Estando en Bergondo e despois de facer a ruta tan curta do Rego de Callou que podedes ver AQUÍ, non podiamos deixar de visitar o Pazo de Mariñán que eu tiña ganas de coñecer dende hai algún tempo.
Este Pazo está a uns 3 minutos en coche dende onde deixamos os coches (en Miodelo) para a ruta anterior. Xa hai un sinal indicativo alí mesmo da dirección que hai que coller.
O PAZO DE MARIÑÁN e os seus xardíns son Conxunto Histórico e Artístico dende 1972. As orixes deste pazo son de mediados do S. XV nunha defensa que mandara construir Gómez Pérez das Mariñas que participou de maneira directa nas Revoltas Irmandiñas.
Pazo de Mariñán |
Nós visitamos este lugar nun domingo de maio no que apenas atopamos a ninguén, tan só vimos unha parella paseando polos xardíns e na visita guiada ao interior éramos 6 adultos e 2 nenos. Dame a impresión que este fermosísimo lugar é pouco coñecido.
Aparcamos o coche e preguntamos a un garda que hai á entrada polas visitas guiadas que eu lera que eran moi interesantes e é a única maneira de ver o pazo por dentro. Díxonos que xa ía ser a seguinte e efectivamente non tivemos que agardar nada, deseguida pasamos acompañados por outra parella con dous nenos.
Parte nova do pazo |
Esta visita ao interior foi guiada por unha rapaza que nos deu unhas explicacións moi amenas, dura 40 minutos que se pasaron deseguida e é totalmente gratis.
No interior non se poden sacar fotos. Dende a súa rehabilitación en 1975 (antes foi un hospicio, un dato que pouca xente sabe) e por certo hai unha entrevista a un señor na " La Voz de Galicia" no ano 2009, onde relata o mal que se pasaba nese lugar rexentado por unhas 40 monxas, relata o mal que trataban aos nenos e o moito que lles pegaban!
A guía ensinounos mobles moi antigos e obxectos artísticos de gran valor pero que non son orixinarios do pazo xa que foi expoliado polo albacea e outras persoas antes de que un funcionario realizara o inventario do que había. Levaron ata 3 maletas con obxectos de valor e fuxiron pola ría. O mobiliario e outros obxectos son os que a Deputación de A Coruña foi recollendo para expor aí.
Poidemos ver tamén unha interesante pinacoteca maioritariamente de autores galegos e varias dependencias como salas para recibir, o inmenso comedor, a cociña, a capela...
Vimos a cociña que era unha gran lareira cunha inmensa chimenea na que cociñaban os criados e servía tamén para quentar o comedor e aposentos dos señores.
Actualmente o Pazo utízase para actos institucionais, para impartir cursos e como Museo do propio pazo.
OS XARDÍNS
O labirinto de buxo é o máis coñecido destes xardíns xa que aparece na maioría de fotos. Con variadas formas xeométricas, chama a atención. Este xardín foi deseñado polo francés Mathias Thiebe
Labirinto de buxo |
A situación ao pé da ría tamén ten a súa importancia:
Hai incontables rincóns para descansar e relaxarse, como este con masa e bancos de pedra:
Lugar de ocio ao pé do embarcadoiro |
O pazo contaba co seu propio embarcadoiro cruzar a Ría de Betanzos cando fose necesario:
Embarcadoiro |
Atopamos neste lugar unha colección de árbores únicas, de tódalas partes do mundo, alguhas centenarias, outras exóticas que medran de marabilla netas fértiles terras galegas.
Hai plátanos de sombra de 50m de altura, teixos, alvedros, vellos exemplares de mirto, ciprés de Portugal, palmeiras datileiras, freixos, eucaliptos centenarios nacidos das sementes que trouxo de Australia Fray Rosendo Salvado e moitísimas máis...
O espazo que ocupa o xardín en total son 17 hectáreas e nel conviven plantas ornamentais, unha inmensa arboreda e unha inmensa extensión de árbores froiteiras.
A introducción de tantas especies diferentes de árbores e plantas, fai deste lugar un importante xardín botánico.
É todo un placer para os sentidos percorrer esta inmensidade natural sen que haxa ninguén máis que nós os catro. (Só vimos a outra parella cando xa nos íamos)
Obra de J. José Lomarti |
"Silencio" de Isaque Filipe da Silva |
A seguinte é do galego Francisco Escudero. Na placa pon: "Sin título/Mariñán. 2007. Granito"
É imposible aprezar na foto a enorme extesión que ocupan estas árbores foriteiras, a inmensa maioría son manceiras.
O pazo é moi horizontal e sobresalen del só a torre (non esquezamos que foi unha fortaleza) e unha gran chimenea.
Un gran portalón de pedra é o 1º que vemos e xa sabemos que imos entrar nun lugar importante, non é unha porta calquera esta. Vemos unha entrada maxestuosa:
O pazo ten forma de U e a entrada que vemos é a principal. Ten unha escaleira imperial realizada en granito cun gran valor histórico-artístico pola cantidade de esculturas e elementos ornamentales.
Este pazo é de estilo barroco do S. XVIII que foi cando sufreu unha gran reforma.
Estas son as escaleiras da parte posterior que dan a unha gran terraza ou solaina para tomar o sol como indica o nome en galego.. Son tamén moi importantes xa que intercalan tramos en ángulo rematados con esculturas como vasos, fontes e canles para a auga. Todo en granito galego. Dende a solaina, unhas portas dan acceso directo ao comedor, polo que se o tempo era bo, sería unha prolongación das estancias interiores.
Detalle das escaleiras posteriores, onde esta o labirinto de buxo.
Este é un pequeno resumo do que vimos neste pazo e os seus xardíns. Unha visita eu diría que imprescindible para coñecer fermosos tesouros que temos en Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario