martes, 28 de outubro de 2025

ESTACA DE BARES DENDE PORTO DE BARES (MAÑÓN-A CORUÑA)

No concello de Mañón (A Coruña) xa fixen 4 rutas (dúas corresponden ao Camiño Natural do Cantábrico e as outras comparten parte do trazado e foron Ponte Segade-Augas Caídas e Ribeiras do Bispo- Augas Caídas)

Hoxe fixen unha ruta moi fermosa pola Estaca de Bares partindo de Porto de Bares. A ruta planifiqueina eu e ía bastante por asfalto pero grazas a que o sábado 18 hai unha carreira organizada polo concello de Mañón, abriron e acondicionaron camiños e carreiros máis preto do mar que me fixeron modificar a ruta orixinal e resultou máis fermosa aínda.

Características:

Lonxitude: 11km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar aínda que moi intuitiva. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta comenza e finaliza no Porto de Bares, un lugar da parroquia de Bares no concello de Mañón (A Coruña)

Porto do Coído

Porto de Bares é unha vila moi pequena e con vivendas de non moitos anos de construcción que indican que é unha zona relativamente nova en canto á poboación. En temos pasados é de supor que a vila estaba en Bares, uns metros máis arriba (actualmente segue a existir) e que aquí embaixo só estaría o porto que foi un importante enclave baleeiro entre os séculos XIII e XVIII.

É o porto máis septentrional da Península Ibérica.

Porto de Bares

Empezo a camiñar por unha pasarela de madeira ao pé da praia.
Porto de Bares

A pasarela é moi curta e para seguir teño que sair á estrada pola que vou uns metros.
Porto de Bares

Deseguida pillo outra estrada local que vai ao outro lado da praia de Bares.
Á esquerda para ir á praia

Unha estrada rodeada de xuncos.

Acceso á praia de Bares.

Dende este lado da praia, vemos a vila á dereita.

Na seguinte foto, o Peñón de Eirexa Vella, así chamado porque na cima desta punta estaba a igrexa antiga de Bares que foi saqueada e queimada polos piratas turcos no S. XVII. Tamén se cree que houbo aí unha necrópole romana.
Peñón da Eirexa Vella

Este día había por toda a praia moitísimas carabelas portuguesas.

Agota teño que alonxarme do mar e subo por un camiño que parte mesmo da praia.


Un camiño perfectamente acondicionado:


Chego á estrada que baixa ao Porto de Bares onde hai un Miradoiro:
Miradoiro

As vistas dende aquí, dende Vila de Bares, son espectaculares pero o día amenceu con nubes e algo de bruma que impiden unha boa visibilidade.
No fondo, Porto de Bares e de frente, no mar Illa Coelleira e Punta Cameiro, no Vicedo.


Dende o Miradoiro tiña pensado ir pola estrada pero vexo este camiño tan limpo e vou por el.


O camiño lévame nuns poucos metros, á estrada que teño que cruzar.

En lugar de ir pola estrada como tiña pensado porque non había outro lugar por onde ir, vexo un camiño moi limpo e máis pegado ao mar. Métome por el tendo medo a que remate axiña e teña que dar volta.


Pero atopo un lugareño que viña paseando e pregúntolle a onde sae este camiño. El dime que cerca do Faro e que hai moi pouco que o acondicionaron porque proximamente vai haber unha carreira que pasará por aquí.

O camiño por onde vou deixa estas vistas:

Dá gusto camiñar por lugares así e librarse da estrada pola que nesta época non pasan tantos vehículos como no verán, pero aínda así había bastantes no faro.

Xa se ve ao lonxe o Faro e a Punta da Estaca de Bares.
Faro e Punta de Estaca de Bares

Uns metros antes do faro, desemboco na estrada que leva a el.

Estrada ao Faro

O Faro está situado a 101 metros de altura na entrada da ría do Barqueiro. É o último faro da costa coruñesa e o mais septentrional de toda a Península Ibérica. Está emprazado nunha meseta chamada Ventureiro, sobre un montículo que se prolonga na chamada "Punta da Estaca de Bares", da que recibe o nome a que é a fronteira imaxinada onde mesturan as súas augas o Atlántico e o Cantábrico.

A torre ten unha altura de 33 metros; a luz do faro acada un alcance de 25 millas náuticas e está en funcionamento desde o 1 de setembro de 1850. Nun principio prestaban servizo tres torreiros. No ano 1939 instalouse un radiofaro.

Faro de Estaca de Bares

Estaca de Bares é un espazo natural declarado zona especial de conservación (ZEC) Este cabo é o punto máis setentrional da Península Ibérica e o que se considera o punto de división entre o mar Cantábrico e o Atlántico.
Cabo de Estaca de Bares

Mirando cara ao Oeste vemos Cariño e Cabo Ortegal.


Neste cabo tamén poden verse as ruínas dunha instalación militar estadounidense abandonada que operou como unha estación de navegación (LORAN) e de comunicacións.

Ruinas da instalación militar

A base foi empregada pola Garda Costeira de EE.UU e despois pola Forza Aerea ata 1991
Interior das instalacións militares

Actualmente estas instalacións están en ruina.
Interior das instalacións militares

O concello de Mañon é o dono destas instalacións dende 2019. Actualmente están vandalizadas e a pesares de todo aínda se manteñen en pé, o que dá idea do sólida que é a obra.
Ruinas da instalación militar

Ao pé da antiga base americana, colgados do acantilado, atopanse unha serie de muíños de gran valor etnográfico e patrimonial. O que vemos á dereita mantén aínda impecable a súa estructura.
Muíños

Había 5 muíños colocados en cascada e así aproveitaban a auga duns a outros. 

As canles polas que ía a auga duns muíños a outros.
Muíños

Pódese baixar para verde cerca tódolos muíños, pero con precaución. Algúns deles están moi cerca do precipicio. Eu supoño que antes, cando estaban en funcionamento, non estarían tan preto do mar. Co tempo, a erosión vai facendo das súas e o mar vai levando a terra.
Muíños

Este pequeno e case insignificante reguiño surtía de auga a tódolos muíños.

Na foto seguinte, vemos o observatorio de aves considerado dos mellores de Europa para a observación de paxaros, un paraíso para os especialistas e para os afecionados que se achegan para ver o paso de milleiros de aves do Atlántico e do Ártico buscando lugares máis cálidos.

Observatorio ornitolóxico

Por este fermoso camiño abandono Estaca de Bares.



O coído da foto seguinte, chámase A Marufa. Deben baixar ata aí os pescadores porque vin unha corda para suxeitarse. Aínda así, considero que é un lugar perigoso e só apta a baixada para xente moi acostumada a facelo e que coñece moi ben onde se mete.
Dende o pico destes tremendos acantilados de máis de 200m.  se tiran os que practican parapente. Os entendidos din que A Marufa é un dos mellores lugares para facelo.

A Marufa

A miña planificación desta ruta ía pola estrada pero con motivo da próxima carreira está desbrozado un camiño que vai moito máis preto do mar.

O traxecto vai entre toxos pero en ningún momento te picas. O carreiro é o suficientemente ancho para pasar perfectamente.

Na foto seguinte vese a estrada por onde pensaba que tería que ir. Sen dúbida, moito mellor por aquí.

O limpo camiño e ao fondo, a fermosa imaxe que se pode contemplar.


É unha subida con bastante desnivel dende logo.

O carreiro polo que vin, desemboca na estrada xa case chegando ao Semáforo de Bares.


Estrada de subida. 
 
Case no punto máis alto, atopo un bon rabaño de cabras.

Había moitas!!

O Semáforo de Bares foi unha antiga construcción militar construida nos anos 20 do S. XIX no Monte Facho Maeda. Estivo funcionando ata mediados dos anos 70 do S. XX. A súa función era comunicarse cos barcos mediante bandeiras e tamén funcionaba como estación meteoroloxica e centro de observación militar.
Despois, o concello de Mañón comproullo ao Ministerio de Defensa e rehabilitouse para convertirse nun Hotel da Natureza que foi xestionado por Francisco Javier Pardo.

Hotel da Natureza "O Semáforo"

O establecemento  situado a 210m. sobre o nivel do mar, ten unhas extraordinarias vistas ao Atlántico e ao Cantábrico. Tivo moito éxito ao principio con moita clientela, pero efectos da humidade que se foron agravando e o insuficiente illamento térmico e acústico fixeron que o xerente abandonase o lugar a principios deste 2025. Agora está a espera de rehabilitación para unha nova concesión.
Hotel da Natureza "O Semáforo"

Non estaba o día moi bo para fotos pero podemos distinguir aló embaixo a praia de Bares.

Agora si que toca voltar por estrada para facer a ruta circular sen volver polo mesmo sitio da ida.

 Baixo pola estrada rodeada de eucaliptos durante 1km.

E despois de 1 km. torzo á esquerda para pillar outra estrada moi local, estreita, durante 1,5 km, aproximadamente. Unha estrada con bo desnivel.




No alto da vila, vemos a Capela de S. Pedro.

Baixo ata beira do mar de novo pero agora polo lado contrario ao que marchei e atopo esta pequena cala rodeada de grandes coios.

A marea está agora máis baixa, pero a estampa segue a ser idílica.

Ao dique ou escollera, tamén chamado coído que hai frente á localidade, bastante antigo, Federico Maciñeira chegoulle a atribuir oríxes fenicios, pero esta hipótese parece que  quedou descartada por autores máis recentes que din que é probable que este coído teña unha orixe romana.



Páxinas web consultadas:

https://patrimoniogalego.net/index.php/48557/2013/08/penon-da-eirexa-vella-da-praia-de-bares/
https://www.gciencia.com/destinos-ciencia/estaca-bares-paraiso-ornitoloxico/
https://www.miniontour.es/
https://es.wikipedia.org/wiki/Puerto_de_Bares