Amosando publicacións coa etiqueta ruta circular.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta circular.. Amosar todas as publicacións

martes, 8 de setembro de 2026

S. VICENTE DE TRIGÁS-SASDÓNIGAS. (MONDOÑEDO) RUTA CIRCULAR

Moitas rutas levo xa feitas en Mondoñedo! As promocionadas e mais coñecidas como a Ruta da Auga, a de Leiras Pulpeiro, a da Fraga Vella...e outras que eu planifiquei. Todas elas me gustaron e me aportaron algo a nivel paisaxístico, etnográfico, cultural... O concello de Mondoñedo ten un gran potencial para rutas de sendeirismo porque conserva aínda bastante bosque autóctono, remotas aldeas tradicionais, ríos, fervenzas...etc

Características desta ruta:

Lonxitude: 7,6 km.

Dificultade: baixa

Ruta circular sen sinalizar. O meu percorrido en WIKILOC

Descrición:

Decidín empezar e rematar esta ruta na capela de S. Vicente de Trigás que atopamos ao pé  do Camiño Norte de Santiago e que foi igrexa parroquial ata a construcción do novo templo. O presente edificio data do S. XVI aínda que as primeiras referencias documentais son do S. XI.

Capela de S. Vicente de Trigás rodeada de castiñeiros.

O noso percorrido vai coincidir durante 2km. co Camiño de Santiago Norte.

Camiño de Santiago

Os carballos están nesta época repletos de landras. Historicamente, as landras servíronlles de alimento a animais como porcos e esquíos, e tamén foron empregadas polos seres humanos en épocas antigas para facer fariña.
Landras

Imos á sombra por unha fermosa estrada con árbores nas beiras.
Estrada

Tamén os castiñeiros están repletos de ourizos.
Ourizos nos castiñeiros.

As abelairas son árbores pequenas de folla caduca , recoñécense facilmente polo seu tronco ramificado. En galego tamén se pode chamar abraira. Neste caso son abelairas bravas que medran en lugares húmidas, no caso desta foto, ao pé dun rego.
As varas empregábanse en cestaría, na fabricación de canastros e para tecer valados

Abelairas bravas

A piques de deixar o Camiño de Santiago, temos vistas á aldea de Os Samordás na parroquia de Galgao (Abadín)
Vistas a Os Samordás (Abadín)

Na seguinte foto, o cadriño máis verde que se ve na ladeira do monte, é o lugar onde estaba a antiga capela de S. Cosme da Montaña. Pasamos por aí na última ruta. Imos deixar a estrada e pillar un camiño.

Ao lonxe, lugar onde estaba a antiga capela de S. Cosme da Montaña.

Estamos a piques de chegar á aldea de Sasdónigas por este camiño. Este lugar, antes da igrexa chámase Suaigrexa.

A igrexa de S. Lourenzo en Sasdónigas é de sinxela construcción e está datada no S. XVIII
Igrexa de S. Lourenzo en Sasdónigas

Moi preto da igrexa, temos este cruceiro de metade do S. XIX . Este lugar da parroquia chámase  Pé do Monte.
Cruceiro

A parroquia de Sasdónigas ten 4 entidades de poboación: Lousada (lugar polo que pasamos noutra ruta), Chao da Aldea, Pé do Monte e Subiglesia. Por estes 3 lugares pasamos na ruta de hoxe porque atravesamos todo o caserío. (O cruceiro de antes está en Pé do Monte)
A foto seguinte é en Pé do Monte.
Pé do Monte en Sasdónigas

As casas que vemos son de O Chao da Aldea.
O Chao da Aldea (Sasdónigas)

Abandonamos esta aldea cruzando por debaixo dunha ponte pola que pasa a N-634 e chegamos ao cemiterio de Sasdónigas.
Cemiterio de Sasdónigas

Vistas a Sasdónigas dende o cemiterio que é o lugar de maior altitude da ruta (552m.)

Sasdónigas

Agora iremos sempre en baixada por unha pista paralela á N-634 con moita arboreda.
Pista paralela á N-634

A pista convértese ao pouco nun camiño.

A acacia negra, que vemos a continuación, representa unha gran ameaza ecolóxica para os montes e bosques autóctonos de Galicia, desprazando á vexetación nativa porque a afogan ao competir de xeito agresivo na procura de luz, espazo e nutrientes. Aínda que se corte, volve brotar con moita forza sendo moi difícil de erradicar.
Na foto, os froitos da acacia en forma de vainas retorcidas que teñen dentro as sementes.
Acacias negras

Atopamos de novo a N-634 que cruzamos de novo para o outro lado.

Na foto seguinte, paisaxe chegando á próxima aldea. Precisamente, este lugar de S. Vicente de Trigás chámase A  Aldea.


Casas abandonadas que atopo en tódalas aldeas galegas de interior polas que paso camiñando nas rutas.

Estou en S. Vicente de Trigás, parroquia na que se descubriron importantes restos arqueolóxicos da Alta Idade Media (S. V a VII) vencellados a antigos asentamentos  e labores agrarias, únicos en Galicia. Leváronse a cabo varias campañas de excavación, a última rematou en 2025 que desvelou a existencia dunha clara produción doméstica, asociada tanto aos coidados e á cociña como á fabricación de obxectos metálicos. Ademais, non se descarta que tamén se producise cerámica a nivel local.
S. Vicente de Trigás (Lugar de Combarro)

Esta é a nova igrexa de S. Vicente que veu sustituir á antiga capela ao pé da que empezamos e finalizaremos esta ruta. Foi construída en 1963 de forma rectángular e cunha sola nave, como vemos.
Igrexa de S. Vicente de Trigás

Estamos chegando ao punto final desta ruta.

Vimos ao longo do perdorrido moitos castiñeiros, aquí en S. Vicente, vemos estes enormes.

Xa vemos a capela da que partimos e o cemiterio en frente, aí temos o coche.


mércores, 2 de setembro de 2026

PEDREGAL DE IRIMIA. NACEMENTO DO MIÑO (MEIRA)

 Sempre se dixo, e cado íamos á escola así nolo ensinaban, que o río Miño nacía en Fonmiñá (A Pastoriza) nin a esta parroquia se nomeaba, dicíase "El Miño nace en Fonmiñá, provincia de Lugo" Anos máis tarde dixéronnos que esta información non era certa, que alí onde hai unha fermosa área recreativa e unha lagoa alimentada polo Miño aínda en forma de case un rego, non era o inicio do Miño, senón que nacía uns km. máis arriba, na Serra de Meira.

A verdade é que esta ruta non me pareceu nada fermosa nin interesante. O Pedregal de Irimia xa o coñecía, e o resto do percorrido non me aportou absolutamente nada.

NOTA: Desta ruta, para mín, só merecen a pena dous puntos: o inicio e fin no Pedregal de Irimia e o pico O Forno de Martín polas vistas. O resto do percorrido vai por camiños e pistas sen ningún interese paisaxístico.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar e que coincide nun tramo coa ruta Miño-Eo.O meu track en WIKILOC

Descrición:

A camiñata ten inicio e fin no Pedregal de Irimia onde ducias de fontes dan lugar ao nacemento do Miño formando un pequeno río primeiro, que atravesa Meira e Fonmiñá.

Na seguinte foto vemos o pedregal debaixo do que corre a auga que formará o río Miño. Esta masa de pedra que se estende ao longo de 600/700m. impide ver a auga xusto ata o final deses coios, ao pé da estrada, onde podemos ver un pequeno rego.

Estas enormes pedras, na súa maioría cuarcitas, proceden dunha morrena de hai entre 10000 e 20000 anos.

Pedregal de Irimia
Unha lenda conta que nestas terras vivía unha vella meiga chamada Irimia que se levaba mal cos monxes do convento. Un día, mestres gardaba o seu gando, viñeron os monxes a cobrarlle os impostos que ela se negaba a pagar. Para que fuxiran, empezou a tirarlles pedras, pero os monxes decidiron apoderarse desas terras xa que eran ricas en fontes para manter o gando. A meiga botoules un meigallo e cubreu de pedras moi grandes o manancial do Miño dicindo "Nunca poderás probar a auga deste río porque é miño" De aí os nomes do río e do pedregal.
A meiga Irimia

Alí mesmo, no pedregal, hai unha coidada área recreativa.
Área Recreativa no Pedregal de Irimia

Empezamos a subir por unha fea pista.

Voltando a vista atrás, vemos Meira ao lonxe.
Aló no fondo da imaxe, Meira

Non me pode gustar menos este camiño.

Aló embaixo, Meira, envolta na bruma.


Imos por unha pista forestal sen gracia ningunha:

As árbores que nos rodean, xa se ven, só eucaliptos.


Agora, remata o monte de eucaliptos e camiñamos entre piñeiros.

Estamos subindo cara o cumio da serra.

A subida anterior desemboca no Parque Eólico de Meira.

Parque Eólico de Meira

Vistas dende a Serra de Meira a terras de Pastoriza e máis aló.

Estamos pasando á altura da Pena das Corvas, un lugar coñecido para os amantes da escalada que practican aquí este deporte. 

O Pico "O Forno de Martín" a 890m. de altitude é punto máis alto desta serra. Aí colocaron un montón de antenas de comunicación.


Vistas dende o Pico O Forno de Martín.

Por unha pista de monte entre eucaliptos de novo chegamos ao punto de inicio.

















































luns, 17 de agosto de 2026

SERRA DA PENOUTA: MIRADOIRO DA COSTA, COLADO ABAGUA, PICO LEBREDO E PENEDO ABALLÓN (BOAL)

Se imos pola AS-22 cara a Boal dende Galicia, pasaremos por un lugar a bastante altitude onde veremos un letreiro que pon Alto da Penouta 780m. Pois neste lugar hai un doble cruce. Un lévanos ao Miradoiro de Penoura Costa e ao Penedo Aballón e outro lévanos ao Miradoiro de Penouta interior na área recreativa de Pena Queimada

Nunha ruta anterior, feita este mesmo ano, fun cara ao Miradoiro de Penouta interior, nunha ruta  que se pode ver AQUÍ.

Hoxe dende o mesmo lugar, o Alto da Penouta, fun na outra dirección, cara ao Miradoiro de Penouta Costa. Non sabería dicir cal ruta me gustou máis, as dúas me encantaron!!

Características:

Lonxitude: 10 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular. O meu track en WIKILOC

Descrición:

A ruta ten inicio e fin no alto da Penouta a 780m. de altitude. Xusto no cruce que vemos na foto.

Alto da Penouta

Ao pé do cruce anterior, hai unha área recreativa grande con mesas e bancos de madeira e que ademais é un estupendo miradoiro á costa cantábrica.


Área Recreativa no Alto da Penouta

Iniciamos a ruta por esta pista asfaltada e, de feito, se queremos, podemos ir en coche ata o Alto da Penouta mesmo. Moita xente vai camiñando pola pista porque non hai ningunha indicación que diga o contrario nin se ve ningún camiño ou carreiro ben definido.. Eu como seguía un track que deixa o asfalto deseguida, fíxenlle caso (para eso o levaba) e pillei un carreiro apenas imperceptible á esquerda.

Deseguida deixei á estrada, pillando á esquerda

Só se vas por onde eu fun, poderás ver túmulos funerarios (pequenos montículos artificiales debaixo dos que os primeiros habitantes destes territorios enterraban os seus mortos) Eu só vin sinalizados dous, aínda que segundo o concello de Boal hai catalogados un total de 72 ao longo de toda a serra. Esta necrópolis tumular é das máis extensas da rexión.

Túmulo funerario

Por onde vou subindo, ás veces o camiño non está ben definido pero o track vaime levando sen problema.

Atopo agora o Túmulo III. Vin moitos outros montículos que tamén podían ser túmulos pero non tiñan cartel ningún.

Túmulo

Neste lado da Serra da Penouta hai un Parque Eólico.

Vistas aos arredores de Boal e montañas lonxanas.

A 832 metros de altitude, estas son as estupendas vistas:

Unha fermosa caseta en pedra pertencente ao parque eólico:

En torno á Serra de Penouta, concéntranse os principais afloramentos do chamado plutón Boal (formación xeolóxica) que orixinou unha paisaxe de rochas caracteristicas de climas temperados-húmidos.

Vistas de Boal e o mar de nubes.

A Estación DECCA  da Serra de Penouta funcionaba como a "Esclava verde" da cadena DECCA do Noroeste de España, un antigo sistema hiperbólico de radionavegación marítima empregado para o posicionamiento de barcos.

O complexo conserva a súa característica antena transmisora orixinal. Co tempo e a  obsolescencia do sistema DECCA, o sitio foi traspasado a Radio Nacional de España (RNE) para a xestión de telecomunicacións e radio, albergando tamén outras infraestructuras de comunicación na zona.

Estación DECCA

Parabólicas, artiluxios, cables...esta Serra da Penouta parece ser unha moi boa ubicación para as comunicacións e de feito hai unha estación de telecomunicacións, AIS (antena do Sistema de Identificación Automática) que serve como faro de control para o tráfico marítimo do Cantábrico.  Aloxa unha pequena antena que rastrea e guía aos miles de buques que navegan cerca da costa cantábrica, controlando un volumen de cerca de 40.000 navíos ao ano.


O miradoiro de Penouta está situado a case 900m. sobre o nivel do mar. Está sobre un motículo rochoso que foi preparado para subir e desfrutar de vistas panorámicas da costa occidental de Asturias, a Mariña Lucense e os vales interiores.


                                                      Miradoiro de Penouta Costa

Vórtice xeodésico do Pico Penouta a case 900m. de altitude.


Vistas sobre a costa asturiana.

Outras vistas dende o Miradoiro Penouta Costa.

Un pouco antes do miradoiro chega a estrada asfaltada por eso hai unha zona de aparcadoiro. Hoxe non había ninguén.

Entorno do Pico Penouta. Vemos a estrada que chega dende a AS-22 ata o Miradoiro. Aí remata.

A ruta segue por un camiño ancho ben definido:

Non estaba un día moi claro pero dende aquí vese a costa ao lonxe e xa en 1º plano, o Colado Abagua polo que vou pasar e Pico Lebredo ao fondo, ao que vou subir.

Baixando por este carreiro de lousa cara ao colado Abagua. Por aquí xa hai que vir camiñando (ou nun cabalo...)

Un colado ou cuíña é o punto máis baixo nunha liña de cumes situado entre dúas montañas. Neste caso, entre o Pico Penouta que acabamos de visitar e o Pico Lebredo que vemos no alto.
Colado Abagua e, ao fondo, Pico Lebredo.

As vacas que pastan no colado, miran curiosas...


Subo pegada aos piñeiros por un camiño que se ve.

Pico Lebredo está a unha altitude de 831m., algo menos que o Pico Penouta pero as vistas dende aquí son tan espectaculares como dende o anterior miradoiro e por riba empeza a sair o sol, o que mellora a visibilidade.
Pico Lebredo
As vistas dende Pico Lebredo:


Dende Pico Lebredo damos a volta e imos en paralelo ao tradado anterior, volvemos pasar polo colado Abagua .

O canón que vemos entre montañas é o que forma o Río Negro.

Agora o percorrido vai ás veces por camiños e sendeiros definidos e outras veces non, apenas se ven carreiros e avanzo como podo, seguindo o track.

Estou nas ladeiras da Serra da Penouta



Por estas ladeiras pasta o gando, vacas e cabalos.


Agora xa baixo cara ao val, atravesando por entre toxos baixos que, a pesares de levar pantalón largo, pican nas pernas.


De súpeto, unha vaca solitaria que parece non semella inmutarse ao verme a mín, tan solitaria coma ela...


Xa estou rematando a baixada e vexo o camiño que estou a piques de pillar despois de cruzar o río Negro, o que é moi doado xa que leva pouca auga.


Agora inicio unha subida por entre piñeiros. A paisaxe cambia totalmente.

Hai unha subida de ao redor de 1km. ata o Penedo Aballón.


Eu pensei que o Penedo Aballón era aquel que vemos alí diante, pero vai resultar que non; está algo máis adiante.

 O Penedo Aballón son singulares rochas graníticas que a erosión foi deixando ao descuberto, de forma que cun pequeno esforzo unha rocha móvese sobre outra, é dicir, aballa, (oscila) de aí o nome. Crese que é un legado deixado por un pobo prerromano que habitou este territorio entre os S. VI e III a.C, podendo tratarse dun ídolo celta. 

Penedo Aballón

No 2001 o Penedo foi derribado, presumiblemente mediante un acto de vandalismo.O 23 de xuño de 2018 o penedo foi devolto á súa posición orixinal pola Sociedade de Amigos de Boal, coa axuda de diversas empresas e particulares da rexión  recuperando o delicado equilibrio que permite  a súa peculiar oscilación.
Penedo Aballón e, ao fondo, Boal

Dende o Penedo Aballón temos excelentes vistas a Boal.


En torno ao Penedo Aballón hai unha enorme plantación de árbores que nun principio foron protexidas con pirámides de madeira. A inmensa maioría delas están tiradas polo chan, descoñezo se foi obra do vento ou de actos vandálicos.

As árbores plantadas están es estado de total abandono. As que perviven estano a faccer entre toxos e maleza, coma este pobre freixo.

Tamén este acivro loita por sobrevivir pero os toxos está a comelo.

Continúo por este camiño fermoso.


Un serbal de cazadores (cancereixo en galego) cos seus froitos. É unha árbore de folla caduca da familia das rosáceas, de cortiza lisa en cor gris, flores brancas e foitos de cor vermella intensa, como vemos. A madeira do cancereixo é dura e aprezada por carpinteiros.
Os froitos destas árbores manteñen a moitos paxariños no inverno.

                                                         Cancereixo cos seus froitos

Nesta estrada empecei a ruta e agora remato vendo como a néboa empeza a invadir os picos.



Páxina web consultada:
https://mapaturistico.boal.es/es/