domingo, 2 de outubro de 2022

LAGOA DE COSPEITO + PARTE DA RUTA DAS FONTES

 Cospeito é un concello da Terra Cha na provincia de Lugo. A capital é Feira do Monte que pertence á parroquia de Sistallo.

Na Feira do Monte atopamos a Lagoa de Cospeito que é un dos humedais máis importantes de Galicia, pertencente á Rede Natura 2000. É un espazo natural protexido que serve de refuxio a numerosas aves e anfibios. Na Lagoa existen tamén unha grande variedade de  árbores e plantas. A Lagoa está alimentada polo río Guisande, afluente do Miño.

Orixinariamente, este espazo natural estaba formado por dúas lagoas que ocupaban unha maior extensión, pero na década dos 60 houbo un proxecto de desecación para dedicar á terras á agricultura. Nos anos oitenta iniciouse a recuperación da lagoa sendo hoxe unha zona dunha grande diversidade ecolóxica.

Hai un sendeiro ancho, moi cómodo e fácil de camiñar que rodea a Lagoa. Este sendeiro está rodeado de árbores, sobre todo carballos, polo que sempre iremos á sombra. Tamén temos ao longo do perdorrido varios observatorios de aves e da lagoa.

Como a ruta é curta e moi doada, quixen ampliala realizando a "Ruta das Fontes" publicitada tamén no Centro de Interpretación pero esta, aínda que bastante ben sinalizada, deixa moito que desexar en canto ao seu mantemento. Xa irei comentando...

Características da ruta:

Lonxitude: 9,4 km.

Dificultade: ningunha

Ruta circular ben sinalizada.

A ruta en WIKILOC

Descripción:

A ruta empeza no Centro de Interpretación da Lagoa. Exactamente, AQUÍ

Primeiro subimos a un mirador que hai neste lugar:


Dende aquí, xa temos a primeira visión da lagoa:


Empezamos a camiñar seguindo as indicacións:

O camiño non pode ser máis fermoso:


Chegamos ao 1º observatorio ornitolóxico:


Dende este observatorio podemos contemplar a Lagoa xa máis preto:

E a densa vexetación que a rodea:

O sendeiro é un ancho camiño rodeado de frondosas árbores que agora na primavera dá gusto ver:

Agora cruzaremos o río por unha pasarela de madeira:


Rematamos a pasarela de madeira. Bidueiras, espiños e sobre todo carballos van dar sombra todo o tempo do percorrido.


A auga está por todas partes nesta foto feita na primavera.



Imos oíndo o canto de moi distintas aves ao longo do percorrido:

A foto seguinte, debaixo, é de setembro de 2022, ano no que houbo moita seca. Vemos a enorme diferenza coas fotos anteriores:
A lagoa nun ano de moita seca
Outro observatorio:

Os carballos coas súas landras:
 
Tamén vin moitas rosas silvestres ou silvas macho co seu froito vermello tan fermoso. (Hai sitios de Galicia onde lle chaman "caramuxo". En castelán é escaramujo)
Froito vermello da rosa silvestre.
 
Nos lugares onde se pode entrar á lagoa colocaron unhas rochas grandes para impredir o paso de vehículos.

O camiño ás veces estreitase e convertese nun adorable sendeiro.

 Despois volve anchearse e os carballos forman un frondoso túnel.

As árbores máis abondosas son se dúbida os carballos pero tamén atopamos bidueiras, salgueiros, espiños, rosas silvestres, freixos...

Houbo unha época en que se colocaron carteis, pero se despois non os van manter limpos para que se podan ler, para que os puxeron?

Cheguei ao punto de partida despois de facer un círculo ao redor da lagoa. 

E agora decido facer a ruta das Fontes que tamén está anunciada no Centro de Interpretación enlazando as dúas.

A 1ª fonte que vou ver andando só uns metros é a
Fonte da Lagoa. Moi cerca do C. de Interpretación, unha rúa asfaltada con beirarrúa lévanos a ela.

Esta ruta xa empeza coa decepción de ver que en canto deixamos a estrada, o sendeiro que leva á fonte está totalmente tomado polas silvas.


A fonte non é como as que eu estou acostumada a ver. Non ten cano e a auga sae directamente do chan.

A fonte está nun entorno privilexiado, pena de que non estea coidado.
 
Volvemos agora camiñar polo mesmo lugar onde empezamos a ruta da Lagoa. Imos cara á Fonte de S. Paio.
 
Durante uns 100 m. coincide o percorrido das dúas rutas:

No cruce que vemos, antes torcemos á dereita e agora seguiremos de frente.

O camiño para chegar ata a fonte de S. Paio é unha frondosa carballeira nun lugar con moita humidade. En inverno o camiño acostuma a estar anegado e hai que levar calzado impermeable para cruzalo.


A Fonte de S. Paio seguindo a liña da anterior tampouco ten cano. A auga está estancada nun pozo que ademais está bastante sucio. Eu dende logo non bebería auga de aí...
Fonte de S. Paio

As fotos desta ruta pertencen a dúas estacións diferentes: á primavera e a finais do verán (xa principios de outono)
A foto seguinte foi na primavera e nótase no verdor da herba e as flores da maceira. Tamén se nota que a herba do camiño está pouco pisada...

 A paisaxe dende logo é ben fermosa e plácida:
 
A capela de S. Paio dos Redos atópase na parroquia de Sistallo, á beira da estrada LU-P 6501 que une Feira do Monte con Vilalba. O segundo sábado de xullo celebrase a Festa de S. Paio e centos de persoas xúntanse na cercana carballeira animando as súas merendas con música e xogos populares.
Capela de S. Paio dos Redos

Na seguinte foto vemos a capela e a carballeira que ten ao pé.

Seguindo os sinais da ruta das fontes, chegamos a un cruce e mándanos coller á dereita pero non o fago porque esta ruta intentei xa facela na primavera e nun fun quen de atopar esta fonte "Fonte de Felín" e polo menos naquela data estaba o camiño moi mal acondicionado nalgúns tramos.

Sinal para a Fonte de Felín

Continuo pois de frente, cara á vila de Feira do Monte, e este edificio que vemos é o Museo das Aves. A hora que eu pasei estaba pechado.
Museo das aves
 Estou no centro de Feira do Monte e vou subir ao Miradoiro da Virxe do Monte. Primeiro atopo, nunha pequena rotonda, esta fonte:

Subindo pola Avda Virxe do Monte. Xa vemos a igrexa parroquial e o miradoiro que en realidade é un bar-cafetería ubicado no punto máis alto da vila cunhas estupendas vistas.

Na praza Virxe do Monte está o moderno Centro de Saúde ademais dunha gardería e un colexio.
Centro de saúde

Nesta Praza tamén está a igrexa da Virxe do Monte, patrona da Terra Cha.
Igrexa da Virxe do Monte

Vistas que temos dende a Praza da Virxe do Monte
  
Baixo ata a Praza Maior e observo que a están ampliando e acondicionando. Na praza hai esta moderna fonte:
Fonte na Praza Maior de Feira do Monte.

 Na Praza Maior ubícase a Casa Consistorial e un centro cultural.

Sigo camiñando e deseguida chego á Fonte máis coidada e á que parece ser que os veciños deben ter máis devoción a xulgar pola cantidade de flores tanto naturais como artificiais que había.
Entorno da Fonte da Virxe

A fonte non deixa de ser orixinal xa que é máis que unha fonte, parece ser un lugar de esparcemento e lecer.

Sigo camiño ata voltar de novo ao Centro de Interpretación da Lagoa, onde remato esta ruta. (Dende a Fonte da Virxe ata o Centro de Interpr. da Lagoa hai 1,5 km.)


Unha pena que a ruta das fontes non estea mellor acondicionada nalgúns tramos xa que podía ser unha ruta moi fermosa ao estar as fontes en entornos privilexiados no que a natureza se refire , o mesmo que os camiños que levan a elas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario