Hoxe desplazámonos ata o concello de Neda, na comarca de Ferrol. No mapa seguinte vemos os concellos que pertencen a esta comarca e a súa situación e vemos que Neda é un concello de interior que asoma un pé á ría. É un concello pequeno en extensión pero cunha alta densidade de poboación ao igual que os concellos veciños. Dicir que ademais de Neda, tamén pasamos nun pequeno tramo polo concello de Fene xa que a aldea de Belelle pertence a este concello. En cambio a fervenza do mesmo nome "de Belelle" debido ao nome do río que a forma pertence xa a Neda.
Características da ruta:Lonxitude: 11km.
Dificultade: Fácil
Ruta circular sen sinalizar. Necesario un track. Deixo o meu en WIKILOC
A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅
Descripción:
Partimos do Pazo de Isabel II construido no 1843. Foi unha fábrica téxtil importante que despois do seu peche pasou por varios donos ata que no 2008 o concello de Neda iniciou os trámites cos propietarios para reacondicionar o edificio con fins turísticos pero non se chegou a nada e o edificio está actualmente totalmente abandonado.
Estamos no Roxal, da parroquia de S. Pedro de Anca.
|
Pazo de Isabel II |
A fabrica téxtil que houbo neste edificio foi recoñecida na Exposición Universal de Londres. Centrábase no liño, algodón e la para fabricar velas para os barcos.O pazo está formado por tres edificios, un hórreo, un pombal e unha finca que a xulgar poo muro que o arrodea, debe de ser ben grande.
|
Pazo de Isabel II |
Empezamos a camiñar por unha estreita estrada pola que actualmente só poden circular vehículos autorizados. Vemos o muro de pedra que rodea o Pazo de Isabel II.
Choveu bastante estes últimos días e a auga aparece en calquera rincón.
Chegamos ao Muíño de Barcia restaurado no 2001.
|
Muíño de Barcia |
Un pouco máis adiante empeza o tramo circular desta ruta que podemos optar por facer indo pola dereita (moito máis difícil para mín porque habería unha prolongada subida) onde veríamos a fervenza ao principio; ou ben subir polo miradoiro de Viladonelle, que foi opción escollida por nós, cunha subida máis curta e levadeira. Veremos a cascada ao final.
|
Empezamos a subir ao miradoiro |
Segundo imos subindo volvemos ver a Central Hidroeléctrica creada a principios do S. XX para dotar de electricidade á cidade de Ferrol. A súa fonte de enerxía é a auga da canle que despois veremos.
Na ascensión ao miradoiro superamos uns 130m. de desnivel pero só dura uns 500m.
Vemos a fervenza en distintos momentos subindo.
|
Fervenza do Belelle |
Ata chegar ao Miradoiro de Viladonelle no que descansamos uns minutos para contemplar a fervenza e tomar fotos.
|
Miradoiro de Viladonelle |
Rematada a subida, desembocamos nunha ancha pista cunha bifurcación. Collemos á dereita e deseguida chegaremos a unha estrada local.
Pasamos pola aldea de Viladonelle (Oficialmente Santo André de Viladonelle) unha parroquia do concello de Neda. É unha parroquia moi pequena xa que apenas conta con 100 habitantes.
Ábrense as vistas que nos deixan ver prados e montes e outras lonxanas aldeas. O cabaliño míranos de reollo....
Pasamos pola igrexa parroquial de Santo André onde nos sorprendeu un enorme carballo.
Continuamos por asfalto pasando polo lugar de As Carvelas (seguimos na parroquia de Vilardonelle)
Alonxámonos da aldea e deseguida deixamos o asfalto .Pillamos este camiño que vai ao monte. É o Monte do Couce polo que subiremos uns 500m.
Subindo o Monte Couce.
O percorrido é monótono xa que só vemos eucaliptos e particularmente paréceme unha árbore fea. Menos mal que é curto e desembocamos axiña na estrada que traíamos antes.
A aldea de Belelle non pertence a Neda senón á parroquia de Sillobre, no concello veciño de Fene.
Aquí case nos despitamos e seguimos de frente pero o track deunos aviso de que había que torcer á dereita polo medio dunhas casas.
Imos por un camiño de carro dos que había antes e xa poucos quedan. Onde hai concentración parcelaria sobre todo, desaparfeceron os camiños de antaño e deron paso a pistas asfaltadas.
Chegamos ao río Belelle que cruzamos por unha ponte de pedra.
E aquí, ás beiras do río, tomamos a nosa comida de "media mañá".
Agora camiñaremos durante uns metros ás beiras do río .
O río Belelle nace no concello de As Pontes e discorre polo municipios de A Capela, Fene e Neda. É un río de gran importancia económica porque dá luz (ten unha central hidroeléctrica), auga...e no pasado deu pan (conta con varios muíños ás súas beiras) e blacura ás velas dos barcos(no S. XVIII as augas do Belelle eran consideradas as mellores do país para branquear a velame dos buques.)
O pan de Neda é moi coñecido e ten o rexistro de Marca de Calidade. No pasado o muíños fariñeiros que había ás beiras deste río proporcionaban a materia prima para a elaboración do mesmo.
Chegamos a unha presa que acumula a auga que vai despois circular pola canle que iremos vendo. Estamos no Monte Marraxón. A partires de aquí a camiñata vai sempre pegada á canle e o río cada vez quedará máis abaixo.
O percorrido por aquí é fermoso e pasaremos unha sucesión de escaleiras, un túnel, pasarelas...
Pasamos por este mini túnel: Ás veces non vemos a canle porque vai por debaixo da montaña.
Pero deseguida aparece de novo.
Por unha pasarela cruzamos por derriba desa cascada de auga.
E remata o noso camiño ao pé da canle para empezar unha baixada en eses. Moitas curvas hai! Non as contei pero deben ser máis de 20.
Ao chegar abaixo hai unha bifurcación. Collendo á dereita, imos directamente á fervenza que ten uns 45m de altura e crea unha paisaxe espectacular. Afortunadamente só había unha parella contemplando a cascada que ademas se foi ao chegar nós e poidemos desfrutar desta marabilla sen agobios.
|
Fervenza de Belelle |
Atravesamos esta ponte sobre o Belelle para voltar ao camiño que trouxemos ao principio xirando agora á esquerda.
Estamos de novo xunto á Central Hidroeléctrica a onde chega a auga que traía a canle que nos acompañou no percorrido.
|
Central Hidroeléctrica |
Rematada a ruta fomos xantar ao Mesón O Fumazo onde o 1º que nos chamou a atención foi a atención que nos dispensaron os donos do local sobre todo Daniel Rios que xa me ganou cando chamei para avisar de que chegariamos tarde e a resposta súa foi: "no te preocupes, Carmen , te esperamos." Logo ao chegar todo foron atencións. É unha persoa super amable, encantador. Agora, ao redactar este texto e buscando máis información, entérome de que ademais de hosteleiro tamén e todo un showman que se dedica a ofrecer espectáculos de ocio e exerce de casamenteiro en vodas civiles. É moi coñecido por toda a zona de Ferrol e arredores e moi querido. No me estraña...
E non falei da comida...estaba de 10!! Probamos unhas tostas de polbo que é a especialidade do mesón e polas que levaron varios premios. Están deliciosas! O resto que comemos, raxo con patacas, tripas, cocidas, callos...tamén estaba riquísimo. Todo caseiro ao igual ca os postres. Tomamos un requeixo con mel e noces moi saboroso. Pagamos por todo, dous pratos, postre, café e bebidas 22€ por persoa que non nos pareceu moito.
Cando fagamos outra ruta en Neda ou arredores volveremos sen dúbida comer aquí!!
Despois de xantar queríamos coñecer o casco antigo de Neda, Dani recomendounos o que non podíamos perder e aló fomos camiñando xa que está todo cerca.
O Cruceiro de S. Nicolás, ubicado no adro da igrexa do mesmo nome, é un dos máis antigos de Galicia. Da súa forma orixinal só conserva a cruz gótica coa imaxe de Cristo nas dúas caras e catro figuras aos pés.
Feito en granito galego data do S. XIV ao igual ca igrexa. Orixinariamente, o cruceiro non estaba no adro senón que foi trasladado aí no 1975. A cruz gótica que ten formaba parte seica doutro cruceiro que estaba ubicado noutro sitio.
|
Cruceiro de S. Nicolás |
A igrexa de S. Nicolás e o seu entorno é un dos lugares de paso dos peregrinos que realizan o Camiño Inglés a Compostela. Esta igrexa pertence ao gótico tardío sendo construida a mediados do S. XIV. A igrexa sufreu varias modificacións e ampliacións nos S. XVIII e XIX. No exterior, o pricipal engadido é a torre do campanario con dous corpos.
Dende o adro da igrexa vemos a desembocadura do Belelle. Este río ten un percorrido curto, non chega aos 30 km. pero xa escribín sobre a importacia que tivo e ten para a comarca de Ferrol. Foi sempre un río de "aproveitamento", para dar luz, para moer, para lavar e ata para sanar xa que as súas augas eran recomendadas polo médicos polo beneficio para a saúde.
|
O Belelle desembocando |
Nesta desembocadura do Belelle formando a Ría de Ferrol crían varias aves. Esa xunqueira salgada que vemos é refuxio para aves como a lavandeira, o buitrón, o rascón... Ten un alto valor ecolóxico e medio ambiental esta marisma que hai que coidar e protexer.
No 2021 foi inaugurada esta escultura dedicada ao peregrino. A obra é do artesán da madeira e a pedra, Carlos García e foi tallada no tronco dunha araucaria que debido á sú extensión e áss raíces era un perigo para a igrexa e as casas veciñas. Decidiron cortala e deixaron o tronco para darlle unha nova vida en forma desta fermosa escultura.
|
Escultura dedicada ao peregrino no adro da igrexa de S. Nicolás |
Poidemos acceder ao interior da igrexa grazas a que chegou unha señora moi amable que debe ocuparse do coidado da mesma e moi amablemente nos dixo que pasáramos e nos deu algunha explicación do templo.
Na imaxe, a capela da Virxe das Dores do S. XVI que destaca polos catro chapiteis románicos que ten.
|
Capela da Virxe das Dores |
A Capela Maior non é só o núcleo relixioso e arquitectónico do edificio, senón que ten tamén unha finalidade funeraria porque contén o sepulcro e a escultura funeraria de Diego de Esquío (está na parte esquerda da foto) un cabaleiro noble da I. Media.
Tamén temos aí a imaxe de S.Nicolás á esquerda.
|
Capela Maior |
Na Capela da Concepción, coñecida hoxe como Capela das Ánimas, atópase o sepulcro dos señores Juan de Castro e Isabel Rodríguez.
|
Capela da Concepción |
Percorremos despois o casco antigo de Neda. Esta localidade é a 2ª que atopan os peregrinos que fan o Camiño Inglés partindo dende o inicio en Ferrol (Neda está a 9 km.)
Na I Media, Neda foi asteleiro e porto comercial. A mediados do S. XIV, o rei Alfonso XI otorgoulle ao municipio foros reais en gratitude pola intervención de Diego Esquío (que está enterrado como xa dixen na igrexa de S. Nicolás) na toma da baía de Alxeciras, capitaneando un navío construido nos asteleiros de Neda.
Percorremos pois a chamada Rúa Real que percorren tamén os peregrinos.
Na foto seguinte vemos a Casa do Concello coa Torre do Reloxo.
No chan parece que respectaron polo medio as antigas pedras que formaban esta Rúa Real.
Páxinas web consultadas:
https://montanaycorazon.com/circular-por-la-fraga-del-rio-belelle-muino-da-ribeira-presa-central-hidroelectrica-a-fervenza-mirador-de-viladonelle/
https://es.wikipedia.org/wiki/R%C3%ADo_Belelle
https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/cruceiro-e-iglesia-de-san-nicolas-neda-4957.html
https://viajes.lavozdegalicia.es/noticia/2019/06/22/rio-gozar-principio-fin/0003_201906E22P60995.htm
https://bichosedemaisfamilia.blogspot.com/2016/02/escribanos-palustres-y-otras-cosas-en.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/neda/2021/12/04/neda-rinde-homenaje-peregrino-escultura-tallada-tronco-araucariatit-fotonocias-3-col-cuerpo-22/0003_202112F4C7991.htm
https://vivecamino.com/neda/
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/01/san-nicolas-de-neda.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario