Amosando publicacións coa etiqueta Teo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teo. Amosar todas as publicacións

mércores, 27 de setembro de 2023

PAZO DO FARAMELLO (TEO)

Aproveitando a realización da ruta do Castro Lupario/Río Tinto, visitamos o Pazo do Faramello que queda no mesmo itinerario da ruta pero non o fixemos no momento que por alí pasamos, senón pola tarde.

Teño que recoñecer que eu nunca oira falar de tal pazo aínda que din que din que é un dos máis visitados de Galicia. Vale a pena a visita? Buenoooo....depende como se mire...se che gustan estas edificacións e non o coñeces e queres aprender algo novo, pois si vale a pena. Agora ben, teño que dicir que para min non vale os 12€ que custa a entrada.

Coñezo outros pazos nos que os xardíns danlle mil voltas aos deste pazo, o Pazo das Mariñas, o da Oca por exemplo, teñen uns xardíns infinitamente máis grandes e fermosos. Do interior só vimos tres ou catro salas do 1º piso.

Só teño fotos do exterior do pazo xa que no interior non deixar grabar nin fotografar.

Entrada ao Pazo

Para esta visita déronme dúas opcións: unha visita ás 12:00h ou outra ás 17:00. Escollemos a das 17:00, despois de facer a ruta para ir con máis tranquilidade porque de facela en ruta teriamos que madrugar maís para estar no pazo ás 12:00h e camiñariamos baixo esa presión.

Unha rapaza chamada Cristina foi a nosa guía. Ela criouse no pazo porque seus pais e avós eran os gardeses do mesmo polo que o pazo non tiña segredos para ela.

O pazo está construido en terrazas sobre o canón do río Tinto e sirveu de aloxamento para Alfonso XIII e o infante Luis de Baviera durante as súas visitas a Santiago.

Pazo do Faramello

O edificio é de finais do S. XVIII de estilo barroco compostelá, con influencias italianas que denotan a súa orixe xenovés do seu fundador: o Marqués de Piombino. O edificio supera os 2100m. contruidos.

O pazo foi creado a partires da Real Fábrica de Papel do Faramello (1710)

Na foto seguinte vemos unha canle que levaba auga para facer funcionar os muíños para fabricar o papel. O mecanismo e maneira de funcionar era moi similar aos muíños fariñeiros.

Aproveitaban a auga do río Tinto.

Canle da antiga fábrica de papel

O Marqués de Piombino din que peregrinou a Santiago e se namorou dunha compostelá nacida en Portugal. Tras volver ao seu país natal, regresou en 1710 co seu socio Jacobo Gambino (especialista en fabricación de papel) e quince operarios para levantar neste terreo a primeira fábrica de Galicia. A Real Fábrica de papel do Faramello foi a 1ª industria galega que perdurou por máis de dous séculos como unha colonia industrial ata que no puido facer frente á competencia en plena revolución industrial.

O Señor do Faramello ostenta o honor, nunca exercido, de poder entrar a cabalo na catedral de Santiago. Foille concedido este dereito por un Privilexio Real en 1815.

Xardíns do Pazo

"Capilla, palomar y ciprés, pazo es"  Este é un dito que fala dos tres elementos que debe ter un pazo para considerarse como tal. E no de Faramello aquí temos a capela.

Dentro da capela temos a seguinte imaxe da Virxe das Neves que é unha réplica da orixinal que está dentro do pazo. Antes, a orixinal en mármore, estaba aquí, na capela pero unha vez case cae ao chan e diante do perigo que corría porque podía romper, fíxose esta copia.

Imaxe da Virxe das Neves

Na capela temos este retablo creado polo escultor e imaxineiro José Gambino; este artista, nacido no pazo, introduxo en Galicia a estética rococó.

Retablo no altar da capela

Destacan tamén as escaleiras de pedra "voadas" da capela que tan de moda están actualmente. Naquel tempo, xa as había.
Escaleiras da capela

Outro aspecto dos arredores do pazo onde observamos un hórreo e debaixo vemos dúas rodas que se empregarían no muíño.
Hórreo e pedras do muíño

Durante a visita que durou unha hora e media tamén cruzamos unha ponte para achegarnos ao río Tinto e ver dende ese lado o muro que formaba parte da antiga fábrica de papel. Vemos o que foron varias portas ou ventás tapiadas.
Río Tinto e muro do pazo
Por aquí pasaba antes o Camiño de Santiago Portugués pero a raíz dun furacán que tirou árbores e a diversos incendios decidiron que non era seguro o sendeiro e deviárono pola estrada. Nós pasamos perfectamente.
Sendeiro por onde ía antes o Camiño de Santiago Portugués

Como as especies foráneas como o eucalipto ameazaban con acabar co bosque autóctono xurdeu en 2016 o Proxecto entre o Pazo de Faramello e a Fundación Internacional para a Restauración de Ecosistemas(FIRE) que deciden emprender un conxunto de accións para recuperar o bosque autóctono no Pazo do Faramello. Eliminaron o eucalipto e a acacia negra e introducíronse especies autóctonas como carballos, érbedos, castiñeiros, abidueiras, abelairas...etc.
Un recuncho do pazo 
Nun dos xardíns tamén atopamos esta grandiosa fonte de pedra coa imaxe da Virxe das Neves.

O pombal que non pode faltar en ningún pazo. E o ciprés seica tamén está nesa zona tapado por outras árbores.

Este xardín é fermoso e relaxante.

Toda esta zona do pazo e os xardíns pegados ao río foron feitos sobre os tellados da antiga fábrica de papel.


"Pazos hai muchos, el del Faramello es único" (Pardo Bazán)

Páxinas web consultadas:

https://bogamagazine.es/

https://www.pazofaramello.com/el-pazo

martes, 26 de setembro de 2023

CASTRO LUPARIO/RÍO TINTO (TEO/BRIÓN)


Ponte Paradela, lugar por onde pasa esta ruta

Hoxe pisamos dous concellos próximos a Santiago, comarca á que pertencen, porque a ruta que fixemos é compartida polos dous municipios: Teo e Brión. 

Ademais de facer pola mañá a Ruta do Castro Lupario, pola tarde visitamos o Pazo do Faramello nunha visita guiada que  comentarei noutra entrada

Vou primeiro coa ruta que, a pesares de que ámbolos dous concellos nomean elementos que veremos nela, non está sinalizada e é imprescindible un track para poder realizala.

RUTA DO CASTRO LUPARIO

Características:

- Lonxitude: 8,8 km.

- Dificultade: fácil Un pouco empinada á subida ao Castro pero nada do outro mundo e ademais son 600m.

- Ruta circular sen sinalizar.

O meu track en WIKILOC

Descripción:

Partimos do lugar de Rúa de Francos, na parroquia de Calo, concello de Teo. Esta aldea ten unha grande importancia histórica porque por ela pasaba  o antigo Camiño de Santiago  dende Padrón a Santiago por unha antiga calzada romana. Actualmente segue a pasar por esta aldea o Camiño De Santiago Portugués.

O lugar de onde partimos e onde remataremos é onde se atopan 3 importantes elementos desta ruta:

- O Cruceiro de Francos.

- A Capela de S. Martiño.

-A Carballeira de Francos.

O Cruceiro de Francos data do S. XIV. Ten un pedestal sen labrar de granito no que se apoia unha antiga cruz gótica cun Cristo flanquedao por dous peregrinos.

Cruceiro de Francos

A chamada Casa Común tamén no inicio da ruta presupoñemos que actualmente é un Local Social que antes foi unha escola.
O mural representa a Feira Cabalar que se celebra aí mesmo, na Carballeira de Francos cada 11 de novembro.
Mural na Casa Común.

A Carballeira de Francos é grande e ten antigos carballos e tamén algunha escultura na honra da Feira Cabalar que aquí se celebra dende hai máis de 50 anos. Esta escultura en pedra que vemos en 1º termo é obra do escultor de RoisCamilo Seira. Pesa 4 toneladas.
Carballeira de Francos

Outros cabaliños en madeira adornan tamén o interior da carballeira.
Carballeira de Francos

Dicir que neste inicio de ruta coincidimos con moitísimos peregrinos facendo a última etapa do Camiño de Santiago Portugués. Xa lles queda moi preto Santiago.
Tramo coincidente co Camiño de Santiago Portugués
 
Neste cruce deixamos o Camiño de Santiago. Os peregrinos siguen de frente e nós, torcemos á esquerda.
O Camiño de Santiago segue de frente, o noso non

Vilaverde é unha aldea da parroquia de Calo na que nos atopamos. No cruce que vemos de frente, torceremos á esquerda e deseguida outra vez á esquerda, por un carreiro que nos vai levar ao río Tinto.
Vilaverde
Atopamos por vez 1ª o río Tinto, un afluente do Sar.
Río Tinto

E vemos un muíño en ruínas. Muíños fariñentos que foron tan importantes na Galicia rural do pasado. Á beira de cada río e en moitos regos había varios. Actualmente uns están restaurados e outros totalmente abandonados como é o que vemos na imaxe.
Río Tinto

O río Tinto é estreito, sombrío e moi barulleiro formando pequenas cascadas.
Río Tinto
Un río que parece insignificante pero cun entorno marabilloso!! Percorrémolo por un sendeiro de pescadores.
Río Tinto

No EDAR de Calo abandonamos o río Tinto.
EDAR de Calo

Conectamos cunha estrada local onde pillamos á dereita e deseguida á esquerda para introducirnos noutro bosque.
Camiño

