martes, 4 de outubro de 2022

AS MINAS (PR-AS 182) TOL. (CASTROPOL-ASTURIAS)

 Tol é unha parroquia do concello asturiano de Castropol. Hoxe fun ata aí porque sabía desta ruta pero a verdade fun sen grandes expectativas, só porque me quedaba cerca da casa e era curta. 

Tol é unha aldea gandeira (sobre todo gando vacuno) e agrícola. Vin varias granxas, moitos campos cultivados, moito prado e varios tractores grandes traballando.

Sorprendeume  a ruta positivamente. Lera nalgún sitio que a maioría ía por asfalto o que é mentira; máis ben ocorre ao revés, por asfalto só vai ao principio e ao final nun curto tramo. Tamén lin que había moito eucalipto; algo sí había pero abundaban máis outras árbores que había en maioría. É unha ruta moi cómoda, curta, na que vas subindo e nin te enteras. 

Características da ruta:

Lonxitude: 7.2 km.

Dificultade: fácil

Ruta homologada, circular, ben sinalizada agás en dous cruces. Deixo o meu track de WIKILOC

Descripción:

O panel de comenzo de ruta vémolo nun cruce onde está a igrexa pero non hai onde aparcar por eso eu decido facelo uns metros antes, xunto ao lado do pavillón e as antigas escolas, onde hai tamén un pequeno parque infantil. O meu trck parte de aí. Hai xente que empeza a ruta algo máis adiante, nunha área recreativa pola que logo hai que pasar porque aí si que se pode aparcar pero eu, se é posible, sempre procuro visitar os lugares sexan vilas ou aldeas por onde pasan as rutas ou onde empezan ou rematan. Por riba nesta ruta tan curta é tamén restarlle km.

O primeiro que vexo ao empezar a camiñar é este fermoso e coidado xardín.

Nunha pedra podemos ler "El jardín de mi casa" non sei se para reivindicar o seu uso privado...

Tamén vexo de frente a igrexa de S. Salvador do S. XVII

Igrexa de S. Salvador
 Aquí, ao lado da igrexa, no cruce está o panel indicador da ruta:

Panel de comenzo de ruta
A ruta empeza por asfalto e doume conta de que esta aldea é eminentemente agrícola e gandeira. Vexo varios tractores traballando e terras de cultivo e prados...
Zona agrícola e gandeira
 Deseguida chego á área recreativa de Fontequías. É pequeniña pero está ben acondicionada e coidada:
Área recreativa
Seguindo o track e os sinais vou por esta estrada local uns metros.


Neste cruce temos a opción de escoller o camiño que traemos e seguir de frente ou ben coller o da dereita, calquera dos dous nos volverá trae aquí, a este cruce. Nós seguimos de frente e as frechas xa o indican poñendo "inicio ruta" no que vai de frente e "fin ruta" no outro. Pensamos que o motivo é claro, indo de frente imos subindo pero nin nos enteraremos xa que o desnivel é moi pouco e se optamos por ir pola dereita a subida é moi acusada e longa.

Estamos no lugar de Boudois e aquí está instalada unha gandaría moi importante, das máis prósperas da comarca e un referente na zona.

 A casa e granxa da gandería Boudois:

 

Á dereita, edificio de casa e granxa da Gandería Boudois. En Tol, a maioría dos veciños son gandeiros e as súas granxas están destinadas a leite e á recría. Foron mellorando xeneticamente os animais, informatizándose e aprendendo ao ir visiando outros países e esto fixo que nesta vila non se coñece o paro, a maioría dos gandeiros son xente nova.

Ao rematar de pasar esta granxa, o camiño vai á derita e xa nos introducimos nun antigo camiño de carro:


Vemos á esquerda prados con vacas e escoitamos un tractor. Tol é dos maiores productores de leite da zona e os veciños foron facéndose con terras que antes eran arrendadas. Hoxe o 98%  son propietarios.
 
O camiño que levamos é fermoso á beira sempre dun rego que parece ser que máis tarde se converte no río Anguileira, que máis escoitamos que vemos debido á espesa vexetación.
 

Aínda que vemos eucaliptos, tamén vemos moitas outras especias arbóreas o que non fai nada monótono o percorrido.


Camiño rodeada sempre de verde:

Case totalmente oculto pola maleza temos un túnel que dá acceso a unha das galerías das minas de ferro que houbo nesta zona (As minas da Grandela) Esta é a 1ª galería na que aínda se podn percorrer uns 120m. (Eso sí, quen se atreva a meterse aí xa que está inundada) e pode ser resultar perigoso. Eu boto de menos neste lugar un punto de información.
 
Un pouco máis arriba do túnel, temos o Forno de calcinación no que se cocía o mineral de ferro das minas da Grandela para quitarlle as impurezas. Tamén está a pasarela de carga pero non se ve ao estar "comida" pola vexetación. A actividade destas minas rematou nos anos 50 do S. XX

Penso que é unha pena que esta fermosa ruta non estea mellor coidada. A pesares de estar homologada, o cartel da foto necesita con urxencia un cambio, o forno tamén empeza a estar comido pola vexetación ao igual que o túnel de carga da parte posterior do que xa non se pode aprezar nada.

 
Seguimos camiñando polo medio de árbores diversas nas que agora predomina o eucalipto pero tamén vexo bastantes bidueiras, carballos novos e algún castiñeiro.
 
De súpeto, ábrese a paisaxe a terras de labor. Estou nunha zona alta pero non me din conta da subida xa que o desnivel é moi pouco ata aquí.,
 
Dende este alto vemos as cores verdes de prados e árbores e a cor marrón das terras de labranza, salpicadas por aldeas.
 
Avanzamos agora entre piñeiros:

Segundo imos baixando  ante nós ábrese a paisaxe e vemos Ribadeo, Tapia e diversas aldeas esparcidas cerca do Cantábrico.



Miremos onde miremos as panorámicas son únicas.A praia de Penarronda coa súa característica rocha furada vese perfectamente...

As vacas pacían tranquilamente pero en canto me viron, achegáronse como querendo saudarme:

Xa chegando ao cruce onde a ruta se fai circular, vemos estes fermosos acivros.


Mirando cara atrás, vemos o camiño percorrido. Acabo de pasar ao pé de aquela casa blanca, solitaria:

Na área recreativa vemos esta vella apisonadora

Vou achegándome a Tol.

Ao subir non me fixara neste vello e abandonado cemiterio que quedou aí, no medio da vila, ao contruir outro que si vin ao lonxe.
 
A igrexa de S. Salvador que ten diante unha enorme oliveira:

 E xa cheguei de novo ao lugar onde aparcara o coche. Vemos sinais do Camiño Norte de Santiago que pasa por aquí:
 
Nas antigas escolas está actualmente o albergue de peregrinos:
 
Este corazón gustoume. 

Aquí finaliza esta ruta que merece ser máis coidada e que a acondicionen debidamente poñendo máis puntos informativos nas minas, pensando ademais que a ruta leva precisamente ese nome "das Minas" así que eu considero fundamental que se pretenden dar a coñecer con esta ruta o pasado mineiro da localidade, teñen que incidir máis para o seu coñecemento.
Tamén se debería sustituir o cartel informativo que está no forno xa que o actual está moi deteriorado, sinalizar mellor dous cruces,...etc.










domingo, 2 de outubro de 2022

LAGOA DE COSPEITO + PARTE DA RUTA DAS FONTES

 Cospeito é un concello da Terra Cha na provincia de Lugo. A capital é Feira do Monte que pertence á parroquia de Sistallo.

Na Feira do Monte atopamos a Lagoa de Cospeito que é un dos humedais máis importantes de Galicia, pertencente á Rede Natura 2000. É un espazo natural protexido que serve de refuxio a numerosas aves e anfibios. Na Lagoa existen tamén unha grande variedade de  árbores e plantas. A Lagoa está alimentada polo río Guisande, afluente do Miño.

Orixinariamente, este espazo natural estaba formado por dúas lagoas que ocupaban unha maior extensión, pero na década dos 60 houbo un proxecto de desecación para dedicar á terras á agricultura. Nos anos oitenta iniciouse a recuperación da lagoa sendo hoxe unha zona dunha grande diversidade ecolóxica.

Hai un sendeiro ancho, moi cómodo e fácil de camiñar que rodea a Lagoa. Este sendeiro está rodeado de árbores, sobre todo carballos, polo que sempre iremos á sombra. Tamén temos ao longo do perdorrido varios observatorios de aves e da lagoa.

Como a ruta é curta e moi doada, quixen ampliala realizando a "Ruta das Fontes" publicitada tamén no Centro de Interpretación pero esta, aínda que bastante ben sinalizada, deixa moito que desexar en canto ao seu mantemento. Xa irei comentando...

Características da ruta:

Lonxitude: 9,4 km.

Dificultade: ningunha

Ruta circular ben sinalizada.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

A ruta empeza no Centro de Interpretación da Lagoa. Exactamente, AQUÍ

Primeiro subimos a un mirador que hai neste lugar:


Dende aquí, xa temos a primeira visión da lagoa:


Empezamos a camiñar seguindo as indicacións:

O camiño non pode ser máis fermoso:


Chegamos ao 1º observatorio ornitolóxico:


Dende este observatorio podemos contemplar a Lagoa xa máis preto:

E a densa vexetación que a rodea:

O sendeiro é un ancho camiño rodeado de frondosas árbores que agora na primavera dá gusto ver:

Agora cruzaremos o río por unha pasarela de madeira:


Rematamos a pasarela de madeira. Bidueiras, espiños e sobre todo carballos van dar sombra todo o tempo do percorrido.


A auga está por todas partes nesta foto feita na primavera.



Imos oíndo o canto de moi distintas aves ao longo do percorrido:

A foto seguinte, debaixo, é de setembro de 2022, ano no que houbo moita seca. Vemos a enorme diferenza coas fotos anteriores:
A lagoa nun ano de moita seca
Outro observatorio:

Os carballos coas súas landras:
 
Tamén vin moitas rosas silvestres ou silvas macho co seu froito vermello tan fermoso. (Hai sitios de Galicia onde lle chaman "caramuxo". En castelán é escaramujo)
Froito vermello da rosa silvestre.
 
Nos lugares onde se pode entrar á lagoa colocaron unhas rochas grandes para impredir o paso de vehículos.

O camiño ás veces estreitase e convertese nun adorable sendeiro.

 Despois volve anchearse e os carballos forman un frondoso túnel.

As árbores máis abondosas son se dúbida os carballos pero tamén atopamos bidueiras, salgueiros, espiños, rosas silvestres, freixos...

Houbo unha época en que se colocaron carteis, pero se despois non os van manter limpos para que se podan ler, para que os puxeron?

Cheguei ao punto de partida despois de facer un círculo ao redor da lagoa. 

E agora decido facer a ruta das Fontes que tamén está anunciada no Centro de Interpretación enlazando as dúas.

A 1ª fonte que vou ver andando só uns metros é a
Fonte da Lagoa. Moi cerca do C. de Interpretación, unha rúa asfaltada con beirarrúa lévanos a ela.

Esta ruta xa empeza coa decepción de ver que en canto deixamos a estrada, o sendeiro que leva á fonte está totalmente tomado polas silvas.


A fonte non é como as que eu estou acostumada a ver. Non ten cano e a auga sae directamente do chan.

A fonte está nun entorno privilexiado, pena de que non estea coidado.
 
Volvemos agora camiñar polo mesmo lugar onde empezamos a ruta da Lagoa. Imos cara á Fonte de S. Paio.
 
Durante uns 100 m. coincide o percorrido das dúas rutas:

No cruce que vemos, antes torcemos á dereita e agora seguiremos de frente.

O camiño para chegar ata a fonte de S. Paio é unha frondosa carballeira nun lugar con moita humidade. En inverno o camiño acostuma a estar anegado e hai que levar calzado impermeable para cruzalo.


A Fonte de S. Paio seguindo a liña da anterior tampouco ten cano. A auga está estancada nun pozo que ademais está bastante sucio. Eu dende logo non bebería auga de aí...
Fonte de S. Paio

As fotos desta ruta pertencen a dúas estacións diferentes: á primavera e a finais do verán (xa principios de outono)
A foto seguinte foi na primavera e nótase no verdor da herba e as flores da maceira. Tamén se nota que a herba do camiño está pouco pisada...

 A paisaxe dende logo é ben fermosa e plácida:
 
A capela de S. Paio dos Redos atópase na parroquia de Sistallo, á beira da estrada LU-P 6501 que une Feira do Monte con Vilalba. O segundo sábado de xullo celebrase a Festa de S. Paio e centos de persoas xúntanse na cercana carballeira animando as súas merendas con música e xogos populares.
Capela de S. Paio dos Redos

Na seguinte foto vemos a capela e a carballeira que ten ao pé.

Seguindo os sinais da ruta das fontes, chegamos a un cruce e mándanos coller á dereita pero non o fago porque esta ruta intentei xa facela na primavera e nun fun quen de atopar esta fonte "Fonte de Felín" e polo menos naquela data estaba o camiño moi mal acondicionado nalgúns tramos.

Sinal para a Fonte de Felín

Continuo pois de frente, cara á vila de Feira do Monte, e este edificio que vemos é o Museo das Aves. A hora que eu pasei estaba pechado.
Museo das aves
 Estou no centro de Feira do Monte e vou subir ao Miradoiro da Virxe do Monte. Primeiro atopo, nunha pequena rotonda, esta fonte:

Subindo pola Avda Virxe do Monte. Xa vemos a igrexa parroquial e o miradoiro que en realidade é un bar-cafetería ubicado no punto máis alto da vila cunhas estupendas vistas.

Na praza Virxe do Monte está o moderno Centro de Saúde ademais dunha gardería e un colexio.
Centro de saúde

Nesta Praza tamén está a igrexa da Virxe do Monte, patrona da Terra Cha.
Igrexa da Virxe do Monte

Vistas que temos dende a Praza da Virxe do Monte
  
Baixo ata a Praza Maior e observo que a están ampliando e acondicionando. Na praza hai esta moderna fonte:
Fonte na Praza Maior de Feira do Monte.

 Na Praza Maior ubícase a Casa Consistorial e un centro cultural.

Sigo camiñando e deseguida chego á Fonte máis coidada e á que parece ser que os veciños deben ter máis devoción a xulgar pola cantidade de flores tanto naturais como artificiais que había.
Entorno da Fonte da Virxe

A fonte non deixa de ser orixinal xa que é máis que unha fonte, parece ser un lugar de esparcemento e lecer.

Sigo camiño ata voltar de novo ao Centro de Interpretación da Lagoa, onde remato esta ruta. (Dende a Fonte da Virxe ata o Centro de Interpr. da Lagoa hai 1,5 km.)


Unha pena que a ruta das fontes non estea mellor acondicionada nalgúns tramos xa que podía ser unha ruta moi fermosa ao estar as fontes en entornos privilexiados no que a natureza se refire , o mesmo que os camiños que levan a elas.