mércores, 28 de outubro de 2026

RUTA DOS MUÍÑOS (RIOTORTO)

 No concello de Riotorto fixen hai tempo 2 rutas que me gustaran pero esta de hoxe, que é a 3ª, encantoume!! É unha ruta na que patrimonio natural e etnográfico van da man deixando un percorrido moi fermoso no que imos atopando aldeas tradicionais, muíños, pontiñas rústicas, regos rebuldeiros, capelas e vistas panorámicas e case toda por camiños e carreiros, tocando asfalto só nas aldeas polas que pasa. Unha ruta para non perder!!

Características:

Lonxitude: 11,8 km.

Dificultade: moderada (ten un tramo con acusado desnivel e chan irregular que pode ser dificultoso sobre todo en época de chuvias)

Ruta circular ben sinalizada ata Chacín. Dende aquí e ata o final, non vimos máis sinalización polo que é interesante seguir un track, aínda que por intuición non ten porque haber pérdida. O meu trak en WIKILOC

Descrición:

Ao pé da capela da Ferraría aparcamos o coche. A Ferraría é unha pequena aldea que pertence á parroquia de Santa Marta de Meilán.

A Ferraría

E mesmo detrás da capela, atopamos o 1º muíño desta ruta.

Muíño

Empezamos a camiñata ao pé do Rego de Machín
Rego de Machín

Cruzamos a aldea atravesando tamén unha ponte que salva o Rego de Machín.
Rego de Machín

Deixamos a aldea sempre camiñando por un cómaro ao pé do rego. Un cómaro (palabra que penso se está perdendo ao non ter xa funcionalidade na linguaxe polo abandono do rural) é unha porción de terra sempre verde ao redor dunha leira ou finca que serve de zona de paso ou para pastar as vacas. Con este significado coñecín eu esta palabra, aínda que pode ter outros.
Imos por un cómaro

Cando era pequena e rapaciña fun moitas veces "alindar" (levar as vacas a pastar) aos cómaros das nosas terras.

Imos por un cómaro

O Rego de Machín é rebuldeiro e forma de cando en vez saltos de auga.
Rego de Machín

Cruzamos a 1ª ponte rústica feita con troncos e táboas de madeira e atopamos un pastor para o gando que despechamos para poder pasar e despois deixamos como o atopamos.
Ponte 

Pasamos por Piñeiro, un lugar moi pequeno que pertence tamén á parroquia de Meilán.
Piñeiro

Seguimos á beira do rego de Machín e vemos o 2º muíño:


Os muíños de auga son construccións de pedra e tellado de lousa ou tella que costan de dúas partes: a superior, tremiñado e a inferior chamada inferno.
Os muíños de auga son, xunto aos hórreos e os cruceiros, un dos elementos etnográficos máis sagrados e identitarios da cultura rural galega. Impulsados historicamente pola densa rede fluvial da comunidade, serviron durante séculos para moer o millo, o trigo e o centeo, dando orixe a tradicións tan arraigadas como o baile da muiñeira.
Muíño

O 3º muíño, moi preto do anterior, está nun entorno preciosooo!!
Muíño

O muíño, case en ruinas, ten dous pousadoiros (servían para apoiar os sacos cargados de cereal)
Pousadoiros do muíño

A partires de aquí, emprendemos unha subida polo escenario máis fermoso de todo o percorrido, agora ás beiras do Rego Mouro.
Rego Mouro

Estamos nun bosque con moita humidade e moi frondoso.


Nun curto tramo pasamos pegadas de todo ao rego. Non sabemos se en plena época de chuvias se poderá pasar por aquí...
Rego Mouro

Outra ponte de rústicos troncos para cruzar o rego:
Ponte

É un traxecto precioso pero con bastante desnivel e con chan irregular. Hai que camiñar con coidado:

Saimos a un prado e aquí hai que fixarse ben porque non está fácil de ver por onde segue a ruta. Nós cruzamos o prado porque ao lado dun rego hai un peche e víamos un camiño por arriba pero NON, hai que ir sempre á beira do rego e do peche  e xa atopamos un punto onde se pode pasar sen problema. Só hai que fixarse.

