Fixera, hai un tempo, unha ruta que pasaba non moi lonxe do nacemento do río Eume. Daquela, propúxenme que un día sí que iría ata ese río que empezaba a nacer. Hoxe foi o día.
Parte do traxecto desta ruta coincide co que xa fixera pero dá igual, as rutas polo Xistral, a pesares dos Eólicos, a min sempre me reconfortan porque sempre son distintas, solitarias e fermosas.
Características da ruta:
Lonxitude: 10km.
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC
Descripción:
A ruta empeza e remata cerca da aldea de A Arca (parroquia de Montouto) no concello de Abadín.
Deixamos o coche nunha beira da estrada pola que chegamos, xusto ao pé da pista ao Parque Eólico. Por esa pista empeza a camiñata.
Empezamos a ruta a bastante altitude, a o redor dos 800m, e as vistas son xa fabulosas.
Varias aldeas polas que vimos de pasar no coche esténdense ao longo do val.
O contraste entre o ceo, o mar e as montañas:
Ao fondo, a Serra da Toxiza e o Cantábrico.

Imos subindo pero de xeito moderado. O desnivel é pouco e no cansa.
Vemos un rabaño de ovellas. É a 1ª vez, nas rutas que levo feitas no Xistral, que vexo gando ovino.

É frecuente ver cabalos. Estamos no Carranco a 929m. o punto máis alto da ruta.

Foto tomada dende Os Altos do Fiouco a 908m. onde se ve o val da parroquia de Montouto.
En canto damos a volta á montaña, aparece diante de nós o canón que o río Eume forma entre as montañas e, ao lonxe, a estrada pola que despois iremos para achegarnos a el.
Estamos no Parque Eólico do Fiouco e alí embaixo vemos a Subestación pola que despois pasaremos. (As subestacións son centros neurálxicos onde se recolle a enerxía dos aeroxeradores transformando a media tensión en alta para o seu transporte)
Teremos que percorrer toda esa pista para achegarnos ao río Eume.
Estamos nunha valgada ou valga e encamiñámonos por ela cara ao río.
De lonxe, chamaba moito a atención este aparello. Cando nos fomos achegando descubrimos que é unha estación meteorolóxica automática que acostuman a colocarse en zonas abertas como na que estamos para recoller datos fiables sobre a meteoroloxía e, dado que estamos nun parque eólico, é moi probable que se use tamén para estudos de vento .
 |
| Estación meteorolóxica automática |
E aquí temos o Eume recén nacido case, cando aínda é un rego. |
| Río Eume |
O proxecto Life In Common Land que xurde no 2017 liderado pola Deputación de Lugo e no que participan as Universidades de A Coruña e de Santiago, involucra a 11 montes veciñais de Muras, O Valadouro, Xove, Ourol, Viveiro e Abadín e aposta por unha gandería extensiva de vacas e cabalos para recuperar os hábitats da Serra: as turbeiras de cobertor, as turbeiras altas activas e os brezais. Dito proxecto rematou no 2022.
Por ese rego que se ve na foto vai o Eume trazando o seu percorrido. Quédalle un longo camiño...
Voltamos ata subestación polo mesmo camiño da ida (este tramo de ida e volta ten 4,1km.)
Agora a pista xa é asfaltada. Atravesamos prados pola zona baixa da Serra.
Pasamos cerca das aldeas de A Laxe, Vaqueriza...pero non entraremos nelas como fixen na outra ruta.
Deixamos o asfalto pillando o camiño que está en 1º plano.
Seguimos por este camiño que notamos que ten uso agrícola.
Pasamos por Arca e vemos a súa cruz á beira da estrada. A cruz está rota ou inacabada.
Arca é a capital da parroquia de Montouto. Aínda non chega a 20 habitantes.
Dende A Arca ata onde temos o coche hai algo menos de 1km.
Ningún comentario:
Publicar un comentario