Amosando publicacións coa etiqueta ruta semifluvial. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ruta semifluvial. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de outubro de 2026

RUTA DOS MUÍÑOS (RIOTORTO)

 No concello de Riotorto fixen hai tempo 2 rutas que me gustaran pero esta de hoxe, que é a 3ª, encantoume!! É unha ruta na que patrimonio natural e etnográfico van da man deixando un percorrido moi fermoso no que imos atopando aldeas tradicionais, muíños, pontiñas rústicas, regos rebuldeiros, capelas e vistas panorámicas e case toda por camiños e carreiros, tocando asfalto só nas aldeas polas que pasa. Unha ruta para non perder!!

Características:

Lonxitude: 11,8 km.

Dificultade: moderada (ten un tramo con acusado desnivel e chan irregular que pode ser dificultoso sobre todo en época de chuvias)

Ruta circular ben sinalizada ata Chacín. Dende aquí e ata o final, non vimos máis sinalización polo que é interesante seguir un track, aínda que por intuición non ten porque haber pérdida. O meu trak en WIKILOC

Descrición:

Ao pé da capela da Ferraría aparcamos o coche. A Ferraría é unha pequena aldea que pertence á parroquia de Santa Marta de Meilán.

A Ferraría

E mesmo detrás da capela, atopamos o 1º muíño desta ruta.

Muíño

Empezamos a camiñata ao pé do Rego de Machín
Rego de Machín

Cruzamos a aldea atravesando tamén unha ponte que salva o Rego de Machín.
Rego de Machín

Deixamos a aldea sempre camiñando por un cómaro ao pé do rego. Un cómaro (palabra que penso se está perdendo ao non ter xa funcionalidade na linguaxe polo abandono do rural) é unha porción de terra sempre verde ao redor dunha leira ou finca que serve de zona de paso ou para pastar as vacas. Con este significado coñecín eu esta palabra, aínda que pode ter outros.
Imos por un cómaro

Cando era pequena e rapaciña fun moitas veces "alindar" (levar as vacas a pastar) aos cómaros das nosas terras.

Imos por un cómaro

O Rego de Machín é rebuldeiro e forma de cando en vez saltos de auga.
Rego de Machín

Cruzamos a 1ª ponte rústica feita con troncos e táboas de madeira e atopamos un pastor para o gando que despechamos para poder pasar e despois deixamos como o atopamos.
Ponte 

Pasamos por Piñeiro, un lugar moi pequeno que pertence tamén á parroquia de Meilán.
Piñeiro

Seguimos á beira do rego de Machín e vemos o 2º muíño:


Os muíños de auga son construccións de pedra e tellado de lousa ou tella que costan de dúas partes: a superior, tremiñado e a inferior chamada inferno.
Os muíños de auga son, xunto aos hórreos e os cruceiros, un dos elementos etnográficos máis sagrados e identitarios da cultura rural galega. Impulsados historicamente pola densa rede fluvial da comunidade, serviron durante séculos para moer o millo, o trigo e o centeo, dando orixe a tradicións tan arraigadas como o baile da muiñeira.
Muíño

O 3º muíño, moi preto do anterior, está nun entorno preciosooo!!
Muíño

O muíño, case en ruinas, ten dous pousadoiros (servían para apoiar os sacos cargados de cereal)
Pousadoiros do muíño

A partires de aquí, emprendemos unha subida polo escenario máis fermoso de todo o percorrido, agora ás beiras do Rego Mouro.
Rego Mouro

Estamos nun bosque con moita humidade e moi frondoso.


Nun curto tramo pasamos pegadas de todo ao rego. Non sabemos se en plena época de chuvias se poderá pasar por aquí...
Rego Mouro

Outra ponte de rústicos troncos para cruzar o rego:
Ponte

É un traxecto precioso pero con bastante desnivel e con chan irregular. Hai que camiñar con coidado:

Saimos a un prado e aquí hai que fixarse ben porque non está fácil de ver por onde segue a ruta. Nós cruzamos o prado porque ao lado dun rego hai un peche e víamos un camiño por arriba pero NON, hai que ir sempre á beira do rego e do peche  e xa atopamos un punto onde se pode pasar sen problema. Só hai que fixarse.

No lugar que vemos na seguinte foto, hai unha apertura para poder pasar.

Seguimos á beira do Rego Mouro no medio sempre de vexetación autóctona.

Outra ponte das que a min me gustan!!!
Ponte moi rústica

O Rego Mouro é aínda máis saltarín e rebuldeiro que o de Machín e deixa fermosas imaxes:
Rego Mouro

Neste tramo de subida hai unha fermosa cascada que baixa por unhas escaleiras de cemento que terían como fin frear a auga cando o terreo ten unha pendente moi pronunciada, como ocorre neste caso. Así evítase que a auga arrastre terra, pedras...protexendo infraestructuras cercanas como camiños, muros, vivendas...

Hai unha corda para axudarse.


De momento a ruta está ben sinalizada.


Saimos da fraga na estrada LU- 124 que temos que cruzar.

Outro muíño (o 3º) cerca de Vilar de Santiago.
Muíño

Outro muíño nun entorno precioso é o Muíño da Veiga.
Muíño da Veiga


Estímase que o muíño hidráulico apareceu en Galicia en torno ao S. XI da man dos monxes dos mosteiros da época. Moitos dos muíños que aínda quedan en pé en Galicia, datan dos S. XVII e XVIII.

Ata a década dos 70,  moitos muíños de Galicia seguían en funcionamento e o habitual era facer un uso veciñal ou comunal dos mesmos. O éxodo rural que tivo lugar en Galicia nos anos 70 e 80 do século pasado e a aparición de máquinas máis modernas, tivo como consecuencia, entre outras moitas cousas, o abandono dos muíños que aínda quedaban en funcionamento.


Muíño da Veiga

Por este camiño chegamos a Vilar de Santiago. Un pouco antes hai un cruce e a ruta indica pillar outro camiño á esuqerda, dando unha volta para chegar á aldea. Nós acurtamos un pouco e non demos ese rodeo.

Capela na Praza de Santiago de Vilar dedicada ao santo que dá nome a esta aldea que pertence á parroquia de Muxueira.

Vilar de Santiago

Outra imaxe da praza onde paramos a tomar  a "media mañá" como eu lle chamo. É dicir a cemer algo lixeiro.
Vilar de Santiago
 
Abandonamos a aldea vendo un caserío e un hórreo estilo Mondoñedo


Vistas dende mías de 400m de altitude sobre o Vilar de Santiago, Santalla e outros lugares.

Deseguida deixamos o asfalto (esta ruta só vai por asfalto ao cruzar aldeas; o resto do percorrido vai sempre por camiños, carreiros e pistas).

Dende Vilar de Santiago ata Chacín para min é a parte máis fea da ruta, xa que vai por un camiño de monte entre eucaliptos.

O camiño, é agora unha pista tamén fea.

Seguimos coa ruta ben sinalizada e tódolos camiños están ben acondicionados.

Estamos a piques de chegar a Chacín.


Chacín pertence á parroquia de Meilán polo que nesta ruta pasamos por 2 parroquias, esta de Meilán e a Muxueira porque  Vilar de Santiago pertence a esta última.
Chacín

En Chacín atopamos esta capela dedicada a S. Pedro.
Capela de S. Pedro en Chacín

Contemplando a paisaxe dende Chacín cun can que veu saudarnos.


No ano 2024 Chacín contaba con 44 habitantes.
Chacín

Voltamos ao punto de inicio agora sempre en baixada por este camiño.

Aló ao fondo, Santa Marta de Meilán.

Chegando xa ao final desta ruta, vemos de frente, Chacín.

Cruzamos a estrada LU- 124 

Frente a nós, Ferraría, onde temos o coche.


venres, 29 de maio de 2026

A VEIGA DO MANDEO POR ROIBOS (ARANGA)

 Aranga é un concello da provincia da Coruña dentro da comarca de Betanzos. É un concello rural que aínda non chega aos 2000 habitantes e que está atravesado polo río Mandeo, precisamente no entorno deste río transcorre nunha parte a nosa ruta de hoxe.

Características desta ruta:

Lonxitude: 9 km.

Dificultade: moderada polo tramo que vai pegado ao río, onde hai momentos en que os felgos e a herba nos tapan case por completo e faise difícil avanzar e porque ten lugares con certa dificultade técnica por raíces, buratos, pedras...

Ruta circular non sinalizada na 1ª parte. O meu percorrido en WIKILOC:

Descripción:

A ruta empeza e remata en Ponte Aranga onde hai espazo para aparcar.

Ponte Aranga

A Ponte de Aranga sobre o río Mandeo foi reconstruída no S. XVII en estilo barroco, aínda que ten orixe medieval. Ten 4 arcos desiguais en sillería de granito.

A Ponte de Aranga

Ao pé mesmo da ponte, á beira do río, hai unha fermosa área recreativa.

