Amosando publicacións coa etiqueta Baleira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Baleira. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de xaneiro de 2026

FERVENZAS ACEÑA DA SERRA E POZO DA FERRERÍA EN S. PAIO (CUBILLEDO-BALEIRA)

 Baleira é un concello que pertence á Comarca da Fonsagrada e a capital é O CádavoEsta ruta vai ser a 3ª que facemos neste concello. As anteriores foron estas: 

Fraga da Marronda sen fraga

Ruta da Fontaneira

A ruta de hoxe é moi curta pero moi proveitosa porque en moi pouca distancia podemos admirar dúas fermosas cascadas e coñecer a pequena aldea de S. Paio.

Características da ruta:

Lonxitude: cerca de 3 km.

Dificultade: Fácil. Só hai que levar coidado no entorno das fervenzas que acostuma a estar moi húmido, sobre todo en época de choivas. A 1ª fervenza ten un acceso un pouco máis complicado para achegarse a ela.

Ruta circular sinalizada. O meu track (orientativo porque tiven que modificalo xa que non me acordei de parar a grabación ao finalizar e grabou o tempo de coche ata Meira) en Wikiloc:

Descripción:

Aparquei o coche un pouco antes de chegar a S. Paio, nunha bifurcación onde hai un letreiro anunciador da ruta PR-G 145 "Ruta da Marronda- Alto Eo" coa que compartiremos parte desta ruta.

Carreiro cara a 1ª cascada. Os liques nas árbores son un bo indicador do aire limpo que hai no entorno.

O 1º que se ve é este muíño que foi construido no 1946 sobre os restos de dous anteriores aproveitando a auga do río Eo e o seu afluente Rego do Castelo. O muíño está restaurado.

A fervenza Aceña da Serra aproveita o desnivel natural que existía para construir un muro de pedra duns 15 m.  para desviar as augas para a aceña, acea ou muíño que acabamos de ver. Tamén se aproveitaba a auga para o regadío a través das diversas canles creadas á beira do río.

Fervenza Aceña da Serra

A fervenza está algo modificada pola presa que construiron para o muíño pero é moi fermosa e ademais traía moita auga debido ao outono e inverno chuvioso que estamos a ter.

Voltamos uns metros cara atrás e continuamos cara a S. Paio. Á nosa dereita vai o Eo, aínda moi novo (o seu nacemento non está moi lonxe de aquí)

S. Paio é unha pequena aldea da parroquia de Santiago de Cubilledo, do concello de Baleira.


S. Paio
 

En S. Paio atopamos esta rústica e preciosa fonte.

Nos inicios da aldea atopamos este letreiro ao pé do alpendre dunha casa e as indicacións de que podemos ir por aí para a 2ª fervenza.

Estamos compartindo a ruta Fraga da Marronda.

O camiño este está algo anegado.

Despois de alonxarnos da aldea polo camiño ao pé dun prado, entramos nun estreito e fermoso carreiro.


Unha paisaxe inverno-outonal ben fermosa.

Chegamos a un cruce e seguimos á dereita, cara abaixo. Á volta, en lugar de ir polo mesmo traxecto pillaremos polo camiño que vemos de frente.

Baixamos á fervenza por un cómodo camiño e rodeadas de vexetación autóctona.

Camiño a fervenza atoparemos dous muíños totalmente abandonados e case comidos pola maleza.

A fervenza do Pozo da Ferrería ten unha orixe natural pero existiron antigamente pequenas presas que servían para regular o caudal e utilizalo tanto para os muíños (hai dous en ruinas, case tapados pola maleza) como para regadío a través de canles.


A fervenza non é moi alta pero é preciosa pola cantidade de auga que leva e polo entorno onde se atopa.

Fervenza da Ferrería

Subimos por un camiño, entre piñeiros agora.

Nun claro, podemos ver os prados e algunha casa de Vilauriz.

No cruce que vemos na seguinte foto, temos a opción de continuar pola ruta PR-G 145 pillando cara á dereita. Nós seguimos subindo para S. Paio.

Despois de cruzar o prado que vemos, atopamos a estrada xa en S. Paio.

Antes accedemos a S Paio pola parte baixa da aldea; agora accedemos pola parte máis alta.

Nesta zona e concretamente nesta aldea, tódolos hórreos ou cabozos son desta forma: hórreo asturiano, estilo Fonsagrada. Non estamos moi lonxe de Asturias e os cabozos son edificados ao xeito desa comunidade por esta zona galega.
Foron construidos en madeira e poden ser cadrados (a maioría) ou octogonais. Algúns teñen un corredor externo ao redor para gardar o millo (dentro, no interior gardábase o trigo e o centeo) Os desta aldea, ningún tiña ese corredor.


Unha placa de mármore lembra a antiga escola mixta "construida polos veciños".

A escola está totalmente abandonada e aínda que en moitas aldeas estas antigas escolas ,foron rehabilitadas como Centro Social, esta, de momento, non correu esa sorte.

A escola por fóra. 

Despedímonos de S. Paio.

Baixamos pola estrada ata chegar á bifurcación onde iniciamos a ruta pillando á esquerda. Despois da curva, temos xa o coche.



luns, 2 de decembro de 2024

FRAGA DA MARRONDA SEN FRAGA

 A esta ruta chámolle así porque íamos coa intención de coñecer a Fraga da Marronda e si que vimos unha fraga pero de lonxe. O que é pisar esta fraga tan famosa non o fixemos. Vin varios tracks e moita xente se queixa do mesmo, de que a ruta que está homologada non pisa a fraga; a que nós fixemos hoxe, tampouco.

O máis destacable desta ruta é a Área recreativa da Cortevellla nun entorno ao pé do río Eo marabilloso, as aldeas polas que pasamos e nada máis. O camiño en si tiña moitos eucaliptos e a última parte (uns 2km.) son por estrada.

Características :

Lonxitude : 8,6 km.

Dificultade: media por unha intensa subida con oito desnivel aínda que curta e por un tramo que atopamos case pechado de toxos.

Ruta circular sinalizada nalgunha árbore pero faltan sinais en cruces...O meu track en WIKILOC:

Descripción:

Empezamos esta ruta coñecendo a aldea de Cortevella. Aínda que practicamente tódalas rutas empezan na área recreativa que é o comenzo oficial, nós quixemos tamén coñecer este lugar que está a 700m. da Área Recreativa.

Chamaron a nosa atención os cabozos, estilo asturiano todos, xa que este concello limita con Asturias e nótase.

A Cortevella

A Cortevella, situada nun alto, a 440m. de altitude, pertence á parroquia de Martín (concello de Baleira) Hai moi poucas casas habitadas. So vimos restaurada unha grande e alegrounos ver que había colgada a secar roupa de nena, ademais dunha bici infantil.

A Cortevella

A capela de Lourdes, no punto máis alto da aldea, permite unha visión global do lugar.

A Cortevella

Fachada da capela.

Leveime xa unha decepción ao principio da ruta. Non esperaba ver eucaliptos (xa os vexo tódolos días onde vivo)

O ano pasado ardeu esta zona, tal vez por eso as montañas están case"peladas"

Pasamos pola Área Recreativa de A Cortevella e subimos por unhas escaleiras de pedra ata a imaxe en pedra de S. Francisco de Asís e o seu can. Dise que este santo é o protector dos animais e da natureza.

A estatua de foi colocada en 2010 por un grupo de emigrantes cataláns viculados a esta zona.

Esta área recreativa está nun fermoso entorno natural que atravesa o río Eo. Foronselle engadindo elementos artificiais como a estatua anterior, un hórreo típico desta zona, mesas, bancos, grellas...
Área Recreativa de A Cortevella

Deixamos a Área Recreativa (á volta teremos ocasión de percorrela máis polo miúdo) e imos pola estrada pola que chegamos durante uns metros.

Deseguida pillamos un camiño á esquerda.

Imos sempre en ascenso pero aínda é suave. A miña decepción segue en aumento. Só vemos un monte con eucaliptos e algún arbusto queimado.

O único que merece a pena deste percorrido son as vistas. A aldea que vemos ao lonxe é na que acabamos de estar: A Cortevella.

Despois dunha intensa subida chegamos a un cruce no que pillamos á dereita pero hai un pequeno tramo polo que apenas se pasa. Os toxos, silvas e xestas medran sen control.

Eu pensando: "para camiñar polo medio de eucaliptos, non me facía falta chegar tan lonxe..."

Onde vai o bosque autóctono?


Este é o feo camiño...

Estamos chegando a Mendreiras e vemos xa carballos e castiñeiros pero os eucaliptos seguen presentes á esquerda.

Chegamos a Mendreiras , tamen da parroquia de Martín (non sairemos dela). Non pasaremos núcleo principal de casas de Mendreiras porque entón dariamos máis volta, está o día regular, por veces chove e ademais sería sempre por estrada.

Pillamos á dereita para irxa directamente pola igrexa de Martín.

As poucas árbores autoctonas que vemos distínguense ben agora no outono polas cores. O demais, todo eucaliptos...

A igrexa de Santiago de Martín si que está nun entorno ben chulo!!

Esta igrexa está ubicada nunha ladeira do río Martín.
Igrexa de Santiago de Martín

Xa chegando á aldea de Martín vemos o río do memo nome que vai desembocar no Eo xa moi cerca.

A parroquia de Martín tiña en 2019  unha poboación total de 71 habitantes. Actualmente non sabemos pero non creo que teña máis.


Unhas casas abandonadas e tipicamente galegas, de pedra e cos seus corredores. Pegadas por unha parede compartida para aforrar diñeiro. Eso facíase moito en tempos pasados sobre todo entre familias.

Outra imaxe de Martín.

Dende que deixamos Mendreiras imos sempre por estrada. (Uns 3 km.)

Xa finalizando esta ruta, chegando de novo á área recreativa de A Cortevella.

Despois de finalizar a camiñata tivemos tempo de percorrer a fondo a Área Recreativa de A Cortevella. Hai un percorrido circular á beira do Eo moi interesante.

Vimos corripas (antigas construccións circulares para gardar as castañas)

As corripas consérvanse en moi bo estado.

Pegada ao río hai un merendeiro á sombra de grandes e vellos castiñeiros.

Por esta ponte de madeira podemos cruzar o río ou ben continuar pola mesma marxe pola que vimos. En ámbolos dous casos, chegaremos ao final do pecorrido.

Un idílico entorno á beira mesma do Eo.

O muíño do Ferreiro está aínda en bo estado. Cantas historias tería que contar!!

Outra imaxe da área recreativa. Subindo esas escaleiras accedemos a un hórreo que non estaba aí: foi colocado cando se rehabilitou este lugar.

Tamén hai un ascensor que non funciona e pensamos que foi posto para carrexar materiais.

Ponte cruzando o río Eo e escaleiras que levan ao miradoiro onde está o santo.


Páxina web consultada:

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/210511000294/meandros-do-rio-eo-na-cortevella?langId=es_ES&tp=40004370