Pasamos pola aldea abandonada de Cabanas, que a xulgar o pouco que queda das antigas edificacións, supoñemos que leva moitos anos sen habitantes.
Cabanas
Percorremos este fermoso carreiro.
Carreiro
E atopamos neste fermoso entorno unha estrofa do coñecido poema de Manuel Mª "O Carro"
Poema de Manuel Mª

Volvemos atoparnos co Río Tinto na Ponte de Paradela tamén chamada Ponte dos Mouros porque antigamente en Galicia cando non se sabía a orixe dalgún elemento como fontes, montes, pontes...dicíase que a fixeran "Os Mouros" seres mitolóxicos galegos.
A Ponte Paradela só ten un pequeno arco de pedra salvando o río Tinto. O máis probable era que servise de paso a unha importante vía de comunicación que unía Padrón con Santiago e que fose unha vía de comunicación para chegar á tumba do apóstolo.
É probable que a ponte actual sexa do S. XVIII
Ponte Paradela

Esta Ponte marca a fronteira natural entre os concellos de Teo e Brión.
Ponte Paradela
Dende Ponte Paradela, o track que ía seguindo mandábame uns metros pola estrada e logo torcer á esquerda para subir ao Castro Lupario, pero un veciño do lugar indicounos que se podía pillar un sendeiro alí mesmo, pegado á ponte polo que todo o mundo subía. Así que decidimos nese punto non facer caso ao track e seguir o carreiro que ademais e, excepcionalmente, estaba sinalizado.
Carreiro cara ao Castro

A subida ao Castro é empinada pero curta
Subida ao Castro Lupario

O Castro Lupario está situado entre os concellos de Brión e Rois, concretamente entre as parroquias de Bastavales (Brión) e Ribasar (Rois) É un castro sen escavar que foi declarado BIC (Ben de Interese Cultural) en 2009 e é un dos máis importantes de Galicia e foi identificado como o fogar da lexendaria raíña Lupa.
Se queres saber máis do Castro e desta raíña mitolóxica pincha no ENLACE
O Castro Lupario

Volvemos por onde subimos e xa na estrada pillamos á esquerda.

Pasamos polas primeiras casas de Beca na parroquia de Bastavales. Estamos no concello de Brión.
Beca

Metémonos de novo ao bosque.



E desembocamos nunha fermosa aldea: Angueira de Castro, parroquia de Ribasar, no concello de Rois. Percorrer esta aldea por debaixo dos emparrados cheos de uvas, é unha delicia!!
Anguieira de Castro

Esta aldea está rehabilitada con moito gusto, respectando a arquitectura tradicional. Nun 1º momento, a aldea foi construida con pedra do próximo Castro Lupario que acabamos de visitar.
Anguieira de Castro

En Aguieira de Castro vemos tamén os clásicos cabozos propios da zona (en cada comarca de Galicia son diferentes) ben conservados.
Anguieira de Castro

Tódalas casas están rehabilitadas en pedra.

Despedimos esta aldea coa visión desta fonte nun fermoso enclave.

Á saída de Anguieira, temos o Parque Río Tinto. Volvemos atoparnos co río que neste recuncho nos ofrece mesas e bancos onde comer ou descansar rodeados de árbores e da frescura que dá o río en días de verán.
Parque do Río Tinto

Camiñamos de novo ás beiras deste río que nos ofrece sempre entornos sombríos e de frondosa vexetación.

E en poucos metros, chegamos á altura do Pazo do Faramello que visitaremos pola tarde. Por aquí pasaba antes o Camiño de Santiago pero despois da caída de varias árbores cando foi o furacán Hortensia e de que o camiño nesa zona quedase deteriorado, desviouse pola estrada.
 
Na entrada ao Pazo do Faramello, lemos este cartel que me pareceu super interesante e di cousas coas que totalmente concordo:

En terreos cedidos polo Pazo do Faramello creouse en 2014 un xardín xurdido a partires da traxedia ferroviaria ocorrida en Angrois (Santiago) no 2013. Chámase Xardín do Recordo É un espazo aberto ao público para horar a memoria das víctimas daquel accidente víctimas
Xardín do Recordo

Xardín do Recordo

Xardín do Recordo

Cruzamos a aldea de Francos, un pouco antes volvemos conectar co Camiño de Santiago Portugués.

Pasamos ao pé da Capela de S. Martiño
Capela de S. Martiño

Capela de S. Martiño

A escola, hoxe Casa Común, foi construída durante a II República.
A antiga escola

O noso xantar de hoxe foi en Casa Touceda, tan preto de onde tíñamos os coches aparcados (ao pé do cruceiro de Francos) que fomos andando. Comemos ben, moi abundantes as racións e comida ben preparada. A atención tamén, moi boa.
Casa Touceda

Despois do xantar fomos ata o Pazo do Faramello onde tíñamos reserva para as 17:00h. pero esa visita comentareina na seguinte entrada.

Páxinas web consultadas:

https://www.galiciamaxica.eu/
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/teo/2021/11/06/granito-lalin-crear-arte/0003_202111D6C7992.htm