Área Recreativa

A capitalidade do concello está aquí, en Ponte Aranga, onde hai unhas 10/15 casas, entre elas a do Concello. O resto das vivendas non sei se estaban deshabitadas pero ver, non vimos unha alma.

Casa do Concello

A igrexa parroquial de S. Paio foi construída a comezos do século XVIII en estilo predominantemente barroco, de tipoloxía rural.

Ten planta de cruz latina con tres naves e ábsida rectangular, e na nave norte atópase unha capela onde se conserva a famosa “Cruz de Aranga”, posiblemente do século X. A lenda di que hai anos, dúas mulleres camiñaban de noite por Ponte Aranga e escoitaron o son dunha campaíña. Sorprendidas, foron buscar ao cura e cavaron no lugar desde onde xurdía o son.

Alí atoparon unha cruz de ferro con adornos de cobre e prata, ademais dunha  campaíña, que era a que producía o son. Recolleron a cruz e a campaíña e comprobaron que nese lugar manaba auga, dende esa consíderase que a auga que mana da Fonte da Santa Cruz é miragreira.

 

Igrexa de S. Paio de Aranga

Ao pé da igrexa está a Fonte da Fame en cantería de granito datada entre os S. XVI e XVIII.

Actualmente está bastante abandonada. No oco que se ve, pode que no pasado houbese algunha imaxe.

Fonte da Fame

Iremos por asfalto durante 3 km. e sempre á sombra. Esto hoxe é moi importante porque foi un día de moita calor.

Dicir que esta é unha estrada local pola que non cruzamos a ninguén.

Cruzamos a aldea de Roibos que pertence á parroquia de S. Paio de Aranga e a pesares de non ter aínda 10 habitantes é un lugar moi coidado e practicamente tódalas vivendas están restauradas en pedra.
Roibos

Vemos un hórreo tipo Mahía ou tamén pode ser de estilo galego-portugués: é un tipo de hórreo  que se presenta ao longo dunha ampla e irregular área entre as provincias da Coruña e Pontevedra. É un hórreo de cámara rectangular, longo e estreito. As escaleiras e a varanda foron postas moito despois da feitura do hórreo, dende logo.
Hórreo en Roibos.

Atravesamos un frondoso souto:

E deseguida deixamos a estrada para baixar ata A Veiga por unha pista forestal. Nun punto determinado, temos estas vistas.

Baixamos por unha pista forestal con predominio de eucaliptos.


Todo o traxecto fomos á sombra. Menos mal!! Xa apretaban o sol e o calor.

Chegamos á Veiga, tamén da parroquia de S. Paio de Aranga. Aquí tamén parece vivir moi pouca xente.
A Veiga

Seguen chamando a nosa atención o ben coidadas e restauradas que están as casas.
A Veiga

Estamos xa case chegando ao río Mandeo para empezar a 2ª parte desta ruta.

O río Mandeo nace no concello de Sobrado e xunto ao río Mendo forma a Ría de Betanzos.
Parte da zona que percorre é un espazo natural protexido desde 2004 coñecido como zona especial de conservación Betanzos - Mandeo.

Xa nos primeiros metros da camiñata nos atopamos coa sorpresa de que o sendeiro estaba sen desbrozar e tiña zonas con maleza como se ve na imaxe.

Respecto á orixe do nome do río Mandeo (ou Mandeu), conta a lenda que os mouros acamparon na beira do río para decidir cal camiño e cal táctica debían seguir. Dous caudillos discutiron defenderon posturas encontradas, sen chegar a un acordo, ata que un deles exclamou "Aquí mando eu", de onde lle vén o nome ó río.

No río Mandeo celébrase en agosto a romaría dos Caneiros.


Unha foto da que escribe e saca as fotos.

A vexetación é fermosa e a sombra super abundante.


Hai tramos nos que bórrase o carreiro polos felgos tan altos.

Chegamos a unha ponte colgante pola que pasamos para camiñar pola outra marxe do río.
Ponte colgante

Antes levábamos o río á dereita e agora, á esquerda.

Esta última parte é bastante técnica con rochas, raíces, buratos...

Parece mentira que unha ruta nomeada como SM-05 que corresponde aos Sendeiros do Mandeo que están integradas na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo esteña abandonada deste xeito.

Unha ruta que podía ser preciosa, para nós converteuse, a parte que vai pegada ao río, nunha decepción xa que non a desfrutamos como se debería ao ter que ir case de seguido apartando vexetación para poder camiñar.


Páxinas web empregadas:
https://gl.wikipedia.org/wiki/Categor%C3%ADa:H%C3%B3rreos_de_Galicia
https://gl.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Mandeo