O concello de Foz ten varias rutas que denomina "de sendeirismo" pero realmente e se collemos a definición exacta de sendeirismo = Reaízase en sendeiros balizados e homologados polo organismo competente de cada país, pero tamén por sendas, camiños rurais e vías verdes sen homologar, entón ten só unha ruta de sendeirismo que é esta do río Ouro na parroquia de Fazouro. As outras rutas que publicita como "de sendeirismo" (agás o tramo do Camiño Natural do Cantábrico que transcorre polo municipio) teñen a inmensa maioría do seu percorrido por asfalto. (Ruta da Frouxeira, ruta á basílica de S. Martiño...)
Outras rutas do concello de Foz que eu realicei son as seguintes. (Para todas elas é necesario un track xa que están publicitadas en grandes carteis pero NON están sinalizadas). Son estas:
RUTA DAS FONTES (FAZOURO)
RUTA CIRCULAR EN S. MARTIÑO I
RUTA CIRCULAR EN S. MARTIÑO II
CAMIÑO NATURAL DO CATÁBRICO: TRAMO: PORTO DE FOZ- PORTIÑO DE FAZOURO
CAMIÑO NATURAL DO CATÁBRICO. TRAMO: CASTRO DE FAZOURO-PRAIA DE AREALONGA
RUTA DAS CAPELAS I: CAPELA DO PILAR- CAPELA DE S. BLAS
RUTA DAS CAPELAS II: CAPELA DA CONCEPCIÓN EN LOUSADA- CAPELA DA CONCEPCIÓN EN CANGAS.
RUTA CIRCULAR EN FAZOURO
RUTA CIRCULAR FAZOURO-NOIS
RUTA DO RÍO OURO (RUTA CIRCULAR)
RUTA DO CONDADO
RUTA DAS FONTES (FAZOURO)
A ruta circular do río Ouro que fixen no 2020 podíase facer circular xa que estaba acondicionada a outra marxe do río e foi precioso ir por unha marxe e voltar pola outra. Actualmente, e dende hai tempo xa, rozaron algo pero non o suficiente para voltar pola marxe esquerda do río. Unha pena!
Desta vez fixen outra modalidade, engadindo o Condado de Fontao que está moi cerca.
Podedes ver o meu track en WIKILOC
A miña valoración da ruta:🔅🔅🔅🔅
Características da ruta.
Lonxitude: 7 km
Dificultade: baixa
Ruta lineal sen sinalizar. É imprescindible un track se non coñeces a zona.
Descripción:
Desta vez partín do 1º punto de inicio, dende a Ponte de Ferro. Aquí hai nha área recreativa moi concorrida cando hai bo tempo, xa que tamén ten un pequeno parque infantil e a praia de A Pampillosa queda moi cerca.
Aquí hai un primeiro inicio de ruta. Máis adiante veremos outro.
A ruta aparece publicitada no cartel grande que vemos na foto anterior pero non hai máis sinalización e a xente que non sexa da zona ou aínda sendo pode non coñecer, cando chega a este cruce...para onde colle? Polos dous lados se chega ao outro inicio de ruta pero é máis fermoso o camiño da dereita e ademais así vas directo ao entorno da Obra Pía.
|
Pillamos á dereita |
Mirando á dereita vemos os barrios de A Ponte, Bargado e Lousada.
Vermos o Río Ouro e camiñamos en paralelo a el.
A Obra Pía era no pasado unha institución relixiosa on fins relixiosos e/ou caritativos. En Fazouro temos estes edificios rehabilitados que pertencen á Obra Pía: o máis pequeno foi escola de nenas e no edificio máis grande vivían as mestras.
|
Edificios da Obra Pía. |
Ao pé da Obra Pía hai outra pequena área recreativa. Vemos tamén o lugar de O Terrón.
Vistas da area recreativa da Obra Pía cos edificios que forman a mesma.
Vemos as xunqueiras que hai preto da desembocadura do Ouro. Estas terras eran antigamente propiedade dos veciños que aproveitaban os xuncos para facer estrume para as cortes dos animais. A pesares de ter escrituras das súas propiedades, a lei de Costas do ano 1988 fixo un deslinde ata onde sube a marea establecendo unha liña que determina a zona que é de dominio público e que afectou a toda a xunqueira.
|
Río Ouro e as xunqueiras |
Vemos o cemiterio e a igrexa parroquial de Fazouro e máis arriba o lugar de A Casareta.
|
Cemiterio e igrexa de Fazouro |
Vemos o barrio da Ponte Vella, ao pé mesmo do río. Para cruzalo fíxose a ponte que foi a antiga N-642 antes de construir a ponte actual. O barrio da Ponte Vella, para mín. ten moito encanto!
|
Barrio de A Ponte Vella |
Neste punto é o outro inicio de ruta. Tamén hai unha pequena área recreativa con un pequeno parque infantil
|
Área recreativa da Ponte Vella |
Agora imos camiñar por unha ancha pista que vai de momento pegada ao río.
Polo lado esquerdo levamos unha canle que abastece de auga a parte do concello de Foz.
A ruta a verdade é que non está moi coidada. Aqui houbo un panel indicativo de algo que debeu desaparecer hai tempo.
A Fonte de Fernandete ten unha auga moi prezada polos veciños. Algúns deles acuden a esta fonte abastecerse de auga.
|
Fonte de Fernandete |
Despois atopamos estas vivendas en ruínas que foron habitadas no pasado por veciños de Fazouro.
O camiño segue entre eucaliptos aínda que de cando en vez asoma algún carballo ou algún castiñeiro.
A canle que leva a auga, ás veces vai enterrada e outras aflora á superficie.
Tamén hai bancos por se nos apetece descansar. Hoxe está todo mollado da chuvía caída estes día e non apetece moito...
Hai neste percorrido moitos loureiros coma estes que beben no río.
A ponte que vemos na foto dá acceso á estrada LU-151 que vai ao Valadouro. A estrada está aí mesmo, case ao pé da ponte. Se a ruta se nos fai longa ou por calquera motivo queremos sair dela, temos o recurso da estrada próxima.
Xusto na ponte, tamén está esta Central Hidroeléctrica hoxe en desuso. e que foi construída na 1ª metade do S. XX.
|
Central hidroeléctrica |
Abandonamos o ancho camiño que traíamos para adentrarnos nun fermoso carreiro e volvemos levar unha canle de auga á nosa esquerda e o río á dereita.
Chegamos a outra ponte con acceso moi próximo á estrada e collemos á esquerda para ir a a presa de Posada onde aficialmente remata a ruta. Atravesamos un bosque de acacias.
O sendeiro é moi fermoso, agora con árbores autóctonas polo manos por unha beira.
A chamada ás veces "Fervenza da Ruxida", non é tal fervenza senón unha presa para alimentar á antiga Central Hidroeléctrica que vimos antes. É dicir sería unha cascada artificial pero o caso é que é moi fermosa e o broche de ouro que poría fin a esta ruta feita da maneira oficial pero eu vouna cambiar un pouco...
O entorno da Presa de Posada é idílico e convértese no lugar propicio para descansar e repoñer forzas.
Volvemos para atrás e na ponte 1ª que atopamos saimos directamente á estrada porque queremos ir ver o Pazo de Fontao e hai un camiño que o rodea.
Andamos só uns poucos metros pola estrada LU-151 e torcemos por un camiño á esquerda.
A subida por este camiño é fermosa: a unha beira temos cipreses moi altos e na outra, un bosque de bidueiras, neste tempo sen follas.
Torcemos á dereita para pasar por diante desta casa deshabitada. E vemos xa o Pazo do Condado de Fontao. As orixes deste lugar remóntanse ao S. XVI aínda que a parte máis importante da casa é do S. XVIII.
O camiño dá a volta ao redor do pazo e pódense admirar os magníficos xardíns, a capela, o cruceiro... A capela está dedicada á S. Andrés e nela están enterrados 8 antepasados do Condado.
|
Capela, cruceiro e fonte no Pazo de Fontao |
A pesares de estar en inverno, atopamos esta fermosa planta con flores (parece da familia das camelias, das que hai moitas na casa)
Outra vista da casa e o xardín:
O 1º señor deste lugar foi D. Rui Sánchez de Moscoso. No 1595 constitúese o Mayorazgo do Solar de Fontao como "señorío con jurisdicción civil e criminal" (por eso na casa hai mazmorras) a favor do petrucio (xefe da casa) D. Lorenzo López de Moscoso y Miranda, señor de Ferreira e S. Martín de Mondoñedo.
No S. XIX, hai que facer referencia a un gran personaxe da Casa: D. J. Mª Moscoso de Altamira y Quiroga que foi o 1º Conde de Fontao. Naceu en Mondoñedo onde foi nomeado Comandante do Reximento de Milicias e alcalde desa cidade.
Máis tarde trasladouse a Ferrol onde foi alcalde. Foi tamén Presidente das Cortes e Ministro de Fomento en Madrid. Foi ademais o 1º Presidente do Senado cando foi creada esta Institución. No 1840 foi nomeado Conde De Fontao.
Outro gran personaxe da Casa de Fontao foi D. José Moreno Osorio , IV Conde de Fontao, Enxeñeiro de Camiños, Conselleiro de RENFE e gran amante de Lugo e a súa provincia onde promoveu o accceso ferroviario e a ampliación do Porto de Foz onde hai unha praza chamada "Praza do Conde de Fontao".
Actualmente o VIII Conde de Fontao é D. José Manuel Romero Moreno que pasa longas temporadas neste pazo que mantén sempre moi ben coidado.
Ao redor do pazo hai catro casas todas deshabitadas que non sei se pertencen ao mesmo.
Camiño que vai por detrás do Pazo de Fontao. Torcemos á dereita. Estamos chegando ao final do noso percorrido. Xa vemos a estrada onde nos viñeron recoller.
Bibiliografía:
Fazouro. Foz. Lugo. Juan Carlos Fernández Pulpeiro. Dip. Provincial de Lugo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario