domingo, 15 de marzo de 2026

CONDADO DE FONTAO E VOLTA POR CORDIDO (FOZ)

 Condado de Fontao é untítulo nobiliario galego outorgado pola raíña Isabel II 8 de xaneiro de 1840. O seu nome fai referencia ao antigo señorío xurisdicional de Fontao, na parroquia de Santa Cilla do Valadouro (Foz).

O 8º Conde de Fontao é X. Manuel Romero Moreno, nado en 1940 e que aínda que habitualmente reside en Madrid pasa moitas e longas tempadas no pazo de Fontao.

Características da ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track ou percorrido en WIKILOC

Descripción:

Esta ruta ten inicio e fin moi cerca do Pazo de Fontao, en terras do Condado. Subimos por un dos camiños que vai ao pazo (o outro está máis preparado para que suban os vehículos)


Á esquerda podemos ver o pazo ao lonxe e prados da súa propiedade.

Deixamos o camiño que levábamos torcendo á esquerda por este estreito con moitas silvas pero que nos deixaron pasar sen dificultade.

Chegamos a un alto dende o que divisamos propiedades do condado, o pazo e, ao lonxe, Trasmonte.


Tivemos unha tarde moi fermosa para desfrutar desta ruta.


Vimos tamén colmeas que supoñemos serán do pazo xa que estamos en propiedades do mesmo.


A medida que subimos, as vistas vanse ampliando ata que chegamos a un punto dende o que divisamos o Polígono de Fazouro , o Cantábrico e a costa de Barreiros.

Todo o que vemos eran ata hai pouco montes de eucaliptos pretencentes ao condado; cortaron todo e plantaron carballos e castiñeiros.


Deixamos as terras do condado e atravesamos un monte por un camiño en moi bo estado.


Ao pouco, chegamos a outra parroquia de Foz: Cordido.


Chama a nosa atención ver que a maioría das vivendas son novas e están moi ben coidadas.


Rematamos o camiño e agora saimos a unha estrada local pola que iremos mentres cruzamos o barrio de As Moás e o lugar de Outeiro.

Cordido é unha parroquia moi pequena que aínda non chega aos 200 habitantes. Dende algún dos seus barrios, ten vistas ao mar.


Vimos dúas fontes restauradas. Esta con lavadoiro incluido.

Unha fermosa imaxe desta aldea que evoca unha actividade gandeira e tamén agrícola, esta última máis ben no pasado.

Pasamos pola parte máis alta desta parroquia.

 
Deixamos Cordido pillando un camiño de monte:

Este camiño dura case 1km. ata desembocar de novo no mesmo punto polo que antes baixamos.

Xa estamos no punto máis alto da ruta. Agora toca sempre baixar. O espazo que vemos doutra cor son as antigas minas de caolín que foron explotadas no pasado século.

Baixamos por un camiño paralelo ao que subimos. De frente, Trasmonte.

Ímonos achegando ao Pazo de Fontao. Ao redor del hai casas agora baleiras nas que antes vivía a xente que traballaba as terras do condado.


As orixes do Pazo de Fontao remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII. O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro...
A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.

No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.
Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII  Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.


Abandonamos o pazo contemplando esta vivenda, actualmente abandonada, e que está en dúas parroquias diferentes; unha parte da casa pertence á parroquia de Santa Cilla e outra parte pertence a Fazouro.


Páxina web consultada:

https://es.wikipedia.org/wiki/Cordido