Amosando publicacións coa etiqueta Provincia de A Coruña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Provincia de A Coruña. Amosar todas as publicacións

martes, 3 de marzo de 2026

AO REDOR DA PRAIA DA FROUXEIRA (VALDOVIÑO)

 É a 1ª ruta que realizamos neste concello da prov. da Coruña que pertence á Comarca de Ferrol. O principal patrimonio deste municipio son as súas praias sobre todo a da Frouxeira, un extenso areal de 3,5 km. de area fina e augas bravas, ideal para a práctica de surf e para longas camiñatas.

A nosa ruta de hoxe ten como protagonista principal este areal e o seu sistema dunar, o faro e as vistas desta Costa Ártabra, que son verdadeiramente únicas.

A Costa Ártabra é un espazo natural protexido espectacular caracterizado por vertixinosos acantilados, rías e praias entre Ortigueira e Ferrol. Esténdese polos municipios de Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Narón, Ferrol, Ares e Mugardos.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Despois de deixar os coche no aparcadoiro da praia da Frouxeira ou de Lago,  imos cara á dereita para achegarnos ata a lagoa.


 A Lagoa de Valdoviño constitúe un ecosistema de gran valor, no que habitan milleiros de aves, en especial, migratorias, que atopan na lagoa o lugar ideal para descansar e aniñar.  Está considerada Zona húmida de importancia internacional e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra) e está incluída no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia

Anualmente a Xunta de Galicia procede a abrir a canle que vai da lagoa ao océano para previr inundacións nas vivendas da zona.


Dende a lagoa demos a volta para ir todo pola area.

Deixamos a vila de Valdoviño ás nosas costas.

A praia da Fouxeira ou de Lago, por atoparse nesta parroquia, mide en total 3,5km. dos que nós percorremos 2,5. O outro km. quedaba da lagoa para o outro lado.
É unha praia ventosa e con moitas ondas pero hoxe tivemos moita sorte e o día estaba en calma total, sen vento. Parece ser que é boa para a pesca.

Atopamos tamén un equipo de homes botando un partido de fútbol.

De súpeto atopamos o Rego Magno que baixaba con bastante auga para poder cruzalo sen mollarnos ata os xeonllos. Un dos xogadores de fútbol indicounos que había unha pontiña algo máis arriba e 5 persoas das 6 que íamos pasaron por aí. Eu preferín descalzarme para cruzalo.

O sistema dunar da Frouxeira é un dos máis importantes do noroeste penínsular e ten un gran valor ecolóxico.

Este sistema de dunas é producto da interacción da area da praia co vento, sendo unhas dunas de gran dinamismo. Algunhas delas tenen máis de 5000 anos.

Despois de atravesar o rego anterior e as dunas, voltamos á praia para camiñar ao pé da auga.

Esta praia é excelente para a practica do surf e vimos moitos surfistas que semellaban ser dalgunha escola. Ao fondo, Punta Frouxeira.

Ao fondo, Punta Candieira.

Rematada a praia, subimos por un carreiro entre dunas.


Xa vemos o Faro de Punta Frouxeira, situado na Punta Frouxeira, na parroquia de Meirás (Valdoviño).

Construído en 1992 cun deseño vangardista, non empeza a operar ata xuño de 1994, en modo de proba, pasando a definitivo en novembro do mesmo ano. Ten unha elevación de 94 metros sobre o nivel do mar e un alcance de 21 millas.


Chegando ao faro, as vistas son espectacularmente fermosas.  Vemos os acantilados de O Porto e ao lonxe de todo, Cabo Prior.

É un dos faros máis novos de Galicia, só superado polo de Punta Nariga en Malpica.
Vemos tamén as ruinas dunha antiga instalación militar. Estas instalacións proliferaron a principios da década dos anos 40, cuxa finalidade era protexer a costa ante eventuais ataques doutros países despois da 2ª Guerra Mundial.

Dende aquí vemos a Cruz en Punta Frouxeira. Este monumento, que data do S.XVIII e  destaca polo seu valor cultural e pola súa impresionante ubicación, ofrecendo vistas panorámicas sobre a costa galega

Os acantilados que hai nesta zona son de alto risco con fortes ventos e ondas que poden acadar os 9m. de altura e foron testemuña de accidentes de varias persoas que se achegaron demasiado ao mar. No 2014, unha familia de 3 membros foi arrastrada por unha gran onda, no 2017 tamén morreu un home ao caer polas rocha e no 2022 atopouse un home que se despeñara ao igual ca o seu coche.
Cando hai grandes temporais péchase o acceso a estes lugares.
Na foto seguinte, unha homenaxe a un neno de tan só 3 meses que non sabemos se tamén morreu neste lugar.

