Amosando publicacións coa etiqueta Fragas do Eume. Prov A Coruña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fragas do Eume. Prov A Coruña. Amosar todas as publicacións

martes, 22 de setembro de 2026

CAMIÑO DA VENTUREIRA (FRAGAS DO EUME)

 Esta ruta nas Fragas do Eume é unha das máis fermosas que fixemos neste Parque Natural, xa que se adentra no corazón das Fragas e pasa polo mosteiro de Caaveiro, icono deste parque e pasa tamén por pontes emblemáticas como a do río Sesín e Santa Cristina.

 As Fragas do Eume son un  Parque Natural na provincia da Coruña considerado como o bosque atlántico de ribeira mellor conservado de Europa.
Ao longo de máis de 9000 hectáreas, segue o escarpado curso do río Eume e esténdese por 5 concellos: As Pontes, Pontedeume, Monfero, A Capela e Cabanas.
Esta ruta situase sobre todo no concello de A Capela aínda que tamén toca o concello de Monfero.

Características da ruta:
Lonxitude: 9,5 km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sinalizada. Nós fixémola ao revés de como está deseñada oficialmente. O meu track en WIKILOC

Descrición:
Nós aparcamos na estrada chamada "Camiño da Ventureira" que vai dende A Capela. Primeiro atopamos o apardoiro para buses e algo máis abaixo un pequeno aparcadoiro para coches. Aí os deixamos.
Despois de camiñar 600m. pola estrada, pillamos un camiño á esquerda.
Pista de inicio

Deseguida nos damos conta de que estamos no medio da fraga:

Os eucaliptos parecen unha ameaza: Un estudio do CSIC revela que os eucaliptos medraron máis dun 48 % dende 1997 cando o
 parque foi declarado espazo natural , mentras o bosque atlántico autóctono retrocedeu un 17,6 %, aínda que a Xunta comprou terreos nos que retirou eucaliptos co fin de plantar especies autóctonas.
Eucaliptos nas Fragas

Por un estreito carreiro onde conectamos co Camiño Vello de Caaveiro, accedemos ao mosteiro.
Camiño vello de Caaveiro

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro é un mosteiro medieval localizado nas Fragas do Eume, á beira do río Eume. Sitúase na parroquia da Capela no concello coruñés do mesmo nome.

O mosteiro estableceuse no S. X para acoller os numerosos anacoretas que vivían dispersos na zona. Pero pronto, importantes doazóns de Rosendo de Celanova engrandecen o seu patrimonio. 

Obtén así o cenobio un gran poder, acadando a súa igrexa a categoría de Real Colexiata (con seis coengos) que conservará ata finais do S. XVIII.

Comezou pertencendo á Orde de San Bieito, pero no século XII converteríase en Colexiata de Coéngos Regulares de Santo Agostiño. No S. XIII prodúcese a máxima expansión do seu dominio.

Durante a Baixa Idade Media co auxe da Casa de Andrade perdeu moito poder económico, que recuperou en tempos dos Reis Católicos.

Coa desamortización, todas as posesións da comunidade foron vendidas polo Estado a particulares, as reliquias de San Rosendo foron trasladadas a Santiago, e algúns dos obxectos relixiosos, como as imaxes ou as campás da igrexa, foron distribuídas entre as igrexas das Neves e Soaserra.

A partir do ano 1800 queda abandonado, quedando ao coidado dun caseiro e inicia así a súa decadencia e deterioración. No S. XIX, Pío García Espinosa, que comprara boa parte das terras que rodean o mosteiro, consegue unha autorización do Arcebispo de Santiago para restauralo. Derruba, para acometer a restauración, a casa dianteira e a igrexa prioral (1896), edifica un pavillón ameado e reconstrúe a capela de Santa Isabel. Incluso volve ser ocupado por relixiosos, pero esta vida monacal coa morte de Don Pío volve desaparecer.

O conxunto foi declarado no ano 1975 monumento histórico-artístico pola súa importancia arquitectónica.

Na actualidade é propiedade da Deputación da Coruña, que iniciou un proxecto de restauración para a posta en valor do conxunto.

Mosteiro de Caaveiro

Pavillón de D. Pío ocupa o lugar onde estaba a sacristía da igrexa.

Pavillón de D. Pío

Existían dúas igrexas. Da primeira apenas quedan vestixios.

Os restos máis antigos son do S. XII, destacando a capela de Santa Isabel, que se ergue sobre un montículo moi escarpado. Do templo románico só se conserva en bo estado a testeira, na que se abren tres pequenos vans románicos e boa parte da nave.

