xoves, 15 de decembro de 2022

SENDA DEL ORO. (PR-AS 306) S. ANTOLÍN DE IBIAS (ASTURIAS)

 Hoxe desplazámonos a un concello do interior de Asturias: Ibias, que a nós nos queda a dúas horas en coche a pesares de ser só 112 km. pero uns 16 deles son por estradas con moitísimas curvas, estreitas, sen pintar sequera nalgún caso...A pesares desto, para mín valeu a pena o desprazamento para coñecer este remoto concello e facer esta ruta que nos pareceu espectacular!

Ibias ten a súa capital en S. Antolín e é un concello moi pequeno non en extensión senón en nº de habitantes, que apenas sobrepasa os 1000 . No colexio só hai 30 alumnos, esto dá idea das poucas persoas que viven aquí.

A parte este do concello de Ibias pertence ao parque natural das Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias. Por outra banda, no concello de Ibias atópase  un lugar de excepcional interés ecolóxico,o bosque de Muniellos.

S. Antolín de Ibias, a capital do concello, foi unha das xoias do imperio romano polo ouro que había nas súas montañas. Esta búsqueda do prezado metal foi o que deu nome á ruta que imos percorrer.

Características da ruta:

Lonxitude: 7,7 km.

Dificultade: Moderada. Dependendo de se a facemos nun ou noutro sentido pade haber unha subida durísima ou unha baixada peliaguda.

Ruta circular ben sinalizada agás nun cruce. Non está de máis guiarse por un track Eu deixo o meu en WIKILOC

A miña valoración desta ruta: 🔅🔅🔅🔅🔅

Descripción da ruta:

Ao chegar a S. Antolín de Ibias, baixamos en coche cara ao río, cruzamos unha ponte sobre el e aparcamos ao pé da área recreativa onde hai tamén unha palloza onde está a Aula da Natureza e a Oficina de Información do concello.

Na foto seguinte vemos a área recreativa cunha fermosa fonte e máis lonxe, a palloza.


Palloza onde está a Aula da Natureza e a Oficina de Turismo que estaba pechada.
Á esquerda o río Ibias, á dereita Área Recreativa coa palloza.

Empezamos a camiñar dende aquí por un tramo que é común na ida e na volta (500m. aprox.) Vemos na foto as viñas ubicadas ao pé dunha antiga mina de ouro romana : O Trigal.

Terraza de vides
 Ao rematar o camiño común de ida e volta, hai unha bifurcación e na maioría dos tracks que mirei para esta ruta, a xente colle á esquerda para subir primeiro a Villamayor. Nós seguindo as recomendacións da ruta oficial, collemos á dereita para baixar ao río e para mín foi a decisión moi correcta. Xa explicarei o porqué.

Baixada ao río Ibias
O río Ibias, afluente do Navia, é ancho e baixaba con moita auga.
Río Ibias

O sendeiro, pegadiño o río ten un encanto especial!

Río Ibias
E chegamos ao lugar de Pena do Corvo composto por varias edificacións entre elas un muíño. As edificacións están restauradas pero non vemos estrada ningunha que chegue aí.
Pena El Corvo
Agora o camiño anchéase e dámonos conta de que por aquí debía de ser o acceso en coche. Para publicar esta información leo que no 2015 houbo unha riada moi grande que levou parte do sostén do camiño e esto impedía o paso de vehículos.
A noticia que leo é de 2017 e prevíase construir unha escollera e repoñer o firme do camiño. O camiño está bastante ben e supoño que os coches tamén podería acceder a Pena El Corvo aínda que agora que no hai aí habitantes non será necesario.

Chegamos a este cruce e temos a opción de achegarnos a Cecos seguindo de frente (xa o vemos, aun 100m.) Non está sinalizado e as indicacións mándannos coller á esquerda que é por onde vai a ruta pero eu lera que valía apena achegarse a coñecer esta aldea e  ben certo que era!
Cecos é moi pequeno e ten o encanto de conservar construccións tradicionais en pedra perfectamente restauradas (incluso conta cun gran complexo de Turismo Rural, "Valle del Ibias" e con un hotel rural:"Xana") unha igrexa moi antiga e o Pazo de Ron. Nós ademais de pasear pola aldea poidemos tomar algo no Hotel Xana.
Cruce

Cecos está a beira do río Ibias. Na imaxe vemos o complexo de apartamentos rurais, "Valle del Ibias" e o hotel "Xana"

Fermosas casas restauradas en pedra nesta parroquia que se remonta en antigüedade ao S. X.

A igrexa de Cecos, dedicada á Virxe da Asunción veuse moi favorecida polas donacións á mesma dos señores do Pazo de Ron. Data do S. XVI
Igrexa de Cecos

Nun alto vemos unhas torres que chaman a nosa atención: trátase do Pazo de Ron, de uso privado e actualmente habitado nos dixeron en Cecos.
Hai constancia de que este pazo existía xa no S. XVI aínda que sufreu numerosas modificacións ao longo do tempo. Contaba con capela propia que foi transformada en garaxe polos donos actuais que non pertencen á familia Ron. O último propietario Ron morreu na guerra civil e dende entón foi cambiando de donos.
Este pazo foi o 1º que tivo a familia Ron. Despois tivo outro moito máis suntuoso en Pesoz que tamén coñecín cando fixen aí dúas rutas.
Pazo de Ron

Volvemos sobre os nosos pasos por este outonal camiño para coller a ruta que traíamos

Estamos en decembro e como hai sol, co esforzo da subida, agrándase a calor. 
 
A medida que ganamos altura, as vistas son impresionantes.


Aló embaixo vemos minúsculas aldeas, cerca de Cecos.

O día está moi fermoso para camiñar e o camiño é moi fermoso con verdes salpicados de cores de outono aquí e acolá.

Mirando á esquerda, vemos Cecos onde acabamos de estar, aló embaixo.

O sendeiro está ben sinalizado agás nun cruce que veremos despois. Esas laxas de lousa van marcando os km. de un en un.

No cruce que vemos na imaxe non hai sinal ningún. Torcemos á esquerda.
 
Aquí temos a unha sensación de paz, de quietude difíciles de superar...A altitude, o silenzo, a calma deste día, as extraordinarias vistas...todo axuda.
 
Chegamos á aldea de Vilamaior. Rematou a subida.
Vilamaior
 
Vilamayor é unha aldea que pertence á parroquia de Cecos. Está a unha altitude de 620m. Non vimos unha alma, nin sequera nos ladrou un can. Deunos a sensación de que a aldea está deshabitada. A pesares de ter algunha vivenda de recente construcción, estaban todas pechadas.
Vilamaior
 
Xa saíndo da aldea, vemos esta paneira restaurada.(Distínguese do hórreo porque a paneira sempre ten máis de 4 columnas ou pés e tamén na forma, máis cadrada)
Paneira en Vilamayor
 
Empezamos a baixar polo mesmo sendeiro (O camiño da Valía) que empregaban no pasado os habitantes de Vilamaior para ir a S. Antolín. Un fermoso sendeiro cercado de muros de pedra e de loureiros que a pesares de estar en decembro, xa están en flor.
 
Aquí o sinal está caído pero apunta na dirección correcta. O da gorra vermella, ten que voltar atrás..

Durante uns poucos metros imos por este estreito carreiro entre felgos. Coidadiño! No verán pode haber carrachas!

 
O desnivel da baixada vaise acentuando, agora entre piñeiros.
 
Cambia outra vez  paisaxe e o camiño transfórmase nun carreiro onde podemos ver moitos érbedos (madroños) co seu froito, o albedro. O sendeiro é cada vez máis empinado, o que teña problemas nos xeonllos vaille ser difícil baixar por aquí.
Érbedos no camiño

Neste femoso camiño temos de todo, ata pedras cubertas de moito brión xa que pasamos de lugares moi solleiros a outros máis húmidos.

Os albedros, froitos dos érbedos, sementan o camiño. Estamos baixando polo interior dunha mina que os romanos explotaron para sacar ouro.
 
Un sinal indica a existencia dun cortín: lugar de pedra onde se gardan as colmeas para protexelas dos osos e outros animais. Ao redor do cortín e en toda a baixada vimos moitas uces que son a base do excelente mel que hai na comarca.
Cortín
A senda de baixada é preciosa pero ten un gran desnivel e un chan moi irregular. Hai que ir con moito coidado. Non me quero imaxinar a subida se a fixésemos por aquí como indican  maioría de tracks que vin!A subida por onde afixemos nós (dende Cecos) É MOITO MÁIS LEVADEIRA.

Rematando a baixada xa vemos S. Antolín.

Ibias tamén é terra de viño. A súa situación nun val, as ladeiras que reciben abundante sol, fan que se produza un viño de calidade.

Estamos xa chegando á área recreativa onde temos o coche. Agora mesmo cos xeonllos temblando debido á dura baixada pero moli satisfeitos de ter feito esta fermosa ruta que eu recomendo a todo amante do sendeirismo.

Xantamos no mesmo S. Antolín no restaurante Leiguarda que penso que é o único que hai. Boa atención e limpeza e comida caseira. Pagamos 15€ persoa por un 1º e un 2º (varios a elexir) postre e café.
Despois demos un paseo pola vila para coñecela mellor. Na foto seguinte vemos o curioso e fermoso edificio do concello situado xunto á igrexa, na praza da vila.

A igrexa de S. Antolín está dedicada a Santa Mª. A súa primeira estructura é do S. XI. Ao edificio actual forónselle facendo reformas dende o S. XIII ao XIX.
Na foto tamén se aprecia o restaurante Leiguarda, onde comemos.

Outra vista da igrexa e dun monumento ao viño na praza contigua á anterior.

 Páxinas web consultadas:

https://www.lne.es/occidente/2017/11/22/pena-corvo-ibias-tendra-nuevo-19159940.html

https://www.asturnatura.com/turismo/cecos/2092.html

http://el-lejano-oeste.blogspot.com/2009/06/el-palacio-de-ron.html

https://es.wikipedia.org/wiki/Ibias

https://www.vivirasturias.com/entidades-poblacion/c/0/i/54851085/villamayor

Ningún comentario:

Publicar un comentario