Consérvanse diferentes túneles que daban acceso aos proxectores. Na foto, a boca dun deles. Estes proxectores iluminaban o mar pola noite pra disuadir aos inimigos e poder localizalos con facilidade se entraban na zona; tiñan focos moi potentes que acadaban incluso os 20km. de distancia.


Os acantilados son impresionantes e a zona é de alto risco se hai temporais.

Na imaxe seguinte, o edificio de observación que se conserva en Punta Frouxeira.


As vistas agora son espectaculares cara aos acantilados de O Porto onde se atopa unha capela que axiña veremos máis cerca. Ao fondo de todo, Cabo Prior.

Este tramo do percorrido, lembra bastante a outros do Camiño dos Faros que xa fixemos.

A Capela de Nosa Señora do Porto, tamén coñecida como Nosa Señora do Mar ou Virxe do Porto, está situada na parroquia de Meirás. Está construida sobre unha pequena illa rochosa á que só se pode acceder a pé coa marea baixa.

Conta a lenda que uns pescadores atoparon a imaxe da Virxe no mar e levárona a terra. Ao día seguinte, a  imaxe volveu a aparecer de novono mar e decidiron levantar unha ermida sobre unhas rochas en honor á que agora coñecemos como a 'Virxe do Porto'.

A capela está situada nun enclave cun encanto único. 




Ao pé da capela anterior, hai unha cetérea en ruinas. Pasou de ser un centro pioneiro na cría de diferentes especies de peixe a convertirse nun punto de lixo, cheo de grafitis.

Unha última imaxe da cetárea e a capela.

Alonxámonos de momento da costa por este carreiro.

Desembocamos nunha estrada local pola que imos só durante uns metros.

Deseguida pillamos un camiño que nos vai levar de novo á praia da Frouxeira pero pola parte das dunas.

Polos carreiros que hai entre as dunas, chegamos ao punto de inicio.

Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Lagoa_da_Frouxeira

https://gl.wikipedia.org/wiki/Faro_de_Punta_Frouxeira

https://costaartabramilitar.com/punto-patrimonial/baterias-punta-frouxeira-proyector-puesto-de-combate-y/

venres, 23 de xaneiro de 2026

ESPASANTE (ORTIGUEIRA) RUTA CIRCULAR

 Esta é a 4º ruta que imos realizar no concello de Ortigueira. Un tramo da mesma xa o coñezo debido a que forma parte do último tramo que fixemos do Camiño Natural do Cantábrico. O día hoxe amenazaba con chover e así o fixo. Tivemos chuvia e tamén algo de sol.

Santa Marta de Ortigueira é un concello da provincia de A Coruña e que pertence á Comarca de Ortegal xunto cos concellos de Mañón, Cariño e Cerdido. 

Características desta ruta:

Lonxitude: 11 km.

Dificultade: fácil (excepto as escaleiras de baixada dende o castro de Espasante á praia de Santa Cristina que, se están molladas, esvaran moito.)

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Estamos en Porto de Espasante,  parroquia de Espasante ou S. Xoán de Espasante dentro do concello de Ortigueira.

A poboación de Espasante concéntrase en dous núcleos importantes, O Porto, que é o núcleo máis importante, onde está o centro de saúde, a farmacia, establecementos hoteleiros e de hostalería, e outro popularmente chamado a Aldea, que agrupa varios lugares ao longo da estrada AC-682 e arredor da igrexa parroquial. Na mesma Aldea, paralela a AC-862, hai unha estación de FEVE que hoxe só funciona como apeadoiro.

Porto de Espasante namoroume cando o coñecín: é unha pequena vila de tradición mariñeira que conta con xoias importantes e fermosas: 3 praias espectaculares; a garita Casa da Vela cunhas vistas espectaculares ao Cabo Ortegal, Espasante e a enseada de S. Antonio; o castro Punta dos Prados...

Empezamos e rematamos esta ruta ao pé da praia de S. Antón onde hai aparcadoiro para deixar os coches (agora, no inverno foi moi doado atopar sitio; no verán xa non sei se haberá tanto porque son aparcadoiros moi pequenos para a cantidade de xente que hai nesta vila nesa estación.)

NOTA: as fotos que se poden ver nesta entrada, pertencen a maioría a ruta descrita e outras pertencen á ruta do Camiño Natural do Cantábrico feita con anterioridade nun día de sol.


 A praia de S. Antón está encravada na parte norte da vila e ten sobre 500m . de lonxitude. É unha praia con tódolos servizos e moi boa calidade de auga por eso recibe a bandeira azul cada ano.

Praia de S. Antón

Pasamos por diante da capela de S. Antón punto de encontro de romaxes de xentes e animais en épocas aínda non moi afastadas.

Capela de S. Antón

Imos de camiño á garita Casa da Vela e vemos á nosa dereita a fermosa enseada de S. Antón coas praias de Mazorgán, Eirón e S. Antón.
Enseada de S. Antón

Vistas da ría de Ortigueira dende a Garita Casa da Vela.
Ría de Ortigueira e Ladrido

Tamén vemos dende o mesmo lugar o Cabo Ortegal e a vila de Cariño.
Cabo Ortegal e vila de Cariño

Garita ou Casa da Vela está reconstruída e  formaba parte dun sistema defensivo e de vixiancia propio dos S. XVI e XVII en toda esta zona de costa debido aos ataques que sufrían por parte de piratas, sobre todo ingleses.

Garita da Vela

Moi cerca da garita vemos esta outra construcción que parece ter un significado relixioso, non sabemos cal.

Algunha destas garitas costeiras tiñan baterías militares para defenderse. É probable que tamén esta Garita da Vela contara cun destes sistemas que estaría ubicado nun castro que hai máis abaixo.
Garita da Vela

 Unha chimenea que serviría para quentarse nas longas noites de inverno.

Vistas ao Porto de Espasante e á praia da Concha.
Espasante dende a Graita da Vela

Deixamos o asfalto para pillar un camiño que vai á beira do mar.

E chegamos ao Castro Punta dos Prados. É un pequeno poblado ( non esta todo escavado) Está sobre nunha penísula ao igual que a maioría de castros marítimos xa que así aproveitaban as condicións naturais de defensa dos cantís e na zona do istmo, construían as vivendas. Botamos de menos que non haxa nin un solo panel interpretativo.
Castro Punta dos Prados

Vistas dende o castro a Cabo Ortegal e Cariño. A erosión fixo que o tamaño do castro se reducira á metade aprox.

As escavacións realizadas en 2003 permitiron exhumar parte do entramado de estructuras que rodean o monumento con forno.
O castro aproveita as defensas naturais do acantilado, e onde estas non existen, eríxense monumentais defensas artificiais que constan de dúas liñas de muralla de terra e pedra, dous anchos foxos en forma de U e un parapeto exterior. O espazo intramuros queda na aba dunha suave pendente e existe unha rampla que vai dende o foxo ata o cumio do castro.
Castro Punta dos Prados

Entre os obxectos que se puideron recuperar, ademais de tipos cerámicos de man e torno lento, cerámica común romana e sigilatta, crisois con restos de bronce, muíños, pesas, fusaiolas, unha fíbula e un ás de bronce de época imperial, que permitiron unha mellor datación do xacemento, destaca a aparición unha conta de colar de pasta vítrea, oculada, e unha arracada de ouro, que poderían indicar unha primeira ocupación do castro entre os séculos IV e III a. C.
Castro Punta dos Prados

Por unhas escaleiras de madeira  moi esvaradías hoxe ao estar molladas, baixamos e atopamos de súpeto unha pequena praia: trátase da Praia de Santa Cristina ou dos Namorados.
Praia de Santa Cristina

A praia anterior está pegada ao porto. Da importancia do mesmo dá conta o nome da vila, xa que oficialmente chámase S. Xoán de Espasante pero todo o mundo a coñece por Porto de Espasante. Aínda que actualmente se ven moi poucos barcos no seu porto, é unha vila de gran tradición pesqueira.
Porto de Espasante

praia da Concha, no lado contrario á de S. Antón (Non esquezamos que estamos nunha península) é moi fermosa, o seu nome vén da forma que ten. É unha praia grande e tranquila de area fina e está rodeada dun sistema dunar e dun fermoso paseo
Praia da Concha

Chamaron a nosa atención estas fotos que hai no paseo. Son obra de Mónica Fustes e renden homenaxe aos veciños desta vila. A idea xurdiu durante o confinamento de 2020 e hai un total de 40 retratos cada un co seu nome. Pareceunos unha forma fermosa e moi emotiva de honrar aos seus paisanos.
Fotos no paseo

As dunas protexen a praia da Concha.
Sistema dunar na praia da Concha

Rematado o paseo, cruzamos a área recreativa que se ve ao pé da praia.

A fermosa praia da Concha vista dende o outro extremo e con Cabo Ortegal de fondo:
Praia da Concha

O río Dola desemboca na praia da Concha. Cruzamos a ponte que se ve na foto:
Río Dola

O río Dola foi encauzado no seu tramo final no 2015. Antes, esta zona do Xuncal sufría inundacións.
Río Dola

Agora toca de novo asfalto.

Pillamos á dereita para achegarnos máis á costa facendo un bucle. Despois volveremos pasar por este mesmo punto.



Hoxe o día estivo moi irregular en canto ao tempo, choveu ás veces, quentou algo o sol. Agora mesmo chovía por Cabo Ortegal e Cariño.

Imos tendo unha espectaculares vistas sobre a Illa de S. Vicente e a praia de Morouzos. A illa de S. Vicente está situada na ría de Ortigueira e pertence á parroquia de Luama.
Está  cuberta por unha masa arbórea na súa cara sur, protexida dos embates do Atlántico, mentres a cara norte está cuberta de toxeiras e matogueiras propias do litoral. Cando baixa a marea, a illa queda unida a terra mediante un extenso banco de area. Está nunha paraxe de alto interese ecolóxico polo que a illa, xunto coas marismas que a rodean están protexidas. Segundo menciona Julio Dávila Díaz na súa obra Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira (1931), na Idade Media existiu na illa un pequeno mosteiro nun principio ocupado polos templarios e máis tarde polos franciscanos, do que aínda quedan algúns restos.
Illa de S. Vicente

O Camiño Natural do Cantábrico remata oficiamente aquí, en Ladrido, aínda que penso que nestes últimos tramos debería chamarse xa Camiño Natural do Atlántico porque o Cantábrico rematou xa en Estaca de Bares.
Eu fixen tódolos tramos deste Camiño natural pero rematara en Espasante.

Dentro da ría Ortigueira/Ladrido atopamos  está pequena ría de Ladrido formada pola desembocadura do río Baleo e o seu pequeno embarcadoiro. É un dos humedais máis importantes de Galicia, é un importante refuxio de aves invernantes e migratorias e tamén ten gran riqueza botánica. E tal a súa importancia, que está declarada zona RAMSA (Humidal de Importancia Internacional), ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e LIC (Lugar de Importancia Comunitaria)

Río Baleo formando a Ría de Ladrido

Unha imaxe da Virxe do Carme, ao pé da ría. Tódolos anos se celebra aquí unha festa na honra desta Virxe, patroa dos mariñeiros.

O río Baleo formando a ría de Ladrido.

Unha bucólica e femosa imaxe neste día invernal no que tivemos sorte e luceu o sol para fotografar este recuncho.

Ría de Ladrido

A Ría de Ortigueira e Ladrido é un humidal típico de estuario con saída ao mar aberto, nel atópanse amplas extensións de chairas intermareales e vexetación de marismas.

Praia de Morouzos e a ría

Santalla de Ladrido é unha parroquia de Ortigueira moi pequena xa que non chega aos 300 habitantes.

Santalla de Ladrido

Hai constancia dunha igrexa anterior a esta que estaría debaixo da explanada da actual. A que vemos foi reformada nos S. XVIII e XIX polo chamado "cura reloxeiro de Ladrido" que elaborou el mesmo os planos para construir esta nova igrexa moi cerca da anterior. Este cura tiña o seu propio talller de reloxería na rectoral con dous fornos de onde sairían reloxos para o mosteiro de Sobrado dos Monxes, o Palacio Duque de Rivas en Madrid...etc. 
No 2014 reparáronse as fachadas da igrexa e outros elementos da mesma.

Igrexa parroquial de Santalla de Ladrido


Un restaurado lavadoiro e fonte ao pé da igrexa.

En Ladrido pillamos unha pista de terra (con moita lama hoxe debido as chuvias frecuentes todo este outono/inverno)

O outro núcleo importante da parroquia ademais do Porto é popularmente chamado a Aldea e agrupa varios lugares ao longo da estrada AC-682 e arredor da igrexa parroquial. Na mesma Aldea, paralela a AC-862, hai unha estación de FEVE que hoxe só funciona como apeadoiro.

Aldea (o outro núcleo de poboación de Espasante)

Chegando ao remate da pista de terra e desembocando xa na estrada que nos leva ao Porto, vemos a imaxe da vila e a praia da Concha.
Espasante e Praia da Concha

Voltamos a cruzar o río Dola, agora por outra ponte.

E entramos en Porto de Espasante nun momento no que a chuvia volve a ameazar.

Na Praza de S. Antonio, vemos a estatua dun porco, trátase do porco Antón todo un referente e un emblema nesta vila. A historia comenzou hai moitísimos anos cando se decideu rifar un porco para sacar fondos para construir a capela de S. Antón. A idea funcionou tan ben que aínda continua hoxe en día. Tódolos anos se cría un porco de xeito comunitario, chámase sempre Antón e anda ceibo pola vila, come. pasea e ao final sortéase e co diñeiro recaudado oraganízanse as festas patronais.
Praza de S. Antón cun monumento ao famoso porco.


Páxinas web consultadas:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Espasante,_Ortigueira

https://patrimoniogalego.net/index.php/6444/2011/10/castro-de-punta-dos-prados/

https://turismodegalicia.org/