Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2025. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ano 2025. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de decembro de 2025

FERVENZA DA MEXADOIRA (MEIRA)

 Esta é a 2ª ruta que fago no concello de Meira. Na anterior coñecín a fondo esta vila e o entorno do Miño neste concello e no de Pastoriza.

A ruta de hoxe transcorre toda ela no concello de Meira, concretamente na parroquia de Seixosmil. Este concello ten tan só 2 parroquias: Meira e Seixosmil.

Meira é un concello da provincia de Lugo, pertencente á comarca de Meira. Segundo o padrón municipal, en 2018 tiña 1.711 habitantes 

Características desta ruta:

Lonxitude: 10,7 km.

Dificultade: moderada, polo acceso á cascada.

Ruta circular que coincide cun tramo da Ruta Miño- Eo sinalizada nesa parte. O track que eu elaborei e seguín foi este: WIKILOC

Descripción:

Esta ruta está dentro da parroquia de Seixosmil na súa totalidade. O inicio e fin da mesma ten lugar en A Louseira, unha pequena aldea desa parroquia.

A Louseira
Lin algún comentario dalgunha persoa que fixo esta ruta que nesta aldea había moitos cans. Aínda que na foto non sae ningún, corroboro que efectivamente vimos uns 6 cans. Todos eles son inofensivos, aínda que algún moi ladrador.
A Louseira
Despois de atravesar a aldea, pillamos un camiño en baixada. De frente, aldeas polas que despois pasaremos.


Montes de eucaliptos e a beleza das autóctonas no outono...

Un fermoso camiño nos leva á fervenza.


Estamos compartindo o itinerario da Ruta Miño-Eo que ten inicio no Pedregal de Irimia e oficialmente é lineal ata atopar o río Eo; así sería sobre 18 km. Se se fai circular aumentarían os km. a máis de 20.
Eu deixo o Pedregal de Irimia para noutra ocasión realizar outra ruta, que teño xa planificada.

 Cruzamos o Rego do Carballal:

Hai sinais negros con frechas verdes que indican o camiño á cascada.

Chegamos ao Rego de Murias e temos que saltalo. É estreito e sáltase ben. Supoño que no verán apenas levará auga.

Seguimos o cauce do rego. Hai que extremar as precaucións e en época de chuvias moito máis. O chan é moi irregular e esvaradío. Axuda moito a corda que hai para agarrarse.




Despois de contemplar e sacar fotos e vídeos na cascada, seguimos a ruta, agora por un camiño de montre entre eucaliptos. Continuamos na Ruta Miño-Eo, só que ao revés, xa que está sinalizada no sentido contrario ao que imos nós.

Imos en constante e empinada subida durante 2,5 km. Para min, esta é a parte máis fea e dura da ruta. É un camiño de monte entre eucaliptos e as subidas non me gustan.
De cando en vez, nalgún claro, podemos ver imaxes como a seguinte que amosa ao lonxe A Pedreira, aldea de onde partimos.

Desembocamos na aldea de O Espido entre verdes prados.

O Espido, da parroquia de Seixosmil, está a unha altitude de 707m. e ten unhas excelentes vistas, claro.

Deixamos deseguida a estrada para meternos por un camiño tradicional que nesta época de chuvias estaba bastante enlamado.

Vistas saíndo de O Espido.

Fermosa paisaxe rural, solitaria e gandeira.

A esquerda, aló no alto, queda O Espido.

Estamos a máis de 600 m. de altitude e as vistas son fermosas!

Neste camiño atopamos un pastor eléctrico pero son moi fáciles de sacar e volver poñer.
 
E así chegamos a outra aldea da parroquia de Seixosmil: Murias, que ten moi poucos habitantes.

Na foto seguinte, vemos á esquerda a aldea de O Espido pola que xa pasamos e Murias, onde estamos.

Murias tamén ten unhas vistas incribles (atápase a 700m de altitude) Nesta foto, aló abaixo, a aldea de A Pedreira a onde temos que chegar para rematar a ruta.

A partires de Murias, a ruta vai por unha estrada local na que non atopamos a ninguén. O percorrido polo asfalto, vai durar 3 km.

Desembocamos noutra estrada, a LU-P 3005 .

Estamos en Sebe de Abades, outra aldea de Seixosmil con moi poucos habitantes.

Ao lonxe, outra aldea: A Granda.


Na bifurcación que vemos a continuación tomamos a estrada da dereita. Tamén podemos seguir de frente  a estrada pola que vimos pero é moito máis fermosa a da dereita (penso que debía ser por onde ía a estrada antiga)
Este lugar chámase en concreto, O Estreito e vemos uns carteis uns metros máis adiante da foto que anuncian a ruta ata a fervenza da Mexadoira partindo dende este punto.

Pensamos que por aquí debía ir a antiga estrada.

Temos fermosas e verdes vistas.

Xa estamos de novo en A Louseira. Esta aldea está 570 m. de altitude.
A Louseira




venres, 5 de decembro de 2025

RUTA CIRCULAR EN CASTROVERDE DENDE VILABADE

 Levo feitas xa varias rutas neste concello e ningunha delas me decepcionou. Castroverde ten un variado patrimonio natural, monumental e cultural importante.

  • Amigos do Patrimonio de Castroverde, é unha asociación en defensa do Patrimonio cultural, natural, artístico, monumental e das tradicións populares de Castroverde. Actualmente realiza numerosas actividades co fin de mellorar e conservar o patrimonio do concello.
  • Esta ruta foi planificada por min.

Características desta ruta:
Lonxitude: 10,4 km. ( Equivoqueime no percorrido e fixen 1km. demais. Está explicado no track en WIKILOC.)
Dificultade: fácil
Ruta circular sen sinalizar. 

Descripción:
O inicio e fin desta ruta está na parroquia de Santa Mª de Vilabade, concretamente na igrexa parroquial, chamada "catedral de Castroverde" pola súa fermosura.  
A data que está documentada da súa fundación é do S.XV aínda que antes aí houbese un convento fundado por S. Francisco de Asís no seu peregrinar cando voltaba de Santiago cara a Oviedo no S. XIII. O convento foise deteriorando por falta de medios económicos e os frades marcharían a Lugo quedando só a igrexa no S. XIV.


Igrexa de Santa Mª de Vilabade

Houbo unha refundación no S. XV e o seu estilo pertence ao gótico, aínda que en séculos sucesivos fóronse realizando reformar en estilos neoclásico e barroco.
A fachada é un claro exemplo neoclásico.
Esta igrexa pasou polas mans de varios propietarios, sendo os primeiros a congregación franciscana. Cando se refundou no S.XV, foi grazas a unha inversión de Fernando de Castro, e pódese atopar o seu escudo nas roelas do pórtico. Poucos anos máis tarde o cabildo de Lugo consigueu a  súa propiedade tras un pleito, e no S.XVI o bispo Osorio engadeu o seu escudo no tímpano do frontón. No 1760 os descendentes de Osorio edifican o Pazo de Vilabade xunto á igrexa, creando un conxunto único. Dende 1979 considérase Monumento Artístico Nacional e Ben de Interese Cultural.

A fachada neoclásica.

Xunto á igrexa hai unha fonte restaurada nun recuncho da rúa con bancos para descansar.

Case pegado á igrexa está o Pazo de Vilabade formando un ángulo con ela.
Actualmente este pazo é propiedade da familia Abraira-Arana (na década dos 60, Sabino Abraira foi alcalde de Castroverde) Neses anos, o pazo sufreu unha restauración pois case estaba en ruinas e no 1990 volveron a reformalo. Ámbalas dúas reformas foron impulsadas pola muller de Sabino, Teresa de Arana.
O pazo, reformado como aloxamiento turístico en 1995, fixo a Teresa merecedora do premio Pedra do Destino e revive cada verán coa chegada dos seus propietarios, que o habitan "hasta que llega el frío".
Pazo de Vilabade

Despois de contemplar as anteriores belezas, inicio a ruta seguindo o Camiño de Santiago Primitivo que chega aquí dende O Cádavo.


Aos poucos metros deixo o Camiño de Santiago que vai cara ao albergue de Castroverde e métome por unha estrada máis local e sen tránsito ningún.

Como embelecen os percorridos agora no outono as árbores autóctonas de folla caduca!!

Estou nas aforas da vila que me queda xa moi cerca, á esquerda.

Entrando na vila pola zona do colexio admiro este mural pintado polo artista lucense Diego As, mundialmente recoñecido polo mural  de Julio César en Lugo. A pintura que representa a Hipatia de Alexandría está nun dos muros do CPI da vila.
Hipatia de Alenjandría foi filósofa e matemática, defensora do coñecemento e da pluralidade de creenzas, brutalmente asesinada polas súas ideas desafiantes do poder establecido.

Deseguida chego á Praza do Concello onde está a Casa Consistorial e a Igrexa de Santiago. O centro da pequena praza está ocupado por unha fonte chamada "A Fonte dos Nenos", esculpida por Primitivo Mallo. Representa uns nenos gardándose da chuvia debaixo dun paraugas
Praza do concello

A Igrexa de Santiago é  moderna, do  S. XX, feita sobre unha anterior.
Igrexa de Santiago

Vou pola chamada "Rúa Campo da Feira" onde hai un curto paseo en madeira que hoxe, debido á recente chuvia, estava moi esvaradío.

