.. Son tamén moi importantes xa que intercalan tramos en ángulo rematados con esculturas como vasos, fontes e canles para a auga. Todo en granito galego. Dende a solaina, unhas portas dan acceso directo ao comedor, polo que se o tempo era bo, sería unha prolongación das estancias interiores.

 

Detalle das escaleiras posteriores, onde esta o labirinto de buxo.


Este é un pequeno resumo do que vimos neste pazo e os seus xardíns. Unha visita eu diría que imprescindible para coñecer fermosos tesouros que temos en Galicia.

RUTA DO REGO DE CALLOU. (BERGONDO)

 Hoxe imos ao concello de Bergondo na provincia de A Coruña. No mapa da provincia, rodeado en vermello.


Imos realizar a Ruta do Rego Callou, curta, moi fácil e ben fermosa porque moitas veces non hai que percorrer moitos km. para atopar unha exuberante vexetación.

Características da ruta:

Lonxitude: 5, 8 km. en total ida e volta. Nós fixémola circular indo e voltando pero a ruta é lineal.

Dificultade: moi fácil

Ruta lineal perfectamente sinalizada.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Saimos da aldea de Miodelo que pertence á parroquia de S. Salvador de Bergondo. Xusto debaixo da autopista AP 9, onde hai unha áerea recreativa, empeza a ruta. Hai sitio para aparcar varis coches. Hai un panel indicador e está perfectamente sinalizada. Non é necesario levar ningún track.

Empezamos a camiñar observando as plantas chamadas en galego "pé de boi" e non nabo do diaño como algúns traducen literalmente do castelán "nabo del diablo". Precisamente hai poucos meses, un home de Bergondo morreu por comer a raíz deste tubérculo velenoso.

Plantas chamadas en galego "pé de boi"
 

Cruzamos unha estrada local para introducirnos nun fermoso camiño e antes vemos outro panel da información da ruta:


 Pasamos pola Fonte do Lourido, unha fonte sen cano presentando unha especie de pía para recoller a auga. Esta fonte leva máis de 100 anos proporcionando auga á aldea de Miodelo. Actualmente proporciona auga a un lavadoiro da mesma aldea.
Fonte de Lourido
 

Chama a nosa atención unha plantación de bambús.

Plantación de Bambús
 Saimos outra vez á estrada pola que camiñamos uns metros.

 Deseguida nos metemos nun carreiro no que atopamos esta pequena pontiña sobre o Rego de Callou. (Ata 4 pontiñas así veremos)
Pequena ponte

A vexetación é moi xenerosa e atopamos felgos, loureiros, moitos freixos, carballos, algún catiñeiro, salgueiros...

Vemos en ruínas o Muíño da Serra, o único que queda dos tres que houbo ao pé deste rego. Só funcionaba a metade do ano.

Muíño da Serra

Remata o carreiro e introducímonos nun camiño non menos fermoso onde as árbores forman un túnel vexetal.



Túnel vexetal
 
Ao final deste túnel, chegamos a unha estrada que é o final da ruta onde vemos un panel informativo. Tamén podemos comenzar a ruta aquí xa que hai unha estrada.
 
Voltamos sobre os nosos pasos introducíndonos de novo no fermosísimo túnel de árbores.
Túnel vexetal

 Non nos cansamos de admirar esta paisaxe.
 
O camiño pasa a carreiro pero a fermosura é a mesma:

 Case sen darnos conta, estamos rematando a ruta. Vemos esta grandiosa faia .
Faia impoñente
Nun claro, podemos ver a Ría de Betanzos ao lonxe:

 E xa estamos onde empezamos. Chamonos a atención esta casa indiana que actualmente está abandonada.