luns, 23 de xuño de 2025

SERRA DO XISTRAL. MONTOUTO (ABADÍN)

 A Serra do Xistral abarca diversos concellos. Neste de Abadín hai pouco que fixen unha ruta que se pode ver AQUÍ

Na ruta anterior, o inicio e final da mesma foi en Calvo (parroquia de Labrada) e nesta partín de algo máis adiante, na mesma LU-P - 0104 pero xa noutra parroquia, na de Montouto, moi cerca de Arca.

Características da ruta:

Lonxitude: 10,5 km.

Dificultade: fácil

Ruta circular sen sinalizar. O meu track en WIKILOC

Descripción:

Aparco polo tanto na beira da estrada LU-P 0104, un pouco antes de Arca, para pillar unha pista que se ve en ascenso.

Estas son as vistas que teño á Serra da Carba dende o lugar onde aparquei, a 818 m. de altitude:

Empezo a subir moi suavemente e voltando a vista atrás, vexo a aldea de Arca pola que despois terei que pasar.

Un can que estaba tan tranquilo deitado, en canto me veu empezou a ladrar e correu para onde estaban as vacas. Si, señor!! Un bo garda!!

A subida é moi suave e a estas primeiras horas da mañá lévase moi ben.

Un paso canadiense, tan habituais en zonas onde o gando pasta en liberdade. Esta forma de impedir que pase o gando por aquí orixinaria de Canadá onde é moi común. Permiten o paso de persoas, coches e maquinaria pero nos animais crean desconfianza ao ter un  foxo debaixo.

Paso Canadiense

Chámanme a atención os prados amarelos que vexo ao lonxe e pregúntome que será o que os cubre. Axiña descubro que se trata da Herba de Santiago.


A herba de Santiago é unha planta brava semellante ás margaridas. Medra en lugares húmidos e abertos e na beira dos camiños. É moi tóxica para o gando.

Herba de Santiago

Mire a onde mire, en tódalas direccións, vexo aeroxeradores. No concello de Abadín hai colocados 200 aeroxeradores.

A néboa, que parece que me vai "papar" pero non chegou arriba.

Non me gustou nada ver esto, pero a fotografía demostra que o lobo non andivo moi lonxe estes días.

A Serra do Xistral e as aldeas espalladas polos vales.

Non pode ser máis fermosa esta serra de redondeados lombos.

O círculo sinalado con azul indica o nacemento do río Eume. O seu percorrido de 80 km transcorre pracidamente por terras de Lugo ata que pouco a pouco, pasada a vila das Pontes de García Rodríguez, vaise encaixando nun val profundo coñecido como canón do Eume, en parte asolagado polo encoro do Eume
Nacemento do río Eume

Na foto seguinte vemos as instalacións do Parque Eólico do Fiouco, próximo ao de Montouto que está máis arriba.


A herba de Santiago aparece tamén nos camiños.


Estou xa na parte baixa da serra, camiño de aldeas que aparecen espalladas polos vales.

A 1ª aldea pola que vou pasar é A Laxe. (Parroquia de Santa Mª de Montouto) É un grupiño de 4 ou 5 casas nas que en 2023 vivían tan só 7 veciños. Esta aldea pequeniña está pegada ao río Eume.

Muros de pedra seca neste lugar tan fermoso!
 
Despois de pasar A Laxe, accedo á estrada LU-P 0104 que comunica toda esta zona do Xistral.
A Laxe

Na mesma estrada anterior atopo deseguida outra aldea da parroquia: Vaqueriza con tamén 4/5 casas.
Vaqueriza

Deixo a estrada LU-P 0104 para pillar unha estrada local que me leva moi preto da aldea de A Veiga sen chegar a pasar por ela. Atraveso unha ponte sobre o Eume que vexo de cerca. Aquí, cerca do seu nacemento aínda é un río moi novo, só recibeu de afluentes algún rego  e vese estreito e con pouco caudal.
Ponte sobre o Eume
O Eume aquí semella case un rego.
Río Eume

Unha estrada local lévame ata a aldea A Veiga, xa moi próxima.

A ruta non pasa pola aldea porque uns metros antes torce á dereita. Vexo unhas vacas saíndo de A Veiga onde vivían en 2023 tres persoas. Unha muller vén detrás das vacas, non a chego a ver pero escoita como lles afala.

Este camiño lévame en suave ascenso con vistas marabillosas.

Frente a min, a Serra da Carba, á que penso visitar axiña.

Vou camiño da igrexa parroquial de Montouto á boa sombra de carballos, bidueiras e salgueiros...

Para ver a igrexa de Santa Mª de Montouto, hai que desviarse uns poucos metros da ruta. A verdade é que a min pareceume moi fea, sen interese ningún, sen ningunha ventá nas fachadas laterais...
Igrexa de Santa Mª de Montouto

Esta é a fachada principal da igrexa. Foi inagurada en 1967.

Volvo de novo a cruzar o Eume.
Río Eume

Estas son as vistas dende a antiga igrexa de Santa Mª de Montouto sobre a Serra da Carba

A antiga igrexa está xunto ao cemiterio parroquial no que vemos sepulturas novas e algunha outra moi antiga es estilo gótico. A igrexa está en estado ruinoso e non puiden entrar para vela máis de cerca porque hai uhna cancela que non din aberto.
Cemiterio parroquial e antiga igrexa.

Na foto seguinte, aprézanse mellor as sepulturas góticas e a cancela que non puiden abrir.

Continuo ruta en ascenso por unha estrada local. Atopo unha muller que nin sequera me mira, doulle os bos días de xeito alegre pero ela responde cun seco "ola" e unha mirada nada amigable. A min encántame falar coa xente que me atopo por estes lugares facendo sendeirismo porque eles son os que máis saben das súas zonas, pero tamén podo entender que haxa persoas (as menos) que amosen recelo ou desconfianza dunha persoa descoñecida xa que non están afeitos a ver moita xente por aquí.

Vexo A Laxe por onde antes pasei. O Xistral quédame agora á esquerda.

Na seguinte foto, a aldea de Rego Cavado. En 2023 só vivía aquí unha persoa. A min deume a impresión que xa non vive ninguén...
Rego Cavado

No concello de Abadín, a parroquia máis próxima á Serra do Xistral é a de Montouto que hoxe percorrín. Moitas das aldeas desta parroquia e montes próximos xa forman parte da mesma serra.

Accedo á estrada LU-P 0104 desembocando moi cerca de Arca onde vexo esta cruz que chama a atención porque lle falta a parte de arriba.
A Cruz da Arca

A Arca é a capitalidade da parroquia de Montouto. En 2023 tiña 14 habitantes.

Xa chegando ao final da ruta tomo unha última foto da Serra da Carba á que me leva moito a vida ir. Semella tamén ben fermosa!
Serra da Carba dende A Arca.