No lugar que vemos na seguinte foto, hai unha apertura para poder pasar.

Seguimos á beira do Rego Mouro no medio sempre de vexetación autóctona.

Outra ponte das que a min me gustan!!!
Ponte moi rústica

O Rego Mouro é aínda máis saltarín e rebuldeiro que o de Machín e deixa fermosas imaxes:
Rego Mouro

Neste tramo de subida hai unha fermosa cascada que baixa por unhas escaleiras de cemento que terían como fin frear a auga cando o terreo ten unha pendente moi pronunciada, como ocorre neste caso. Así evítase que a auga arrastre terra, pedras...protexendo infraestructuras cercanas como camiños, muros, vivendas...

Hai unha corda para axudarse.


De momento a ruta está ben sinalizada.


Saimos da fraga na estrada LU- 124 que temos que cruzar.

Outro muíño (o 3º) cerca de Vilar de Santiago.
Muíño

Outro muíño nun entorno precioso é o Muíño da Veiga.
Muíño da Veiga


Estímase que o muíño hidráulico apareceu en Galicia en torno ao S. XI da man dos monxes dos mosteiros da época. Moitos dos muíños que aínda quedan en pé en Galicia, datan dos S. XVII e XVIII.

Ata a década dos 70,  moitos muíños de Galicia seguían en funcionamento e o habitual era facer un uso veciñal ou comunal dos mesmos. O éxodo rural que tivo lugar en Galicia nos anos 70 e 80 do século pasado e a aparición de máquinas máis modernas, tivo como consecuencia, entre outras moitas cousas, o abandono dos muíños que aínda quedaban en funcionamento.


Muíño da Veiga

Por este camiño chegamos a Vilar de Santiago. Un pouco antes hai un cruce e a ruta indica pillar outro camiño á esuqerda, dando unha volta para chegar á aldea. Nós acurtamos un pouco e non demos ese rodeo.

Capela na Praza de Santiago de Vilar dedicada ao santo que dá nome a esta aldea que pertence á parroquia de Muxueira.

Vilar de Santiago

Outra imaxe da praza onde paramos a tomar  a "media mañá" como eu lle chamo. É dicir a cemer algo lixeiro.
Vilar de Santiago
 
Abandonamos a aldea vendo un caserío e un hórreo estilo Mondoñedo


Vistas dende mías de 400m de altitude sobre o Vilar de Santiago, Santalla e outros lugares.

Deseguida deixamos o asfalto (esta ruta só vai por asfalto ao cruzar aldeas; o resto do percorrido vai sempre por camiños, carreiros e pistas).

Dende Vilar de Santiago ata Chacín para min é a parte máis fea da ruta, xa que vai por un camiño de monte entre eucaliptos.

O camiño, é agora unha pista tamén fea.

Seguimos coa ruta ben sinalizada e tódolos camiños están ben acondicionados.

Estamos a piques de chegar a Chacín.


Chacín pertence á parroquia de Meilán polo que nesta ruta pasamos por 2 parroquias, esta de Meilán e a Muxueira porque  Vilar de Santiago pertence a esta última.
Chacín

En Chacín atopamos esta capela dedicada a S. Pedro.
Capela de S. Pedro en Chacín

Contemplando a paisaxe dende Chacín cun can que veu saudarnos.


No ano 2024 Chacín contaba con 44 habitantes.
Chacín

Voltamos ao punto de inicio agora sempre en baixada por este camiño.

Aló ao fondo, Santa Marta de Meilán.

Chegando xa ao final desta ruta, vemos de frente, Chacín.

Cruzamos a estrada LU- 124 

Frente a nós, Ferraría, onde temos o coche.