Amosando publicacións coa etiqueta ruta costeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta costeira. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de marzo de 2026

AO REDOR DA PRAIA DA FROUXEIRA (VALDOVIÑO)

 É a 1ª ruta que realizamos neste concello da prov. da Coruña que pertence á Comarca de Ferrol. O principal patrimonio deste municipio son as súas praias sobre todo a da Frouxeira, un extenso areal de 3,5 km. de area fina e augas bravas, ideal para a práctica de surf e para longas camiñatas.

A nosa ruta de hoxe ten como protagonista principal este areal e o seu sistema dunar, o faro e as vistas desta Costa Ártabra, que son verdadeiramente únicas.

A Costa Ártabra é un espazo natural protexido espectacular caracterizado por vertixinosos acantilados, rías e praias entre Ortigueira e Ferrol. Esténdese polos municipios de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Ares e Mugardos.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Despois de deixar os coche no aparcadoiro da praia da Frouxeira ou de Lago,  imos cara á dereita para achegarnos ata a lagoa.


 A Lagoa de Valdoviño constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar.  Está considerada Zona húmida de importancia internacional e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra) e está incluída no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia

Anualmente a Xunta de Galicia procede a abrir a canle que vai da lagoa ao océano para previr inundacións nas vivendas da zona.


Dende a lagoa demos a volta para ir todo pola area.

Deixamos a vila de Valdoviño ás nosas costas.

A praia da Fouxeira ou de Lago, por atoparse nesta parroquia, mide en total 3,5km. dos que nós percorremos 2,5. O outro km. quedaba da lagoa para o outro lado.
É unha praia ventosa e con moitas ondas pero hoxe tivemos moita sorte e o día estaba en calma total, sen vento. Parece ser que é boa para a pesca.

Atopamos tamén un equipo de homes botando un partido de fútbol.

De súpeto atopamos o Rego Magno que baixaba con bastante auga para poder cruzalo sen mollarnos ata os xeonllos. Un dos xogadores de fútbol indicounos que había unha pontiña algo máis arriba e 5 persoas das 6 que íamos pasaron por aí. Eu preferín descalzarme para cruzalo.

O sistema dunar da Frouxeira é un dos máis importantes do noroeste penínsular e ten un gran valor ecolóxico.

Este sistema de dunas é producto da interacción da area da praia co vento, sendo unhas dunas de gran dinamismo. Algunhas delas tenen máis de 5000 anos.

Despois de atravesar o rego anterior e as dunas, voltamos á praia para camiñar ao pé da auga.

Esta praia é excelente para a practica do surf e vimos moitos surfistas que semellaban ser dalgunha escola. Ao fondo, Punta Frouxeira.

Ao fondo, Punta Candieira.

Rematada a praia, subimos por un carreiro entre dunas.


Xa vemos o Faro de Punta Frouxeira, situado na Punta Frouxeira, na parroquia de Meirás (Valdoviño).

Construído en 1992 cun deseño vangardista, non empeza a operar ata xuño de 1994, en modo de proba, pasando a definitivo en novembro do mesmo ano. Ten unha elevación de 94 metros sobre o nivel do mar e un alcance de 21 millas.


Chegando ao faro, as vistas son espectacularmente fermosas.  Vemos os acantilados de O Porto e ao lonxe de todo, Cabo Prior.

É un dos faros máis novos de Galicia, só superado polo de Punta Nariga en Malpica.
Vemos tamén as ruinas dunha antiga instalación militar. Estas instalacións proliferaron a principios da década dos anos 40, cuxa finalidade era protexer a costa ante eventuais ataques doutros países despois da 2ª Guerra Mundial.

Dende aquí vemos a Cruz en Punta Frouxeira. Este monumento, que data do S.XVIII e  destaca polo seu valor cultural e pola súa impresionante ubicación, ofrecendo vistas panorámicas sobre a costa galega

Os acantilados que hai nesta zona son de alto risco con fortes ventos e ondas que poden acadar os 9m. de altura e foron testemuña de accidentes de varias persoas que se achegaron demasiado ao mar. No 2014, unha familia de 3 membros foi arrastrada por unha gran onda, no 2017 tamén morreu un home ao caer polas rocha e no 2022 atopouse un home que se despeñara ao igual ca o seu coche.
Cando hai grandes temporais péchase o acceso a estes lugares.
Na foto seguinte, unha homenaxe a un neno de tan só 3 meses que non sabemos se tamén morreu neste lugar.

Consérvanse diferentes túneles que daban acceso aos proxectores. Na foto, a boca dun deles. Estes proxectores iluminaban o mar pola noite pra disuadir aos inimigos e poder localizalos con facilidade se entraban na zona; tiñan focos moi potentes que acadaban incluso os 20km. de distancia.


Os acantilados son impresionantes e a zona é de alto risco se hai temporais.

Na imaxe seguinte, o edificio de observación que se conserva en Punta Frouxeira.


As vistas agora son espectaculares cara aos acantilados de O Porto onde se atopa unha capela que axiña veremos máis cerca. Ao fondo de todo, Cabo Prior.

Este tramo do percorrido, lembra bastante a outros do Camiño dos Faros que xa fixemos.

A Capela de Nosa Señora do Porto, tamén coñecida como Nosa Señora do Mar ou Virxe do Porto, está situada na parroquia de Meirás. Está construida sobre unha pequena illa rochosa á que só se pode acceder a pé coa marea baixa.

Conta a lenda que uns pescadores atoparon a imaxe da Virxe no mar e levárona a terra. Ao día seguinte, a  imaxe volveu a aparecer de novono mar e decidiron levantar unha ermida sobre unhas rochas en honor á que agora coñecemos como a 'Virxe do Porto'.

A capela está situada nun enclave cun encanto único. 




Ao pé da capela anterior, hai unha cetérea en ruinas. Pasou de ser un centro pioneiro na cría de diferentes especies de peixe a convertirse nun punto de lixo, cheo de grafitis.

Unha última imaxe da cetárea e a capela.

Alonxámonos de momento da costa por este carreiro.

Desembocamos nunha estrada local pola que imos só durante uns metros.

Deseguida pillamos un camiño que nos vai levar de novo á praia da Frouxeira pero pola parte das dunas.

Polos carreiros que hai entre as dunas, chegamos ao punto de inicio.

Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Lagoa_da_Frouxeira

https://gl.wikipedia.org/wiki/Faro_de_Punta_Frouxeira

https://costaartabramilitar.com/punto-patrimonial/baterias-punta-frouxeira-proyector-puesto-de-combate-y/

luns, 6 de outubro de 2025

PRAIAS DE CUDILLERO (PARROQUIAS DE SOTO DE LUÍÑA E NOVELLANA)

 No concello de Cudillero xa fixen ata o de agora 5 rutas, todas elas en parroquias do concello. Foron estas:

Val do Esqueiro

Ruta do río Cabo ou Ballota 

Praia do Silencio e Ribera del Molín dende Santa Marina.

Acantilados de Cabo Vídeo/Oviñana e Bosque de Vadredo

Lamuño/La Concha/Lamuño

A ruta de hoxe é polo tanto a 6ª neste fermoso municipio que ten zona de costa espectacular e tamén o interior non deixa de sorprender o fermoso que é.

Estamos na parroquia de Soto de Luiña e, dentro desta, no lugar de Albuerne. Esta aldea non chega aos 100 habitantes.

Características desta ruta:

Lonxitude: 5,7 km. (Parecen máis km. pola moderada dificultade do chan nalgún tramo e por algunha subida e baixada con bastante desnivel))

Dificultade: moderada (porque o chan ás veces é dificultoso por pedras soltas)

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descripción:

Empezamos e finalizamos esta ruta xunta á capela de Santa Olaia (Que os asturianos escriben Santolaya)

Capela de Santolaya

Diante da capela e nun lateral hai algo de sitio para deixar o coche. 

Arrancamos dende o Camín de la Capilla para meternos deseguida polo Camín de la Venta.

Camín de la Capilla (Albuerne)

Imos polo Camín de la Venta. Tódalas rúas desta aldea levan o nome de "camín" (camiño) que hoxe xa non son camiños senón rúas asfaltadas.
Cabozo en Camín de la Venta

En Asturias hai cabozos e paneiras. Este é un cabozo porque ten 4 pegoyos ou piares e forma cadrada; aínda que a diferenza fundamental entre as dúas construccións está no tellado. No hórreo,  o tellado únese nun punto e na paneira teñen cabalete ( unha pequena parte horizontal)

Moitos hórreos, que se conservan porque están protexidos ao igual que en Galicia.

Atopei nun cruce estas simpáticas imaxes de alguén con imaxinación: unha serpe ou máis ben unha anaconda nunha árbore.


E tamén un crocodilo sentado nun banco..

Dende este punto xa se pode ver o mar.

Case tódalas casas son novas e moi ben preparadas. Moitas delas están pechadas e que dá idea que son vivendas de segunda residencia.

Abandonamos de momento Albuerne e os seus hórreos.

Pillamos o camiño da esquerda. O mar está xa cerca.

Por este camiño chegaremos ao pé do Cantábrico.


Un banco cun bo consello: Relájate. "Tómate un respiro"


Praias inacesibles, solitarias, de grandes acantilados...

A Praia dos Campizales ou dos Negros está circundada por acantilados de 60 m. ou máis. Baixar a ela é moi perigoso aínda que hai unha corda para agarrarse.
O nome de "negros" vén de que nesta praia hai unhas rochas moi perigosas para as embarcacións.

Praia dos Campizales ou dos Negros

Na foto vemos a praia Gancedo ou de Albuerne.
Praia de Albuerne

Para chegar á seguinte praia, baixamos por un carreiro

Baixada á praia de Salencia. Frente a nós o illote que se ve penso que se chama El Castro

Outra vista da praia dos Campizales ou dos Negros.

Atravesamos agora o rego de Lindebarcas que desemboca na parai de Salencia á que estamos chegando.

Unha corda axúdanos nunha curta baixada pero con bastante desnivel.

Unha ponte metálica para cruzar o rego.
Rego de Lindebarcas

O Rego de Lindebarcas nun fermoso entorno.

A uns metros atopamos xa a praia de Salencia. Está situada na parroquia de Novellana. É unha praia de area gorda e ao igual que as anteriore sen servizo ningún. Son praias totalmente virxes.
Praia de Salencia.

Proseguimos a camiñata agora por camiño de cemento que en ascenso, nos deixa estas vistas dos acantilados á nosa esquerda. Ao fondo de todo podese albiscar o faro de Cabo Vídio.

Estrada pola que subimos:


Non me resisto a seguir tirando fotos a esta fermosa costa occidental asturiana.

Pasamos por onde estas vivendas que semellan colgadas do acantilado. Estas e outras que vimos cerca estaban todas pechadas, sinal de que non son vivendas habituais.

Ao rematar a subida, podemos observar a Praia L´Airín.


Deixamos o asfalto para cruzar este prado no que se define bastante ben un camiño e así atallar para achegarnos á praia de L Airín.

Encántanme estes accesos que quedan a algunha praia (cada vez menos)  tan naturais, sen alterar nada, só o que poda cambiar a natureza co paso dos anos.

Unha ruta preciosa para min sola. Só atopei unha parella facendo este percorrido.

O fermoso acceso á praia e miradoiro.

Entre castiñeiros, a punto de chegar ao miradoiro.

O Miradoiro Mexagón permítenos observar a praia L´Airín e quebrada costa occidental asturiana.
Miradoiro Mexagón

O illote "O Fariñón" separa as praias Saliencia e L´Airín. Na foto vemos parte da inaccesible praia de L´Airín.

Outra imaxe do Fariñón e os acantilados.

A praia LÁirín só se pode ver dende o alto. É imposible baixar a ela dende onde estamos. Poo outra parte, máis ao oeste, penso que ten unha baixada. Dende o miradoiro temos que volver sobor dos nosos pasos e retomar o camiño que traíamos.

Adentrámonos en Novellana. Este municipio recibeu en 1992 xunto con Soto de Luíña o Premio ao "Pueblo Exemplar"
"...trabajos de mejora y embellecimiento de Novellana que tiene su expresión en numerosas obras entre las que destacan la realización de importantes instalaciones deportivas y sobre todo la reconstrucción de su Casa de la Cultura”. (antigua escuela)."
 Xa ano 1962 gañara o concurso de "Pueblo más bonito de Asturias"

Novellana forma parte da zona rural do concello de Cudillero.

Unha placiña con encanto en Novellana:

Estamos no Camín Real en Novellana.

O Camín Real está a piques de rematar para os coches.

Finalizou o asfalto e agora, o Camín si que é un camiño.




Agora adentrámonos por un carreiro en baixada totalmente rodeado de vexetación.


Este é o chamado Camín de Xorribos e por aquí pasa o Camiño Norte a Santiago.

Volvemos atoparnos co rego Lindebarcas que cruzamos. Ao cruzalo, estamos de novo na parroquia de Soto de Luíña, no lugar de Albuerne. O rego divide as dúas parroquias: Novellana e Soto de Luíña.
Rego de Lindebarcas

Alguén colocou derriba das pedras unhas rodas dunha bicicleta que tamén está alí (vese lixeiramente entre as silvas) Para min, non está nada ben feito porque para cruzar xa están as pedras, pisar as rodas non é seguro e ademais afean a paisaxe e por riba deixan a bici aí para que vaia podrecendo...enfín...

Agora, despois de cruzar o rego emèza unha subida algo "chunga", con bo desnival e moitas pedras soltas.

Con bo calzado e con coidado non hai ningún problema...

É este un carreiro solitario, illado, moi tranquilo.

Desembocamos xa en Albuerne.

E deseguida chegamos de novo á capela de Santolaya dende onde partíramos.