xoves, 6 de maio de 2021

RUTA DA RÍA (RIBADEO)

 Esta é unha ruta na que ao longo do seu percorrido atopamos tres tipos de sinalización diferentes: As do Camiño de Santiago, as típicas de calquera ruta de sendeirismo bracas e amarelas e tres sinais especificando o nome da ruta.

Eu fun seguindo estes sinais segundo dicía a páxina de Turismo do Concello de Ribadeo xa que non atopei ningún track da mesma, de tódolos xeitos sería ben que revisaran os sinais xa que en ocasións atopeinos tapados pola maleza e nalgún cruce tamén sería necesario que nalgún cruce que se presta a confusión puxeran algún que outro.

Esta ruta circular pode empezarse na parroquia de Ove e así é un círculo completo duns 6km. ou ben facela dende Ribadeo indo e vindo ata Ove polo mesmo traxecto e logo facer o círculo co cal se lle engaden á ruta 4km. máis. Así a fixen eu.

Saíndo de Ribadeo, engadéselle a esta ruta o valor de coñecer esta fermosa vila xa que ten moito que amosar. Pasaremos por Ove e veremos a Igrexa parroquial de S. Xoán e os seus famosos hórreos "colgados", deixaremos o asfalto para ir por un camiño forestal no que atoparemos un muíño restaurado e cruzaremos a aldea de A Capela para atopar en O Vilar a sorpresa máis fermosa desta ruta: as sorprendentes e marabillosas vistas sobre a Ría de Ribadeo, cruzaremos a aldea de A Graña coa súa capela de S. Estevo e voltaremos a Ove por antiguos camiños de carros.

Características da ruta:

Lonxitude: 12, 6 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular que necesita unha mellor sinalización

(Ao final deixo o track en Wikiloc)

Descripción:

Eu empecei a ruta AQUÍ

Partín dende a Praza de España tamén chamada Praza do Campo onde se atopa o edificio máis representativo de Ribadeo: a Torre dos Moreno, casa indiana construída no 1915 en estilo modernista. Ao lado deste edificio hai outro importante: o Pazo de Ibañez ou do Marqués de Sargadelos xa que foi este o que o mandou construir. É de estilo neoclásico e hoxe é a sede do concello.


Estátua de Ibañez, marqués de Sargadelos, diante do pazo.

Pasamos por diante da igrexa parroquial de Ribadeo, chamada Santa Mª do Campo. Esta igrexa formou parte dun convento franciscano do que poucos elementos quedan.

 
Abandono o centro de Ribadeo seguindo os sinais do Camiño de Santiago:

Paso ao carón da capela de S. Lázaro. Houbo un tempo que tamén existía un hospital co mesmo nome. Ámbolos dous, capela e hospital no que se atendía a enfermos de lepra, eran moi humildes. O hospital desapareceu hai moito tempo e a capela a mediados do S. XIX estaba en ruínas pero no 1844 un devoto fíxose cargo da súa rehabilitación.

De frente vemos a parroquia de Ove:

Ao chegar a este cruce, xa en Ove, abandonamos o Camiño de Santiago porque este segue cara á dereita e nós temos que xirar á esquerda:


Atopamos a igrexa parroquial de S. Xoán de Ove, do S. XVII. A súa fachada está presidida pola Cruz da Orde Hospitalaria de S. Xoán de Xerusalén que tivo en Ove un grande Patrimonio.

E vemos os hórreos "volados" que son anchos e de gran capacidade. Están suspendidos en cepas moi altas e teñen o tellado ás catro augas con pouca pendentee con pirámides afiadas sobre o cume do tellado. Caracterízanse estes hórreospor ter unha pasarela que os conecta directamente coa vivenda.


Imos vendo á esquerda a Ría de Ribadeo e a vila asturiana de Castropol.

Estamos nun medio rural :

Este é o terceiro e último sinal que atopamos  que pon "Rota da ría". Deixamos o asfalto para entrar primeiro nun camiño de carros:

Aquí vemos o "Muíño da Ignacia" restaurado polo concello de Ribadeo:

O Muíño é alimentado polo Rego de Ramos:

Continuamos polo medio dunha xenerosa vexetación pero a partires de aquí co predominio de eucaliptos:

Temos por diante unha costa algo empinada pero é moi curta:

Deixamos a ancha pista forestal para meternos por un estreito camiño de monte. Imos cara á aldea de A Capela:

Ao lonxe vemos o barrio de Pastoriza, pertencente á parroquia de Ove:


Sorprendeume atopar esta preciosa planta moi florida no medio dos eucaliptos:

Panorámica dende A Capela, pertencente  á parroquia de Covelas:

Ao sair de A Capela, neste cruce temos que seguir polo camiño de frente. O sinal existe pero moi escondido entre os toxos:


Logo duns 150m. aprox. aparecemos nesta pista forestal moi ancha e sen ningunha sinalización. Temos que pillar á esquerda:

Tal vez este tramo é o máis feo do percorrido. É unha pista forestal entre eucaliptos pero o final da mesma ten premio...

E que premiooooo!!

A Ría de Ribadeo e en 1º plano, á esquerda, a aldea de O Vilar 

O Vilar pertence á parroquia de Ove e as casas que están na parte arriba ( 5 ou 6) están abandonadas. Unha pena que nun lugar tan fermoso con estas vistas espectaculares, non viva ninguén.

As vacas seguro que non sofren de stress con esta idílica paisaxe:


Ao chegar ao asfalto en O Vilar, temos dúas opcións, coller á dereita ou á esquerda e ningunha sinalización. Deberemos pillar á esquerda para ir á Graña. De camiño temos estas magníficas árbores autóctonas:

Esta é a capela de Santo Estevo:

Cruzamos a estrada e xa entramos en A Graña, parroquia de Ove.

Típicos cabozos en A Graña

Aquí, en A Graña, atopamos un cruce. Para onde seguir? Podemos ír á dereita, á esquerda ou de frente...Resulta que o indicador está sitúado detrás do contedor amarelo que nos indica que debemos continuar de frente. É moi necesaria unha revisión da sinalización desta ruta!

Estes son os sinais que imos vendo agora, de madeira e coas raias brancas e amarelas. Camiñaremos agora ata chegar de novo a Ove por un antigo camiño de carros que é bastante atractivo:


Dende Ove, facemos o mesmo percorrido ata Ribadeo que trouxemos na ida. Ao chegar á vila eu modifiqueino un pouco e decidín "perderme" polas súas rúas que teñen moito atractivo.
Nesta capela da Orde Terceira de S. Francisco están os sepulcros de R. González e da súa dona, Corona que foron os grandes mecenas de Ribadeo e O Porriño.

Capela da Terceira Orde de S. Francisco

Ramón González foi quen donou as terras e o diñeiro para a construcción deste edificio que alberga a Praza de Abastos:
Singular edificio da Praza de Abastos

Ramón González tamén financiou a construcción do Teatro. Os ribadenses dedicaronlle unha rúa e nomearono fillo predilecto da vila. Ben merecido o ten!!
O cine -teatro instalouse en 1800. As reformas que sufríu eliminaron a súa estructura orixinal.


De camiño tamén fun vendo algunha das moitas casas de indianos que hai en Ribadeo. Nas últimas décadas do S. XIX e principios do XX Ribadeo vivíu un gran auxe económico, social e urbanístico grazas ao retorno á vila de moitos emigrantes que voltaron con grandes riquezas e levantaron unhas vivendas inconfundibles e moi chamativas entre as casas tradicionais que había na vila. Querían demostrar así o seu triunfo e éxito que conseguiran en América.

Ribadeo conta cun gran legado indiano que dá moi ben para outra visita a esta vila xa que hai moitas máis casas de indianos e outro Patrimonio digno de visitar.







Powered by Wikiloc

Ningún comentario:

Publicar un comentario