mércores, 10 de setembro de 2025

CAMIÑO DOS CERQUEIROS POLA SENDA DOS CORZOS. FRAGAS DO EUME (MONFERO)

 No 2023 fixemos esta mesma ruta que se pode ver no ENLACE pero dun xeito diferente. Tiña ganas de repetila  como a fixemos hoxe porque nos resultou moito máis doada.

O nome de CERQUEIROS desta ruta fai referencia ás persoas que facían o labor de cerqueirar, é dicir rodear, poñer cercas en prados e/ou montes. 

A ruta que fixemos é unha variante do Camiño dos Cerqueiros atallando pola Senda dos corzos (supoñemos que o nome ten un claro significado de que animais andaban ou andan por alí) Este atallo permite acurtar a ruta orixinal e, sobre todo, vai por un espazo moito máis fermoso e interesante como veremos.

Características da ruta:

Lonxitude: 8,2 km.

Dificultade: moderada (pola senda dos corzos que é un carreiro con chan dificultoso e esvaradío, sobre todo en época de chuvia) O resto da ruta vai por camiños e pistas anchos e de cómodo camiñar.

Ruta circular bastante ben sinalizada. De tódolos xeitos, eu sempre sigo un track e aquí deixo o meu en WIKILOC

Descripción:

O Parque Natural das Fragas do Eume ten varios accesos e un deles é a estrada CP-5002. Dende o mosteiro de Monfero (como referencia), seguir en dirección a Pila da Leña pola CP-5002. Son uns 7 minutos en coche ata o panel que indica o acceso á ruta. Primeiro atoparemos o panel da ruta dos Cumios de Sanguiñedo e a uns 100 metros o da ruta dos Cerqueiros.

Empezamos a camiñar pola mesma estrada pola que chegamos (CP-5002) nunha mañá moi fea con néboa e chuvia miúda.

O asfalto dura menos de 700m. Aquí tamén se pode empezar a ruta. Deixamos a estrada para pillar un ancho camiño á esquerda.

Na foto seguinte unha foto onde se ve o traxecto que pensamos percorrer. Temos dúas opcións para facer esta ruta: ir todo polas liñas brancas ata case o encoro ou ben atallar pola liña de cor azul que é a Senda dos Corzos. Foi esto último o que nós fixemos esta vez.

Estamos na parte alta das Fragas onde abundan os piñeiros e monte raso.

Esta ruta é unha das do Parque Natural considerado como "pequeno percorrido"

Segundo imos baixando, a paisaxe vai cambiando e aparecen frondosas como castiñeiros, carballos, bidueiras...


























Aínda non parou de chuviñar pero parece que quere despexar. Sería "unha boa faena" que non vísemos nada dende o miradoiro ao que estamos chegando.

Pasamos pola aldea abandonada de Os Esterqueiros.
 
Este camiño entre toxos, vai levarnos ao Miradoiro da Carbueira.

Dende o miradoiro temos fermosas vistas aos canóns do río Eume. Por fin o día despexou de todo!!
                                                    Vistas dende o Miradoiro da Carbueira

De momento, o miradoiro só é accesible a pé e oxalá siga así sempre!


O miradoiro está ao pé dun abrupto acantilado e protexido  por unha varanda semicircular de madeira.

Damos a volta sobre os nosos pasos e volvemos pasar polos Esterqueiros. Que valente foi a xente no pasado por colonizar este lugar tan illado e solitario.

En lugar de continuar de frente, polo ancho e cómodo camiño dos Cerqueiros, xiramos á esquerda para ir pola Senda dos Corzos.

Imos adentrarnos nunha fraga máxica por un carreiro que era o que unía as aldeas de Teixeiro e Os Esquerdeiros.

Atravesamos un bidueiral:
 
Este lugar non pode ser máis fermoso. Agora estamos nunha fraga na que tamén abundan os acivros.

Aquí reina o silenzo, só roto polo correr da auga dalgún rego e o piar dos paxaros.


Hai que levar moito coidado co chan, sobre todo en época de chuvias.

O musgo e os liques nas pólas das árbores dan idea da humidade e do aire limpo que aquí se respira (os liques non medran onde hai contaminación, é raro atopalos nas árbores das cidades)

Hai que estar acostumado a pisar lugares así facendo sendeirismo para poder realizar esta ruta.

É espectacular esta fraga autóctona, tan frondosa que deixa pasar pouca luz.

Atopamos unha dobre cancela para que non escape o gando, aínda que hoxe non vimos ningún animal.

Nesta época, nas rutas que facemos, hai zonas nas que vemos pereiras bravas de froito  pequeno, oscuro e amargo aínda que comestible. En Galicia tamén se lles chama peros. A árbore ten polas espiñentas e aínda que prefiren lugares húmidos á beira de ríos e regatos para vivir, tamén se poden dar en lugares altos como é neste caso.
Unha pereira brava

Ábrese a paisaxe, que vai mudando a medida que imos saindo da Senda dos Corzos.

Nesta época de finais do verán florece o azafrán de montaña tamén chamado "quitamerendas" ou "espantapastores" porque estas flores aparecen de xeito tardío e presaxian os días curtos e a chegada próxima do outono o que fai que o gando e as persoas vaian abandonanado as zonas máis altas e frías do monte. Esta flor non ten nada que ver co azafrán que comemos, aínda que se asemellan pero este é tóxico.
Azafrán de montaña

Cruzamos regos por ponte de madeira nunha zona na que predominan os piñeiros.

E desembocamos no Camiño dos Cerqueiros.


Por unha pista ancha e cómoda voltamos ao punto de inicio que xa está moi cerca.


Páxina web consultada:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Pereira_brava

Ningún comentario:

Publicar un comentario