Capela de Santa Isabel

Consérvanse tres das seis casas que houbo pertencentes aos coengos que aquí vivían. Só dúas casas foron restauradas no 1896 por Pío García Espinosa, un avogado asentado en Pontedeume.
Casa de Coengos e pavillón de D. Pío

O entorno do mosteiro de Caaveiro é case de conto de fadas!! Mirade que camiño baixa ao muíño:

Camiño ao Muíño de Caaveiro

O río Sesín rodea o mosteiro xusto antes de desembocar no Eume. Na foto, unha ponte sobre este río, a Ponte de Caaveiro. Esta ponte chegou aos nosos días en moi bo estado e antigamente era a entrada ao mosteiro. É unha ponte de orixe románico.
Ponte de Caaveiro

O Muíño de Caaveiro ao pé do río Sesín pertencía ao mosteiro e servía para moer o gran que empregaban os monxes e demais habitantes do lugar. Destaca a paisaxe na que se atopa, con moita vexetación e a arquitectura en pedra. 
Muíño de Caaveiro
O río Sesín tamén se chama Rego da Mazoca ou  río da Brea. Nace na Serra de Forgoselo e desemboca no Eume moi preto do mosteiro de Caaveiro.

Unha imaxe da Ponte románica de Sesín ou de Caaveiro.
Ponte de Sesín ou de Caaveiro

A falta de auga nótase nos ríos que máis ben semellan regos:

Atravesamos rústicas pontes en fermosos entornos:

O río Eume nace na Serra do Xistral, na parroquia de Montouto (Abadín). Eu coñecín o nacemento deste río nesta RUTA
Despois de percorrer uns 80 km. desemboca no Atlántico, formando a ría de Ares, entre Cabanas e Pontedeume.
O Eume, no seu curso medio e final, forma un profundo canón onde se atopan estas Fragas que hoxe percorremos.
Río Eume

A Ponte de Santa Cristina de orixe medieval marca o punto final dos accesos vehiculares (ou do autobús lanzadeira do parque) e funciona como entrada á última subida a pé cara ao mosteiro.
Oficialmente, a Ruta da Ventureira empeza e remata nesta ponte pero ao ser circular pode empezarse e rematar noutros puntos. Nós empezamos e rematamos na estrada que vai á capela como xa expliquei.

Ponte de Santa Cristina

Cruzada a Ponte de Santa Cristina, pillamos á esquerda por un ancho camiño  rodeado de exuberante vexetación. Vai un día de sol e calor, pero á beira do río e con esta sombra, camíñase ben.

 Despois o camiño estreitase e vólvese un irregular carreiro con raíces e pedras.


Unha pontella de cemento salva o Rego de Rodeiro ou da Vaca.

En época de chuvias este rego forma aquí unha fermosa cascada pero nesta época (é setembro e hai tempo que non chove con xeito) non baixa apenas auga.
Rego de Rodeiro ou da Vaca, hoxe sen auga

Abelairas, amieiros, freixos, carballos e un longo etc forman estas frondosas fragas polas que apenas se deixa ver o sol.

Por unha pequena ponte de madeira cruzamos o río Parrote e vemos a Mini- Central Hidroeléctrica do mesmo nome, hoxe en desuso.
Mini Central do Parrote

Afrontamos agora unha dura subida por pista asfaltada.

Nunha paisaxe espectacular vemos outra ponte de madeira que salva a caída da Fervenza do Retorno, aínda que neste caso non hai fervenza!!

Estamos baixando á Central Hidroeléctrica do Eume.

A Central Hidroeléctrica do Eume veu sustituir no ano 1959 á anterior que atoparemos algo máis adiante, a Central Hidroeléctrica Ventureira.

 A Central Hidroeléctrica da Ventureira foi unha das primeiras minicentrais galegas do S. XX. Empezou a construirse no 1901 e foi inaugurada a principios de 1903 co nome de Central Hidroeléctrica do Salto da Ventureira, aínda que tamén era coñecida como "Central de A Capela".
En 1959, cando se puxo a funcionar o encoro e a nova central, esta foi pechada e abandonada.

Esta vella central xa está á beira da estrada pola que en 500m. aprox chegaremos ao inicio de ruta onde deixamos os coches.

Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Mosteiro_de_San_Xo%C3%A1n_de_Caaveiro

https://montanaycorazon.com/