xoves, 19 de decembro de 2024

PONTE RODRÍGUEZ DENDE BOIZÁN

 Santiago de Boizán é unha parroquia de Vilalba, concello no que xa realicei outras dúa rutas que se poden ver  nos enlaces:

Charca do Alligal e Lagoas de Codesido

Paseo dos Soños

A ruta de hoxe, planificada por min, lévanos a coñecer esta famosa ponte sobre o río Trimaz que é paso de peregrinos do Camiño Norte de Santiago. Fixemos unha fermosa ruta circular por medio de inmensas carballeiras que tiven que acortar debido a que son os dñias curtos e a noite botábase enriba.

Características da ruta:

Lonxitude: 5,3 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Aparquei o coche ao pé da igrexa de Santiago de Boizán e dende aí arrancamos a camiñata. Ao pé da igrexa está o fermoso cemiterio con fabulosos panteóns neogóticos.

A igrexa foi construida probablemente xa no S. XVI aínda que sufreu numerosas reformas posteriores.

Boizán é unha parroquia moi pequena que non chega aos 200 habitantes.

Deseguida abandonamos a estrada para pillar un fermoso camiño.

Unha casa tradicional galega, grande e con corredor pero abandonada ao igual que tantas...


Imos en suave descenso por ntre carballeiras.


 E deseguida chegamos ao fermoso lugar de Ponte Rodríguez:

Aquí topamos co Camiño Norte de Santiago. No lugar hai unhas casas moi ben restauradas.

Ponte Rodríguez salva o río Trimaz.
Ponte Rodríguez

Durante uns metros (moi poucos) imos ás beiras do río Trimaz. Este río que nace nos montes do concello veciño de Xermade. Este río, ao xuntarse co Madalena, forman o río Ladra.
Río Trimaz

Imos alonxándonos do río e aínda que a maioría da paisaxe está conformada con arboreda autóctona, tamén hai eucaliptos. Vimos tamén varias cortas de madeira, de aí as rodeiras da maquinaria.


As rodeiras que fai a maquinaria non impiden que nós poidamos camiñar ben igualmente.

Bidueiras, algún castiñeiro e sobre todo carballos alternan de cando en vez con plantacións de eucaliptos.

Ás veces camiñamos por unha alfombra de folla.

Fermosos e illados camiños.

Desembocamos nun barrio da parroquia de Boizán, en Lamaná, que vemos na foto.
Lamaná

 E agora toca ir por estrada (700m ) ata o inicio que xa está moi cerca.

Desfrutamos dunha fermosa paisaxe aínda outonal.

Empezan a caer unhas pingas e sae o arco da vella.

Dende o lugar de Grumar vemos Vilalba.

Estámonos achegando xa á igrexa, pero por un camiño no que vemos este antigo cruceiro que non loce moito coa maraña de cables de luz que se ven.


Páxinas web consultadas:
https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/22260/igrexa-parroquial-de-santiago-de-boizan?langId=es_ES&tp=8&ctre=31
https://www.vilalba.gal/es/parroquias/boizan-santiago/
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Trimaz











martes, 17 de decembro de 2024

PRAIA DE TORBAS CON MAREA BAIXA (LLOZA-COAÑA)

 Esta é a 2ª ruta que realizo no concello de Coaña. A anterior foi unha fermosa e curta ruta que se pode ver neste ENLACE. Esta ruta sitúase integramente no concello de Coaña e dentro del, na parroquia de Cartavio.

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Esta fermosa ruta ten inicio e fin na Praia de Torbas, no concello de Coaña (non confundir con outra do mesmo nome no concello de El Franco)

Estrada que chega á praia de Torbas.

Hai unhas escaleiras de pedra que permiten baixar á praia en marea baixa.

Grandes acantilados baixan á praia provocando, segundo a hora do día, moita sombra.

Esta praia posee a singularidade de ter tres cascadas procedentes de tres regos que van desembocar aí. A 1ª é a máis alta.

Teño case toda a praia para min. Só hai tres pescadores de cana.

Aos pucos metros temos a 2ª cascada, esta máis baixa pero máis ancha. Procede do Rego de Esteler. Por derriba vemos un muíño que en tempos pasados aproveitou a auga deste rego.

 
Algo máis adiante...outra cascada!! Todas son diferentes, esta baixa polas rochas e de levar máis auga, sería sen dúbida a máis fermosa de todas.

A praia ten zonas de area, unha area gorda e oscura. A maioría da praia está formada de cantos rodados e é importante levar bo calzado para non mancar os pés.

Chego ao final da praia pola zona oeste que é onde está o outro acceso polo que quero sair.

É un acceso peonil que axiña se converte nun camiño.

Súbese por un camiño entre piñeiros.

Dende o camiño e como imos subindo temos esta vista da praia de Torbas.

Chegamos a un espazo despexado e ao pé da árbore, pillamos á dereita.

O concello de Coaña ten unha importante actividade económica na gandaría e por esta zona predominan as terras de millo e os prados.

Á esquerda vemos o Rego de Miúdes, que despois terei que cruzar.

Este camiño lévame a área recreativa de Salías. É un camiño fermoso, non hai ninguén e de frente vexo as extensas fincas, as gaivotas, o mar...

A área recreativa de Salías é preciosa e está moi ben coidada. Ten bancos, mesas, barbacoas, papeleiras...e unhas vistas incríbles ao mar Cantábrico!!

Vistas dende a área recreativa de Salías.


Vistas cara ao Leste cos acantilados da praia de Torbas.



O lugar non pode ser máis fermoso!!


Vistas ás praias de Armazá e do Barco. 



Outras vistas:


Volto uns metros para atrás para baixar ao Rego de Miudes.


Este rego  xa  pasa tamén pola parroquia de Miúdes do concello de El Franco. Hai unha ponte de madeira para atravesalo.
Ponte sobre o Rego de Miúdes

Este tramo coincide coa Senda Costeira E-9.
 
Imos case sempre rodeados agora de eucaliptos que foron conquistando tamén esta zona asturiana.

Desemboquei no lugar de S. Cristobal onde a estrada amosa pegadas de obras recentes e outras sen rematar. É un lugar con chalets e vivenda nova que parece de 2ª residencia.

Vou dar á N-634 pola que teño que ir durante uns 700m. Vexo que o Camiño Norte a Santiago pasa por aquí.

O tramo de estrada logo pasa e, aínda que ten arcén, hai que ir con precaución xa que pasan bastantes vehículos e algúns a velocidades excesivas.
Despois de pasar un desvío á dereita por onde vai  o Camiño de Santiago, paso por debaixo da vía do tren e xa pillo á esquerda e deseguida á dereita por onde esta casa que semella ter trazas de indiana.

Algo máis adiante chámame a atención este pozo que quedou aí tan só nun cruce. Eso si, está ben coidado aínda que descoñezo se a día de hoxe segue a ter uso.

Casas en Cartavio. Poucas hai abandonadas, hai moita casa nova mesturada con outras máis antigas pero todas elas están super ben coidadas.

Neste cruce hai un monumento aos segadores con gadaña. A placa que se pode ler debaixo di que está dedicado por parte dos veciños de Cartavio aos seus antepasados. Xa sabemos a que se dedicaban no pasado os habitantes desta parroquia.
Monumento aos segadores con gadaña

Deixo o asfalto para pillar un camiño por un monte entre eucaliptos.

Este camiño lévame ao punto de inicio.

Agora sería imposible cruzar a praia, está a marea chea.

Ao pé do piñeiro hai un miradoiro e máis abaixo unha ponte cruza o rego e xa estamos no aparcadoiro onde esta o coche agora totalmente solitario. Pola mañá había outros 4 ou 5 máis dos pescadores que estaban na praia.