luns, 16 de maio de 2022

RUTA DO REGO DE CALLOU. (BERGONDO)

 Hoxe imos ao concello de Bergondo na provincia de A Coruña. No mapa da provincia, rodeado en vermello.


Imos realizar a Ruta do Rego Callou, curta, moi fácil e ben fermosa porque moitas veces non hai que percorrer moitos km. para atopar unha exuberante vexetación.

Características da ruta:

Lonxitude: 5, 8 km. en total ida e volta. Nós fixémola circular indo e voltando pero a ruta é lineal.

Dificultade: moi fácil

Ruta lineal perfectamente sinalizada.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Saimos da aldea de Miodelo que pertence á parroquia de S. Salvador de Bergondo. Xusto debaixo da autopista AP 9, onde hai unha áerea recreativa, empeza a ruta. Hai sitio para aparcar varis coches. Hai un panel indicador e está perfectamente sinalizada. Non é necesario levar ningún track.

Empezamos a camiñar observando as plantas chamadas en galego "pé de boi" e non nabo do diaño como algúns traducen literalmente do castelán "nabo del diablo". Precisamente hai poucos meses, un home de Bergondo morreu por comer a raíz deste tubérculo velenoso.

Plantas chamadas en galego "pé de boi"
 

Cruzamos unha estrada local para introducirnos nun fermoso camiño e antes vemos outro panel da información da ruta:


 Pasamos pola Fonte do Lourido, unha fonte sen cano presentando unha especie de pía para recoller a auga. Esta fonte leva máis de 100 anos proporcionando auga á aldea de Miodelo. Actualmente proporciona auga a un lavadoiro da mesma aldea.
Fonte de Lourido
 

Chama a nosa atención unha plantación de bambús.

Plantación de Bambús
 Saimos outra vez á estrada pola que camiñamos uns metros.

 Deseguida nos metemos nun carreiro no que atopamos esta pequena pontiña sobre o Rego de Callou. (Ata 4 pontiñas así veremos)
Pequena ponte

A vexetación é moi xenerosa e atopamos felgos, loureiros, moitos freixos, carballos, algún catiñeiro, salgueiros...

Vemos en ruínas o Muíño da Serra, o único que queda dos tres que houbo ao pé deste rego. Só funcionaba a metade do ano.

Muíño da Serra

Remata o carreiro e introducímonos nun camiño non menos fermoso onde as árbores forman un túnel vexetal.



Túnel vexetal
 
Ao final deste túnel, chegamos a unha estrada que é o final da ruta onde vemos un panel informativo. Tamén podemos comenzar a ruta aquí xa que hai unha estrada.
 
Voltamos sobre os nosos pasos introducíndonos de novo no fermosísimo túnel de árbores.
Túnel vexetal

 Non nos cansamos de admirar esta paisaxe.
 
O camiño pasa a carreiro pero a fermosura é a mesma:

 Case sen darnos conta, estamos rematando a ruta. Vemos esta grandiosa faia .
Faia impoñente
Nun claro, podemos ver a Ría de Betanzos ao lonxe:

 E xa estamos onde empezamos. Chamonos a atención esta casa indiana que actualmente está abandonada.


Ningún comentario:

Publicar un comentario