Ao remate deste curto paseo, á dereita temos o Campo da Feira onde me sorprenden varios pendellos restaurados grazas ao labor de Amigos do Patrimonio de Castroverde que se ve que traballan polo seu concello. Estes pendellos antigos estaban desfeitos e esmendrallados cando se restauraron no ano 2006.

Pendellos no Campo da Feira

Cada dous domingos celébrase aquí unha feira  na que destacan os postos de roupa, alimentos, ferramentas e polbo.
Pendellos no Campo da Feira

A finais de agosto tamén se celebra aquí unha feira de artesanía e gastronomía.
Pendellos no Campo da Feira

Antigamente escollíanse para celebrar as feiras zonas con arboredo, sobre todo carballeiras coma neste caso e para resgardarsedas inclemencias climáticas construironse en moitos lugares casetas coma estas restauradas.

Estes son os segundos pendellos de feira que eu coñezo. Os primeiros que vin están na Golada (Pontevedra)

Cruzando a estrada anterior, xa temos a piscina municipal e ao pé da mesma, á Área Recreativa Veiga da Lomba.



Esta área recreativa foi creada en 1993 e ofrece bancos. mesas, fontes, grellas, parque infantil e esculturas artísticas.

                                           Área Recreativa Veiga da Lomba

O lugar foi mellorado coa plantación de máis de 800 árbores autóctonas.
 Área Recreativa Veiga da Lomba

Toda a área abarca unha superficie de 138215 m. cadrados.
                                                   Área Recreativa Veiga da Lomba


É unah área recreativa inmensa e moi limpa e coidada.
Área Recreativa Veiga da Lomba
 
Abandono a área recreativa no medio deste entorno outonal precioso!
 
E agora diríxome ao Monte da Lomba que está a só 400m. dende a área recreativa anterior.
Camiño ao Monte da Lomba

No cume do monte, instalaron un miradoiro de madeira. En días coma o de hoxe que había pouco que chovera, vóltase moi perigoso. O chan esvaraba moitísimo!


Vistas espectaculares dende o Miradoiro da Lomba!

Vemos castelo de Castroverde, unha fortaleza do século XIV que pertenceu a Álvaro Pérez Osorio, por doazón de Henrique II de Castela. Un século máis tarde apoderouse do castelo Sancho Sánchez de Ulloa, conde de Monterrei, e trala súa morte herdouno a súa curmá Isabel de Castro. Xa no S. XVI, Lope Osorio de Moscoso, da casa de Altamira, mercou o castelo, a vila e mailas terras. Actualmente é propiedade privada.

Vistas moi outonales dende o miradoiro.

Non sabía moi ben onde estaba o camiño de baixada que eu levaba planificado no track, pero atopeino deseguida-.

A baixada é por unha carballeira na que ás veces se perde o camiño e aparecen varios carreiros a seguir que parecen confundir. Pero NON PREOCUPARSE! É moi doado sair de aquí porque en todo momento oes o ruído de coches e vida que hai moi cerca, a vila de Castroverde está moi, moi cerca e polo medio das árbores vense as casas. Aínda que s epode baixar por varios sitios, o mellor é tirar cara Á ESQUERDA.

Son 200m. ata que xa vemos a estrada.

Ao remate da baixada atopamos unha fonte nun fermoso entorno.

E ao pé da anterior hai outra e tamén  un lavadoiro. Dende aquí, en lugar de seguir cara á Praza do concello que xa vemos, damos a volta polo mesmo camiño.

Estamos de novo no Camiño de Santiago.

Cruzamos a  LU-560 con moito xeito xa que é a estrada que vai a Lugo e leva moito tráfico.

En tan só uns metros, deixamo o Camiño de Santiago para xirar á esquerda.


Fermoso camiño tradicional co outono en todo o seu esplendor.

Desemboco na estrada LU-P 1611

Teño que ir por esta estrada durante algo máis de 1km.

Atópome na parroquia de Bolaño e vexo a torre da súa igrexa. Teño que organizar unha ruta por esta parroquia xa que lin qué é unha das máis fermosas da provincia de Lugo.

Deixo a estrada LU-P 1611 para pillar á dereita en Bolaño.



Esta estrada vaime levar en 2,5km. ao punto de inicio e xa non fago máis fotos porque empeza a chover con ganas!

Páxinas web consultadas:

https://vivecamino.com/castroverde/catedral-castroverde-iglesia-santa-maria-vilabade-3592/
https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/viaje-pelicula-meta-vilabade/202508170500001901549.html
https://www.elprogreso.es/articulo/comarca-lugo/anido-autor-mejor-grafiti-mundo-lugo-pinta-rostro-hipatia-cpi-castroverde/202202212222391559639.html
https://xurdemoran.blogspot.com/2015/09/castroverde-antigua-santiago-vilarino.html
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2024/03/campo-da-feira-castroverde.html