Amosando publicacións coa etiqueta Cáceres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cáceres. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de xullo de 2022

CÁCERES

 A nosa viaxe a Portugal e terras extremeñas durou dende o xoves 23 (a tarde deste día foi para a viaxe) ata o domingo 26. O venres visitamos 4 localidades portuguesas e o sábado pola mañá outras dúas. Se pinchades en cada nome lévavos directamente á detallada información destas fermosa aldeas e vilas que visitamos.

MONSANTO

PENHA GARCÍA

SABUGAL

SORTHELA

CASTELO VIDE

MARVAO

Despois de comer moi ben no Restaurante Tabú  en Valencia de Alcántara, xa en España, a tarde do sábado fómonos a Cáceres.

CÁCERES.- 

Esta cidade declarada Patrimonio da Humanidade conserva un dos conxuntos monumentais mellor conservados de España e pasear polo seu casco histórico e meterse de cheo na I. Media.

Cáceres existe dende tempos inmemoriales. No ano 27 a. C. formaba parte da provincia romana de Lusitania con capital en Augusta Emérita (Mérida) e nos séculos I e II viveu unha época de gran prosperidade.

No S. V os visigodos destruiron o que quedaba da colonia romana. Máis tarde as tropas musulmanas elixen Cáceres como lugar estratéxico para establecer unha base militar. No S. XII, Fernando II de León faise co control da cidade que máis tarde volverá a mans musulmáns ata que é conquistada definitivamente por Alfonso IX de León. Tras morrer este rei , Cáceres pasou a pertencer á Coroa de Castela.

A parte máis importante do conxunto histórico atópase no recinto intramuros (a zona que estaba no interior da muralla almohade) que se conoce como Ciudad Vieja de Cáceres.

Forma un entramado de rúas estreitas e prazas, que conservan básicamente a mesma estructura dende hai séculos.

Saco esta foto indo no autobús observando como vai cambiando a paisaxe a medida que entramos en Extremadura. Apenas hai árbores e color predominate é o amarelo e marrón. Estamos nuhna zona seca e árida.

Comenzamos a visita a esta cidade na Praza Maior onde temos varios monumentos de importancia. Está unha guía esperándonos para explicarnos todo o relativo á parte antiga da cidade.

Praza Maior de Cáceres
 

Vemos o edificio do concello. É clasicista do S. XIX

Edificio Consistorial

Xunto ao concello temos o Foro dos Balbos onde se atopaba unha das portas de acceso á cidade romana. Vemos a Torre da Yerba, unha das últimas construidas polos musulmáns. É unha construcción árabe do S. XII que tiña a función de defender a cidade ademais de servir de atalaia .

Torre da Yerba
 
Na Praza Maior temos tamén a Torre de Bujaco que é un dos seus elementos máis representativos. Esta torre formaba parte das murallas almohades do S. XII. Adosada a esta torre atopamos a capela da Paz do S. XVIII:
Torre de Bujaco e Capela da Paz

Tamén vemos na praza a Torre dos Púlpitos, a única construida polos cristiáns trala toma definitiva da cidade, tódalas demais que hai formaban parte da muralla almohade. Observamos que ten unhas troneiras que se semellan moito aos púlpitos das igrexas, de aí o nome.

Torre dos Púlpitos

Imos adentrarnos no casco antigo pola Porta da Estrela, de estilo barroco do S. XVIII

Igrexa-Concatedral de Santa Mª dos S. XV e XVI combina os estilos románico e gótico con detalles renacentistas.
Concatedral de Santa Mª

Frente á fachada principal da catedral vemos o Pazo Episcopal (tódolos pazos episcopais que levo vistos son uns tremendos edificios maxestuosos) Non sei...pegaba máis coa igrexa algo máis humilde....
Este ten unha fachada renacentista ben fermosa.
Pazo episcopal.
 
O Pazo de Carvajal pertence á Diputación de Cáceres dende 1985 e actualmente úsase como sede do Patronato para a promoción do Turismo e a Artesanía da provincia de Cáceres. A liñaxe dos Carvajal chegou á cidade no S. XV procedente de Plasencia e levantaron  o seu pazo xunto á catedral. Esta familia no S. XV tomou parte activa nos enfrentamentos nobiliarios que houbo na cidade.
Pazo dos Carvajal

Torre do Pazo dos Carvajal

Poidemos visitar os xardíns do Pazo de Carvajal . Este pazo foi coñecido como a "Casa queimada" debido a un incendio que sufreu no S. XIX. Volveu recuperar o seu esplendor na década dos sesenta da man de Dolores de Carvajal, descendente dos Carvajal e Álvaro de Cabestany. Os seus herdeiros venderon o pazo á Diputación en 1985.
Nos xardíns hai unha figueira centenaria. O matrimonio do que falamos antes, Dolores e Álvaro, intentaron cortala pero sempre volvía brotar e intentaron tapala con cal viva e dise que ese foi o motivo xunto coa idade de que teña esas protuberancias e deformacións no tronco. É esta:
Figueira centenaria

A
Casa ou Pazo dos Ovando é de estilo Renacentista. No arco da porta apreciamos dous medallóns que representan a Hernando de Ovando e á súa muller
Pazo dos Ovando.

O Pazo dos Mayoralgo foi construido entre os séculos XIV e XV cunha fachada do S. XVI reformada no S. XX na que destaca o arco de medio punto e o escudo da familia.
Pazo dos Mayoralgo

O Pazo dos Golfiños de Abaixo é un dos edificios máis fermosos que veremos construido entre os séculos XV e XVI en estilo gótico. Destaca sobre todo a súa fachada plateresca. Este pazo foi albregue dos Reis Católicos en varias ocasións.
Pazo dos Golfiños de Abaixo

Ao pé da catedral temos o Pazo Provincial da Deputación de Cáceres. A portada, encadre das ventanas, escudo cornixa proceden dun seminario desaparecido.
Pazo Provincial da Deputación

Aquí vemos de fondo o Pazo dos Ovando e en 1º termo a escultura de S. Pedro de Alcántara, patrón de Extremadura. É de bronce e é o autorretrato do escultor que a realizou: Enrique Pérez Comendador.
Pazo dos Ovando e estatua de S. Pedro de Alcántara

O que vemos a continuación é o Pazo do Ministerio de Fomento construido sobre a antiga capela de Santa Catalina da que non quedan restos.. Foi reconstruido no 1964 e formou parte do desaparecido  Seminario Galarza. A fachada é barroca e podemos ver nela os escudos episcopais.

Pazo do Ministerio de Fomento.

Moi cerca temos outra praza preciosa, a de S. Jorge coa igrexa de S. Fracisco Javier ao fondo.  Esta igrexa é de estilo barroco construida no S. XVIII pola Compañía de Xesús xunto co convento que ten ao lado. A praza está dedicada ao patrón de Cáceres: S. Jorge.
Igrexa de S. Francisco Javier e convento dos Xesuitas na Praza de S. Jorge


Unha rúa dos casco histórico:

 E outra:


A Torre das Cegoñas está situado na Praza de S. Pablo. Coñécese por este nome pola cantidade de cegoñas que aniñan nela. É un edificio do S. XV no que destaca a súa alta torre. É a única torre do recinto histórico que non foi desmochada (Isabel a Católica dera a orde de desmochar as torres de tódalas casas ou pazos afíns a sá inimiga Juana La Beltraneja)
Actualmente é posesión do Ministerio de Defensa.
Torre de las Cigüeñas

Na Praza de S. Mateo temos esta igrexa do mesmo nome. Empezou a construirse no S. XVI no solar onde houbo unha mezquita. A torre levantouse no S. XVIII e polo tanto atopamos nesta igrexa distintos estilos: gótico, renancentista e barroco. A portada é plateresca.

Igrexa de S. Mateo
Unha rúa do casco histórico:

Outra porta de entrada á cidade amurallada é esta de Santa Ana. Dende a época musulmana foi unha entrada menor para a cidade intramuros. Era máis estreita. No S. XVIII foi ensanchada. No centro do arco vemos unha hornacina coa imaxe de Santa Ana
Arco de Santa Ana


  O Pazo dos Condes de Adanero foi construido no S.XVII e ten unha curiosa fachada.
Pazo dos Condes de Adanero

A Torre de Sande forma parte da Casa dos Paredes-Saavedra, foi construida no S. XIV e reformada no XV. É de estilo gótico e acostuma a estar cuberta de hedra.
Torre de Sande

A Casa de los Ribera alberga actualmente o rectorado da Universidade de Extremadura. Destaca pola súa gran fachada en sillería de granito e ten como único adorno o escudo da casa dos Ribera, destacada familia nobiliaria cacereña. Esta austeridade nas fachadas é típica dospazos cacereños que nas súas orixes teñen que ser casas fortes que servan de defensa ante posibles ataques.
Casa de los Ribera
E así foi a nosa visita a Cáceres. Vimos moitísimos monumentos, os máis importantes e coñecidos da Praza maior e do recinto amurallado pero aínda así non os vimos todos. Quedan aínda bastantes cousas interesantes por ver pero para un día xa chegaron. A guía que levamos era amena na sua charla, non nos atiborrou con demasiados datos. Foi clara e bastante concisa.
Teremos que voltar por Cáceres ver o que nos quedou e ao mellor visitar Trujillo e outras moitas aldeas históricas de Portugal que quedan por ver. Ao mellor necesitamos unha semana...

Páxinas web consultadas:
https://www.viajarporextremadura.com/caceres/guia-de-la-ciudad-de-caceres-recorrido/
https://www.barcelo.com/guia-turismo/es/espana/caceres/que-ver/casco-antiguo-caceres/