martes, 17 de maio de 2022

A SENDA DOS SENTIDOS. (MIÑO-A CORUÑA)

 O ano 2021 o concello de Miño preprarou a Senda dos Sentidos. Unha pequena ruta lineal que vai dende a Ponte do Porco ata a praia de A Ribeira ou viceversa.

Pola mañá estivemos en Bergondo onde realizamos a Ruta do Rego de Callou. Ver AQUÍ e tamén visitamos o Pazo de Mariñán. Ver AQUÍ. O comenzo desta ruta da Senda dos Sentidos está tan só a 9 minutos en coche dende Bergondo así que alá fomos aproveitar ben a tarde.

Miño queda ao lado de Bergondo:

O concello de Miño, rodeado de laranxa

A Senda dos Sentidos forma parte da ZEC ( Zona Especial de Conservación) protexida pola Rede Natura 2000.

O nome á ruta venlle dado porque no seu percorrido desperta todos os nosos sentidos:

A VISTA.- Polas panorámicas fabulosas da Ría de Betanzos e súa contorna.

O OÍDO.- Polos sons dos cantos de distintas aves.

O OLFACTO.- Polos aromas, o do aire salgado do mar ou dos frondosos loureiros e outras plantas.

O GUSTO.- Polos sabores de distintos froitos que podemos atopar como os abruños.

O TACTO.- Polas diversas texturas vexetais como a das silveiras ou espiños, os carballos....e moitras outras especies vexetais que atoparemos.

Descripción da ruta:

Lonxitude: 5 km. porque nós fomos un pouco pola paseo marítimo da praia de A Ribeira coa que enlaza esta ruta e despois subimos cara á vila para tomar algo nun bar. En realidade, realizando estrictamente só a ruta son 4km. ida e volta.

Dificultade: ningunha. Moi apta para facer con nenos e ademais se a fas en verán tes praia tanto no remate como no final, empeces por onde empeces.

Ruta lineal moi ben sinalizada e con moitos puntos de explicacións.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Ao chegar á Ponte do Porco, xa nos namora o lugar sen empezar a ruta. Estamos no parque Fernado Pérez de Andrade "O Boo".

No ano 1976 dous veciños de Ponte do Porco (lugar que pertence á parroquia de Santa Mª de Miño) atopan un monumento que leva dende 1963, que era cando estaba pensado instalalo, na horta do seu autor, Alfonso Sanmartín en Teo (Santiago)

Nos anos 1977 e 1978 coa construcción dunha nova ponte sobre o río Lambre, faise un recheo e queda unha gran explanada onde se decide facer un parque infantil e colocar o monumento. No ano 1981 inaugurase o parque e o monumento. No 2021, o concello integra o parque no Camiño Inglés cunha senda peonil, crea unha plazoleta e amplía a zona axardinada dándolle o parque o nome actual.

Parque Fernando Pérez de Andrade "o Boo"


Este cruceiro basease nos que colocaban os Andrade nos seus principais edificios para indentificar a súa casa, o oso e xabaril eran os animais que os representaban. O xabaril , na Idade Media asociábase co demo e a cruz que vemos encima del representa a victoria do ben sobre o mal.
 Monumento dedicado a Fenando Pérez de Andrade "O Boo"

Parque de Fernando Pérez de Andrade

 Vemos a desembocadura do río Lambre:


Empezamos a camiñar por unha pasarela de madeira deixando atrás o parque e as dúas pontes:


Imos bordeando a praia de A Alameda.
Praia de Alameda
 Seguimos pola pasarela de madeira paralela á praia:

A praia de a Alameda non está tan concurrida como outras máis afamadas deste concello, é unha praia tranquila, de area moi fina, resgardada de ventos...para mín, preciosa!
Praia de Alameda
 Imos agora alonxarnos desta praia, estamos a punto de rematar esta pasarela que no regala a ábolos dous lados unha exuberante vexetación. 

 Iremos agora uns poucos metros por estrada. Non comezou aínda oficialmente a Senda dos Sentidos pero o que vimos ata agora xa nos ten namorados.

 E agora si que deixamos o asfalto e entramos na senda peonil. Aquí empeza a Senda dos Sentidos polo lado de Ponte do Porco.
Comezo ou final da Senda dos Sentidos en Ponte do porco
 Observamos como xa plantaron carballos que están xa medrando vigorosos.
 
A senda é moi fermosa e fixérona respectando o Medio.

Camiñamos á beira da vía do tren e vemos a vella estación:
 
E chegamos ao 1º Miradoiro (veremos 4) Este é do Carballo, o nome ten a súa razón de ser: un enorme carballo fai sombra ao banco. (En realidade hai máis de un)
Miradoiro de O Carballo
   
Levaremos sempre a ría á nosa esquerda. Estamos no Miradoiro dos Loureiros.
Miradoiro dos Loureiros
 
Aínda que por momentos non a vexamos pola espesa vexetación.
 
O seguinte miradoiro é do Salgueiro porque está a carón desta árbore:
Miradoiro do Salgueiro

"O Refuxio", un lugar onde aniñan moitas aves. Dá gusto ler os moitos puntos informativos desta senda.


Escaleiras feitas de xeito natural, sempre respectando o entorno:
 
Chegamos a un punto onde hai moito abruñeiros que xa teñen froitos:
Abruños e abruñeiros
  
Que lugar tan fermoso para camiñar!
 
E chegamos ao último miradoiro, o de Ondalonga.
Miradoiro de Ondalonga

O que nos gustan os túneles vexetais!!
Túnel vexetal
 
Estamos chegando ao final da Senda dos Sentidos e xa vemos a praia de A Ribeira e a vila de Miño.
Praia A Ribeira
Aquí mesmo remata ou empeza a Senda dos Sentidos.

 
Decidimos continuar un pouco máis xa que a senda anterior enlaza co Paseo Marítimo da praia de A Ribeira.
Praia A Ribeira

Neste punto decidimos subir cara á vila para atopar un bar. Vemos xa cerca, o porto de Miño.
 
Subimos por unha das pasarelas de acesso á praia e deseguida atopamos un bar.

No bar chamounos a atención este letreiro: " Se admite la entrada de perros, gatos, periquitos, jirafas pequeñas...."
Curioso letreiro

Voltamos outra vez á Senda dos sentidos, agora xa coñecida pero sempre descubrindo algo que non víramos como o panel informativo deste silveiral: " Este ecosistema que ás veces consideramos maleza, ten en realidade un gran valor para a biodiversidade xa que proporciona alimento e acubillo a moitas especies d eaves e outra fauna."
Eu xa non volverei mirar mal a un silveiral. Sempre se está aprendendo....
O silveiral

Non nos cansamos de facela outra vez. Esta paisaxe nunca cansa...

Chegamos á parte de asfalto (moi pequena e fixámonos nesta planta)


En lugar de volver rodeando a praia da Alameda, imos algo máis arriba, pola estrada e vemos (moi pouco, xa que ten uns muros moi altos) o Pazo de Echevarría. A familia Echevarría chegou a Galicia no S. XVIII procedente do país vasco e estableceron un tecido industrial entorno á industria peleteira, curtidoira e coa banca.

Pazo Echevarría
 O pazo está rodeado por un enorme muro moi alto que non deixa ver o interior pero si podemos ver que está nun estado de total abandono actualmente.

Muro exterior do pazo
E chegamos outra vez ao punto de saída. Entón empezamos a buscar a figura do xabaril que sabíamos que había na ponte antiga. Deunos bastante que atopar e cando xa nos íamos dar por vencidos...atopámola! Hai que abandoar o parque de Fernando Pérez de Andrade, cruzar a ponte e meternos nunha pequena área recreativa que hai debaixo da nova ponte e dende aí, mirar a ponte antiga e xa vemos a cabeza dun xabaril.

E aquí hai que contar unha lenda: Roxín Roxal era un mozo que aló polo S. XIV estaba ao servizo de Nuno Freire de Andrade e que se namorou da filla deste, Tareixa. Nuno decatouse dos sentimentos do seu doncel sobre Tareixa e non o podía permitir xa que ela era nobre e el un simple servo, así que concertou o matrimonio da súa filla con Henrique Osorio de gran linaxe e riquezas e desterrou ao seu doncel, Roxín, ao ver que o amor entre este e Tareixa continuaba. Nuno obsequiou ao seu doncel cunha bolsa de moedas de prata e unha daga de ouro para que empezase unha nova vida.

Pasou o tempo, Tareixa e Henrique casaron e de Roxín non se sabía nada. Ao pouco, un tremendo xabaril comezou a asolar os campos do feudo dos Andrade, matando incluso a algúns dos servos de Nuno. Este, cansado xa das queixas dos labregos, organizou unha batida para dar caza ao xabaril. Ao frente da batida estaría o seu xenro, Henrique e a súa filla que era unha excelente amazona. Foron acurralando o porco bravo e o animal, con frechas cravadas e máis feroz ca nunca, foi baixando polo monte ata a ponte que cruzaba o río Lambre. Na mesma ponte agardaban Henrique e Tareixa. Henrique ao ver vir o animal en lugar de lanzarlle a daga que tiña, saltou o peitoril da ponte e deixou sola a Tareixa frente ao animal que a matou e logo fuxíu monte arriba.

Henrique Osorio voltou ás súas terras sendo consciente da súa covardía e Nuno afundeuse na tristura. Aos poucos días, na ponte onde morrera Tareixa atopouse o temible xabaril morto e no seu pescozo unha daga de ouro cravada ata empuñadura. Cando Nuno viu a fera recoñeceu a daga e deuse conta de que se estivese con Roxín, a súa filla estaría viva. Dende entón, ese lugar recibe o nome de Ponte do Porco.

O xabaril de Ponte do porco

O xabaril ou porco bravo de Ponte do Porco.

E así rematou a viaxe de hoxe domingo, ben aproveitada, moi fermosa e na que, coma sempre, aprendemos moitas cousas novas!














Ningún comentario:

Publicar un comentario